aburrirme é peor ca perder o que teño. o tedio fai que desprece o que xa é meu. a causa diso chamei por Maior.
—preciso que atopes a alguén.
nom preguntou a razón, aprendera que as preguntas son posíbeis antes dunha orde, nunca despois.
—nom busques a máis fermosa nin a máis sabia, busca a que conserve a luz.
coñeciamos as súas historias. eran poucas, ás veces só unha persoa cada varias xeracións. a súa presenza calmaba as disputas antes de que comezasen, os nenos deixaban de chorar cando lles sorrían e os espellos devolvíanlles o rostro cunha claridade que nom concedían aos demais.
ninguén sabía de onde viña aquela luz. os doutores buscárana no sangue, nos ollos e mesmo na respiración. os vellos afirmaban que xa existía antes do colapso, e outros aseguraban que aparecera despois.
Maior marchou coa chegada da primavera, atravesou vales con silveiras afogando os camiños de pedra, cruzou ríos sobre pontes tan antigas que xa ninguén lembraba quen as levantara. pasou varios días á sombra dun arco xigantesco que unía dúas montañas sen que ningún canteiro soubese explicar como podía seguir en pé, chamábanlle a Espada do Ceo e dicían que fora construída para que os deuses cruzasen sen mollar os pés.
meses despois chegou a unha pequena aldea próxima ao grande esteiro, onde viu por primeira vez á rapaza que sacaba auga dun pozo. o seu rostro lucía unha claridade que nom era filla do sol.
quedou no lugar algo máis dunha semana e viu como dous irmáns pararon de pelexar só porque Maia lles pedira que deixasen pasar. os cans bravos sosegaban cando lles dicía palabras que ninguén entendía.
un vello díxolle que vira outra coma ela había cincuenta anos e decidiuse a falarlle o noveno día.
—a raíña quere coñecerte.
—e por que había eu de interesarlle a unha raíña?
—iso só pode respondelo ela.
—Rui leva días fóra da casa e nom podo marchar sen que saiba o que hai. ademais prometeu adornar o tellado con estrelas e nom o fará se se enfada.
na partida, cubriulle o rostro cun veo branco.
—así o establece a tradición.
na terceira mañá, despois de superar carballeiras e montes queimados polo vento que leva e que trae e que tolea a tanta xente, divisaron ao lonxe as torres da cidade, pero a rapaza detivo a súa egua.
—esquecín unha cousa.
Maior viuna desaparecer sen saber que a viaxe acabara xusto alí sen apenas iniciar o regreso.
como ninguén respondeu cando chamou por Rui, foi ata o seu cuarto seguindo un respirar entrecortado. atopouno espido, abrazando a Nura, a escrava que mercaran a uns que falaban sureño.
foi coma unha sucesión de fotogramas, sen berros, sen explicacións, sen movementos. a espada estaba enriba dun baúl oriental e cando o silencio regresou a aquela casa, só ela era capaz de respirar.
mentres o facía mirouse no espello de cobre que instalaran baixo o alpendre das ferramentas e recoñeceuse nel ata que comprobou que seguían sendo os seus ollos e a súa boca e a súa pel pero agora faltaba algo. levoulle todo o día volver alcanzar a Maior, xusto antes do fusco.
nom volveu falar pero a dama pensou que era froito do fatiga da viaxe.
cando finalmente entrou no salón, retiráronlle o veo igual que se abre un relicario. mireina longo e con detalle.
a miña voz brotou triste, esta é a muller que che pedín. é ela, pero a luz nom chegou con ela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario