proxectos

27.9.26

a dor de cabeza que me armaron as galiñas

nom sabía o feliz que vivía mentres que só tiña o meu catre e os meus libros. agora teño unha ducia de galiñas e un galo e a miña alma está perturbada.

a propiedade tenme feito cruel. cada vez que mercaba unha galiña atábaa dous días a unha árbore, para imporlle o meu domicilio, destruíndo na súa fráxil memoria o amor ao seu antigo fogar e os seus antigos donos.

remendei o cerrado do meu patio, coa idea de evitar que fuxiran, e impedir a invasión dos zorros de catro e dous pés.

illeime, fortifiquei as miñas lindes para separar as miñas galiñas do resto do mundo, agora cheo de presuntos ladróns.

o meu galo era inda un poliño novo e por iso o galo do veciño veu roldar as miñas galiñas. tireille pedras e escapou pero tamén foron algunhas detrás.

pedinlle ao veciño os ovos que puxeran as miñas galiñas na súa casa e agora fun eu quen fuxiu correndo diante das pedras.

onde antes había uns ollos amábeis agora vivía tamén unha mirada en garda.

os polos do veciño saltaban cada vez con máis frecuencia á miña eira e comían o grao que atopaban. ata que un día, cegado pola rabia, matei un.

o veciño negouse a aceptar unha indemnización cando lle levei aquela sucidade de volta e en vez de guisalo e comelo levouno de xira póstuma por onde o resto de veciños acusándome de insociábel e violento.

ademais mercou un can nom só ladrador e estou pensando en mercar unha escopeta.

antes nom tiña nada e era feliz e agora consúmeme o veleno da desconfianza e o odio. antes era un home e agora son propietario.

xindiriz, tradución e deturpación de 'galiñas', de Rafael Barret (1910)

6.9.26

o home que me roubou a Elisa

Elisa e máis eu pasamos corenta e sete anos discutindo por culpa de Francisco. acusábaa de estar namorada del. e trataba de amolala dicíndolle que o seu sempre fora imposible porque nacera douscentos anos tarde.

—o cariño nunca leva ben as contas.

 

Francisco entrara na cantina preguntando pola illa da Antártida.

 

tiña un nariz feito para sinalar horizontes. falaba máis de trinta linguas e ás veces esquecía en cal estaba. mesmo aquel día pediu un vaso de viño en turco e ao marchar despediuse nun idioma das Molucas que soaba coma unha merla aprendendo a cantar flamenco.

 

traía un mapa do mundo dobrado no peto da chaqueta. estaba sen rematar, seica lle faltaba todo o sur.

 

—non o rematei aínda. os mapas hai que facelos aos poucos, coma os viños ou as historias de amor.

 

seica estivera en Pasargada, o deserto de Sonora e nunha illa onde as tartarugas sabían contar ata cen.

 

Elisa aseguraba que o coñecera moito antes do que eu quería admitir, nunha feira.

 

—que feira?

 

—na do 18.

 

—pero se ti aínda nom naceras.

 

Francisco viña da China e quería mercar un queixo de Vedra. nom o atopou a gusto e logo andou mirando se había algún reloxeiro capaz de arranxarlle o tempo.

 

coma tampouco o atopou, desanimado, sentou nun dos pendellos a contarlle á xente historias de cidades con nomes de peixe, de emperadores que tiñan árbores de prata nos xardíns e de mares onde os ventos cambiaban de cor todos os  días da semana.

 

—e que buscaba vostede indo a tantos sitios diferentes?.

 

—ao principio buscaba riqueza e fama. máis tarde sabedoría. agora busco unha muller que me diga onde está a miña casa.

 

levabamos vinte anos casados cando me contou aquilo.

 

—pareceume que era un home perdido.

 

—e namorácheste.

 

—dos perdidos sempre me namoro.

 

de Francisco eu gardaba o mapa e ela unha flor seca. cando morreu ela, atopei a flor entre as páxinas dun misal. cando me pasou a min, abrín o mapa para quitarlle o po.

 

alí estaba agora debuxada a tal illa Antártida, en cor azul pálido e unha nota, esta terra nom existe aínda, pero existirá cando os homes precisen dela.

 

ata que durmín pasei a noite escribindo sen cesar, nom hai porto máis difícil de atopar que aquel ao que nom se quere regresar.

 

ao espertar sorrín ao ver os noruegueses contando no parte que chegaran primeiro ca nadie á Antártida. Francisco xa estivera alí para saber finalmente se alguén o estaba esperando e tiña casa para quedar e deixar de navegar.

 

como nom ía namorarse a miña Elisa de alguén así.

arkivos

visitantes