proxectos

Mostrando entradas con la etiqueta Cusanca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cusanca. Mostrar todas las entradas

6.12.16

marcas do mosteiro de Oseira entre Dozón e O Irixo

marca do mosteiro de Oseira
pedra fita entre Dozón e O Irixo
os dominios do mosteiro de Oseira chegaban desde tempo inmemorial ás terras de Dozón, que foi Coto Real, conservándose algúns dos marcos xurisdicionais do cenobio cisterciense no lindeiro entre este concello e o de O Irixo nos lugares coñecidos por Brañas de Lagorzas, Monte das Mámoas, Marco de Pulgán e Coto Xacente. De marco podía facer calquera elemento existente que tivera certa notoriedade con respecto ao entorno reutilizando mámoas ou menhires ou construíndo un ao efecto aproveitando unha lousa ou un penedal. En todos eles, para distinguilos convenientemente, facíanse gravados con símbolos e inscricións. No percorrido que fixemos recentemente por este territorio lindeiro da nosa comarca atopamos varios marcos con petroglifos, algúns deles inéditos que referimos neste artigo.

montaxe fotográfica mostrando as tres caras da pedra fita
o primeiro marco atopase chantado ao pé da estrada local que vai de Dozón a O Irixo marcando os lindeiros destes concellos. Trátase dunha pedra fita de 1,5 metros de alto no que está a vista por 0,40 de ancho e que pola forma debeu ser un menhir na prehistoria, presentando varias coviñas e riscos antigos daqueles tempos remotos, aos que se superpuxeron na parte inferior unha “cruz pometeada” duns 50 cm. a cada xeito, que coidamos fai referencia ao Mosteiro de Oseira e xa en tempos mais próximos e as letras “D.” e “I.” abreviaturas dos concellos de Irixo e Dozon a cada lado do marco gravadas a medidos do pasado século polo Instituto Xeográfico Catastral (IXC).

semellante cruz e as marcas “M.149” que, segundo o amigo Pablo Sanmartín, foron feitas nos anos 40s do pasado século polo IXC para marcar o “mojón 149” nesa demarcación, figuran nunha lousa dunha mámoa que forma unha necrópole nas inmediacións do marco referido, no coñecido por Monte das Mámoas tamén no lindeiro entre Dozón e O Irixo. A mámoa sinalada nos mapas coma Mámoa de Segade, anda polos vinte metros de diámetro por dous de altura e conserva milagrosamente os esteos que forman o dolmen, aínda que falta a lousa que facía de tapadeira. Na cara oposta a inscrición de Oseira figura outra coa lenda “S. Salvador de O”.

na cima dun dos esteos tamén se poden ollar un par de coviñas que puideran ser anteriores á construción do enterramento. A anta estaba oculta por un espeso mato que tivemos que rozar e unha sinal do Couto de Caza de Dozón polo que o supoñemos que o petroglifo estivo inédito deica a actualidade.

mámoa de Segade
o campo de mámoas referido cos enterramentos dos antigos habitantes destas terras entre os séculos –V e II, está catalogado pola D.X. do Patrimonio coa denominación de conxunto de Mámoas de Segade ao acharse próximas a este lugar da parroquia de San Cosme de Cusanca (O Irixo). Ao longo dun antigo camiño que arrinca da estrada de Dozón ao Irixo e vai polo lindeiro destes dous concellos nunha liña de pouco mais un quilómetro e medio aínda poden apreciarse na actualidade media ducia de mámoas que dende a súa ubicación ao carón dos setecentos metros de altura ofrecen unha impresionante panorámica dos contornos. Todas elas andan polos 20 metros de diámetro e alturas de case 3 metros, aínda que algunhas foron rebaixadas por labores agrícolas e todas, agás a referida das marcas, semellan violadas podendo ollarse buratas de distinta consideración como consecuencia de serlles retirados as lousas que formaban o dolmen. 

na encrucillada do camiño que vai de Abeledo a Cruz da Grade e os que baixan a Sanguiñedo (Dozón) e O Castro (Cusanca-Irixo) a pouco mais de 500 metros do casarío abandonado do Foxo do Cabrito, atopase un marco xurisdicional que debeu ser desprazado ficando deitado na actualidade cando o ensanche da pista polas obras do TAV que deixaron unha escombreira nas inmediacións e do que nos dou conta o investigador lalinense Antonio Presas que publicou recentemente un traballo sobre esta pedra fita-menhir. 

marca de Oseira nun dos esteos da mámoa de Segade
trátase dun penedo de xisto con cuarzo que supera os 2 metros de altura por 0,5 na parte mais ancha e presenta unha cruz latina moi erosionada e medio cento de coviñas dispostas en varias ringleiras de canles na parte superior e varios riscos na parte inferior. O marco podería ser a denominada “Piedra de Sumadeiro” que figura como lindeiro de Sanguiñedo polo S. no Catastro da Ensenada situado preto de outro coñecido polo Marco de Pulgán que segundo contan os veciños foi destruído en tempos recentes.

nesta divisoria entre Dozón e O Irixo, localizamos tamén petroglifos inéditos deica o de agora no Coto Xacente, preto xa da Cruz da Grade onde a maiores concorre o lindeiro do concello de Lalín. Nun penedal de xisto vese unha cruz latina moi desgastada pola erosión e unhas vinte cazoletas de entre 5 e 7 centímetros dispostas sen aparente orde nunha rocha chaira de uns 6 metros cadrados. 
Subliñar que nas proximidades do enclave arqueolóxico referido está o castro de San Mamede de Cusanca (O Irixo) e un campo de mámoas preto do alto do San Martiño (Biduieros-Dozón) a pé do Camiño Castelán de peregrinación a Compostela. 

artigo de DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

fotos de DANIEL GONZÁLEZ ALÉN e PACO LÓPEZ CUÍÑA

montaxe fotográfica de PABLO SANMARTÍN

[AGRADECEMENTOS]: para rematar queremos agradecer aos amigos Manuel Regueiro, Paco López Cuíña , Manuel Méixome, Pablo Sanmartín e Alex Negreira a súa colaboración no traballo de campo e as fotos, e a Luís Fernando Pérez, Antonio Presas e Cesar Gómez Buxán, as súas achegas para a realización deste artigo

publicado en faro de vigo - edición deza, o 4 de decembro de 2016 e en facebook, no muro de DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

11.10.13

reconto nunha pedra que podería ser proxectil pero non será (de momento) …

commons.wikipedia.org
non acepto os límites que non son límites
… que o meu equipo renuncie a gañar a liga e se conforme con derrotar @s outr@s derrotad@s, como o fai o fracasado
acepto o que quero ser: forte, feo e formal, como “Loquiño”, que no me gusta “nada”
… que outr@ sexa mellor e admirar, se me gusta e vai nun barco semellante, o que vexo mentres se perde na distancia da súa vitoria
… amar e ser amado
… o meu lugar, aquel que me indiquen @s compañeir@s de loita
prometo loitar con el@s, para non respectar certas xerarquías certas
… desvelar a natureza política da natureza
… honrar a miña nai e a meu pai, que fundaron unha dinastía, el@s tamén, tan digna coma as que están nos libros de historia, e as que queren entrar, de muiñeiros e doutores, que masculinas!
… defender as causas que reflexione xustas, inda que sexa en compaña de estran@s, oportunistas, idiotas ou fracasad@s
… ir ás casas alleas se @s s@s habitantes defenden esas causas; inda que non me traten ben, como xa ten acontecido
… non contribuír a derruír casas fermosas
… non derrubar esas casas, inda que xa estean abandonadas
… non matar os meus fillos, nin @s m@s alumn@s: quero que medren ata o ceo e me superen en todo, absolutamente
… ser de onde son podendo ser de calquera outro lugar, igualmente
… odiar o privado e promover o público
… non causar baixas inocentes inda que estea seguro que os meus tiros liquidarían o tipo máis culpable do orbe
… non lixar nunca a inocencia d@s inocentes, só procurar que a superen sen traumas deformantes
… desprestixiar a Deus tal e como se coñece(n) e liberar @s human@s que o desexen
non acepto que queiras estragar a miña labor colexiada polo rancor que che cría o teu fracaso
prometo ensinarlles as estrelas mentres ela me mira
… revisar esta promesa cada día
… ser un suxeito e non tratarte como un obxecto
… non falarche claro para que espabiles, que che fai falta
… non facer co meu odio o que fai el, o meu veciño
… baixar a garda se me prometes que me queres
… non ser agradable todos os días, porque non podo
… que @s que me queren saiban e sintan que @s quero todos os días que me deixe o ruído
… que non vou mudar detective
… que se soño ser detective voulle axudar á pasma a cachar ao delincuente máis grande, non coma un veciño meu que pensa que xa fixo abondo con entrullar o traficante de menudillo, hipócrita e falso (non o traficante, hipócrita el)
… xogar coas regras (e trampulleiro, por suposto)
… volver durmir en Cusanca e ser veciño da Cacharela, da que fun desterrado
… non choromicar se perdo
… non saber do que falo e seguir aprendendo do que quero falar
… tentar non morrer nunca
… procurar a miña propia eutanasia cando o meu corpo non me deixe ser eu
… podrecer cando estea morto como fixeron @s que quixen e xa non están, e como @s outr@s, que non me importan nada
… honrar @s m@s mort@s da casa de miña nai e a do meu pai, e o seu legado, inda que sexa segredo
… non esquecerme de ti

21.8.13

os cusanca

panorámica do convento de Ribadavia
www.ribadavia.net
CUSANCA, Frei Afonso de. Naceu probablemente antes de finalizar o segundo terzo do s. xiv en Cusanca (ou a aldea próxima a Iria, Padrón ou –esta parece a opinión máis certeira– a sita na freguesía de Irixo, Ourense. «Foi este insigne relixioso un dos grandes homes que floreceron na Orde de Santo Domingo e deron gloria á igrexa española na primeira metade da décima quinta centuria». O historiador Ávila y la Cueva cree que era irmán de Xoán, a quen sucedeu no provincialato, e coma el naceu en San Cosme de Cusanca, que entón pertencía á xurisdición da Orde de Malta. Ingresou moi novo no convento de Ribadavia, como afirma o pai Bujarin no seu Santoral de la Orden e testemuñan documentos daquel arquivo. Unha vez emitidos os seus votos relixiosos, frei Afonso consagrouse de pleno ao estudo: obtivo o grao de doutor, dedicouse ao ensino e chegou a ser un dos primeiros oradores do seu tempo. A súa actuación docente foi tan relevante que o pai Medrano exprésase nos seguintes termos: «Grande opinión tiña nestes preitos o Mestre Frei Alonso Cusanca, pero as súas prendas e méritos vencían o crédito e a opinión. Despois de ter empregado moitos anos no ensino da Sagrada Teoloxía,  ocupoulle a obediencia en varios priorados, nos que dou gran sensación de xustiza e disciplina». Segundo manuscritos do arquivo conventual ribadaviense, frei Afonso foi prior do convento de San Pedro Mártir de Toledo, sen sinalar data. O que si está documentado foi o seu priorado e procuradoría do de Ribadavia, onde gozou de tal prestixio que mereceu ser nomeado testamenteiro na comarca en varias ocasións. Murguía di que no seu priorado debeu construírse o mellor deste convento. Dende 1406 desaparece o seu nome nos documentos de Ribadavia, «polo que hai que supor loxicamente o seu traslado a outros puntos para ocupar cargos máis relevantes». En 1412 desempeñaba o alto posto de provincial de España. Confesor de Henrique III, segundo o pai Medrano; tamén da raíña Catalina de Lancaster, e, igual que seu irmán Xoán, de Xoán II, como afirman Medrano e o pai Risco (Medrano: «Formou a primeira infancia do Rei -Xoán II- como Mestre, y despois coma Confesor, o Mestre Frei Afonso de Cusanca; durou neste emprego ata o ano 1410, en que os seus méritos, e a gratitude do seu Real discípulo, elevárono á Mitra de Salamanca»). O pai Pardo di que Medrano non estivo acertado ao fixar 1410 como o ano en que cesou frei Afonso no seu cargo palatino por ter sido nomeado bispo de Salamanca, porque xamais rexeu esta diocese, inda que unanimemente o afirman os historiadores seguindo a Gil González Dávila. Fronte á tese negativa do pai Pardo, o historiador Eleuterio T. Andrés asegura que frei Afonso gobernou a diocese salmantina dende 1413 a 1420, precisamente nos anos nos que non é posible atopalo noutra parte. Logo pasa á sé episcopal de Ourense, para a que foi preconizado –segundo o pai Eubel– o 6 de marzo de 1420, onde era provisor o dominico galego frei Lope de Galdo, procedente do convento de Viveiro e non de Ribadavia, como erroneamente di Fernández Alonso, a quen atribúe tamén o goberno do bispado, por crer que o pai Cusanca non chegou a rexer esta diocese. Dito extremo non puido ser comprobado nin na biografía do pai Galdo nin nos documentos que obran no arquivo episcopal. Do seu paso por Ourense, o pai Flórez afirma que o 1 de xaneiro de 1421 despachou o título de xuíces que por foro da sé tiñan que administrar xustiza. Tamén consta –e así sinala o propio Fernández Alonso, contradicíndose– que en 1422 obtivo do Papa Martín V unha bula mediante a que comisionaba ao chantre de Tui para litigar cos ministros do concello, que pretendían facer pagar pechos aos eclesiásticos do bispado. En 1424 o pai Cusanca foi promovido á sé de León, diocese na que puxo de manifesto as súas altas dotes de gobernante e lexislador. Ditou en xuño de 1426 unhas interesantes Constitucións Sindicais que, segundo o pai Risco, ocupan un lugar honorífico entre as Coleccións conciliares. Estas Constitucións obedecían á necesidade de por urxente freo «aos desmandos e extralimitacións constantes de cabaleiros, escudeiros, donos dos pobos do bispado, que inferían impunemente os maiores agravios aos cregos, inmiscíndose no goberno da Igrexa e usurpando a xurisdición espiritual propia dos párrocos e demais pastores da grea Cristiá». Promulgou outras constitucións contra os cóengos, beneficiados e restantes membros da súa igrexa que se inxuriasen mutuamente, en cuxa virtude se castigaba o delito con multas severas, proporcionadas á gravidade do mesmo. En 1434 rexeitou o traslado á diocese de Osma e seguiu en León ata a súa morte, acaecida probablemente en 1437, ano no que lle sucedeu Xoán de Mella. Como indica o pai Olmeda, recibiu sepultura na catedral leonesa e non no convento de Ribadavia, onde se supuña que pasara os últimos días. Foi, sen dúbida, un xeneroso benfeitor do convento ribadaviense, ao que fixo espléndidas doazóns.

CUSANCA, Frei García. Tamén dominico, profesou no convento de Ribadavia, onde ocupou o cargo de procurador ou mordomo en 1430, dedicado preferentemente ao ensino. No Capítulo xeral celebrado en León ao ano seguinte designóuselle para rexentar a cátedra de Sentencias no Estudio Xeral de San Paulo de Valladolid. En agosto de 1433 foi elixido prior do seu querido convento ribadaviense, que desempeñou varios anos.

CUSANCA, Frei Xoán de. Igual que seus irmáns, ingresou nos dominicos. Profesou no convento de Ribadavia e, debido aos seus vastos coñecementos, encomendáronselle labores didácticas. En 1424 pasou, co título de mestre en Filosofía, ao convento de Tui. Foi provincial de España e confesor de Xoán II en 1411, así coma vicario e finalmente prior do convento de Ribadavia.

REFERENCIA BIBLIOGRÁFICA
VILANOVA RODRÍGUEZ, ALBERTO: Gran Enciclopedia Gallega (tomo 8), voces CUSANCA, Fray Alfonso de – CUSANCA, Fray García – CUSANCA, Fray Juan de; pp. 165-6.

6.12.11

proxecto Cusanca, cronoloxía

xente de andaina, bebendo na fonte de cusanca
887, 29 abril - (doc. 111 do mosterio de Sobrado dos Monxes) Escritura de doazón feita por Sisnandus en favor da súa esposa Eldontia. Entre as testemuñas que asinan o documento hai varias mulleres. O texto latino é sintacticamente escuro, pero os tópicos preliminares son un trazo característico, como poñen de manifesto non só as fórmulas visigóticas de entrega do dote (Gil, 1991: nos. XIV-XX), senón tamén os dous documentos de Celanova recollidos máis adiante.

No nome de Deus. Eu, Sisnandus, a ti docísima esposa miña. Conseguindo para min o teu matrimonio por gracia divina, segundo os costumes da futura esposa, e desexando ardentemente vivir contigo e facerte unha esposa feliz, preferín prometerme cunha nobre familia e elixi-lo teu amable consentimento, na liñaxe onde brilla o esplendor da súa nobreza e resplandece a beleza na fermosa honestidade dos homes. Por todo iso, a causa do extraordinario de tan grande solemnidade, elixín o inviolado pudor da túa virxindade. Damos e concedemos á túa dozura a título de dote dez mozos, que son: Fromarigus, Petrus, Betotus, Recaredus, Malulus, Feles, Marcitus, Exela, Severinus e Lopellus; tamén dez mozas, que son: Teodesinda, Malucca, Exilo, Gonza, Rosalía, Domnina, Guncina, Oihenia, Ansoi e Pinniola; vinte cabalos e unha besta coa súa sela e o seu freo adornado, cincuenta eguas, cen vacas, vinte parellas de bois e cincocentas ovellas comúns; para adornos e vestidos catrocentos soldos; ademais de trinta vilas, que son: no termo de Nemitos, Genrozo, Viventi, Caliobre, Vendabre, Pontelia, Teoderici, Heletos, de sobrenome Limenioni, Crendes e Vilar-Porcimilio; no termo de Montanos, Laureda de San Pedro, Vilar-Barvarios, Camba, Vilamaior, Gaffoni; en Presares: Idstartidoni, Vilar-Mandeo, Codessoso e Lagoa de Santa Eulalia; en Castella, Vila-Trasarici da Igrexiña Pinzare, Dornelles, Cusanca, Verduzedo, Bitolainos, Sandurci de Galegos, Castanaria, Pescoso, Indeza, Paraiza, Pastoriza, Navego e Asma. Ademais, [douche] a décima parte de todo o meu. Así, deste xeito, todo o que enumeramos máis arriba, inscribímolo ó teu nome e doámoscho neste documento de dote, para que desde hoxe en diante o tomes, teñas e posúas, e deixes ós nosos fillos nados deste matrimonio, e concédoche a potestade de facer e dispor disto como desexes. Se alguén, o que non creo posible, se manifestase en contra do que acabo de facer, que che pague o enumerado anteriormente duplicado e triplicado, e canto fora mellorado por ti, para que o teñas para sempre. Feito este documento de dote e doazón o tres das calendas de maio da era 935 (29 de abril de 887), sendo rei o príncipe don Alfonso.
Heustoca, confesor [signum]; Sisnandus, que quixo facer este documento, asina coa súa propia letra, confesor [signum]; Abade Cissila, confirmante [signum]. Uniscus, testemuña; Herus, testemuña; Abade Hermiles, testemuña; Fofus, testemuña; Xemundus, testemuña; Exica, testemuña; Fafianus, testemuña; Sisegundia, testemuña; Lucidus, testemuña; Presbítero Exica, testemuña; Avolinus, testemuña; Aldoretes, testemuña; Hermenexildo, testemuña; Breto, testemuña; Fredenanda, testemuña; Galendus, testemuña; Brettus, testemuña; Froila, testemuña; Refulfus, testemuña; Iunze, testemuña; Teodomiro, testemuña; Gundixeva, testemuña; Nunnilo, testemuña; Flamula, testemuña; Ailo, testemuña; Goldegrogo, testemuña; Fredenanda, testemuña. Redactouno o presbítero Uianamundus [signum].

carro nun curro de cusanca
1112 - Pedro Froílaz, conde de Traba, recibe dereitos sobre a agua de Cusanca pola Raiña Urraca en pago á súa adhesión.

Doazón de Urraca aos condes de Traba: "Eu, Urraca, raíña de toda España co meu fillo, don Alfonso fago esta carta para vós, querido, Don Pedro Froylaz e para a vosa queridísima esposa Dona Maior Roderici… dos coutos e augas do Dozón, do Deza, do Arnego nos termos de Cusanca e de canto ten a casa de Varcena ademais do garantido en Deza e en Camba, e en Castela, e en Cusanca e en Montes e no Salnés … Eu, a raíña Dona Urraca, como xa teño escrito máis arriba, doulle e concédolle, querido Don Pedro e queridísima Dona Maior todas estas vilas e igrexas nomeadas anteriormente, porque asi mo ordeou o meu pai o rei Don Alfonso que vos criou e mantivo e polo fiel servicio que recibiu de vós ata o día de hoxe e pola crianza e mantenza do meu fillo Don Alfonso, para que teñades estas herdades vós e os vosos fillos e toda a vosa descendencia e na vida e na morte, fagades dende hoxe toda a vosa vontade".

1128, 8 outubro - Xoán Díaz, conde galego, bo coñecedor da estrutura e funcionamento do cabido de Xerusalén, entrega «ao patriarca, os coengos e os seus ministros» do Santo Sepulcro todo o pobo de Cusanca. As posesións da orde en Galicia abarcaron cuantiosos bens inmobles e igrexas parroquiais en cando menos seis pobos (todos próximos á casa prioral en Pazos d'Arenteiro: con estrutura pacega, nunha estrema da cal había una torre con dous sobrados) na diócese de Ourense: Albarellos, Astureses, Cusanca, Readengos, Dadín e Moldes.


hórreo en cusanca
1183, xullo 21 - (Colección de documentos medievais do arquivo da catedral de Ourense, 1917, páxs. 66-68) Cusanca aparece mencionada nun documento asinado en Verona polo papa Lucio III, quen confirma as doazóns feitas á igrexa de Ourense: LVCIVS EPISCOPVS SERVVS SERVORVM DEI VENERABILI FRATRI ALDEFONSO AVRIENSI EPISCOPO EIVSQUVE SVCCESSORIBVS CANONICE SVBSTITVENDIS IN PERPETVAM MEMORIAM: «Ecclesias de Cusanca, Castella, Bubalum».


1212 - M. Martínez, comendador do Santo Sepulcro en Ribadavia, Cusanca e terra de Orcellón, cambia con Alfonso Pérez e a súa muller Sancha Arias unha viña en Monte Mediano, que lle doara pola súa alma Arias Pérez, por outra viña na veiga da igrexa de Santiago de Ribadavia: «Era Mª CCª Lª et quotum ... ienuarii. Notum sit tam presentibus quam futuris quod ego M. Martini commendator ex parte Sepulchro in burgo Ripe Auie et in Cusancha et in terra de Urzelon una cum conventu eiusdem loci et omnis vox nostra tibi Anfonsus (sic)».
 
1335, abril 25 - En Chantada, don Xoán Pérez, abade do mosteiro de San Salvador de Chantada, co seu convento, afora a Lourenzo Eanes, á muller que tivera, e a un fillo ou filla, dous casais situados na vila de Cusanca, no lugar que chaman As Quintás, baixo certas condicións. Debería pagar anualmente de renda dous moios de pan; se houbese problemas de sarabia ou xiadas que estropearan as colleitas, pagaría 100 soldos de moeda nova do rei Afonso, Ademais, pagaría tamén anualmente ao comendador de Astureses 40 soldos desa moeda.
 
1422 - ocupa o bispado de Ourense Afonso de Cusanca.
 
igrexa de cusanca
1489 - a bula de disolución «cum solerte» emitida por Inocencio VIII finalmente incorpora as posesión da Orde do Santo Sepulcro á orde de San Xoán. Así acabou a historia dunha institución que perdurara durante case quinientos años, unha institución que transportaba e fomentaba a espiritualidade jerosolimitana en Galicia.
 
1563 - Apeo dos bens e xurisdición pertencentes á encomenda de Pazos de Arenteiro, a petición de Diego de Guzmán, o seu comendador. Cítanse os lugares de San Miguel de Albarellos, San Cosme de Cusanca, Santo Tomé de Serantes, Santa María de Xuvencos, Pazos de Arenteiro e a xurisdición de Castro Cabadoso.
 
1606 - Apeo do couto e freguesía de Cusanca.
 
1668 - Memorial de bens para o melloramento da encomenda de Pazos. Na freguesía e couto de Astureses exercía a Encomenda a xurisdicción espiritual e temporal, con prior ao cargo da súa igrexa e casa tulla para a recollida de dezmos e rendas. A xurisdición estendíase á freguesía e couto de San Miguel de Albarellos, con potestade criminal, espiritual e temporal e prior a cargo da súa igrexa, que era de presentación e nomeamento da Encomenda; dentro da freguesía dispoñía tamén das granxas de Albarellos, Taman e Salón, destinadas á recollida dos dezmos e foros da mesma, que consistían no pago de uva e viño. Tamén San Cosme de Cusanca era xurisdición civil, criminal e espiritual da Encomenda, que provía á súa igrexa de prior; os dezmos, preeminencias e rendas á que estababan sometidos eran varios, coa obriga de seren transportados a Pazos. A igrexa de San Pedro de Dadín era de presentación da Encomenda, que exercía a xurisdición civil e criminal; as rendas dos seus fregueses recollíanse na casa tulla de Saavedra, transportándose logo a Pazos. Nas freguesías de San Xulián de Parada de Labiote e Santa Olaia de Reádegos cuxas igrexas eran de presentación da encomenda, a xurisdicción era só temporal; as numerosas rendas á que estaban suxeitas recollíanse na tulla de Reádegos. Ademais a actuación da Encomenda de Pazos non se limitada aos cercanos termos municipais de Boborás e O Irixo, senón que afectaba tamén a terras pontevedresas, como acreditaban os foros á que estaban sometidos os lugares de Cambados e Couto de Nogueira.
 
próximos a cusanca
1715 - Apeo do Partido de San Cosme de Cusanca.
 
1762 - Novo apeo do Partido de San Cosme de Cusanca.
 
BIBLIOGRAFÍA:
JASPERT, Nicolas: "Peregrinos gallegos a Palestina y las relaciones entre los cabildos de Compostela y Jerusalén en el siglo xii" Potestas, nº 1, (2008), pp. 149-170.
PEREIRA MARTÍNEZ, Carlos: "Documentos da Orde do Santo Sepulcro en Galicia", Anuario brigantino, nº 30 (2007), pp. 211-230.

visitantes