proxectos

13.7.26

a porta entreaberta (vi): xa nom queda ningún

recuperei o trono pero nom a paz.

houbo festas durante sete días. abríronse os celeiros. sacrificáronse bois. os músicos tocaron ata quedar sen folgos.

eu sorría. aprendera que unha raíña debe sorrir cando todos a observan. pero á noite, cando as portas da miña cámara se pechaban, volvía escoitar o mesmo silencio. era o silencio dunha porta entreaberta, de respiracións alleas, dunha traizón que nunca remataba de suceder.

e a nom vivía na memoria. vivía no meu corpo.

os médicos déronme herbas para durmir. os sacerdotes rezaron. mesmo Brea permaneceu varias noites comigo sen dicir apenas palabra. nada mudou.

foi unha mañá de inverno cando tomei a decisión. Maior entrou na sala do trono sen levantar os ollos. seguía sendo a única persoa diante da que aínda me sentía incapaz de mentir.

—esta noite traerán un mozo.

—Maxestade …

—virxe.

tiven que rematar a orde.

—durmirá comigo.

vin como Maior loitaba por nom transmitir nada pero algo no seu corpo delatábaa.

—e ao mencer…

nom pronunciei o resto. nom fixo falta porque Maior entendeu.

a primeira noite trouxeron o fillo dun muiñeiro. nom debía ter máis de dezasete anos. tremía tanto que apenas era capaz de manterse en pé. achegueime a el. pensei que atoparía nos seus ollos o desexo dos bailaríns, a desvergonza dos canallas. só atopei medo. tan limpo que por un instante estiven a piques de retirarlle a orde ao verdugo.

nom o fixen. morreu ao amencer.

a segunda noite chamábase Antón. intentou facerme rir. contou historias da súa aldea. mesmo cantou unha cantiga que aprendera da súa avoa. ao amencer tamén morreu.

despois chegou Martiño. logo Xoel. despois Breixo. cada un era distinto e traía consigo unha vida enteira. un tiña as mans queimadas de traballar o ferro. outro sabía debuxar paxaros sobre a madeira. outro tiña na memoria máis de cen cantigas. outro falaba durmindo. outro nunca lle aprenderan a nada a pesar de vivir onde unha praia. e outro preguntoume se as cereixas tamén eran a miña froita preferida.

ao principio escoitábaos. máis adiante deixei de preguntar polos seus nomes. era máis doado.

empezaron a murmurar. as nais escondían os fillos cando chegaban soldados ás aldeas. algunhas familias enviábanos cara ás montañas do leste. outras cruzaban o gran río durante a noite. os camiños enchéronse de rapaces que fuxían antes de seren homes. os nacementos deixaron de celebrarse. cando viña ao mundo un varón, os pais abrazábano coa mesma alegría e co mesmo medo. mesmo os xogos mudaron. os nenos xa nom querían xogar a seren reis. preferían facer de pastores ou de pescadores. só así, crían, escaparían os meus gardas.

un serán, ao atravesar a cidade, vin unha nai cubrir de barro a cara do seu fillo. quería facelo parecer máis vello. non a castiguei. comprendina, mais tampouco retirei a orde e o costume converteuse en lei e a lei en destino e o destino deixou de necesitar explicacións.

só Maior seguía entrando na miña cámara coa mesma tristeza nos ollos. nunca me reprochou nada, mais cada vez tardaba máis en atopar un novo rapaz. ata que unha mañá o seu rostro estaba completamente branco. souben o que viña dicirme antes de que abrise a boca.

—xa nom queda ningún.

levanteime e fun ata a ventá. alén das murallas estendíanse os bosques que cubriran as cidades da xente de antes. o meu reino estaba empezando a parecerse demasiado a aqueles lugares onde xa ninguén lembraba quen vivira antes.

—hai unha posibilidade.

volvinme moi amodo. por primeira vez en moitos anos vin dúas bágoas descender polas fazulas de Maior. coma se aquela última esperanza lle fose custar máis ca todas as anteriores xuntas.

No hay comentarios:

arkivos

visitantes