proxectos

12.7.26

a porta entreaberta (v): as mans espidas

o mozo guiounas ata unha casa de pedra agochada entre castiñeiros tan vellos que as súas pólas parecían sosterse unhas a outras para non caer. había un lume sobre o que fervía unha pota que espallaba un arrecendo doce, descoñecido.

a vella quedou fóra, sentada baixo unha árbore, inmóbil.

o mozo serviu comida e viño e cando remataron de cear, apagou unha a unha as candeas. só quedou acesa a lapa da lareira.

—a noite é longa. nom deixedes que o medo a faga aínda máis longa.

volveu xogar co seu pano e esta vez apareceu entre as mans un espello.

—cando foi a última vez que vos mirástedes de verdade?

cando ao amencer Aldara abriu os ollos, o lume xa só era cinsa e a casa estaba en silencio. chamou pola irmá, e Elvira respondeu desde o cuarto do lado.

estaban soas. nom había rastro do mozo nin da vella. só atoparon sobre unha mesa dúas fontes con froita, pan acabado de cocer e un pequeno pergamiño dobrado.

cando volvades confiar nun rostro fermoso, lembrade esta mañá. hai tempo aprendín que o mentireiro rara vez paga o prezo. case sempre paga o que confía. nom procuredes vinganza. atopa ela soa o camiño.

Aldara levou instintivamente a man ao dedo. Elvira fixo o mesmo. o seu anel tamén desaparecera. miraron os pulsos e as pulseiras reais, gravadas co selo da súa casa, tampouco estaban.

nom eran perdas irrelevantes. os aneis eran a autoridade. cada soberana recibía o seu diante dos Valedores, e dicíase que ningún outro metal gardaba durante séculos a lembranza dunha persoa. por iso ningún falsificador lograra enganar aqueles aneis: nunca aceptaban outro dono.

—levou máis ca ouro.

—levou a nosa palabra.

durante días cabalgaron sen apenas descansar. cada río que cruzan descobren máis cansazo nos rostros. ata que, por fin, apareceron diante das murallas da cidade. pero os gardas cruzaron as lanzas.

—abride as portas.

o capitán examinounas de arriba abaixo.

—quen sodes?

Aldara sorriu con incredulidade, estades a falar coa raíña.

un murmurio percorreu a muralla. algúns gardas riron. outros limitáronse a baixar a cabeza, avergonzados pola ousadía daquelas dúas descoñecidas. o capitán mantivo o xesto serio.

—toda persoa pode dicir que é raíña. mostrádeme os aneis e as pulseiras.

o capitán demorouse nas mans espidas.

—marchade antes de que perda a paciencia.

Aldara estivo a piques de desenvaiñar a espada pero a súa irmá suxeitoulle o brazo.

—chamade por Brea.

—Brea?

—se ela nos ve, saberá quen somos.

o capitán dubidou. aquel nome aínda inspiraba respecto. finalmente fixo un aceno a un mensaxeiro.

—teredes que agardar.

sentaron xunto ao camiño. o sol subiu e despois baixou. chegou a noite e ningunha falou. ao segundo día empezou a chover. ao terceiro, un carro detívose preto delas.

unha muller de cabelos completamente brancos baixou amodo. camiñaba axudándose dun bastón e os gardas abríronlle paso sen dicir palabra.

Brea achegouse ás dúas mulleres. durante un longo intre limitouse a observalas. primeiro demorouse nos ollos, nas mans apenas se detivo, sabendo xa onde atoparía as respostas.

Aldara sentiu por primeira vez un medo máis fondo ca todos os anteriores. e se tampouco ela as recoñecía?

a vella deu un paso máis. ergueu unha man engurrada. apoiouna con suavidade sobre a fazula de Elvira. pechou os ollos.

e sorriu.

—os rostros cambian. mesmo a memoria muda coa idade. pero a tristeza …

e abriu os ollos.

—a tristeza nunca aprende a mentir.

inclinouse diante de Elvira. despois diante de Aldara. os soldados quedaron petrificados e Brea volveuse cara ás murallas.

—abride as portas. esa tristeza nom fai casa nos impostores.

No hay comentarios:

arkivos

visitantes