ningún dos dous puido durmir. tampouco precisamos palabras.
pode que a xente de antes tamén crera que algunhas cousas duran para sempre: as cidades, os reinos, as promesas. equivocáranse coma nós.
—cóntame unha última historia.
—xa a coñecedes.
—nom.
—si.
achegouse á ventá. a primeira alba xa debuxaba unha liña branca sobre os montes.
—é a historia dunha raíña que ignoraba que as portas e as feridas poden pechar. un día apareceu un rapaz. ao principio ela pensou que viña salvar a súa propia vida. mais en realidade viña salvar a dela.
mireino.
—e conseguiuno?
tardou en responder.
—iso só pode decidilo a raíña.
os gardas sempre chegaban á mesma hora. sempre chamaban tres veces. e sempre agardaban a miña orde.
os golpes soaron na porta. un. dous. tres. pero ninguén falou.
—queres volver mañá?
—levo mil e unha noites volvendo.
neguei coa cabeza.
—nom. esta vez pregúntocho como muller. nom como raíña.
pechou os ollos. durante un instante pensei que respondería. mais nom o fixo.
chamaron outra vez á porta. os gardas empezaban a impacientarse. levanteime e abrín eu mesma. o capitán inclinou a cabeza. levaba tantos anos cumprindo aquela mesma orde que xa non sabía vivir sen ela.
—Maxestade.
esperou. eu tamén.
—é libre.
o capitán ergueu lentamente a cabeza. ninguén se moveu. o corredor enteiro permaneceu inmóbil. como se precisase aprender unha lei nova.
—é libre —repetín.
o capitán apartouse sen dicir nada máis. el recolleu o pequeno libro e colocouno de novo no cinto.
pensei que se inclinaría, pero marchou e o son dos seus pasos esmoreceu polo corredor.
nom o seguín. quedei onda a ventá. o sol empezaba a erguerse sobre os montes e as ruínas da xente de antes brillaban por un instante coa mesma luz coa que brillan as pedras molladas despois de chover.
pola noite o vento que trae e que leva e tanta xente ten toleado sen remedio atravesa as pedras vellas da cidade, arremeda unha voz:
—Maxestade, queredes que vos conte unha historia?

No hay comentarios:
Publicar un comentario