proxectos

16.7.26

a porta entreaberta (viii): a historia sen final

vin inmediatamente que chorara.

o fillo era máis novo do esperado. o vento que trae e que leva e que tanta xente tolea tamén lle revolvera o pelo. tiña un libro prendido ao cinto.

nom baixou os ollos e tampouco me desafiou. miroume coma quen mira unha persoa e nom unha raíña. preferiría que tivera sido un insolente.

—sabes que fas aquí? tes medo?

—si.

había anos que ninguén me respondía sen calcular antes as consecuencias.

fixen un aceno e Maior retirouse. antes de pechar a porta cruzaron unha última mirada.

pensei que a noite fora coma calquera de todas as anteriores e cando rematamos quedei deitada sen dicir palabra. agardaba o mesmo silencio de sempre, a mesma resignación e o mesmo medo.

sentou ao pé da cama e logo duns segundos volveuse cara min.

—queredes escoitar unha historia?

por un instante pensei que perdera o xuízo. ningún me fixera unha pregunta tan absurda.

—sabes onde estás? sabes o que acontece ao mencer? e inda así queres perder o tempo contándome un conto?

sorriu.

—antes de que existisen os reinos, os montes cambiaban de lugar durante a noite, e ao pé dun deles vivía un pescador que cada mañá atopaba un peixe distinto falando dentro das súas redes …

ao principio escoitaba distraída. pensaba no verdugo, no mencer, na seguinte noite. mais pouco a pouco comecei a espiar o xesto que sucaba na súa cara cada palabra que pronunciaba ...

—o pescador facíase vello e o peixe coñecía cousas imposíbeis. o mar devolvía cidades enteiras que desapareceran séculos antes. as gaivotas falaban unha lingua que só entendían os cegos.

nada do que contaba pretendía convencerme mais eu críao todo.

era unha voz tranquila. nunca levantaba o ton. nunca buscaba sorprenderme. as palabras ían pousando unha tras outras e cando o pescador estaba a piques de descubrir quen era realmente o peixe …

as campás da alba romperon o silencio e os primeiros raios de luz entraron pola ventá. Iago calou e ollou para fóra.

—xa amenceu.

sentín unha irritación inesperada.

—nom remata aí.

—nom.

—entón continúa.

—nom. as historias tamén precisan descansar.

chamaron á porta. era o capitán da garda, como cada mañá. agardaba a miña orde.

nom suplicou nin tentou escapar.

—volverá esta noite.

—Maxestade …

—quero coñecer o final da historia.

o capitán inclinou a cabeza. obedeceu. Iago ergueuse sen agradecerme nada. limitouse a recoller o pequeno libro que deixara xunto á cama.

—mañá saberedes quen era realmente o peixe.

durante todo aquel día, mentres presidía o Consello, escoitaba preitos e asinaba decretos, esquecín a morte.

quen era realmente aquel peixe?

No hay comentarios:

arkivos

visitantes