proxectos

7.7.26

a porta entreaberta (ii): a historia sen dona

os médicos cosen a carne cortada, arrefecen a enfebrecida e chaman de volta o alento dos afogados. pero diante de Maia estaban tan perplexos coma min.

con todo, instruín que a atenderan e durante nove días nom se separaron dela. escudriñaron os seus ollos con lentes exipcias, sentiron o corazón con discos metálicos que ninguén estaba seguro de estar utilizando ben. pedíronlle que camiñara, que durmira, que lembrase, e que esquecese. pero todo daba igual. nom estaba enferma.

—se está sa, retornádelle a luz.

falaba pouco e pasaba as horas mirando polas fiestras da torre oriental, desde onde se vían as rúas da cidade morta, cuberta de hedras e néboas, con árbores que nom conseguían conquistar a cima dos muros, onde quizás inda se podían recuperar verdades que precisabamos.

as da xente de antes.

ela mirábao todo como se agardase a resposta que ninguén atopaba.

un serán subín soa e senteime a carón. durante longo nom dixemos nada.

—é posíbel que un só instante mude para sempre o que somos?

—matei dúas persoas.

sospeitara algo así.

—cando o vin con Nura pensei que era o seu rostro o que cambiara. mais foi o meu.

naquela cidade derrubada que mirabamos seguramente houbera moitas historias que comezaran cunha traizón, e poucas que remataban nela.

—nom vos podo contar o que me aconteceu.

—por que?

—porque xa nom me pertence.

foi como se alguén abrise de súpeto unha porta que sempre tivera diante sen chegar a fixarme nela.

—é a historia dunha raíña, e de moitas.

dubidou un segundo e logo seguiu como se, de súpeto, lembrara o camiño correcto nun labirinto.

—esta gobernaba un reino máis pequeno ca o voso. unha súa irmá máis nova tamén reinaba, máis ao norte, sobre terras moito máis extensas, e todos dicían que era a máis xusta das soberanas.

aquel día ninguén esperaba que regresara tan cedo ao pazo e atravesou os corredores en silencio, empurrou a porta do seu cuarto e atopou o seu home en brazos dunha escrava.

—por que vos detedes?

—é case noite e ambas sabemos que as historias tamén precisan durmir.nom estaba afeita a que desatenderan as miñas instrucións pero comprendín que seguir sería destruír o relato. e levantei para marchar.

—como sabes esa historia?

sorriu por primeira vez desde que chegara ao pazo.mirou os muros ruinosos e soberbios.

agora sorriume a min.—nom a sei. é a historia a que me sabe a min.

nom o final daquela historia sen donas o que me roubou o sono. intuín que a luz escolle rostros e as historias, voces.

No hay comentarios:

arkivos

visitantes