proxectos

15.7.26

a porta entreaberta (vii): o seguinte nome

Maior vivía nunha das casas de pedra que sobreviviran o colapso. baixo a escaleira gardaba un baúl de madeira escura que nunca abría diante de ninguén.

pensou que estaba soa e sentou xunto á lareira. deixou caer a cabeza entre as mans.

—que ten, miña nai?

Iago estaba de pé e tiña un libro aberto entre as mans.

—nom te oín chegar.

—levabas demasiado tempo chorando para escoitar nada.

ela intentou sorrir tamén pero nom o conseguiu.

—que les?

—contos.

—sempre contos.

—un conto explica mellor o mundo ca calquera outra cousa.

custáballe aceptar que aquel rapaz delgado, que aínda conservaba algo da inocencia da infancia, fose xa un home.

—agora cóntame que che pasa.

—nom.

—nunca me mentiches. nom comeces agora.

Maior pechou os ollos e ao abrilos xa nom tiña forzas para ocultar nada e contoulle a orde da raíña. contoulle os anos de sangue. contoulle que no reino xa nom atopaba un só mozo máis. cando rematou, o silencio fíxose tan espeso que mesmo o lume parecía arder máis amodo.

Iago foi ata a ventá e alén dos campos víanse as ruínas dunha torre da xente de antes, cuberta de hedra. de neno preguntáralle á súa nai quen a construíra. ela respondera que xa ninguén sabía esas cousas. agora comprendía que esquecer tamén mata.

delongou falar.

—irei eu.

tardara tanto en falar que Maior pensou que nom dixera nada.

—matarate.

—se nom vou eu, irá outro.

—xa nom queda outro.

—entón por iso debo ir.

—nom quero perderte.

—xa me perdiches cada noite que morreu outro no meu lugar.

abriuse a porta da casa e entrou Mariña cun feixe de leña. mirou primeiro para Maior e despois para o rapaz.

—que pasa?

—voume presentar diante da raíña.

os toros de leña rodaron polo chan de pedra.

—sabes o que dis? sabes o que lles fai?

Mariña colleu o libro que o seu raparigo deixara sobre a mesa e pasou lentamente as páxinas.

—vas levar iso? para que queres un libro?

—as persoas que máis admirei viviron dentro dos libros.

—e cres que un libro pode salvarche a vida?

—nom. pero quizais unha historia si.

ao día seguinte, antes de que o sol rompese a néboa sobre os tellados, emprenderon camiño cara ao pazo. Maior camiñaba diante e Iago seguíaa en silencio.

detrás deles, a porta da casa quedou entreaberta.

No hay comentarios:

arkivos

visitantes