proxectos

21.7.26

a porta entreaberta (xi): 1001

ao rematar unha sesión do Consello, o astrónomo máis vello do reino achegouse a Brea e murmuroulle algo ao oído. ela sorriu.

—que sucede?

—nada importante, Maxestade.

logo de tantos anos nom aprendera a mentir.

—segundo os nosos cálculos … esta será a noite número mil e unha.

entrou na cámara coma sempre. nunca o abría o seu pequeno libro de cubertas gastadas. pousouno sobre unha mesa coma quen deixa unha chave.

—as historias deben saber onde volver.

o silencio agora estaba feito de costume, nom de medo.

—esta noite nom quero escoitar outro conto.

vin sorpresa no seu rostro.

—quero coñecer o teu.

—nom ten importancia.

—tena toda.

—os contadores nom debemos ocupar o lugar das historias.

—levas mil noites facéndome esquecer a miña vida. déixame, polo menos unha, lembrar a túa.

pensei que se negaría.

—cando cheguei aquí era máis novo ca agora.

—todos eramos.

—nom. durante estas noites naceron tres fillos.

—tres?

—dúas nenas e un neno.

—casaches? e a túa muller …?

—segue agardando.

entre unha noite e outra existira un mundo enteiro.

—nunca mo contaches.

—nunca mo preguntástedes.

falabamos de pescadores, de illas, de sombras, de libros, de mares imposibles … nunca das persoas que máis queriamos.

—sabedes por que? porque se vos falaba da miña vida, deixaría de protexervos da vosa.

comprendín para quen se contaran aquelas historias.

achegueime á ventá. a cidade durmía baixo a néboa. cantas vidas desapareceran entre aquelas pedras sen que ninguén volvese pronunciar os seus nomes.

volvino mirar.

—perdoáchesme?

tardou moito en responder.

—hai moitas noites.

—entón … por que continuaches vindo?

mirou o libro. e pasou a man polas cubertas gastadas, coma quen acaricia unha lembranza.

—porque se vos dicía que vos perdoara, as historias rematarían.

—e despois?

—volvería aquela porta.

chorei. sen rabia. só con tristeza. nom intentou consolarme. permaneceu alí en silencio, como permanecen as árbores durante a chuvia.

cando as bágoas cesaron, mireino.

aquel home regalárame mil e unha noites.

as miñas mans estaban espidas e apertei unha contra a outra para impedir que o buscasen.

No hay comentarios:

arkivos

visitantes