se unha rapaza discute
cos seus pais, desafía os seus profes, se nega a cumprir certa normas ou
manifesta aberta hostilidade cara ao mundo dos adultos, considéraselle,
simplemente, unha rebelde? nom necesariamente unha boa rapaza, nin sequera
feliz: insolente, inmadura, desagradábel ou difícil?
foto tirada de
www.lavinia.com
de ser así, a súa conduta enténdese como un conflito co mundo.
pero hoxe dispoñemos
doutra linguaxe. esa mesma rapaza pode presentar problemas de regulación
emocional, dificultades de adaptación, ansiedade social, trastorno negativista
desafiante ou algún outro diagnóstico. e ás veces, naturalmente, con toda
razón: existen trastornos psiquiátricos reais, producen sufrimento real e
precisan tratamento. o problema aparece cando a explicación psiquiátrica comeza
a ocupar todo o espazo que antes ocupaba a pregunta social.
Peter Conrad (Deviance and
Medicalization: From Badness to Sickness, escrito con Joseph Schneider)
analizou como determinadas condutas podían pasar de ser consideradas desviadas
a ser interpretadas como enfermidades que deben ser diagnosticadas e tratadas.
a fórmula resulta
especialmente suxestiva: antes era malo; agora está enfermo. o cambio
nom ten por que ser negativo: un diagnóstico pode aliviar sufrimento e permitir
recibir unha axuda necesaria. pero introduce unha cuestión incómoda: que
acontece coa dimensión social ou política dun comportamento cando todo conflito
pode ser traducido á linguaxe clínica?
pensemos nun adolescente
tímido ao que nom lle gusta falar en público, evita determinadas festas,
prefire estar só e nom se sente cómodo rodeado de xente. podemos preguntarnos
se sofre fobia social e, nalgúns casos, a resposta será si. pero timidez e
fobia social nom son sinónimos: a timidez é extraordinariamente frecuente entre
os adolescentes, mentres que só unha minoría dos mozos tímidos cumpre os
criterios dunha fobia social.
a cuestión, polo tanto,
nom é negar a enfermidade, senón ser moi coidadosos cando determinamos que a
diferenza respecto da norma é un problema que debe ser corrixido. o tímido debe
aprender a ser sociábel; o introvertido debe saír da súa zona de confort; o que
nom quere participar debe adquirir habilidades sociais. xa nom preguntamos
só quen é esa persoa, senón que debería facer para parecerse máis ao modelo de
persoa que consideramos normal.
durante boa parte do XX,
a rebeldía foi entendida como un fenómeno social: os mozos cuestionaban a
autoridade dos pais, desafiaban os profesores, discutían a moral dos adultos,
protestaban contra institucións e costumes e, ás veces, simplemente facían a
vida imposíbel aos maiores. nom todo aquilo era admirado, pero o conflito
estaba situado fóra do individuo.
hoxe, ese mesmo conflito
pode ser trasladado cara dentro. xa nom é necesariamente que o rapaz rexeite a
autoridade, senón que ten problemas de regulación emocional; nom é que
considere absurdas determinadas regras, senón que presenta dificultades de
adaptación; nom é que estea descontento coa sociedade, senón que precisa
aprender a xestionar mellor a súa ansiedade.
Byung-Chul Han (Müdigkeitsgesellschaft)
describe o paso dunha sociedade dominada pola prohibición a outra dominada pola
esixencia de rendemento. xa nom vivimos tanto baixo o imperativo do non
debes como baixo o do podes: podes mellorar, superarte, ser máis
produtivo, máis sociábel, máis resiliente, controlar mellor as túas emocións.
o individuo convértese
así no seu propio supervisor e, finalmente, no responsábel do seu fracaso. a
ansiedade, o esgotamento ou a depresión poden aparecer como problemas
individuais cando tamén poden ser expresións dunha determinada organización
social. o rebelde clásico dicía nom quero; o individuo
contemporáneo corre o risco de dicir nom podo.
a diferenza é enorme. o
primeiro confronta o mundo; o segundo sospeita de si mesmo. un mozo pode chegar
ao instituto e considerar absurdas determinadas normas. podemos preguntarnos
que teñen esas normas que provocan o seu rexeitamento ou que lle pasa ao rapaz para
que nom sexa capaz de aceptalas. as dúas preguntas nom son incompatíbeis, pero
a segunda pode acabar anulando a primeira.
e o mesmo sucede fóra da
escola: a precariedade pode producir ansiedade, a soidade pode producir
depresión, a presión laboral pode producir esgotamento. que o sufrimento sexa
individual, porén, nom significa que a súa causa teña que selo. unha persoa
pode precisar tratamento e, ao mesmo tempo, vivir nunha sociedade que debería
ser cuestionada.
Michel Foucault ensinounos a desconfiar
das categorías coas que clasificamos os seres humanos. normal e anormal,
saudábel e patolóxico, adaptado e desviado nom son distincións completamente
inocentes: producen efectos sobre aqueles que quedan a un lado ou outro da
fronteira.
o interesante da nosa
época é que o control nom precisa adoptar sempre a forma dun policía, dun pai
autoritario ou dun profesor castigador. pode adoptar a forma dun diagnóstico,
dun cuestionario, dunha terapia ou dunha aplicación que nos ensina a controlar
as nosas emocións. a prohibición exterior pode ser substituída pola autovixilancia
interior.
a cuestión tamén ten unha
referencia galega. o psiquiatra David Simón Lorda, [Locura, medicina,
sociedad: Ourense (1875-1975)], mostrou como a maneira de entender e tratar
a loucura foi mudando segundo o contexto social e institucional. a súa
investigación lembra que as categorías da desviación tamén son produto da
sociedade que as define. desde unha perspectiva española, o psiquiatra Fernando
Colina (Sobre la locura: el arte no intervenir) cuestionou tamén a
tendencia a intervir e corrixir todo aquilo que se afasta da norma e reivindica
a necesidade de deixar existir determinadas formas de comportamento e
sufrimento sen convertelas inmediatamente nun problema a corrixir.
convén, por suposto, nom
caer nunha caricatura anti-psiquiátrica. nom todo adolescente rebelde é un
incomprendido, nin todo malestar unha protesta social. hai depresións,
trastornos de ansiedade e outros problemas psicolóxicos que provocan
sufrimentos profundos e deben ser atendidos. o problema aparece cando a
linguaxe clínica se converte na única maneira posíbel de interpretar o que nos
incomoda; cando a diferenza se converte en síntoma e o inconformismo en
déficit; cando a pregunta deixa de ser contra que se rebela? para
converterse exclusivamente en que lle pasa?
quizais por iso sexa
necesario recuperar a pregunta política antes de formular a pregunta
psiquiátrica.
cando un rapaz nom
encaixa, poderiamos preguntarnos que hai no mundo no que vive que lle resulta
insoportábel. cando unha xeración aparece cada vez máis ansiosa, deprimida ou
esgotada, podemos ensinarlle técnicas para xestionar mellor a ansiedade, pero
tamén deberiamos preguntarnos que tipo de sociedade lle estamos pedindo que
soporte.
hai unha diferenza fundamental entre dicirlle a alguén que debe cambiar porque hai algo que nom funciona nel e preguntarlle que hai neste mundo que lle está facendo dano.