proxectos

18.7.26

a porta entreaberta (ix): o libro negro

o último asunto era o conflito entre dous mosteiros que rifaban por unhas terras de pasto e quen debía facerse cargo da reparación dunha ponte sobre o Ulla.

 

nom lembro que resolvín nin por que.

 

pecharon as portas da sala de audiencias e subín aos cuartos. Iago entrou coa mesma calma que lembraba da noite anterior. ao meu aceno os gardas marcharon.

 

non foi necesario falar. e logo esixín.

 

—o peixe.

 

—pensei que a Súa Maxestade preguntaría primeiro pola miña nai.

 

había moitos anos que ninguén me obrigaba a lembrar que, fóra daquela cámara, existían outras persoas.

 

—como está Maior?

—finxe estar tranquila.

aquela conversa nom obedecía a orde natural das cousas. nom falabamos como unha raíña e un condenado.

—queredes saber quen era o peixe?

 

escondín a miña impaciencia detrás dun xesto serio.

 

... e cando o pescador lle preguntou quen era realmente, o peixe respondeu que fora home moitos séculos atrás, cando o mar aínda lembraba o nome das cidades afundidas …

 

o pescador e o peixe navegaron durante sete días. chegaron a unha illa onde todas as árbores daban libros en vez de froita. os libros caían maduros no outono. os vellos recollíanos en cestos de vimbio. os nenos aprendían primeiro a escoitalos e só despois a lelos. nunha das árbores medraba un único libro negro pero ninguén se atrevía a collelo.

 

—por que? —preguntei sen decatarme de que interrompera a historia.

 

—porque quen o lese coñecería o día exacto da súa morte.

 

había anos que esquecera que eu tamén podía morrer.

 

o pescador decidiu subir á árbore e estendeu a man cara ao libro pero antes de tocalo, o peixe berrou. nunca antes berrara e aquel berro fixo tremer toda a illa.

 

... nese intre …

 

calou e mireino con incredulidade.

 

—agora non.

 

inclinou lixeiramente a cabeza.

 

—agora si.

 

ollei pola ventá e a alba estaba entrando no cuarto outra vez, outra maldita vez.

 

chamaron á porta. o capitán agardaba. abriu con cautela. xa coñecía a orde da noite anterior e por iso dubidou antes de falar.

 

—Maxestade …

 

Iago nin sequera parecía interesado na miña resposta. sabía exactamente o que estaba facendo. interrompera a historia no único lugar onde a miña curiosidade xa pesaba máis ca o meu odio. aquela historia pretendía entreterme. Estaba aprendendo a gobernarme.

 

—volverá esta noite.

 

cando saíu da cámara, detívose un instante diante da porta.

 

—meu pai dicía que unha boa historia sempre debe deixar unha porta entreaberta.

 

a porta pechou. eu quedei dentro.

No hay comentarios:

arkivos

visitantes