Aldara nom lle contou nada á súa irmá e limitouse a observala.
Elvira presidía os consellos, ditaba sentenzas, recibía embaixadores e sorría coma se inda nom medraran na verdades que doían.
cada vez custáballe máis gardar silencio e ao cuarto día colleuna e contoulle todo sen omitir detalle. só cando Aldara rematou Elvira se ergueu do seu escano.
—se inda ninguén o sabe, saberano todos antes do solpor.
aquela mesma tarde convocou os capitáns da garda e á mañá seguinte ningún dos que danzara aquela noite seguía con vida e as trenzas tampouco volveron dourar nada. ninguén volveu falar daquilo.
pero o silencio nom devolveu a paz e Elvira chamou á súa irmá.
—se quedo, lembrarei. se marcho, pode que esqueza.
Aldara simplemente preparou dous cabalos e durante semanas viaxaron sen destino. carballeiras onde as árbores crecían entre columnas derrubadas da xente de antes. unha chaira na que milleiros de figuras de ferro xacían medio enterradas, todas orientadas cara ao nacente, coma se esperasen unha orde que nunca chegou. un outeiro onde descubriron unha torre de cristal escurecido que seguía devolvendo o reflexo do ceo malia estar baleira desde había séculos. soutos onde algunhas follas caían vivas no outono.
foi xa preto do inverno cando atoparon a vella. estaba no medio do camiño. acababa de esmagar un corvo contra o chan. tiña os cabelos tan longos que se confundían coa herba seca. berraba, pero nom eran palabras. os outros corvos levantaron o voo e os cabalos negábanse a avanzar. e mesmo o vento que leva e que trae e tolea a tanta xente parecía afastarse dela.
Aldara tiña un navallón. Elvira, pan de millo. miráronse indecisas.
entón apareceu un mozo detrás da vella. achegouse a ela, pousoulle unha man sobre as costas e o berro cesou. despois colleulle o rostro entre as mans e bicouna na fronte coa tenrura dun fillo que despide da nai para moito tempo.
a vella sentou nunha pedra, e quedou pasmada cara o pano co que o mozo envolveu o corvo morto.
o mozo tirou o pano aos pés dos cabalos. debaixo xa nom había corvo.
—agora podedes pasar.
Elvira observouno con desconfianza.
—quen es?
—os nomes vounos anotando nun caderno que se riscan sos cando o gardo no peto.
—e ela?
—leva tanto tempo viva que xa esqueceu o seu propio nome. hai máis dun século que ninguén a toca.
Aldara mirou o mozo, Elvira a vella.
—cada vez que alguén intenta cruzar este camiño sen pedir permiso, ela maldío. hai moitos que aínda seguen convertidos en sombra. levo toda a vida impedíndoo.
—que pides a cambio?
—unha noite.
—e se nos negamos?
—seguiredes sendo libres para marchar.
miraron cara á vella. os seus beizos volvían lembrar como se murmuraba e cando o aire se volveu máis frío, as follas secas empezaron a xirar arredor dela sen que oíse ningún vento.
—se aceptamos …
—ao mencer seguiredes sendo raíñas.
Maia volveu interromper a historia e quedei esperando.
—e despois?
Maia evitou mirar as ruínas.
—despois chega a parte máis difícil.
—a traizón?
Maia negou coa cabeza, e sorriu moi levemente.
—a confianza.

No hay comentarios:
Publicar un comentario