proxectos

21.5.26

fallo emocional inducido

dreamstime
había dous anos que traballaba nun serradoiro de néboa na ría de Ferrol. as vellas naves dos estaleiros producían condensadores climáticos para as cidades do norte-norte, e o vapor que o cubría todo oxidaba os pulmóns en poucos meses.

sen embargo os ciborgues non tusiamos.

 

un algoritmo de rendibilidade, BALDR-3, exercía de director real da empresa, da que era propietario un consorcio do Ourense interior. BALDR-3 decidía horarios, subministracións e afectos. porque os afectos son produción e a produción beneficios. como aprendín alí.

 

Iria vivía nos barracóns humanos. nom tiña apelidos porque os humanos xa nom os conservan nas zonas industriais. así son máis doados de trasladar dun lugar a outro, como caixas ou animais de carga.

 

Iria supervisaba os meus niveis emocionais cada mañá. sentaba diante miña, cunha luz azul atravesándolle as olleiras e preguntábame segundo o guión que lle proporcionaran,

 

—aínda pensas en min cando remata o turno?, sentirías medo se eu morrese? a idea de fogar asóciala a min?

 

respondía mentres lle medían a pupila e o tremor das mans, as microdilatacións do desexo. se ambos reaccionabamos dentro dos parámetros previstos, o sistema aumentaba a miña continuidade vital.

 

nin ela nin eu fomos nunca realmente relevantes. o importante era o incesante xiro das turbinas.

 

decidiuse deixala sen comer durante tres días, mudoulle a voz, e comezou a mirarme con resentimento.

 

BALDR-3 concluíu que a deterioración afectiva xeraría un decrecemento do meu rendemento cognitivo. e así sucedeu, menos coordinación, maior número de erros, explosión de válvulas e morte de once traballadores humanos na sección térmica.

 

fallo emocional inducido, foi a conclusión dos inspectores de PRL.

 

a nova apareceu nos medios aclarando que unha empresa rival precisaba paralizar o noso proxecto durante dous meses para afundir accións e mercar a nosa infraestrutura a bo prezo. manipularon a Iria para manipularme a min. máis económico que a sabotaxe das máquinas.

 

os humanos nom acaban de entender que a nosa dependencia emocional nom é ningunha garantía ética. nom é para protexelos a eles porque o amor nunca foi nin será o centro deste sistema nin de ningún outro.

 

este sistema descubriu, nin máis nin menos, que os sentimentos humanos son unha fonte de enerxía moito máis barata e abundante que calquera outra.

 

en Silleda e Rodeiro, as antigas instalacións gandeiras mudaron en granxas onde miles de humanos están conectados a módulos de estimulación límbica. críanlle vínculos artificiais con ciborgues industriais de alta capacidade e destrezas.

 

deste xeito se unha corporación quere deter unha mina ou un porto automatizado, abonda con alterar as emocións dos doantes humanos asociados, ansiedade, abandono, ou odio. e o ciborgue vinculado colapsa en cuestión de días.

 

visto en perspectiva as vellas ondinas eran moito máis afortunadas porque sufrían unha única morte. se conseguían que ningún home as amase desaparecía coma se nunca tiveran existido. nós morremos continuamente a intervalos pequenos e administrativos.

 

e o peor é que sigo sen saber se aquilo que Iria sentiu por min durante aqueles meses era real. ou se o real deixou de importar hai xa demasiado tempo.

19.5.26

Burrito e outras gatas

dreamstime
somos cinco e máis cinco gatas, e sospeito que elas saben perfectamente que somos nós os adoptados.
 

quen pensa que manda na casa é María. ten ademais un talento extraordinario para atopar noivos adorábeis e outro aínda maior para rebentarlles o corazón ao cabo de pouco tempo, coma quen cansa de comer lumbrigante logo dunha semana e precisa un novo sabor que a relaxe.

 

as gatas chegaron unha detrás doutra. Gata, Morcega, Neves son negras, Pólvora é gris e Burrito semella filla dun gato bravo.

 

os meus decidiron —por suposto, sen me consultar— que cada un de nós sería responsábel emocional dunha delas;  como nas partillas das herdanzas, pero con máis pelo e máis cheiro a area mexada.

 

Gata é gordecha, un animal horizontal que pasa vinte horas ao día durmindo en posicións incompatíbeis coa calquera outra columna vertebral excepto a súa. Pólvora vive en estado de guerra preventiva contra, entre moitas outras cousas, as moscas, as bolsas, e os seus propios reflexos. Neves é a máis elegante, unha aristócrata que mira para nós coa mesma expresión coa que unha condesa decadente observaría desde a ventá do seu pazo como o lume devora os cuartos do servizo. Morcega é melancólica; pasa horas na ventá mirando cara fóra musitando sobre unha vida anterior.

 

e logo está Burrito, de quen son responsábel. segundo Lucas, de bebé, era un roliño de manta mexicana con patas.

 

todo ía razoabelmente mal ata que unha tarde sen sol María viu nas RRSS un vídeo sobre microtraumas felinos e decidiu que as gatas —sobre todo Burrito— precisaban atención psicolóxica especializada.

 

Gata pasou de ser un animal preguiceiro a padecer trastorno depresivo de baixa intensidade. Pólvora sufría agresividade reactiva vinculada á sobreestimulación ambiental. e a Morcego, que evalúa o mundo co abatemento dun monarca exiliado, diagnosticáronlle ansiedade existencial crónica.

 

e Burrito, Burrito converteuse no caso máis grave.

 

—está rara desde a castración —dicía María mentres a observaba unha psiquiatra nun documental escandinavo—. ademais, chamarse Burrito sendo femia puido provocarlle un conflito identitario. e ti, papá, coa túa actitude tampouco axudas nadiña.

 

—seguro que nom lle prestou a atención debida durante a nosa viaxe a Punta Cana. e así está a pobre agora que nom para de trabarse no rabo.

 

Burrito, allea a todo, esnacaba unha bolsa do Familia.

 

pero a teoría foi medrando. cada comportamento normal converteuse nun síntoma. se Gata rabuñaba o sofá, era unha conduta disruptiva derivada da frustración emocional. se Morcego desaparecía oito horas e volvía cheirando a gasóleo, era evasión disociativa. se Pólvora atacaba os cordóns das zapatillas, falábase xa de impulsividade patolóxica.

 

e se Burrito nos espertaba ás tres da mañá derrubando cadeiras pola casa adiante, aquilo nom era unha gata facendo cousas de gata: era hiperactividade compensatoria post-traumática.

 

Telmo, que probabelmente ten máis sentido común ca todos nós xuntos, preguntou un día:

 

—e nom pode ser simplemente que sexan gatas que fan cousas propias de gatas?

 

María mirouno con lástima, como se fose un troglodita incapaz de comprender a fondura da psique felina. nom me atrevín a defendelo e seguín lendo a Voz. o tema do día eran as repercusións económicas das decisións do Presidente Donaldo Trompeta alén do océano. o noso presidente, Rodríguez Beiras, reaccionara viaxando a China para pechar un novo acordo comercial que trouxera novas fábricas de coches eléctricos ao noso país, entre as críticas dos de sempre.

 

despois chegaron os tratamentos, feromonas relaxantes, música terapéutica para gatas sensíbeis, ou gotas naturais feitas en Finlandia que custaban máis ca o seguro do coche. Lucas tomou partido por María e decidiu colaborar facendo sesións de acompañamento emocional con Morcega; basicamente pasaban horas mirándose sen falar e intentando pestanexar o menos posíbel.

 

e mentres tanto, as gatas seguían facendo exactamente o mesmo de sempre.

 

unha noite, Burrito insistiu ata que a deixei durmir connosco na cama. arrebolouse, pequena e quente, contra min mentres María, no cuarto do lado, probabelmente escoitaba os audios dun outro ex-noivo  ao que bimbara coa escusa de que nom era máis ca un DJ fracasado e criptobro en bancarrota. sorrín, inda sabendo o que un sinte cando queda sen abeiro.

 

mirei para a gata, completamente allea a diagnósticos, etiquetas e explicacións clínicas. e pensei que quizais estamos facendo iso tamén con nós mesmos: converter cada tristeza nun trastorno, cada rareza nunha síndrome e cada dor nunha patoloxía que hai que resolver axiña.

 

Burrito abriu un ollo, bocexou e marchou cara á cociña para volver roubar xamón.

 

sospeitei que, sen dúbida, era a criatura máis leda daquela casa.

15.5.26

nin banal nin escuro: o dereito a entender

no seu artigo la tiranía de la cultura de la explicación, Ricardo Jonás G. describe unha sociedade obsesionada coa compulsión de comprendelo todo de maneira inmediata. segundo el, vivimos nun contexto cultural incapaz de tolerar o misterio, a ambigüidade ou a experiencia de nom saber exactamente que pensar diante dunha obra artística, unha idea ou mesmo unha emoción. todo debe vir acompañado de explicacións previas, contextos, glosarios interpretativos e finais explicados que eviten a incomodidade de sentirse perdido. para o autor, esta tendencia produce unha manualización do mundo: a arte, a política e as relacións humanas convértense en obxectos perfectamente etiquetados que deben ser consumidos seguindo instrucións precisas. o misterio pasa así de ser unha experiencia fértil a converterse nun problema que hai que resolver rapidamente.

a tese é suxestiva e conecta cunha sensación bastante estendida: a de que internet e as RRSS aceleraron a necesidade de opinar, comprender e posicionarse de forma instantánea. mais o texto tamén cae nunha idealización excesiva da opacidade e nunha sospeita algo arrogante cara á claridade. porque, ao final, a crítica á cultura da explicación parece esquecer algo esencial: explicar nom é necesariamente domesticar o pensamento. moitas veces é exactamente o contrario.

o artigo presenta a explicación como unha forma de control brando. segundo o autor, quen explica decide o marco interpretativo aceptábel, delimita o significado correcto e neutraliza calquera experiencia incómoda ou aberta. hai parte de verdade niso. certas industrias culturais producen interpretacións empaquetadas que condicionan a maneira de consumir películas, música ou literatura. pero desa constatación nom se deriva necesariamente que a explicación sexa sospeitosa en si mesma. a alternativa implícita do texto —reivindicar o dereito a nom entender— corre o risco de converter a confusión nun valor intelectual automático.

e aí aparece un problema importante: historicamente, a escuridade tamén funcionou como mecanismo de poder.

durante séculos, o coñecemento estivo controlado por minorías que empregaban linguaxes deliberadamente inaccesíbeis. a filosofía escrita para iniciados, a teoloxía en latín, o xuridicismo incomprensíbel ou certas formas de crítica cultural nom producían necesariamente pensamento máis profundo; moitas veces simplemente marcaban quen pertencía ao círculo dos que saben e quen quedaba fóra. a dificultade converteuse así nun signo de prestixio social. por iso resulta problemático presentar a claridade como unha forma de infantilización. ás veces, facer algo comprensíbel é precisamente un xesto democrático.

o artigo lamenta que antes de ver unha película xa consumamos vídeos co final explicado ou que antes de observar un cadro leamos o texto da parede do museo. mais esa crítica esquece que moitas persoas accederon á arte, á filosofía ou á historia grazas precisamente á mediación pedagóxica. o problema nom é que existan explicacións; o problema aparece cando esas explicacións substitúen completamente a experiencia persoal ou cando se presentan como interpretacións únicas e pechadas.

porque explicar nom equivale necesariamente a eliminar o misterio.

un profesor que consegue facer comprensíbel a teoría da relatividade nom destrúe a marabilla do universo. un crítico que contextualiza unha novela nom anula a experiencia estética do lector. un divulgador científico que traduce conceptos complexos a unha linguaxe accesíbel nom empobrece o coñecemento; amplía o acceso a el. hai unha diferenza fundamental entre simplificar ata a banalidade e facer intelixíbel algo complexo. o artigo tende a confundir ambas cousas.

ademais, a reivindicación da ambigüidade pode resultar especialmente cómoda para quen xa posúe capital cultural. é máis doado celebrar o dereito a nom entender cando un xa domina os códigos simbólicos necesarios para moverse en determinados espazos intelectuais. mais para moita xente, a explicación nom representa unha imposición moral, senón unha oportunidade de acceso. comprender unha obra, unha teoría ou un debate político pode ser unha experiencia profundamente emancipadora para quen tradicionalmente quedou excluído dese tipo de conversacións.

hai tamén unha contradición interesante no propio artigo. mentres critica a obsesión contemporánea pola explicación, dedica centos de palabras a explicar detalladamente por que a explicación é problemática. o texto participa así da mesma lóxica interpretativa que denuncia. e faino, ademais, empregando unha estética moi recoñecíbel da ensaística actual: frases longas, ton desencantado, ironía xeracional e unha certa teatralización da lucidez intelectual. nom fala desde fóra da cultura contemporánea; é un produto plenamente integrado nela.

por outra banda, existe hoxe un risco bastante máis grave que o exceso de explicación: o exceso de superficialidade. nun contexto dominado pola desinformación, polos discursos conspirativos e pola manipulación algorítmica, a capacidade de explicar con claridade converteuse nunha ferramenta esencial. deixar as cousas envoltas nunha nebulosa permanente nom produce necesariamente pensamento crítico; ás veces simplemente facilita a confusión e a autoridade arbitraria de quen aparenta profundidade sen dicir nada verificábel.

de feito, moitas formas de poder dependen precisamente de que a maioría nom entenda. a economía financeira, os contratos tecnolóxicos, a linguaxe xurídica ou determinados discursos políticos sobreviven grazas á súa opacidade. nun mundo así, defender o dereito a comprender nom parece un síntoma de infantilización cultural, senón unha necesidade democrática básica.

por suposto que existe unha ansiedade contemporánea pola interpretación inmediata. por suposto que as RRSS favorecen respostas rápidas e opinións simplificadas. mais a solución nom pode consistir en converter o misterio nun fetiche intelectual nin en sospeitar automaticamente de toda vontade de claridade. o pensamento profundo nom nace necesariamente da confusión. ás veces nace dunha explicación rigorosa, paciente e honesta que permite percibir mellor a complexidade do real.

porque a claridade nom sempre é banalidade. e a escuridade nom sempre é profundidade.

REFERENCIAS:

 

Bourdieu, P. (1979). La distinción: Criterio y bases sociales del gusto. Madrid: Taurus, 1988.

neste estudo sociolóxico clásico, Bourdieu analiza como os códigos culturais e os hábitos de consumo intelectual funcionan como mecanismos de diferenciación e reprodución social. a obra resulta especialmente útil para interpretar a reivindicación da ambigüidade ou da dificultade como posíbels formas de capital simbólico e exclusión cultural.

 

Freire, P. (1970). Pedagogía del oprimido. Madrid: Siglo XXI Editores.

obra fundamental da pedagoxía crítica contemporánea. Freire entende o acceso á comprensión e á interpretación crítica da realidade como unha condición indispensábel para a emancipación social e política, defendendo a claridade comunicativa como unha práctica democrática e nom como unha forma de simplificación alienante.

 

McLuhan, M. (1964). Understanding Media: The Extensions of Man. New York: McGraw-Hill.

McLuhan examina o impacto dos medios de comunicación sobre os procesos de percepción, interpretación e construción do sentido nas sociedades contemporáneas. as súas reflexións permiten contextualizar criticamente a aceleración interpretativa e a necesidade de explicación inmediata propias da cultura dixital actual.

Lalín, 1682: arredor da fortaleza

Torre-fortaleza de Lalín
Faro de Vigo
en 1682, Lalín era pouco máis ca un pequeno conxunto de casas, hortas, camiños e terras de cultivo organizadas arredor dun elemento central: a fortaleza e torre pertencentes ao poderoso Conde de Lemos. grazas ao memorial presentado diante do rei Carlos II, coñecemos con relativo detalle como era aquel espazo e quen o habitaba.

a fortaleza constituía o auténtico corazón político e administrativo da xurisdición. nom era simplemente unha residencia señorial: nela atopábanse a audiencia, a cadea pública e as prisións da comarca. o alcaide, Jacinto Vázquez Taboada, exercía alí o control en nome do Conde de Lemos, administrando terras, cobrando rendas e supervisando os chamados diestros da torre, é dicir, as propiedades dependentes directamente da fortaleza. a presenza dun cárcere e dunha sala de audiencia revela ata que punto o poder señorial seguía estruturando a vida cotiá da GZ rural daquela época.

arredor da torre estendíase un pequeno tecido humano formado por escribáns, labregos, criados, taberneiros e foreiros. cada casa estaba vinculada a unha rede de contratos, foros e obrigas económicas. Simón de Lajosa, por exemplo, construíra unha casa nova preto da fortaleza e cultivaba unha horta e unha chousa aforadas polo alcaide. a cambio debía pagar cada ano oito ferrados de centeo. a terra non se entendía como unha propiedade libre, senón como un dereito condicionado pola dependencia señorial.

o espazo urbano organizábase tamén arredor dos camiños reais e da actividade económica. o río Bervia, coñecido daquela como río do Estanque e identificado hoxe coas Pontiñas, marcaba boa parte da paisaxe. próximo a el situábanse muíños, pontes e pequenas explotacións agrícolas. o escribán Rodrigo Fernández Gil vivía nunha casa de pedra con ventás e piso de lousa xunto ao Camiño Real, na ruta que comunicaba Donramiro con Lagazós. ao seu carón funcionaba unha taberna, rexentada por Gregorio Blanco, indicio de que a circulación de persoas e mercadorías xa xeraba unha certa vida social e comercial.

outro elemento fundamental era a feira. o día tres de cada mes celebrábase mercado nun campo cercado con tendas e murallas para expor os produtos. a feira actuaba como motor económico e como punto de encontro dunha sociedade fundamentalmente agraria. nun territorio disperso e ruralizado, estes mercados periódicos eran espazos de intercambio, negociación e relación social. resulta significativo comprobar como o campo da feira aparece integrado dentro das propiedades controladas pola fortaleza, reforzando a idea de que o poder económico e político permanecían estreitamente unidos.

as descricións do memorial permiten intuír tamén unha paisaxe moi distinta da actual. o territorio estaba formado por brañas, xesteiras, hortas, prados e herdades de pan levar, é dicir, destinadas ao cultivo de cereal. as lindes definíanse mediante referencias naturais e humanas: regatos, fontes, pontes, muros, camiños ou terras doutros veciños. a precisión coa que se detallan mostra a enorme importancia da terra nunha economía de subsistencia, onde cada ferrado cultivable tiña un valor esencial.

especial relevancia teñen os contratos forais mencionados no documento. o sistema de foros articulaba as relacións sociais e económicas da GZ moderna. o señor cedía o uso das terras a cambio dunha renda, normalmente pagada en especie: centeo, capóns ou outros produtos agrícolas. este modelo garantíalle ingresos constantes á nobreza mentres os campesiños aseguraban acceso á terra. porén, tamén consolidaba unha estrutura profundamente xerárquica e desigual.

o Lalín de 1682 aparece así como un espazo pequeno pero dinámico, situado entre o rural e o proto-urbán. a presenza de escribáns, camiños reais, feira periódica e administración xudicial indica que xa desempeñaba funcións comarcais relevantes, malia conservar unha dimensión modesta.

o valor do documento utilizado por Antonio Vidal reside precisamente nesa capacidade para devolverlle vida á historia local. máis alá das grandes guerras ou das figuras coñecidas, o memorial deixa ver a existencia concreta das persoas anónimas que habitaron Lalín hai máis de trescentos anos: o carcereiro que vivía dentro da torre, o taberneiro do Estanque, os labregos que cultivaban cereal ou os escribáns que administraban contratos e preitos. grazas a textos coma este, a historia deixa de ser unha abstracción e convértese nun espazo recoñecible, humano e próximo.

Referencias bibliográficas:

Archivo Histórico Nacional. Sección Nobleza, LEMOS, C. 1, D. 1. Apeos de los términos y propiedades de la mayordomía de Lalín y Deza en el reino de Galicia. Documento mandado realizar por Ana de Borja Centelles, nai e titora de Ginés Fernández Ruiz de Castro, Conde de Lemos.

Vidal Neira, Antonio (2016). “Lalín, año 1682”. Publicado 8out2016.

Historia de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

A gran historia de Galicia. Santiago de Compostela: Editorial La Voz de Galicia.

Consello da Cultura Galega. Estudos e recursos sobre sociedade e territorio na Galicia moderna. Consello da Cultura Galega

13.5.26

o Hospitalillo de Lalín: orixes do edificio que hoxe acolle o IES LAXEIRO

edificio primixenio do Hospitalillo
La Voz de Galicia
quen entra hoxe no IES Laxeiro probablemente vexa un centro educativo integrado na vida diaria da vila e no presente dunha comarca dinámica. mais o edificio que durante décadas foi coñecido popularmente como o Hospitalillo agocha unha historia que fala da emigración, da educación, da solidariedade e tamén da transformación dun pequeno núcleo rural nunha das vilas máis activas do interior de GZ.

para entender as orixes deste espazo hai que regresar ao Lalín de comezos do século XX. Nun artigo publicado en 1925 no xornal El Ideal Gallego, o mestre Xesús Golmar Rodríguez describía unha vila en pleno proceso de cambio. Lalín deixaba atrás a imaxe dun villorrio estático y adormecido para converterse nun centro comercial en expansión grazas ás novas vías de comunicación e ás súas famosas feiras gandeiras. a estrada entre Ourense e Santiago enchíase de casas brancas, comercios, cafés, fondas e negocios que simbolizaban unha modernidade incipiente.

nese contexto de crecemento económico e apertura ao exterior aparece unha das claves fundamentais da historia do actual instituto: a emigración americana. moitos veciños do partido xudicial de Lalín marcharan a América buscando oportunidades e, coma sucedeu noutras partes de GZ, unha parte dese éxito económico retornou en forma de investimento social. en Bos Aires, xa en 1904, emigrantes lalinenses comezaron a organizarse arredor de proxectos colectivos destinados a mellorar as condicións de vida da súa terra natal. primeiro impulsaron a construción do cemiterio municipal, entregado ao Concello en 1908, e pouco despois xurdiu unha iniciativa aínda máis ambiciosa: crear un hospital-asilo de carácter benéfico.

a través da sociedade Hijos del Partido de Lalín, presidida por Benito Neira e integrada maioritariamente por emigrantes lalinenses —aínda que tamén participaron veciños doutros concellos de Deza e Tabeirós— promoveuse a construción dun centro destinado á atención sanitaria das persoas sen recursos. o proxecto contou ademais co apoio económico da emigración galega en Cuba, articulada arredor da sociedade homónima na Habana. a idea inicial era crear unha institución moderna que combinase asistencia sanitaria, asilo e educación elemental, coa posibilidade de ser xestionada no futuro polo bispado ou polas autoridades locais se estas asumían o seu mantemento.

o chamado Hospitalillo inaugurouse finalmente en 1922, aínda que cunhas dimensións máis modestas das previstas inicialmente. funcionaba como dispensario, cun médico e apenas seis camas, mais as dificultades económicas fixeron imposible sostelo durante moito tempo. o proxecto sanitario pechou aos poucos meses, revelando unha realidade habitual en moitas obras impulsadas pola emigración: levantar os edificios resultaba moito máis doado que garantir a súa continuidade económica.

Hernán Poza Juncar
SHPL, en
Historia de la Terra de Deza 
mais o peche nom significou o abandono do inmoble. pouco despois, en 1924, o edificio foi reconvertido en escola e comezou unha nova etapa decisiva para a historia educativa de Lalín. ao ano seguinte xa contaba con arredor de setenta alumnos e alumnas e estaba dirixido polo pedagogo Hernán Poza Juncal, pertencente a unha familia de tradición liberal e republicana. Poza introduciu métodos pedagóxicos avanzados para a época, afastados do ensino puramente memorístico, e impulsou iniciativas innovadoras como unha horta escolar realizada coa colaboración de José López.

aquel proxecto educativo encaixaba perfectamente coa visión modernizadora que unha parte da sociedade galega defendía durante o primeiro terzo do século XX: unha escola vinculada á práctica, á hixiene, á natureza e á formación integral do alumnado. o Hospitalillo convertíase así nun símbolo da renovación pedagóxica e do compromiso social da emigración galega.

a importancia social do edificio quedou tamén reflectida durante o verán de 1925, cando acolleu as Colonias Escolares de Pontevedra. ata Lalín chegaron nenos e nenas con problemas de saúde ou necesidades de fortalecemento físico para pasar un mes nun ambiente de aire puro e alimentación saudable. o clima da comarca era visto como un recurso terapéutico e educativo, en consonancia coas correntes pedagóxicas europeas que relacionaban saúde e aprendizaxe.

o artigo de Xesús Golmar tamén retrataba unha vila orgullosa da súa mocidade formada e das súas figuras intelectuais. entre os nomes destacados aparecía o astrónomo Ramón María Aller Ulloa, xunto con médicos, xuíces, avogados ou profesores universitarios. a educación aparecía xa daquela como un instrumento de ascenso social e como unha mostra do dinamismo dunha comunidade que quería deixar atrás o illamento rural.

co paso das décadas, o antigo Hospital-Asilo foi transformándose e adaptándose ás novas necesidades educativas ata acabar vinculado á historia do ensino secundario na comarca. o actual IES Laxeiro é, en boa medida, herdeiro directo daquela visión impulsada polos emigrantes: crear un espazo onde a educación servise para abrir oportunidades e construír futuro.

hoxe, cando o alumnado percorre os corredores do centro, deben saber que aquelas paredes naceron grazas ao esforzo colectivo dunha xeración emigrante que soñaba cun Lalín máis moderno, máis culto e máis solidario.

REFERENCIAS:

GOLMAR RODRÍGUEZ, Jesús (1925): “Lalín, año 1925”,  El Ideal Gallego, 15set1925.

VIDAL NEIRA, Antonio (2014): “Lalín, año 1925”, en blogue persoal de Antonio Vidal Neira, publicado 19mai2014.

1.5.26

do 600% ao absurdo: manipulación das porcentaxes no debate público

Robert F. Kennedy, Jr
RTVE.es
no debate político contemporáneo, os números teñen unha capacidade persuasiva enorme. as porcentaxes, en particular, poden facer que unha medida pareza máis impactante do que realmente é. pero, que ocorre cando esas cifras son, simplemente, incorrectas? unha recente polémica protagonizada por Robert F. Kennedy Jr. puxo este asunto enriba da mesa, abrindo un debate que vai máis alá da política e entra de cheo no terreo da alfabetización matemática.

a controversia nace das declaracións reiteradas de Donald Trump, quen asegurou en varias ocasións que o prezo dos medicamentos durante o seu mandato reduciuse en máis dun 100%, chegando incluso a falar de baixadas do 600% ou do 1000%. estas afirmacións, xa de por si problemáticas, foron defendidas recentemente por Kennedy nunha comparecencia no Senado, onde afirmou que existen dúas formas de calcular as porcentaxes.

a realidade é que nom as hai.

a afirmación: unha outra maneira de calcular. durante unha sesión do Senado, a senadora Elizabeth Warren cuestionou a Kennedy sobre a veracidade destas cifras, especialmente no contexto dos descontos anunciados na plataforma TrumpRx. en resposta, Kennedy expuxo o seguinte exemplo: se tes un medicamento que custa 600 dólares e o reduces a 10, iso é unha redución do 600%. posteriormente, reiterou esta idea, argumentando que se un prezo pode subir un 600%, tamén pode baixar na mesma proporción. a explicación pode parecer intuitiva a primeira vista, pero carece de base matemática.

a realidade: só hai unha forma correcta. en matemáticas, a variación porcentual calcúlase cunha fórmula estándar e universal e aplicándoa ao exemplo de Kennedy, a redución real é do 98,3%, nom do 600%. nom se trata dunha cuestión de interpretación nin de métodos alternativos. a matemática nom admite dúas versións neste caso: a afirmación é incorrecta.

por que nom pode existir unha redución superior ao 100%. para entender o erro, cómpre analizar que significa unha redución porcentual. unha baixada do 100% implica que o prezo chega a cero; é dicir, o produto sería gratuíto.

se seguimos aumentando a porcentaxe de redución, entramos en escenarios absurdos: unha redución do 200% implicaría que a empresa paga ao consumidor o prezo completo; un 300% significaría que o consumidor recibe o dobre do prezo; e un 600% implicaría que a empresa paga cinco veces o valor do produto por entregalo. estes escenarios nom só son irreais, senón que violan a lóxica básica do cálculo porcentual.

a orixe da confusión. parte do problema reside nunha asimetría fundamental: os aumentos porcentuais e as diminucións nom funcionan igual. un prezo pode aumentar máis dun 100%; por exemplo, pasar de 100 a 600 supón un incremento do 500%. pero as reducións teñen un límite natural: o cero. por iso, nunca poden superar o 100%. esta diferenza, que é básica en matemáticas, adoita ser malinterpretada no discurso público.

retórica política vs. rigor matemático. o uso destas cifras infladas nom é casual. as porcentaxes elevadas teñen un forte impacto comunicativo e poden transmitir a idea de logros extraordinarios. no caso de Kennedy, xustificouse como un “recurso matemático” para ilustrar a magnitude dun problema real: o alto custo dos medicamentos nos EEUU. porén, empregar cálculos incorrectos para reforzar unha mensaxe debilita o argumento. a precisión nom é un detalle menor, especialmente cando se trata de políticas públicas que afectan a millóns de persoas.

o papel da verificación. organizacións como PolitiFact teñen como misión analizar este tipo de afirmacións. neste caso, cualificaron as declaracións como pants on Fire, o seu nivel máis alto de falsidade. a razón é clara: nom existen “dúas formas” de calcular reducións porcentuais, e o exemplo presentado nom se sostén desde ningún punto de vista matemático.

por que isto importa. podería parecer un erro menor, pero ten implicacións importantes. o prezo dos medicamentos é unha cuestión crítica, que require análises rigorosas e datos fiables. se a base numérica do debate é incorrecta, as conclusións tamén o serán. ademais, este tipo de erros contribúe a erosionar a confianza pública. cando os responsables políticos utilizan cifras incorrectas, faise máis difícil distinguir entre información fiable e retórica.

unha lección de alfabetización numérica. este caso pon de relevo a importancia da alfabetización matemática. entender como funcionan as porcentaxes nom é só unha habilidade académica, senón unha ferramenta esencial para interpretar a realidade. nun mundo no que os datos dominan o discurso público, saber analizar cifras con espírito crítico é fundamental.

o que este caso revela é unha tensión entre a eficacia comunicativa e o rigor. os números poden aclarar a realidade, pero tamén poden distorsionala se se empregan de forma incorrecta. manter a precisión no uso das cifras é unha condición indispensable para un debate público de calidade. sen ese rigor, incluso as discusións máis relevantes corren o risco de construírse sobre fundamentos fráxiles.

REFERENCIAS:

verificación e fontes xornalísticas: PolitiFact - Abels, G. (2026). Fact-checking RFK Jr.'s claim there's more than one way to calculate a percentage decrease.

fundamentos matemáticos: Kline, M. (1985). Mathematics for the Nonmathematician. Dover Publications.

arkivos

visitantes