proxectos

20.7.26

a porta entreaberta (x): a memoria nas historias

houbo unha terceira noite. unha cuarta. unha quinta.

ao inicio inda era capaz de lembrar cada unha das historias. a do home que atopou a súa propia sombra esperando por el no alto do Faro. a da muller que envelenaba os espellos para que ninguén puidese volver mirar o pasado. a do neno que descubriu unha cidade enteira durmindo baixo as augas da ría de Arousa. a do cego que distinguía as cores polo arrecendo.

cada amencer interrompía o relato. cada serán retomábao exactamente no punto onde o deixara. nunca esquecía unha palabra. nunca repetía unha frase. pregunteille unha noite como era posible.

—as historias tamén teñen memoria.

pouco a pouco deixei de contar os días. os membros do Consello comezaron a observarme con estrañeza. dicían que xa nom interrompía aos embaixadores, que escoitaba ata o final antes de responder, que pasaba máis tempo paseando polos xardíns ca na sala do trono. mesmo Brea comentou unha mañá:

—a Súa Maxestade volve facer preguntas. durante anos só dabades respostas.

empezaron a suceder cousas difíciles de explicar. un muiñeiro asegurou que durante unha madrugada escoitara falar a moenda. ninguén lle creu ata que outro contou exactamente a mesma historia.

nunha aldea unha árbore empezou a dar bolboretas coloradas no canto de froita. os nenos xogaban arredor dela e os vellos negábanse a cortala.

un pastor afirmou que vira camiñar unha sombra sen dono entre as pedras dun castro abandonado. todos riron del.

ata que apareceron máis sombras.

—as vosas historias cambian o reino?

—nom. é o reino quen cambia as historias.

un dos dous estaba mudando. seus ollos parecían máis vellos. pregunteille cantos anos tiña.

—depende da historia.

ás veces falabamos antes de comezar o conto. o suficiente para que o silencio deixase de ser un inimigo.

souben que lle gustaba o arrecendo da terra despois da chuvia. que de pequeno quería ser mariñeiro. que aprendera a ler coa súa avoa.

nunca me falou do seu pai e eu tampouco lle preguntei. nunca me preguntou polo meu home. certas feridas só poden tocarse desde moi lonxe.

unha noite, cando marchou, decateime de que nom lembraba a cara do primeiro mozo que mandara matar. esforceime, pero foi inútil. logo tentei lembrar o segundo pero tampouco puiden. só permanecía diante de min o seu rostro.

souben o que estaba pasando. e tiven medo.

aquela mesma noite rematou cunha frase que nunca esquecerei.

—a xente de antes cría que a memoria vivía na cabeza. equivocábanse.

—onde vive?

mirou cara á ventá, onde a lúa iluminaba as ruínas da cidade morta.

—as historias. porque cando morre o último que recorda un feito, ese feito desaparece. pero cando alguén o conta …

—que ocorre?

sorriu. o seu sorriso era moi distinto do da primeira noite. máis triste, máis sereno.

—volve existir.

aquela noite durmín coa porta pechada. tamén no soño.

No hay comentarios:

arkivos

visitantes