proxectos

Mostrando entradas con la etiqueta deza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta deza. Mostrar todas las entradas

4.12.14

galegos estranxeiros no mundo

circula estes días polas redes sociais un vídeo de felicitacións do Nadal do Alcalde de Lalín á comunidade galega de Deza no estranxeiro. Sobre o contido do mesmo, que debuxa un Lalín de vangloria excelsa, mellor non dicir nada, ou case nada, lembrándome o conto de HC Andersen, ‘o traxe novo do emperador’.

eses veciños e veciñas son ademais, en parte, estranxeiros naqueles países que residen. Acollidos para traballar e crear os seus proxectos de vida da maneira máis digna posible, obrigados a marchar pola historia ben coñecida por todos, da emigración galega tinguida de fame e da represión do réxime franquista. Os nosos emigrantes tamén padeceron, en boa medida, graves problemas de integración, uns lograron certo éxito e moitos viviron da miseria, e do que o uso pexorativo e despectivo do termo ‘galego’, alá en Sudamérica, nos da idea do duro que puido ser a súa morriña.

por outra banda, son curioso de coñecer a realidade que rodea a aqueles cidadáns do mundo que por circunstancias da miseria e pobreza estrutural dos países dos que proceden tentan agarrarse a unha oportunidade dunha vida máis digna. Fai uns meses falando cuns mendicantes chegados de países do leste dicían que se viran obrigados a marchar condenados por fortes inundacións que destruíran os seus cultivos, e dada a súa condición de pobres, as posibilidades de recuperación nos seguintes anos sucumbían ante a fame. A fame e o frío fanse máis fortes canto máis pobres. E conduce a tan inmensa desesperación que con tristeza se ven obrigados a abandonar o seu, as súas xentes, coa dureza de saber que quizás non regresen. Afirman que por mal que lles poidan estar aquí as cousas, incluso ata mendigar é moito mellor que ser campesiño pobre alá. Todas esas persoas teñen unha historia, pero ante todo son cidadáns, estean onde estean, e suxeitos a un dereito na protección das persoas.

pero quedo desencaixado pola, quero pensar desafortunada, declaración do Alcalde, onde pide un endurecemento do código penal para os estranxeiros que delinquen. Un exabrupto sobre discriminación e desigualdade, que desvirtúa a condición universal de persoa e cidadán, unha declaración impropia de quen ven (político máis ben centrado na cousa municipal e non tanto dos debates parlamentarios en materia lexislativa, agás que estea a pensar en redefinirse politicamente), que merecería aclaración e rectificación. Sería o lóxico.

non é tolerable que se establezan por lei efectos penais con distinción entre cidadáns dunha clase ou outra, en función do seu arraigo patrio, e para uns garantir dereitos fundamentais e a outros articularlles unha reserva legal de negación de certos dereitos que por riba denigran a súa condición de persoa, simplemente por non ser nacional, privándolle das garantías penais e procesuais que inspiran o noso sistema penal.

algúns expertos en dereito penal consideran que a adopción de medidas coma a expulsión, como pide o alcalde, implican xuridicamente identificar ao estranxeiro (o pobre) coma individuos potencialmente perigosos, e que no caso de delinquir poderían quedar excluídos de calquera fin de reinserción, nunha medida que se podería considerar inconstitucional, debido a que os principios da política penal deben gardar coherencia co mandado constitucional de reeducación e rehabilitación social (artigo 25) que se espera da aplicación das penas. A priori estableceríase un elemento claro de indefensión para estas persoas, medida que tamén resultaría contraía a  outro principio constitucional, o do artigo 24, que ampara a todas as persoas a ter dereito a obter unha tutela efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, sen que, en ningún caso, se poida producir indefensión.

poderíase pensar que se trata dunha declaración illada pero lamentablemente o tema non é novo, e coincide cos movementos do goberno do PP que está a impulsar neste ámbito un conxunto de reformas do Código Penal, da Lei de Estranxeiría e da Lei de Seguridade Cidadán, non sen polémica e tenso debate parlamentar no Congreso, e acompañada de mobilizacións de distintas plataformas cidadás na rúa.

esta reclamación de endurecemento do Código Penal, casualidade ou non, pero en liña coas teses do goberno, dispensa un trato discriminatorio e inxusto contra eses dereitos fundamentais das persoas que tamén quereriamos parar todos aqueles galegos que temos na diáspora.

MARTIÑO NERCELLAS MÉNDEZ

3.12.14

manifesto contra o racismo

ante as recentes manifestacións públicas do Alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, @s abaixo firmantes queremos manifestar a nosa repulsa contra unhas declaracións que consideramos inxustas, descoñecedoras da realidade e fomentadoras dunha cultura xenófoba e violenta.

nun momento como o actual, onde nos últimos anos se veñen destapando a diario actos de corrupción, roubo, e estafas xeneralizadas por diferentes persoas con importantes responsabilidades en Concellos, Diputacións, Caixas de Aforro, empresas públicas e privadas, persoas que raramente son estranxeiras.

nun momento no que as persoas inmigrantes en todo o mundo, e particularmente en España, son sometidas a actos de violencia institucional denunciados pola sociedade e por diferentes asociacións, colectivos e institucións internacionais (devolucións “en quente”, cuchillas nas vallas, disparos a persoas que están afogándose, torturas en CIEs, redadas e deportacións masivas,  …).

terceirociclo-arzua.blogspot.com
nun momento no que milleiros de galegos se ven obrigados a coller a maleta e emigrar como o fixeron xeneracións de galegos que nos precederon.

nun momento no que movementos xenófobos agroman en países como Francia, Suíza, Reino Unido ou Alemania.

nun momento, en fin, no que como en calquera momento histórico, a xente se ve obrigada a deixar casa e país por intereses económicos das corporacións internacionais, … nese momento, o Alcalde de Lalín vén fixar a atención e reclamar endurecemento das penas.

pois non, os vecinos de Lalín, fillos, netos e bisnetos de emigrantes, decímoslle á sociedade que as víctimas non deben ser tratadas como verdugos.

decímoslle a Xosé Crespo que non queremos que fomente o racismo nin a violencia desde o cargo polo que representa ao noso pobo.

esiximos que pida disculpas polas manifestacións nas que pide endurecemento de penas para os inmigrantes, e que recoñeza públicamente a aportación que os inmigrantes teñen feito ao noso pobo e a Galicia enteira.

texto de 'miguel fernández taboada'

20.10.14

Manifesto pola protección das Fragas de Catasós ante o paso da LAT

I andaina reivindicativa contra a tala en Catasós
www.lavozdegalicia.es
O castiñeiro gozou de sacrosanta presenza durante décadas en Terras do Deza. Non era pouca a súa importancia, pois as xentes da aldea, as xentes do “universo Lalín”, coma en todo o mundo galego, tiveron nas súas facendas coidada querenza de apañar os tributos destas árbores, amais, dominadoras da paisaxe.

Dende a cabeceira da cama e os mobles da casa, nas lareiras, ate na comida no cortello dos cochos, algo do castiñeiro sempre estaba presente. Taboleiros, leña, e castañas, entre outros, foron entón testemuños inherentes do costumismo dun rural de Lalín. E o rural para o Lalín debería selo todo.

Na Fraga das Casas vellas, medio souto medio fraga, conviven árbores centenarias, disque algúns de dous e tres séculos, de porte abafante, e disposición a monte, con aliñacións de soutos maduros de castiñeiros vistas por varias xeracións. A fraga foi monte, poderío do carballo atlántico, afanosa de non perecer á domesticación secular do territorio. Pero viu chegar a innovación forestal, para transformar eses montes en soutos modernos, castiñeiros en ringleiras que puxeran fin ao desorde da dispersión e da autosuficiencia no aproveitamento dos castiñeiros.

Así foi fai douscentos anos na veciña de Quiroga, hoxe Monumento Natural, na que foron chantados os pés dos xigantes máis coñecidos de Catasós -aqueles que impresionaron na visita do ano 1954 ao fitopatólogo americano Flipp Gravat (1891-1969)-, produto dunha nova transmisión do agrarismo galego a través do poder territorial das casas paciegas, neste caso do Pazo da Casa de Quiroga. Dona Emilia Pardo Bazán coñeceu ben os seus camiños, o paseo por estes soutos, nunha obra moi marcada pola influencia do naturalismo literario, que tal vez, agromou por estes lares.

Inculcou este paso de modernidade silvícola no rural de Lalín a acometer aproveitamentos de castiñeiros máis ordenados e de mellor renta anual, mantendo unha continuidade entrelazada de soutos e fragas ao longo do val de Catasós, que en tempos non entendería da división visual que hoxe temos entre a Fraga de Quiroga e outras, coma a de Casas Vellas e rego de Quintela.

A Fraga de Casas Vellas ten moito que ensinar, xa que alí houbo un viveiro de selección de variedades de castañas, a principios do século XIX. O seu propietario reparou en plantar e seleccionar a mellor castaña, a de mellores calidades e adaptación ao clima do Deza. Observou os matices e diferenzas dos froitos apañados dos soutos da comarca para seleccionar as variedades máis prometedoras. Eran tempos dos que o mundo real remataba cerca da casa e descoñecedora, en maioría, de especies e cultivos do lonxe. Cos anos chegarían árbores seleccionadas doutros lugares, de Francia, Portugal … supostamente con rendementos moi elevados, máis débiles o ambiente natural do lugar que lles abriu as portas á invasión do chancro e da tinta que hoxe afectan a moitas desas masas. Tal cal, o propietario de Casas Vellas,  coma un experto da xenética hereditaria mendeliana - que escasamente transcendera no coñecemento científico da época medio século antes-, plantou eses pés para que hoxe aparezan  ergueitos, maxestosos centenarios, e coma quen apaña este ou aquel cogomelo, só os máis vellos do lugar son capaces de diferenciar entre os ourizos, aquel surtido pretendido de variedade de castañas: a famosa, negral, oura, rosario, abadá, pelada, temprá, patacuda, rañuda e mazaíña.

imaxe da lectura do manifesto
www.lavozdegalicia.es
E ten moito que ensinar, pois a memoria de Lalín xa pouco sabe de identificar estas variedades nos soutos e pés de castiñeiros de todo o Concello. Ese viveiro de castiñeiros das Fragas Vellas, hoxe souto maduro, ten moito coñecemento enciclopédico gardado, un Tombo académico incunable das variedades locais resistentes á peste da tinta, da selección das variedades mellor arraigadas o rigor do clima local, das que son máis e menos produtivas, das que se diferencian no calendario fenolóxico. En fin, os segredos dos castiñeiros de Lalín e do Deza, gárdanse en soutos descoñecidos que tiveron a peculiaridade de ser, tal vez sen sabelo, dos mellores cultivos experimentais que chegan viaxeiras do pasado aos nosos tempos. A Fraga Vella é precisamente exemplo destacado disto, e o testemuño que rubrica o que pretendeu ser este souto pode que sexa un dos poucos piñeiros mansos que poden verse en Terras do Deza que alí medra cando as outras árbores.

Con todo isto preténdese reflexionar de que a paisaxe de Lalín é unha paisaxe rural galega que foi moi característica do interior do País, que responde a unhas circunstancias e realidade forxada ao longo de séculos froito do traballo dos nosos antergos.

Lalín leva décadas consumindo paisaxe e transformándoa sucesivamente cara o vulgar do territorio. Pasamos de ser un Concello claramente recoñecible polo seu verdor autóctono a desfiguralo ledamente, e conformarnos con deixar retais espallados sen prestarlle a debida importancia. Só importou prosperar, medrar, sen pararse a mirar atrás. Non se reparou que moito do desfeito ben puido facerse de outro maneira.

A LAT do Irixo-Lalín vén sendo máis do mesmo, repítese por enésima vez este conto. Que chegue, e que chegue pronto! Nesas coordenadas pensouse para mellorar o caudal eléctrico do Concello, negado trinta anos, e agora urxente de facelo. Con tódolos permisos e autorizacións, e negadas as alegacións ambientais, os nosos administradores non repararon na desfeita paisaxística e ambiental sobre o territorio. A caso, non coñecen o que temos?, ou non valoran os sinais de identidade da imprescindible arquitectura territorial do que é Lalín?.

Esta liña de Alta Tensión custaralle un pírrico esforzo á compañía eléctrica, que na realidade pagaremos tódolos cidadáns, primeiramente os propietarios, e despois toda a veciñanza de Lalín. Pois se a paisaxe tivera prezo, se computaramos o valor económico dun medio natural tan ben conservado coma estas fragas -o feito de cortar unhas fragas con historia, 2.000 árbores, moitas centenarias e bicentenarias-  tería un custe de mercado tan alto que soterrar unha liña ao longo, por exemplo, da N-525, seguramente sería irrisorio.

Para que non nos rouben o patrimonio verde de Lalín, marca xeracional da nosa identidade, non permitamos a destrución da Fraga das Casas Vellas e o rego de Quintela. Non ao paso da Liña de Alta Tensión por estas fragas.

MARTIÑO NERCELLAS
Lalín, a 18 de outubro de 2014

11.10.14

o mosteiro de Lalín de Arriba

igrexa de Martiño de Lalín de Arriba
ventá románica na ábsida
con inscrición da fundación do mosteiro
en 1763 o pai Rodríguez publicou o ‘tumbillo’ de pergameos do Arquivo Catedralicio de Lugo, que inclúe unha escritura de doazón de bens ao mosteiro de Martiño de Lalín de Arriba feita por Adosinda Gudesteiz, filla de Gudesteo e Ledegundia, condes de Deza. O documento foi traducido ao castelán por Ventura Cañizares, párroco de Lalín (1905-1914).

é probable que a mediados do s. X, no lugar onde se edificou o mosteiro, non houbese máis que unha villa con algunhas dependencias, onde vivían servos que os condes, pais de Adosinda, tiñan para coidar destas terras. Á fronte destes servos ou colonos podería un tal Lalinus, de quen tomaría posteriormente o nome o lugar, cousa frecuente daquela.

o mosteiro fundárao o bispo de Mondoñedo Arias Peláez para proporcionarse un retiro temporal ou definitivo unha vez abandonada a sé episcopal, igual que Rosendo, primo de seu pai e tamén bispo de Mondoñedo, fixera con Celanova. A data descoñécese con exactitude mais, tendo en conta que Arias Peláez foi bispo desde 973 ata 985 aproximadamente, e que inda vivía en 1007, podemos establecer unhas marxes amplas, entre 973 e 1007. O bispo era cuñado de Adosinda por ter casado esta con Gonzalo Peláez.

o documento de doazón é de 4 de maio de 1019. Nel, Adosinda Gudestéiz, viúva de 52 anos e residente no mosteiro, doa unha parte do que lle correspondera nas partillas entre seus irmáns (Munio, Ordoño, Gudesteo, Ero e ela mesma) ao mosteiro de san Salvador, santa María e san Martiño de Lalín.

entre outras cousas, doa obxectos de uso litúrxico e doméstico, libros: “libros ecclesiasticos psalterios iii, antifonarium i, comico i, manualio i, ordinos iiii, orationum i, passionum i, regula beati benedicti, liber beati Martini, alio beati agustini, sinonimarum, liber iudicum, canticorum i, preco i, versario i, uirginitatis sancte marie …”; gando, posesións territoriais (por exemplo, a villa de Noceda) e servos: homes que tiñan que prestar obedientia ao mosteiro e este, á súa vez, quedaba obrigado a prestarlles piam moderationem et defensionem, a cambio das que os campesiños tiñan que entregar o servizo que se lles ordenara.

do texto do documento dedúcense varias informacións:

1. trátase dun mosteiro dúplice, é dicir, habitado por homes e mulleres, con dúas casas, unha para cada sexo, separadas pola antiga igrexa, baixo a autoridade e réxime de abade e abadesa respectivamente; un feito non infrecuente na alta Idade Media.

2. é un mosteiro beneditino, un dos primeiros de Galicia; información confirmada polo exemplar da regra monacal que figura entre os libros doados.

3. en partes do documento o mosteiro é citado como de san Salvador, santa Mariña e san Martiño; e noutras só como de san Martiño de xeito que as dúas primeiras advocacións poden ser simples fórmulas para poñer a institución baixo a protección de Deus e súa nai.

4. tiña unha igrexa prerrománica, quizás de tres naves (unha por cada advocación), que Adosinda cualifica de ‘notable pola súa marabillosa fábrica’. Nela menciónase unha reliquia de Martiño, que lle daría categoría na época (pola capacidade de atraer fieis e, polo tanto, ingresos económicos), sobre todo tendo en conta que Martiño de Tours era daquela obxecto de moita veneración.

5. a vila de Lalín naceu con posterioridade á fundación do mosteiro para dar servizo a este.

o mosteiro tiña dez monxes presbíteros, catro diáconos, numerosos monxes leigos, inxentes doazóns de terras, corenta servos, quince eguas, cincuenta reses de gando vacún e trescentas ovellas. Isto supón que as dependencias eran importantes. Probablemente xa existira un núcleo en torno ao mosteiro, quizás máis numeroso que o actual Lalín de Arriba, que sucedeu a tal agrupación monástica.

unha das finalidades da doazón era que servise de alimento e atención a pobres e peregrinos e non só servir de retiro aos que buscaban a perfección e tranquilidade do seu espírito lonxe dos eloxios e ruídos mundanos. Este dato fai pensar que o lugar era camiño de peregrinación a Compostela. O lugar formaría parte do chamado ‘Camiño de Inverno’, que entraría en terras de Lalín por Maceira e pasaría por Coto da Anta, Rego de Ribadeiro, Rego do Barranco, Palmaz, Rego de Reboredo, e Lagazós ata chegar á igrexa e mosteiro de san Martiño; logo proseguiría pola rúa Calzada ata a actual igrexa parroquial, Concello Vello e paseo fluvial do Pontiñas, Polígono Industrial Lalín-2000, onde se atopa o albergue de peregrinos de A Laxe e onde se une á ‘ruta da Prata’, de camiño a Compostela.

descoñécense os motivos da desaparición do mosteiro pero non superou a Idade Media. Hipólito de Sa afirma que inda existía en 1239, segundo testemuña unha permuta de bens que fixo a abadesa do mosteiro co abade do mosteiro de Acibeiro: unhas herdanzas de s. Miguel de Goiás a cambio doutras en san Paío de Refoxos, ademais da casa e o dereito de caritel, que tiña na mesma parroquia. No s. XV o mosteiro desaparecera e as terras do coto do mosteiro estaban en mans dos monxes de Oseira. Hoxe non queda nada da fábrica monacal e a igrexa actual non é a do mosteiro.

IGREXA DE MARTÍN O VELLO DE LALÍN (‘Las rutas del románico en la provincia de Pontevedra”): románica, de planta rectangular cunha nave e unha ábsida, modificada no lado norte co engadido dunha sancristía. No interior da nave ten ventás abucinadas e no exterior a modo de saeteira, dúas en cada lado, estando tapiadas as do muro sur. Ten dúas portas laterais, a do sur modificada e a norte conservando a traza primitiva, é de xeito rectangular con mochetas rudimentarias esculpidas sobre as que asenta un tímpano semicircular completamente liso. A cuberta interior é de madeira. Na ábsida ten un arco triunfal de medio punto lixeiramente peraltado sobre columnas anexadas de fuste groso e bases con garras. Na cabeza un retablo que oculta a ventá románica da ábsida.

no exterior a ábsida é rectangular e ten unha ventá de arcos semicirculares sobre columnas, debaixo da que se ve unha inscrición en carácteres góticos cruamente gravados: era de 1485. Cara 980 fundou o mosteiro de Martiño de Lalín o bispo don Arias Peláez, segundo testamento da súa sobriña dona Adosinda, datado en 1019, transcrito por Ramón Aller. Ten unha interesante colección de canzorros e nas pedras dos muros bastantes signos lapidarios da época da construción da igrexa. A portada principal é abucinada e interesante polo seu primitivismo e austeridade ornamentais, ten arquivoltas dóricas semicirculares e unha arquivolta exterior xadrezada sobre dous pares de columnas anexadas nas xambas. O tímpano é liso sobre encaixes con figuras esculpidas de animais. Sobre a portada e no centro da fachada unha pequena abertura dunha ventá. No piñón, o campanario romano formado por un arco de medio punto sobre piastras debaixo dun tímpano triangular coroado pola figura esculpida do agnus dei.

historia recente: a principios do século XX esta igrexa estivo a punto de ser derrubada, co pretexto de usar os materiais para construír os materiais. Foi vendida ao contratista Sr. Miguélez, pero os veciño opuxéronse á demolición e conseguiron que a súa antiga igrexa non fose derrubada. Oito veciños da parroquia: Domingo Trabazo, Bieito Abeledo, Andrés Fernández, Antonio Ferradás, Xosé María Abeledo, Xosé Trabazo, Camilo López e Bieito Álvarez, xunto co bispo de Lugo, Bieito Murúa, mercáronlla ao contratista por 2500 pesetas, das cales 1000 pagounas o bispado e 1500 os veciños; así o recolle unha escritura do 15 de outubro de 1905 outorgada diante do notario Domingo Henrique Aller.

REFERENCIAS:
ISLA FREZ, Amancio La sociedad gallega en la Alta Edad Media (CSIC, 1992)
VIDAL NEIRA, Antonio O mosteiro de Lalín de Arriba (publicado en Faro de Vigo, edición Deza e Tabeirós o 7-1-2014)
deturpación e compilación por @xindiriz

28.8.14

Detroit, Ferrol, Lalín, ...

Michigan Central Station
abandoned places
changesinlongitude.com
detroit (
web oficial – inglés):
1/ cidade declarada en bancarrota (3/12/2013): 18.5 billóns (americanos) $ de débeda.
2/ poboación: 1.850.000 nos 50s (4º na listaxe de cidades máis poboadas de EEUU) e 700.000 na actualidade (18º).
3/ Detroit era a metonimia da industria americana do automóbil, e como tal segue o destino desta.

ferrol (web oficial):
1/ poboación: 91.000 en 1984 e 71.300 hoxe (INE); a maior sangría do estado español, só por detrás de Cádiz.
2/ non hai carga de traballo en Ferrol, nin traballo; é a cidade galega con menor taxa de actividade e coa porcentaxe de desemprego máis elevada, cun 32%.
3/ o 26% d@s que quedan ten máis de 65 anos; máis do 35% vive de prestacións (datos do Concello).
4/ no centro quedan apenas 6000 veciñ@s; chegara a ter 20000.

lalín (web oficial):
1/ poboación: 20.698 (2004) – 21.216 (2009) – 20.490 (2012).
2/ aluguer de nave en Lalín 2000 (400 mts2) à 800/1000€ (2007) – 600 (2013).
3/ actividade xudicial en Lalín e A Estrada à 57 contenciosos en 2008 – 222 en 2011 

as cidades nacen, medran ata un punto e un día comeza o seu declive. Moi poucas son eternas. Detroit non é sombra do que foi. Quizás a súa decadencia se deba a decisións dos seus dirixentes, ou quizás fixesen o que fixesen o resultado sería o mesmo. Hai procesos históricos dificilmente reversibles.

en Ferrol pregúntanse se o pasado foi soño que alguén decidiu rachar no 82/83: a Sevilla tocoulle a Expo, a Barcelona os Xogos Olímpicos, e a Ferrol a ‘reconversión e reindustrialización’ naval. Para unha cidade que vivía dos estaleiros e da presenza de instalacións militares foi un golpe mortal. Agora Fernanda, unha veciña, di que no inverno é perigoso pasear polo centro, e non pola delincuencia, senón por se che cae un cascote desde un edificio en ruínas, un dos tantos que hai.

en 2008 no Estado español estala a burbulla da construción e o prezo do chan cae en picado; ademais, algúns, un deles Xosé Crespo, xa ven as contas dos concellos galegos en serio perigo. A pesar disto, amigas e amigos, en 2009, o ano seguinte, aquí seguíase a voltas co Castro Tecnolóxico, o buque insignia da época, unha infraestrutura que ten a ben xerar todo tipo de pagos ‘non previstos’.

hai uns días, mediados de agosto de 2014, un xornal local publicou unha foto da ‘calle a’, deserta; seica porque era día grande de festas de verán e de praia. Certo. Pero se publican unha dun domingo calquera tampouco aparecerá moita xente nela, excepto á hora da misa e o fútbol, eses ‘opios’. Hai xente cualificada que di que Lalín xa está morto.

casco vello de Ferrol
www.jotdown.es
eu, modestamente, diría que nin chegamos a ‘facer cidade’ nin estamos inda tan costa abaixo como Detroit ou Ferrol. Non creo que Lalín se chegara a consolidar como núcleo industrial: ula a tecnoloxía propia?, ulo o produto distintivo? O cocido, por moito que se queira, non da para tanto. Había moito emprego si, e moitos ben que gozaron de días de viño e rosas. Agora a situación estase coloreando de escuro, moi escuro, e hai que reaccionar.

é moi preocupante a sangría de poboación que nos pode situar por baixo da cifra dos 20.000 habitantes, coa conseguinte perda de categoría e presuposto municipal. Fóra de campañas de última hora que atenden ao síntoma e non á enfermidade, que se está a facer?

temos subido, de súpeto, uns cantos chanzos na listaxe de concellos máis endebedados do Estado, superando a Silleda, un concello que na práctica estivo en suspensión de pagos e onde o PP perdeu o bastón de mando, entre outras cousas, por levalo a esta situación.

o abandono e a ruína xa medran no corazón de Lalín, na escuridade de Praza e ‘parking’ Europa, que se esfarelan sen remedio. Esa era unha infraestrutura que debía ser central na vida económica e social de Lalín.

aquí callou que vivir do agro, a gandería e a explotación dos montes era de segunda. Mellor escapar da aldea e vivir nun piso en Lalín. Os que mandaron e mandan, moitos, son bo exemplo. A xente cumpriu, como case sempre, desatendeu o que era e tiña, trouxo os fillos e os netos e mercou todos os pisos que puido. Inda así unha terceira parte está baleira. Ese modelo de vida e economía está esgotado, e a maioría dos empregos que precisan os que se fixeron ‘urbanitas’ (no téxtil e na construción, por exemplo) ou desapareceron ou ‘os desapareceron’.


parking Europa
www.farodevigo.es
‘créanse empresas’ novas (este ano 20); dino e é certo, como tranquilizándonos: en Lalín volverá haber unha situación de ‘case’ pleno emprego, como antes. Pero moitas destas altas son de persoas que deciden facerse autónomos, por exemplo. E, cantas altas destas se precisan para compensar o emprego perdido nunha empresa como Montoto? Calculádeo, e calculade de paso cantas empresas pecharon. Ademais, sería interesante saber con detalles quen constitúe algunhas desas novas empresas e para que.

hoxe, mañá, este mes, este ano, esta década, o reto de Lalín e quen o dirixa é evitar ser Detroit ou Ferrol (á nosa escala, evidentemente) e superar esta situación que vivimos. Crespo, 'designado' na época de vacas gordas, non semella ter plan para evitar que esta vila morra e aspire a ser ‘eterna’.

REFERENCIAS:
eldiario.es: la fascinación artística de un desplome
faro de vigo: la primera constructora dezana quiebra y deja en la calle a más de 230 empleados
voz de galicia: el precio del suelo urbano en Lalín y A Estrada cae en más de un 28% en el primer semestre
el país: el pp vaticina la quiebra económica de los ayuntamientos
correo gallego: Lalín pagará 91249€ más a los arquitectos del consistorio
abc: el textil, deslumbre y realidad actual
voz de galicia: la crisis deja naves vacías en los polígonos de ambas comarcas
voz de galicia: las dos reconversiones navales acabaron destruyendo unos 45000 puestos de trabajo
voz de galicia: un expediente tras otro
faro de vigo: Lalín es el municipio de la comarca con más viviendas vacías, el 28,2%, el 11.732 de las totales
el diario: casi uno de cada cinco pisos que se hicieron en la última década está vacío
faro de vigo: crean 55 empresas en el primer semestre en Deza y Tabeirós, una veintena de ellas en Lalín
faro de vigo: la quiebra de empresas multiplica por cuatro los contenciosos que tramitan los juzgados
faro de vigo: Agolada y Lalín son los concellos más endeudados de las comarcas, con más 400 euros por vecino

24.7.14

en Lalín o cine non é esencial

cando no Concello de Lalín tratamos cuestións de DZine non estaba Xosé Crespo Iglesias. Estaba noutra reunión sobre unha cuestión máis importante e apareceu nunha foto máis proveitosa para el e todos nós. Nesa foto quedou patente a unión de alcaldes importantes da provincia en contra da pretensión do ministerio de Xustiza de suprimir os partidos xudiciais e, na práctica, recentralizar os servizos públicos de xustiza, facéndoos máis custosos e inaccesibles para todos, esencialmente para os máis humildes.

concordo con que o cine en Lalín non é unha prioridade. Como di o alcalde, se non hai xulgados en Lalín, ‘se perdería vidilla’, sen cine haina igual. Esencial é ter emprego para facer a vida que desexes; e coñezo moitos que están pasando por grandes dificultades, enormes. Hai que ter acceso servizos educativos e de saúde públicos, gratuítos e de calidade, sufragados por impostos provenientes dun sistema impositivo equitativo. E a xustiza, xusta, accesible, próxima e rápida. Logo os adornos, como ver cine no teu pobo ou comarca, a ser posible bo.

por iso entendo ben o que pasou o luns. O Concello declárase entusiasta partidario da idea pero na práctica: 1, o espazo que se ía ceder resulta que xa ten actividades programadas e isto é un problema; 2, a subvención que podía aportar Cultura para equipar o local ideal para o cineclube, agora resulta que non é tecnicamente factible por un ‘matiz legal’.

dúas reflexións e dúas preguntas: 1; se había xa moitas actividades no Salón Teatro e o que propuxo DZine era incompatible con elas, por que se dixo hai un mes que se cedía?. 2; a Orde que regula a subvención di que é para equipar instalacións municipais; suponse que as actividades que alí teñan lugar as realizará o titular; e se se menciona que algunhas as faría DZine e iso é un problema, non lles parece que se cometeu unha torpeza na formulación da solicitude?.

e unha guinda, non menor: na nosa proposta de Convenio de uso do Salón Teatro afirmamos que durante o horario correspondente non se precisará a presenza de empregados do Concello. Pero nesa situación se nos di que temos que contratar un seguro de responsabilidade civil (uns 900 euros). Non albisco a razón disto, porque imaxino que xa o Concello ten un. E outros cineclubes apoiados polos seus concellos non teñen, que eu saiba, necesidade dese trámite cando usan espazos cedidos polos concellos respectivos.

o resumo é que todo isto supón un mes perdido.

ás veces penso que non se confía en nós, ou que non interesa a idea (moitos votos igual non da), ou que non interesa que a idea a poñamos nós en práctica. Porque lembro o dinamismo que se exhiben cando se conseguen recursos para outras cuestións e a contundencia usada contra os que desinten.

un exemplo, a Diputación aportará fondos para o ‘choio’ dos castros. E bastantes. O que precisaría DZine, en comparación, non son máis de ‘catro cadelas’: aproximadamente un millón de euros contra non máis de nove mil euros para acondicionar dignamente o Salón Teatro.

ás veces, repito, pásaseme pola cabeza o que xa vos contei pero para que vou vivir con esta desconfianza. O cine non é esencial; esenciais son outras cousas nas que xa se está traballando arreo. E hai que dar as grazas por iso. Si, señor alcalde, moitas grazas por traballar no esencial para Lalín.

para finalizar, eu sempre tiven claro que sen a axuda do Concello esta aventura de volver traer cinema a Lalín e comarca ía ser complicada pero tampouco, chegado ata aquí, me vou conformar con esta situación. Seguireino intentando cos meus compañeiros. Temos que responder ante a xente que xa se asociou e quere cinema na comarca. E tentaremos facelo, por suposto.

19.6.14

lei orgánica 3/2014, de abdicación e coroación

lei orgánica 3/2014, de abdicación da súa Maxestade Juan Carlos I de España e de proclamación do porquiño Valentín

a tod@s @s que a presente viran e entenderan, 

sabede: que veño de sancionar a seguinte lei orgánica

PREÁMBULO

veño de comunicarlle ao Presidente a miña vontade de abdicar e díxenlle todo iso, palabra por palabra:

«cando me ‘proclamaron’ alá polo 70 e tantos quería facer que servía os intereses de España, dicindo que os cidadáns erades os protagonistas do voso propio destino e España unha democracia moderna, integrada en Europa

hoxe, cando volvo a mirada atrás sinto orgullo e gratitude cara vós, que me tolerastes tantos e tantos anos. Orgullo, polo ben que mirástedes cara outro lado. E gratitude, polo ben que mo deixástedes pasar, desde aquel día que tan novo era tanto quería 'conseguir'

eu non teño nin tiven culpa de das cousas malas e ‘malotas’ que se din por aí que fixen pero é certo que hoxe é urxente que ocupe a primeira liña política xente diferente, con novas enerxías, emprendedora e determinada a transformar e reformar o que eu non quixen facer, o que demanda a situación de emerxencia social e económica e así afrontar un futuro diferente

a miña única ambición ten sido e seguirá sendo sempre facer que contribúo ao benestar e o progreso en liberdade de tod@s. Quero o mellor para min, a quen dediquei toda a miña vida e para interpretar este papeliño teño empregado todas as capacidades, ilusión e man esquerda que posúo. O porquiño Valentín, meu amigo, encarnará a estabilidade, sinal de identidade da monarquía

o porquiño Valentín ten madureza, preparación e sentido da responsabilidade abondo para asumir con plenas garantías a Xefatura do Estado e abrir unha nova etapa de esperanza na que se combinen a súa experiencia e o impulso de sangue nova

por todo iso, convencido de que é o mellor para min, e tamén para vos, decidín por fin ao meu reinado e abdicar a Coroa de España, poñendo en mans do porquiño Valentín a miña maxistratura e autoridade para que sexa el quen decida o que se fará a continuación

desexo expresar a miña gratitude ao pobo español, a todas as persoas que han interpretaron o seu papel nesta opereta e me teñen axudado con tanta xenerosidade e lealdade a min e en beneficio seu. E a miña gratitude á Raíña, cuxa tolerancia nunca me faltou

gardo e gardarei sempre a España no máis fondo do meu peto»

o artigo 57.5 da Constitución Española dispón que «las abdicaciones y renuncias y cualquier duda de hecho o de derecho que ocurra en el orden de sucesión a la Corona se resolverán por una ley orgánica» – este ‘sacro’ precepto segue os precedentes históricos do constitucionalismo español, que xa reservaban ao poder lexislativo a solución das cuestións a que dera lugar a sucesión así como a autorización da abdicación, incluso mediante unha lei especial para cada caso. Se ben a Constitución en vigor no utiliza este último termo, os citados antecedentes e el mandado do artigo 57 de que o acto rexio sexa resolto por unha lei orgánica fan que sexa este o instrumento legal idóneo para regular a efectividade da decisión

a entrada en vigor da presente lei orgánica determinará, en consecuencia, que a abdicación teña os seus efectos e que se produza a sucesión na Coroa de España tal como prevé esta lei orgánica

artigo único. Abdicación da Súa Maxestade o Rei Don Juan Carlos I de Borbón

1. a súa Maxestade el Rei Don Juan Carlos I de Borbón abdica a Coroa de España no porquiño Valentín

2. a abdicación será efectiva no momento de entrada en vigor da presente lei orgánica

3. nese momento preciso, quedará, polo tanto, proclamado o porquiño Valentín novo rei de España

disposición final única. entrada en vigor

a presente lei orgánica entrará en vigor no momento da súa publicación no «Boletín Oficial do Estado».

polo tanto, prego a tod@s, particulares e autoridades, que garden e fagan gardar esta lei

LALÍN, 19 de xuño de 2014

EI REI, ADEUS

23.1.14

moción do BNG de Lalín sobre a AP-53

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


diante do anuncio realizado nestes últimos días relativo a unha nova suba das tarifas a aplicar do 1,85% na peaxe da autoestrada AP-53, desde o noso punto de vista non se pode dar por ben feito esta decisión, senón todo o contrario. Os antecedentes que marcan a xestión e decisións políticas de dita vía, supoñen unha suma acumulada porcentual desde a súa apertura en decembro de 2003 do 70%. Na actual conxuntura de crise económica, fixar estes prezos, que desde sempre consideramos desmesurados e abusivos, fai imposible para a maioría da cidadanía o seu uso cotiá, agás, esporádicas urxencias.

resulta de todo inaceptable, que os tramos de maior fluxo de circulación en dirección Santiago, desde o noso Concello, sexan moitísimo menos empregados cos de dirección a Ourense, situación esta creada pola diferenza entre pagar e non pagar.

o BNG ten exposto reiteradamente que a peaxe da AP-53, no seu tramo Santiago–Silleda–Lalín, é moi custoso, por enriba do prezo da peaxe doutras vías galegas e do Estado de características similares, o que resulta inalcanzable para os usuarios habituais.

tamén esta autoestrada está chea de agravios comparativos cando en anos pasados os distintos Gobernos de Madrid, acometeron múltiples actuacións dirixidas tanto a liberar algunha autoestrada como a rebaixa doutras. Entendemos estas solucións como as máis acaídas e xustas, pois temos que lembrar que noutras Comunidades, varias delas con menor proporción de autoestradas de pago que Galiza, contaron con importantes partidas orzamentarias do Estado dirixidas tanto a rebaixar, como incluso a liberar varias das súas autoestradas. No lado oposto está Galiza, onde as vías de pago superan o 40% da rede de autoestradas e autovías.

www.lavozdegalicia.es
a situación é máis grave ao non contar cunha vía alternativa axeitada ás necesidades dos usuarios, xa que a N-525 é unha vía obsoleta por estar limitada na práctica totalidade do tramo Lalín a Ponte Ulla a 50 Km/h e sen carril para vehículos lentos.

os veciños demandan que as autoridades competentes tomen medidas para paliar, por unha banda, o elevado prezo da peaxe AP-53, facilitando así o seu maior uso (os datos de novembro amosan un raquítico uso de 5375 vehículos); e por outra banda, mellorar a N-525 dirección Santiago. Desde fai anos o Ministerio de Fomento non aportou practicamente ningún financiamento, sendo o único responsable que a N-525 non teña carrís de lentos.

non podemos esquecernos que a construción da AP-53 foi costeada, en parte, cos cartos da Xunta de Galiza (60,1 millóns de euros) e por ende de todos os galegos, feito especialmente grave xa que é unha infraestrutura da rede do Estado.

as últimas informacións sobre a postura do Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia a este respecto, son dun absoluto cinismo e hipocresía, escudándose nun problema mutuo de competencias. En varias campañas electorais, o PP prometeu unha rebaixa, que co paso do tempo só quedou nun mero anuncio de rebaixa para os usuarios habituais, que nin tan sequera aplicaron a día de hoxe, escudándose en que é de titularidade estatal.

polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG, presenta ao Pleno do Concello de Lalín, para o seu debate e aprobación, a seguinte

MOCIÓN:

1 – Demandar ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia que acorden o traspaso das competencias da AP-53.

2 – Instar ao Ministerio de Fomento, máis unha vez, a asumir o custo económico para a supresión da peaxe  AP-53.

3 – Demandar do Ministerio de Fomento a execución das obras anunciadas e pendentes na N-525, desde Lalín ata Ponte Ulla.

4 – Que o Concello de Lalín convoque aos veciños a unha concentración para demandar o cumprimento ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia dos puntos anteriormente expostos.

Lalín, 19 de decembro de 2013

ALCALDE PRESIDENTE E PLENO DO CONCELLO DE LALÍN

visitantes