proxectos

Mostrando entradas con la etiqueta (a)propi(ad)o?. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta (a)propi(ad)o?. Mostrar todas las entradas

23.7.25

eu máis Adrián, Nuno, Ana, Diego, Teresa, Helena, e Miguel

dixérache que atopara a historia entre os papeis da avoa. contalo todo con nomes cambiados resultaba a única maneira posíbel. 

 

Adrián era silencioso, só falaba cando sentía que tiña algo moi importante que dicir. Nuno, en cambio, era coma unha fervenza que se impuña sen pretendelo. ao principio, iso era o que os unía.


Nuno sentía que podía falar sen límites, Adrián valoraba esa liberdade, pero tamén poder gardar silencio. e foi xusto aí onde todo se comezou a esfarelar. Nuno quería que Adrián tamén lle contase, que compartise o que o removía por dentro. precisaba saber cando estaba triste, cando tiña medo, cando dubidaba. e Adrián, que fora criado nunha casa onde a palabra e as emocións escaseaban, non sabía como facelo.

 

Nuno coñeceu a Ana. tamén era un remuíño, mais diferente. escoitaba tan alto que semellaba que todo parecese importante. Nuno comezou a sentirse escoitado coma nunca, e sen pretendelo, foron quedando, falando, contándose as ausencias e os ruídos da vida. Adrián decatouse, claro. pero en vez de loitar, pechouse un pouco máis dentro de si.

 

Nuno marchou, sen pelexa, sen berros, cunha maleta e unha nota, preciso que me escoiten.

 

eu estivera con Ana. a nosa fora unha relación estraña, nim amor nim amizade, algo entre a dependencia emocional e a necesidade de ter unha testemuña da propia vida.

 

eu traballaba como intérprete en congresos internacionais, ía e viña, mais sempre acababa durmindo algunha noite no seu sofá. falabamos pouco, pero os nosos ollos desprendían historia.

 

unha noite bebimos máis que outras. durmimos xuntas por primeira vez en dous anos. e despois de ter sexo a medio camiño entre a rabia e a lembranza, pregunteille se ela e Nuno eran algo máis que amantes.

 

nom soubo que responder, e entendino como unha resposta definitiva.

 

coñecín a Diego nun voo de Lisboa a Bruxelas, compartimos fila, rimos coas instrucións absurdas do persoal de cabina e intercambiamos números. pasamos semanas falando, enviándonos artigos e cancións.

 

Diego vivía obsesionado coa honestidade emocional. toda relación debía basearse en dicir a verdade, mesmo cando doe.

 

cando nos volvemos ver en persoa, pasamos a noite xuntos nun cuarto de hotel frío e moderno. foi unha noite de ansia, sen palabras. ao espertar, intentei contar algo sobre Ana, pero paroume, nom preciso saber se aínda pensas nela, só dime se queres estar aquí comigo agora.

 

dixen que si, e foi verdade durante algúns meses.

 

Diego e Teresa coñecéronse despois. el faláballe de medusas e fondos mariños, e ela recitáballe versos. pero Teresa precisaba dicir todo, sentir todo, vivir cada emoción ata o límite e Diego, que pensaba que a verdade era un acto de xustiza, sentíase agredido cada vez que recibía información que nom desexaba nim solicitara.

 

Teresa contaba todo, os seus ligues, os seus medos, os seus celos, os seus soños. cando lle confesou que sentía algo por outra persoa, non o fixo para facer dano, senón porque cría que calquera segredo era unha traizón. Diego non puido con iso e marchou.

 

a outra persoa era Helena, parca en palabras, mais capaz de facer sentir a calquera que estaba fóra de todo perigo ao seu carón. e Teresa atopou paz por primeira vez en moito tempo.

 

mesmo así, sentía a culpa de nom compartirlle todo o que sentía.

 

unha noite, Helena díxolle, nom preciso que mo digas todo, só quero saber que estás aquí cando estou rota e que non vas escapar por iso.

 

nom tardaron en chegar ao baño do local para morderse e lamberse.

 

Miguel, o irmán de Helena era calado, máis dado á observación que á palabra. estivera por Adrián había uns anos, nom chegaran a nada serio pero unha noite volveuno ver nas rúas.

 

Adrián, máis vello, con outra mirada diferente, recoñeceu a Miguel. falaron un pouco. volveron verse casualmente e a partir de aí os encontros repetíronse. xa non houbo contención e fixéronse carne un ao outro.

 

Miguel sorriu cando Adrián lle dixo, a miña pel e as miñas mans falan mellor que a miña boca.

 

a Diego volvino cruzar en Madrid. eu ía con outra persoa. mirámonos sen falar.

 

máis tarde mandeille unha nota, nom tiñas razón, hai verdades que matan, e silencios que salvan.

 

Nuno reencontrouse con Inés, que levaba unha criatura da man. nom preguntou nada. ela tampouco. tomaron un café. despedíronse cun bico leve, nos beizos, coma se non quixesen destruír o que quedara flotando no aire.

 

Helena e Teresa acabaron por deixar de falar. sen drama e sen loita. Teresa escribiu un libro no que falaba dunha muller que non necesitaba palabras para amar. Helena leuno. e chorou.

 

e agora eu estou aquí, volvendo ao principio, contando isto sen máscaras, sen pseudónimos, sen historias prestadas.

 

é a nosa historia, compartida, fragmentada, mudada nun conto que che fixen crer que atopara entre papeis alleos.

 

e, ti, se chegaches ata aquí, sabes que este tamén é un xeito de dicirche que xa podes contarme todo, ou nada, porque xa aprendín a escoitar en silencio.

8.2.19

mudamos nunha faceta do suceso

old doors
pinterest.com
mudamos nunha faceta do suceso,

nom hai espectadoras porque estamos todas camiñando e berrando consignas que cunden pola ringleira abaixo. ata que paramos e nos miramos sen saber que facer

faise un e outro reconto e o número dos presentes nom coincide cos rexistros. a primeira discusión versa sobre que lles pasara

se marcharan por vontade propia ou as forzaran

se os que apozoñaran os seus sentidos estaban no grupo

e aquilo os secuestrara

ou se había algunha outra posibilidade nom contemplada.

se deberamos anovar as consignas ou cerrarlle de vez a porta á realidade

tampouco niso concordabamos

e iso e outras leas determinaron nunha escisión, a quen si vimos marchar

e algúns admiraron velos marchar e outros odiáronos pola mesma cousa e así naceu e foi medrando unha mestura de odio e amor entre as que quedamos.

con todo, foi chegando a noite e decidiuse sen unanimidade ocupar as casas baleiras

os máis fortes quedaron próximos e as outras tiveron que buscar máis lonxe

a algúns aparecéuselles a chave nos petos, outros botaron as portas abaixo e atrancáronas por dentro cando xa sentiron necesidade de descansar

algúns decidiron ir sos e outros buscaron a compaña que precisaban

eu agora converso coa que veu comigo

ela durme pero eu nom podo e fágome preguntas sobre que pasará mañá, cantas apareceremos para seguir camiñando, incluso se pagará a pena facelo,

que decidirá a miña compañía,

eu que decidirei

porque xa me quedo cego e nom sei se me abandonará no camiño

a manifestación que se compón dun número indefinido de andeis

agora que os meus ollos case nom descifran o que debería escribir prepárome a morrer a unhas poucas leguas do hexágono onde nacín

testemuño agora o legado, porque coñecín distritos onde se posternaban ante os libros e bicaban con barbarie as páxinas:

se un eterno viaxeiro atravesara o infindo en calquera dirección comprobaría ao cabo que os volumes breves se repiten configurando a mesma desorde

e esta desorde é a orde propia

mais logo hai dúas castes, os que desexan seguir construíndo casas novas sen importarlle o que ocorra coas que xa están feitas

e as que cremos que as casas sen chave son a cousa máis tristeira e desolada e nom hai necesidade de facer outras novas. Debemos, as superviventes e as sucesoras,

habitar as vellas e restaurar a vida nelas.

31.12.14

vou de viaxe

dunha volta choveu tanto e de tan súpeto que se inundou o pobo e morreu moita xente; pero non de calquera maneira. Houbo quen quedou moi sentada nun banco do paseo, placidamente; houbo quen apareceu empoleirado nunha cerdeira, coma en primavera.

baixaron as augas e emerxeu un baúl sen dono. Nel atopamos … unha colección de cómics, un caderno de tapas negras con anotacións en alemán, un montón de soldados de plástico cos seus tanques e avións, uns ‘xogos reunidos’, pezas de puzzle, unha enciclopedia ‘álvarez’ coas páxinas de historia máis sobadas que o resto, unha lata de chocolate chea de fotos, roupa vella, …

o botín foi para min porque era o único que sabía algo de alemán; foi por iso que quedei coa chave do baú e administrei riquezas e segredos ao meu antollo. Non, non sei como o abrimos en primeiro termo; nin como soubemos que a chave o podía pechar.

de cando en vez revisabamos xuntos as notas do caderno; facía unha tradución aproximada e quedabamos pensando un rato, sen dicir nada.

‘neno, non sei que dis!, fala máis alto!, ou tes medo?’. A lúa marcaba o sendeiro polo que camiñaban á beira da vía. E que haberá despois da estación onde baixamos?

eran como fotos, pero máis difíciles de interpretar.

faciamos ‘experimentos’ cos animais, remedamos as películas que nos deixaba ver o padriño, os mercancías pasaban por baixo da ponte sen se deter, vixiabamos os cágados que pululaban nos sifóns, cada día entrabamos un chisco máis alá na humidade do túnel, escoitabamos os contos dos maiores falando da construción do camiño de ferro, estudaba os papeis que quedaran nas vellas instalacións sen utilizar, faciamos que cambiabamos as agullas, tirabámoslles pedras aos cans que querían vir connosco ao pobo sen intención de darlles ata que cansaban e regresaban á cas da avoa, morreu Aurelio atropelado por un ferrobús vello, meu pai dicía cando había coellos e outras ‘bestas’ polas boliñas espalladas no camiño, e a fronteira era pasar o túnel. O puntiño de luz iniciaba diminuto pero ía medrando ata saír na outra boca da escuridade.

colocabamos as historias no chan. Compondo estruturas. Efémeras.

‘podes ir recollendo’. Pero tiña todo lonxe; ou a min parecíame lonxe. ‘Se non o fas agora, mollarás a casa’. Estaba facendo viaxes e nunha desas vina, mireina e ela a min tamén. Pero marchou. E eu tamén marchei.

estou noutra estación, pero é moito máis grande e pódese ir a moitos máis destinos. Na sala de espera só hai unha vella adormecida que esperta de cando en vez e sorrí cara ninguén. Pasa xente cara as plataformas; algunh@s son coñecid@s, amig@s incluso. Hai quen pregunta se me vou con el@s. Pero teño un billete no peto e agardo. Por momentos dubido se facelo ou non pero non hai factores nas estacións que me poidan confirmar nada.

decido erguerme e camiñar cara as vías, levo o billete e a chave do meu baúl. Ao pasar, a vella esperta e sorrí cara min; eu devólvolle o saúdo.

4.12.14

o día que só medrei ata o medio da póla

vivonunhaaldea.blogspot.com
NIN O MAL SE CANSA
NIN O BEN DESCANSA
NENA, NUNCA HAI ABONDO
(nalcando no pub Vento)

unha

fun do trinque por diante e por detrás.
a miña familia e as miñas amigas,
as veciñas e as compañeiras na ringleira
sorrían sen recato e a min inaugurábanme.
presas nas máquinas baldeiras
o miolo médralles esfandangado.
na calor daquel día de verán,
a vergoña da primeira vez molloume toda,
sen os consellos nas actas do concello.
as outras, paseantes,
coas mans divertidas na mesturanza dos sons
dunha guitarra boa e unha batería rebuldeira.
logo, chorando, no escuro da miña cama
pensei venturosa que medrara
ata chegar á punta do gromo máis novo de todos.

dúas

outro día de verán máis homes,
tamén por riba e por baixo.
vin entón que inda ía medrar,
e que mudarían as súas antefaces.
a súa influenza entretiña as intelixencias
no percorrido das covas de óso.
lista, nin berrei que me acudiran.
a miña familia e as miñas amigas,
as veciñas e as compañeiras na ringleira,
murchas e esfoladas,
tinguen o chan co sangue
que agroma máis medras que camiñan
coma un equilibrista e a súa barra,
soberbias, sen saber do xogo
e da dor no medio do meu silencio.

e tres pólas

neste souto hai moitas castes,
os monos tropicais brincan de aquí para alí
mexando as árbores todas:
a semente mergúllase
nas fonduras da madeira,
as medrosas e aldraxadas
van á miña inauguración,
coa roupa da festa e de ganchete,
empoleiradas en cada nó,
cada novo día de verán.
eu, que pensei estar na última das medras
e o único que tiven
foi unha bolsa do super,
das de tres céntimos,
chea de bágoas caladas e baldeiras
medrando regatiños enxoitos.

KILL ME, BABY,
BUT DON'T LET ME SUFFER THE FEEL OF THE STEEL
(nalgures nalcando nunha canción)

2.1.14

o cristal da caixa

Unha tarde as zocas dos avós deixáronme soa coas agullas cansas do reloxo. E ti nin sequera desarmas a túa faciana para preguntarme como me sentín. Quizás nunca estiveches alí cando deixan de soar as pedras dos camiños e non pasan nin os carros, nin as vacas, nin as zocas. Eu anseaba coma unha tola cando cheguei dun xogo feliz que argallara cos nenos das outras casas e os avós marchaban cara outro labor. Non quería ir con eles porque a de ver traballar era unha parte da vida na aldea que non acababa de entender. A min gustábame deixar pasar os fíos das cousas polo aire e engadirlle mentres outros fíos mais bonitos e apropiados ao meu capricho antes de deixalos marchar. A escusa víñame dada porque unha vez que ven non a imos facer rabexar. Dounos ben traballo convencela para que quedara connosco estes días. Se quixera vir connosco non tería subido aos cuartos as agachadas. Logo cando vexa que marchamos quererá rebuscar nos caixóns dos armarios e mirar nas fotos vellas que atope. Sempre se entretivo ben chafallando con esas cousas. Veña, vamos. Vou, xa vou. Veña, que ao mellor acórdalle e hai que levala e arriba cóidase ela soa. Vamos. Oe, díchelle corda ao reloxo do ‘pasillo’? Supoño que si pero agora non vou ir mirar. Supoño, supoño. Veña xa, vamos dunha vez e pon as zocas que imos pasar polas brañas. Cerra as portas e as portas cerrábanse unha tras doutra, muxiu unha vaca no curro, renxeu o carro, as zocas batían cada vez máis lonxe e o can pechou os sons que entraban na casa. O aire metía o liño das cortinas no cuarto e as miñas meixelas foron perdendo a súa cor vermella. Brincando, deron outra hora as pezas do reloxo. Baixei da cama e fun directa ao caixón do armario onde sabía que estaban as fotos e os recordatorios. Alí dentro estaban os que vivían nas historias que contaba a avoa. No verán saiamos ás escadas que ían da cociña principal ao curro ou sentabamos a carón da fonte e a súa competía coa voz da auga. As mellores historias eran as dos lobos. Ou as das malas mulleres. Ou as dos homes que foron as Américas alén do mar. As dos que volvían con cartos e as dos que nunca volvían. O avó sempre lle rifaba porque dicía que falaba de máis pero eu ben sabía que tamén participaba do divertimento. Representaba o papel do que se asusta con calquera exceso ou luxo que a vida ofreza, non por ser austero, senón por medo a que volva desaparecer de súpeto, tal como chegara. Por suposto ela non Ile facía nin caso, fala que fala. Ata que case sempre chegaba a historia de Celsiña, que caeu ao pozo cando xogaba ás agachadas co resto dos nenos.


Oíaselle baticar na auga e pedir axuda e xa calaba cando un home baixou pendurado dun adival para sacala. A nena enfermou. Os cartos de seu pai e os coidados do medico que chamou procuraron que a cor do tomate maduro volvera ás súas meixelas brancas. As misas do cura e as bágoas de súa nai tamén. Mais chegou un día triste no que o medico desesperou i entón o pai encargoulle unha caixiña branca ao carpinteiro. Aí comezou a detestalo. O carpinteiro traballaba canto podía e todos conspiraron sen sabelo para que se puidera oír coma se serraban as madeiras secas, se lixaban, e ían cadrando unha punta tras outra. Só houbo silencio cando os vernices e as pinturas mudaban a cor natural do castiñeiro que se cortou polo pe para o asunto. A nai chorou e o cura rezou pero Celsa morreu o mesmo día que o carpinteiro apareceu na casa para avisar que tiña rematado o encargo. O pai non se puido suxeitar e fixo a segunda morte. A noite antes dos soterramentos os cans non ouvearon e todos tiveron que decidir que morto ían velar, Celsa ou o carpinteiro. Pero atopáronse atordados e non sabían que facer. Tan ensimesmados estaban no dilema que ninguén se decatou que non había caixa para o segundo morto. Tiveron que pedirlla ao carpinteiro doutra parroquia, quen, por se acaso, non se presentou para saber dos detalles e mandou unha que xa tiña feita. A avoa inda choraba ao contar cando a muller do homicida marchara do lugar. Á cidade, para poder estar a carón do seu home, xa por sempre na cadea. Os seus bens colléronos meus avós e traballáronos desde aquela. A foto da meniña era a foto de alguén que che mira os ollos e chámate a ir xogar ás agachadas e agora xa teño frío. Deixo a caixa metálica no chan, coas fotos todas espalladas pola colcha da cama. E o reloxo toca un cuarto calquera, afónico. A almofada esta fresquiña e báixame a súa friaxe ata as nádegas. Dixo a nena da veciña que ven axudar a muxir as vacas que cando non das durmido hai que concentrarse na respiración para conseguilo. Eu non quero durmir pero vou xogar a estar durmida para que os avós pensen que si e me veñan buscar para a cea. Quero que me precisen como súa nai precisou a Celsa. Vou xogar a concentrarme na mina respiración.


O reloxo fala e eu respiro. O reloxo móvese e eu tamén. O reloxo besbexa e eu espero, morta, a que volva besbexar. Besbexa outra volta e éntrame un silencio branco polo nariz. Báixame ao peito unha e outra vez ata que se me enche de silencio e o reloxo tarda en volver. Onde foi o besbexo do reloxo?. Pítame algo dentro das orellas e o silencio ruxe coma un tren a toda maquina. Onde están as zocas dos avós e o can que ladra. Non hai aire e as cortinas colgan mortas do teito. Onde esta a miña voz?. As pernas non obedecen e non se moven. O teito non para de subir, cada vez mais lonxe de min. Estou soa e non podo saír desta cova de cristal. Estou presa pero non me podo liberar. Páraseme todo por dentro e o silencio trona cada vez máis lonxe de min. Xa non sinto as sabas brancas que vexo. Non sinto as madeiras que cheiro. Por que non lle deron corda ao reloxo?. Que é iso? Que é? Si, por fin ladra o can anunciando a chegada da comitiva. E desátase a tronada que racha a miña caixa de cristal. E vou recuperando o poder sobre o meu corpo. Xa renxe o carro. Podo retirar a cabeza da almofada e as costas das sabas. Xa petan as zocas nas pedras e eu podo erguerme e baixar correndo ao curro a correr coma unha tola cara os avós e a avoa ten tamén correndo cos brazos abertos e perde unha zoca polo camiño e escórdaselle un nocello pero chega onda min e dime asustada e logo que tes miña nena e por que estas tan pálida e que che pasou. Eu díxenlle chorando que estivera soa no cuarto, que o reloxo parara e o tempo rematara.

texto de Xosé Manuel López Fernández
incluído na colección Nos? Coma vos,
(ilustracións de Paío, capa do volume de "Willy")
editada polo S.E.D. e Concello de Lalín en beneficio de Aspadeza, 2001

11.10.13

reconto nunha pedra que podería ser proxectil pero non será (de momento) …

commons.wikipedia.org
non acepto os límites que non son límites
… que o meu equipo renuncie a gañar a liga e se conforme con derrotar @s outr@s derrotad@s, como o fai o fracasado
acepto o que quero ser: forte, feo e formal, como “Loquiño”, que no me gusta “nada”
… que outr@ sexa mellor e admirar, se me gusta e vai nun barco semellante, o que vexo mentres se perde na distancia da súa vitoria
… amar e ser amado
… o meu lugar, aquel que me indiquen @s compañeir@s de loita
prometo loitar con el@s, para non respectar certas xerarquías certas
… desvelar a natureza política da natureza
… honrar a miña nai e a meu pai, que fundaron unha dinastía, el@s tamén, tan digna coma as que están nos libros de historia, e as que queren entrar, de muiñeiros e doutores, que masculinas!
… defender as causas que reflexione xustas, inda que sexa en compaña de estran@s, oportunistas, idiotas ou fracasad@s
… ir ás casas alleas se @s s@s habitantes defenden esas causas; inda que non me traten ben, como xa ten acontecido
… non contribuír a derruír casas fermosas
… non derrubar esas casas, inda que xa estean abandonadas
… non matar os meus fillos, nin @s m@s alumn@s: quero que medren ata o ceo e me superen en todo, absolutamente
… ser de onde son podendo ser de calquera outro lugar, igualmente
… odiar o privado e promover o público
… non causar baixas inocentes inda que estea seguro que os meus tiros liquidarían o tipo máis culpable do orbe
… non lixar nunca a inocencia d@s inocentes, só procurar que a superen sen traumas deformantes
… desprestixiar a Deus tal e como se coñece(n) e liberar @s human@s que o desexen
non acepto que queiras estragar a miña labor colexiada polo rancor que che cría o teu fracaso
prometo ensinarlles as estrelas mentres ela me mira
… revisar esta promesa cada día
… ser un suxeito e non tratarte como un obxecto
… non falarche claro para que espabiles, que che fai falta
… non facer co meu odio o que fai el, o meu veciño
… baixar a garda se me prometes que me queres
… non ser agradable todos os días, porque non podo
… que @s que me queren saiban e sintan que @s quero todos os días que me deixe o ruído
… que non vou mudar detective
… que se soño ser detective voulle axudar á pasma a cachar ao delincuente máis grande, non coma un veciño meu que pensa que xa fixo abondo con entrullar o traficante de menudillo, hipócrita e falso (non o traficante, hipócrita el)
… xogar coas regras (e trampulleiro, por suposto)
… volver durmir en Cusanca e ser veciño da Cacharela, da que fun desterrado
… non choromicar se perdo
… non saber do que falo e seguir aprendendo do que quero falar
… tentar non morrer nunca
… procurar a miña propia eutanasia cando o meu corpo non me deixe ser eu
… podrecer cando estea morto como fixeron @s que quixen e xa non están, e como @s outr@s, que non me importan nada
… honrar @s m@s mort@s da casa de miña nai e a do meu pai, e o seu legado, inda que sexa segredo
… non esquecerme de ti

6.1.12

espertou buxaina e decatouse:

xogostradicionais.blogspot.com
espertou buxaina e decatouse:
tiña fame de agasallo.
patalexou, chorou, tatexou outra.

parvos non eran, pero
escravos refugaran liberdade, incómoda e complicada de medrar,
comezaban o espectáculo
das que non sabía xirar:
beberan polo cu e dominaran rúas,
saqueadoras, profanaban ánimas de poetas mortos coa complicidade dos herdeiros:
o que sempre estivo en GALIZA e a que morreu lonxe da terra.

30.9.11

lobos e cuartos, VIII

a suma inexacta dos versos das tres dimensións

o. Prólogo

nin borralla nin suores de febre enferma

e cómo que non!:

tiveron que votar, democraticamente
medrados os debates
e aproveitou para vencer a presidenta sumando o seu voto de calidade

i. os que tratan da parte concreta

na horta, a carón, baleiraban cisternas de zume de grelo:
abono para paradigmas novos.
nós pasamos co avión por riba e quedaron alí, traballando,
mentres canso dos montes vellos marchou o sol,
tamén todas as tribos.

ao regreso, xa noutro tempo, terminou a cea e chamaron a confesar
onde, filtradas polas reixas, admitimos as fraquezas no xermolo:
cada un segundo o seu grado e recado,
pero admitimos todos o mesmo:
coas artimañas mataramos os tres homes, os únicos que traballaran:
quen viñera de fóra, alleo
quen vivía connosco, na familia
quen tódalas mañás estaba no noso espello.

é imposible dar con referencia,
non formulan nin os inéditos teorías ou posibles que resolvan os atrancos.
imos ter que volver ás tarefas básicas
e aprender fabricar os primeiros pasos en linguaxe nova:
espidos de verbas,
comamos, manteñamos as crías, criemos novas,
durmamos antes de xacer sen querer nada
peneirándose polas físgoas da pel.

os mulahs entónanse, quéntanse
din cousas difíciles e as imposibles, as que teremos que saber
executar perfiladas no xesto de cadaquén.

poñamos por caso aos de fóra:
non che vai queimar, sexa cal sexa o coitelo que lixes no uso.
             mais cos da casa:
             sabe unha de que está feita o día que morren.
                         e chegamos á chave da nosa civilización:
                         que facemos coa muller do noso espello?
                         que lle facemos a esa?

a mensaxe do libro que me besbexa acomódase no meu puño pechado, violento
e tamén sensatamente nas lindes dun anaco de papel
pero empeñámonos na preparación da utopía:

na oficina de emprego hai unha demanda:
búscase profeta sen experiencia,
divulgador con vehículo propio,
intérprete con don de linguas,
alguén que emprenda ...

ii. da parte absolutamente abstracta

miraba o celme da lúa nos descansos de medrar pelame,
sentaba e cavilaba,
estudaba dende os ángulos que coñezo nos libros fundamentais
sen poder escribir glosa con sentido.
sabio de nada tiven fachenda de dicir
que sen memoria morrería, algunha tan prezada!
renunciaría ao desexo da vida que o carballo penso que non ten
pero estalei con tanta ausencia,
ilimitadamente condenado a gozar contra o sorriso tatuado nas vellas das aldeas illadas
ao verme coa compra do día nos supermercados que medran cando morre a loita.

co tempo aventureime a saber que xa me sentaba enriba do crisol de Agostiño,
decatándome do presente, onde vivía,
inda que non duraba nada i estaba sempre a morrer.
igual que a Gabriel e Elisa
esfarelábaseme o intre,
dubidaba entre, morriñento, os anaquiños dos meus pasados
ou, inquedo, andar na pescuda da miña Ansia,
a parte da neura que pretende letra capitular, sempre.

e nisto repenican as verbas do campanario
“ven xantar,” di miña nai, “que arrefría.” e voume,
pisando as pedras e a lama fría.
tan de vagar que saíu unha noite sen grilos.

atacou un lobishome e mateino
no corazón, coma lera no que se escribira coas armas que da a baralla.
rebulía cando o comín a dentadas.
estudei na súa cara, doume noxo e pateeino furioso,
piqueille os riles coa prata das botas de coiro,
sen desexar miralo, de momento,
pero xemeu de dor
e tiven que ir ver por baixo da carantoña que vestía. Non! Non a coñecía
mais fiquei con pesadume da caste máis provisoria,
axeonlleime, preguei verbas mal deprendidas:
podía ter levado persoa de meniño, liberador, músico na feira,
antes de ter posto aquela.

pero estaban de vir todas xuntas:
presentouse con cortesía, outro, deses que saben xogar con navalla e coa lúa.
pelexamos centos e centos ata que case morreu un
e o outro retirou moi malferido:

“voume, carallo, a correr”

“non me deixes, amor, tremo co frío.”

comprobeino pero agora si era ela

“quen me vai sandar as feridas,
as de fóra e as que medraron dentro?”

tiven que asentar a miña formación deitándoa ben deitada na beira
con tempo abondo, non houbo noite tranquila.
e non, non quería matar a terceira:
sería eu ou el sería,
e volvinme trabucar
coas que estaban debuxadas alí abaixo
na maquillaxe e no atrezo.

pero a mágoa maior é que estou sentado
vendo vir: “vaise debullar todo isto”
esquecerei que soñei.
sen conto, o neno non pode durmir.

e agora espeto no pau a navalla, contra a primeira norma de todas:
apréndese a tallar figuriñas
nunca a escarallar a madeira.

señores, cantade unha cantiga por min!
unha que me agasalle consolo
do que non virá mal o día que me arrepinta de ter tomado a decisión de Sofía.

iii. da danza entre ámbalas dúas

mira antes de falar, mira o espello.
celosas da súa relación, e nós só espectadores:
non empeza, incomodámonos, aburrímonos,
percorrémola dende os talóns ata o curuto,
ata que empezan os primeiros acenos
poñendo os brazos en cruz coas palmas cara a luz:
“son salvación, son. A vosa paz, eterna.
mais non beberedes meu descanso ata que vos ispades
e frío coma costume.
non veñades con roupa vella, aquí hai nada para vos
nin sequera máis palabras baldeiras de tanto enchelas co uso”.

29.9.11

lobos e cuartos, VII


... e, por fin, hai tempo mudaron lobos

e a patria exterminada? quen saqueou o tesouro das nosas raíñas?
quén vai subir volume, berrar versos?
quén será quen de prender o lume dentro desta sombriza?

queima chaves e portas, refrega o corpo,
baila drogas ata amencer, come sistema,
mexa logo polas esquinas, esterca as prazas.
a revolución sempre allea nas mesías, falsas e verdadeiras confundidas,
despois da larpeirada no común que sae das cociñas en remesas para pobres en caixas ricas ao abrilas.

ónde romperon as cadeas nas que viaxan as verbas dos edictos?
qué fixo Poder e o seu mecanismo?
qué maxistrado traidor non dou aviso?
quén non coidou das rimas, asustadas, saltando fóra do limes?

escaparon bárbaros do interior
cos metais correndo líquidos polos condutos,
cómodos de vir nas altas temperaturas.

e qué será de nós no corpo a corpo durante as werras
entre as que son ditas a chamar pola noite
e as suxeitas nas ficcións nas que se loita contra as que non queren que naza o día?



“amor, amor!, non saias pola porta!,
verde
para vampiros e saqueadores.”

“dádenos
o que tedes no medio deste círculo.
din: non miredes!
porfían: non veñades nin probedes!,
pero temos o material censurado, o que sabedes sabe rico.”

profesora cansa e fraca le relatos pirateados
que aleita e aloumiña
coma frío bronce, loba no museo.

van ler,
no espello do corredor, tan acolledor pero ...
volta metade, máis bela e máis plácida.
as outras nunca.

algunhas, poucas, quedaran nas cadeiras
mirándoa, tan cansa e fraca,
cos ollos máis abertos, violentas, anoxadas.

as listas
saben que hai que saír para ver ben,
pero non hai portas sen chaves que non teñen
e estudan ou traballan
e mesmo caen nas lazadas coas formas correctas.

“con isto na boca saberedes:
e nunca máis cousa ningunha.
si, será día que non cabe na artesa
onde soña imaxinación cocida.”



e días máis tarde
traxes impermeables saen das naves que nos atacan
mercan nas feiras, poñen lobos por se chove xente boa.
e fuxo no último dispositivo ás escuras dos antros,
alumeada polas urbanas, altísimas
e gobérname unha besta salvaxe.
pregúntolle a todas, tamén aos outros e aos louros:

“preciso roubar máis versos
para facer porta e saír matar o mundo vello de podremia”

preciso máis e venden moito
pero caro, moi viciado, moi amañado.

“se os comes cambias
de fisionomía, especie e raza pero
non te fíes dos que moven verdade cortada.”

e iso que na miña casa xa os había,
de piratear nos que trouxeran centurias auxiliares dos saqueos de libros do imperio,
a vasoira amoreábaos nun curruncho, coloreábaos de vermello o tictac do noso reloxo.
e unha man en traidora luva de plástico recolleunos na bolsa do súper,
coidando que eran vellos
e non valían.

só podes matar definitivamente
se queimas tamén os arquivos
e as ideas nas cabezas dos lobishomes co seu talento certificado.

saben que a sorpresa é unha ameaza remota:
a posibilidade e a súa devastadora inocencia;
por iso a matan cos esbirros.

veña! chamemos nas lindes! qué nos informen!
ónde se para? cándo? por qué?

e eles:
“deixade que se acerquen, que se poñan a tiro de canteiros e cabeiros
e a matar,
matádeos a todos!”

i entón os motores berran lobos tolos

o portavoz acusa o criador
i este morre preso dun ataque de lei,
cega pasando por riba dun caracol:
a min non! son verdadeiramente inocente!

os motores están tolos e mátanos a todos
dende a culpa,
a tesura dos feixes das espadas con xestos de amos novos.

e fano cun sinxelo e familiar porque
todo está neste cuarto que non nos deixa saír
coma se tivera os nosos dereitos
coma cando o verdugo e a morte falan da paga por traballar en día festivo.

escuso tanta presa por amasar verbas novas,
tanta ansia
en acender enerxía nas estancias que se van verter,
porque chaman seres sen anima
a durmir, comer, facer o seu mandado;
deixando só vidas cos seus quebrantos e cans bastardos,
armando cuartos abertos ao público en mil cores,
coas bágoas colgadas nos muros
cadanseu rotuliño explicativo das antigas civilizacións, catalogadas
antes de aniquiladas.

e pagan gustosos os turistas perfumados por ver tal cousa
monumento manifestacións da arte que paga quen realmente pode


xa o sabedes non?
dura pouco, é feble


o home con púlpito non fala acaso que entenda,
para a dereita a triste historia dunha nena,
cara a esquerda e repite
a arenga do emperador diante doss mercenarios!:

"quen mandou esta pregunta con fame?
que é a nación?, e a intención?
como fan as escravas tropas coas que manter viva a fame das súas preguntas?"

cobadázame un home engurrado sobre os bancos do teatro:
"sempre a mesma ladaína"


coas armas ao lombo as patrullas fixeron roldas diante das nosas caras

"saíde fóra, hai unha pregunta que chama por vós" 

burlándose, ríndose a cabalo das súas dentamias, trabando no medio das indemnes
e a nosa xente escapa co que pode

"din que pode ser unha luz nova, a que vos deixe ver as chaves"

"xa temos as nosas chaves, señores, as da casa e as do coche"

"CARGADE!"

visitantes