proxectos

Mostrando entradas con la etiqueta José Luis Pardo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta José Luis Pardo. Mostrar todas las entradas

21.12.17

futuro, que futuro?

Nobbot
na Antigüidade o tempo agromaba do pasado, que sempre era perfecto, unha idade de ouro que se derramaba por riba dun presente degradado que tiña débeda perpetua con ese pasado ideal para nom desprenderse definitivamente del. unha débeda de memoria, de culto e palabra que desexaba retrasar a chegada dun futuro nefasto xa anunciado, un futuro de destrución natural e cultural que precedería a un novo comezo na roda do tempo.

a chegada da modernidade viviuse como a liberación do presente en relación a débeda impagábel co pasado e os antepasados, unha revolución contra o curso cíclico e repetitivo das estacións que abría a porta a un futuro nom programado, fonte tanto de temores como de esperanzas.

mais nom se tardou moito en mudar o presente moderno nun tempo novamente hipotecado, obrigado a pagar unha débeda infinita, esta vez co futuro, que forzaba a sacrificar a herdanza do pasado e o modesto capital do presente no altar dun porvir de excelencia sublime e xustiza cumprida.

o retraso na chegada deste futuro prometido soportábase grazas á confianza en que o curso do tempo estaba rexido por unha forza sobrehumana equivalente a un destino, a lei do progreso que garantía que, a forza de acumular esforzos, o futuro sería necesariamente mellor que o presente.

mais houbo un momento no que os acontecementos históricos –principalmente as guerras mundiais e as ‘crises’ económicas– fixeron case imposíbel esta narración da confianza e transparentouse en exceso a ficción da fe no progreso como regra da sucesión temporal das accións humanas.

agora, un novo credo filosófico, o 'realismo especulativo', parte da premisa de que o futuro se independizou completamente do presente. o futuro xa nom é o resultado ou a consecuencia do progreso acumulado polo pasado e polo presente e tense convertido no epicentro desde o cal mana o tempo. hoxe, presente e pasado defínense a respecto del.

como ocorre cos 'derivados', eses produtos financeiros, é o futuro –o valor de futuro 'inventado' dun xeito puramente especulativo– o que fixa o valor do presente e o que pode deixalo definitivamente acantoado como 'cousa do pasado' ou manter viva a súa vixencia.

o futuro é, de certo xeito, máis 'real' que o presente e o pasado, pois decide o sentido e duración destes últimos, mais á vez é algo puramente ficticio, que, 'de feito', nunca se ten dado e que podería nom darse xamais.

si, cousa de tol@s. como pode o ficticio por definición (porque inda nom existe), o que nom pode ser nunca totalmente anticipado, funcionar como algo 'máis real que a realidade' e someter ás súas 'fantasías' o existente e o subsistente? de feito, este 'realismo' unicamente se pode pensar con axuda da ficción, especialmente da ficción distópica (1984, un mundo feliz ou mad Max).

así xa podemos imaxinar un mundo no que trunfe o dataísmo (a nova relixión dos datos, especialmente dos big data que só poden manexar e procesar algunhas das grandes empresas de comunicación), o intento de reducir a vida a procesamento de información e a unha serie de algoritmos predicíbeis que, sen necesidade de conciencia, poderían coñecer os organismos mellor do que eles se coñecen e prever 'especulativamente' o seu comportamento futuro.

un dos corolarios deste dataísmo é, segundo Yuval Noah Harari, que os humanos, considerados como individuos, poderían perder interese e valor desde o punto de vista económico e militar, salvo unha pequena elite de humanos 'mellorados'. e isto é compatíbel tanto coa economía de mercado e como coa tecnoloxía científica.

deste xeito o futuro nom só tería substituído ao presente como fonte de valor, senón que, como dicía Günther Anders, o home tería quedado obsoleto como medida da política, da economía, da guerra ou da ciencia, pois as súas capacidades resultarían superadas polas das máquinas intelixentes. en calquera caso, a distopía semella ter substituído á utopía como xénero literario 'futurista'.

así, con ocasión da última ‘crise económica’, tense fabricado o poscapitalismo, un novo xénero de ficción dedicado a especular cun escenario no que teña desaparecido ese gran monstro. mais incluso nesas obras, a pars destruens –a descrición da distopía capitalista– é moito máis apaixonante que a da súa alternativa poscapitalista.

úsase unha e outra vez a sombra dos totalitarismos nada especulativos do s. XX que, sen necesidade de dataísmo nin algoritmicismo, trataron os seres humanos desde o punto de vista económico e militar como se a súa individualidade lles importase menos que nada, excepción feita a duns poucos humanos selectos.

mais tamén se usa unha e outra vez esa sombra para desviar a atención do feito que dataísmo e algoritmicismo son compatibles, como dixemos, co neoliberalismo dono das democracias liberais. son, de feito, as súas últimas e actuais evolucións.

e, unha outra vez, a ficción difunde a ‘certificación’ da excepcionalidade e a inviolabilidade do ser humano. outra cousa é que a praxe da ‘máquina democrática’ sempre respecte o que din defender as súas leis e documentos oficiais.

@xindiriz
tradución e deturpación do artigo orixinal de JOSÉ LUIS PARDO, que viene el futuro
(babelia – el país, 21 de febreiro de 2017)

28.1.14

a (nosa) vida e as (nosas) cadeas

espuma.blogia.com
Zygmunt Bauman observaba que agora a duración da vida humana é a referencia última e a medida de todo o resto de cousas humanas, pois ningunha delas ten xa garantida unha permanencia superior. Nin os matrimonios nin as empresas, nin os ministerios nin as profesións, nin os Gobernos nin as familias, nin os edificios nin as ferramentas, nin as igrexas nin os vestidos, nin os bancos nin os Estados teñen agora por que durar máis do que dura, como media, unha vida humana. O máis frecuente é que, ao longo desas vidas, os mortais vaiamos vendo erosionar e caer os nosos matrimonios, as nosas empresas, os nosos ministerios, as nosas profesións, os nosos Gobernos, as nosas familias, os nosos edificios, as nosas ferramentas, as nosas igrexas, os nosos bancos e os nosos Estados, mentres o único que permanece en pé é esta vida nosa, noutro tempo considerada tan fráxil e tan miserablemente curta.

ten chegado, para moitos miles de nós, ese día no que, ao non contar con outra referencia de estabilidade que non sexa a nosa continuidade biolóxica, e ao non poder xa esperar ningunha continuidade social ou política por parte das institucións públicas ou privadas, nos vemos obrigados a mudar en empresari@s de nós mesmos, en xerentes da nosa propia vida a título puramente individual. Se a revolución industrial rematou co Libro e esta post – industrial ten que rematar cos libros, quen contará os sufrimentos destas nosas vidas estranguladas na contradición da nosa condena á reciclaxe permanente e o noso enfrontamento á nosa condición mortal e, por tanto, esencialmente imposible de reciclar? Precisamos con urxencia novos órganos de escoita.

            José Luis Pardo – ‘La vida y las cadenas’ – Babelia, 03.08.2013 – páxina 13
deturpación de @xindiriz

8.9.13

teoría do disturbio

Michel Foucault
santiagocastrogomez.sinismos.com
en 1979 e con ocasión da sublevación liderada por Jomeini que derrocou ao shah de Persia, Michel Foucault escribiu un artigo en Le Monde titulado é inútil sublevarse?, unha pregunta que hoxe non podería ser máis actual; o sentido do título era máis ou menos este: paga a pena dar tantas vidas contra un ditador autócrata para levar ao poder un “crego sanguinario”? Inda que os casos non son comparables, non sería estraño facer unha pregunta semellante a esa na actual situación de Exipto e doutros países de Oriente Próximo, ou incluso preguntarse de que teñen servido as “sublevacións” do 15-M ou de Brasil, pois tal parece que o descontento social non tivo, en ningún destes casos por outra parte tan distintos, unha resposta por parte das institucións políticas.

isto non sería nada sorprendente para Foucault, que anunciaba nese texto o final dun período histórico de máis de 200 anos ao que chamaba “a era das revolucións”, o período iniciado, máis ou menos, coa de 1789. Non quería dicir que xa non habería revoltas, insurreccións, rebelións, … Quería dicir que estes movementos xa non terían, no futuro, a súa orixe nin o seu destino na política, que xa non serían susceptibles de ser politicamente controlados, programados, administrados ou resoltos (e o seu incurable romanticismo facíalle dicir todo isto fregando as mans polas mesmas razón que hoxe nós nos tiramos dos pelos ao escoitalo). É sabido que non só tiña moita afección a decretar “finais” (lembremos a nova da “morte do home”, en As verbas e as cousas), senón unha capacidade realmente xenial para o diagnóstico. O que chamaba “a era das revolucións” corresponde ao que desde finais do XVIII coñecemos como simplemente “historia”, ese gran teatro  do mundo onde os antigos heroes tráxicos se converten en líderes nacionais e miden a súa supremacía por medio da guerra, lamentable pero eficaz instrumento do progreso da civilización europea. Desde 1945, ese capítulo está concluso: a idea mesma de “guerra”, concibida como guerra entre estados de capacidade ofensiva e defensiva comparable, escurece de todo logo de 1989, cando xa só hai un poder militar, inconmensurable con calquera outro, e que polo tanto non oficia exactamente como exército (nacional) senón como unha sorte de policía internacional. O que por costume seguimos a chamar “guerras” están condenadas á desigualdade e á desproporción (os nosos antecesores falaron a este propósito de “guerrillas”, do mesmo xeito que se chama “historietas” ao dos tebeos, por non outorgarlles a mesma dignidade que ás crónicas de Tucídides). Se por algo se caracterizan estes conflitos, cando menos desde a guerra de Vietnam, é pola súa ambigüidade política e pola súa equivocidade militar: as campañas de EEUU en Afganistán ou Iraq foron “coroadas polo éxito” (como podería ter sido diferente?), pero ninguén ten idea algunha de que tería que acontecer para que os vencedores – a miúdo exércitos regulares mesturados con mercenarios privados e forzas locais de lealdades dispersas – puideran xenuinamente falar de “vitoria” ou para que se puidera considerar definitivamente “derrotados” aos combatentes que resisten mediante atentados e ataques sorpresa, que teñen rematado por diluír o que quedaba da posible distinción entre “civís” e “militares”.

José Luis Pardo
www.ech.es
en termos de política interior (que sempre foi a óptica favorita de Foucault), o equivalente deste ocaso da guerra é o que el consideraba o crepúsculo das revolucións. Pero, que pode ser unha revolta cuxas motivacións e cuxos obxectivos non son políticos (cando menos no sentido convencional de “política”)? Trátase de algo que, difusamente, “coñecemos desde sempre: motíns, levantamentos que teñen como protagonista a unha masa, non a unha clase social, que xorden sen que se poida prever a súa aparición e que, por carecer de finalidades concretas, ninguén sabe como aplacar, pois desafían a orde establecida sen presentar alternativas viables. Neste tempo denominámolos disturbios. Temos varias teorías das revolucións, pero non temos ningunha teoría do disturbio, que se refuxia na súa propia insignificancia e no seu carácter “impolítico” para escapar de toda posibilidade de reflexión, e que resulta especialmente apropiado para expresar o malestar dunha época de decadencia do político e de fluidificación do social (póñase un fluído a circular por unha canle e en calquera momento, en calquera lugar imprevisible de antemán, brotará unha turbulencia, gustaba lembrar Michel Serres). Posiblemente maio de 68 fora xa un gran disturbio, inda que ao inicio disfrazado de consignas aparentemente políticas, e logo ata de reivindicacións económicas. Ou os terribles disturbios do barrio de Watts (LA en 1965, cando, como dicía –encantado– Guy Debord, os insurrectos non asaltaban as tendas para apoderarse dos seus produtos, senón para queimalos nun gran sacrificio nocturno a un deus descoñecido ao berro de burn, baby, burn. Ou os disturbios “raciais” que de cando en cando asolan Londres, e que inda en 2011 inundaron de súpeto Tottenham. Ou os disturbios persistentes da banlieue parisiense, esa especie de territorio comanche no medio do estado–razón. E tantos outros.

Karl Marx
numerocinqmagazine.com
no XIX, Marx mofábase do que chamaba a teoría “volcánica” das revolucións (esa que di: con tanta inxustiza como hai, isto acabará por estalar), sinalando que se fose certa non pasaría un so día sen que víramos un levantamento popular. No XXI temos que aprender a tomar cando menos unha distancia irónica con respecto a estas “teorías do disturbio”, nostálxicas dun pasado feudal idealizado, que ven na desarticulación da cidadanía nunha masa ingobernable unha esperanza para superar as formas de organización política que despectivamente se chaman “convencionais” (como se houbese unha política “natural” máis de fiar), sobre todo cando entran en conivencia, inda que sexa involuntaria, coas actuais modalidades, afogadas, dunha política secuestrada polos “señores da Bolsa” que ten a tentación de catalogar como tumultos sociais as demandas políticas que se volveu incapaz de atender.

José Luís Pardo, “Teoría do disturbio”, Babelia (El País), 07 – 05 – 2013
traducido e deturpado por xindiriz

arkivos

visitantes