![]() |
| foto > Kent Rodzwicz tirada de The Harvard Gazette |
o fotógrafo comercial que atopou o seu tema
Killip nom naceu fotógrafo documental. nos 60s traballou como asistente en estudos publicitarios en Londres, un oficio moi diverso do que acabaría por facelo célebre.
o punto de inflexión chegou cando viu por primeira vez unha exposición no MoMA de NY, en 1969: decidiu abandonar a fotografía comercial e regresar á súa illa natal para retratar os cambios sociais que se estaban a producir alí.
en 1975 obtivo unha bolsa de dous anos e instalouse en Newcastle-upon-Tyne. nom foi un observador de paso: viviu naqueles lugares, coñeceu á xente, conseguiu que confiaran nel, permitíndolle que os fotografara.
In Flagrante
fotografou con precisión case obsesiva aquelas comunidades de traballadores —estaleiros, minas, praias onde as familias recollían carbón varado polo mar para poder quentarse—.
usaba unha cámara de placas de 5x4 polgadas, un formato lento e esixente que obriga a pensar cada imaxe antes de disparar. esa lentitude pasa a formar parte da idea: nom hai présa nin sensacionalismo, hai unha mirada que desexa deterse e valorar o que ve.
In Flagrante (1988) reuniu ese traballo e retrata sen dramatismo pero sen panos quentes as consecuencias humanas de peche de fábricas, minas e estaleiros no RU de Thatcher.
nom son fotografías de protesta explícita nin de miseria feita espectáculo: son retratos da vida cotiá —nenos xogando, familias na praia, homes esperando— nun contexto onde o traballo, e con el a identidade dunha comunidade enteira, estaba a desaparecer.
o propio Killip explicouno cunha frase que resume ben a súa forma de traballar: ás veces un fotógrafo nom sabe por que está nun lugar concreto nin por que fai unha fotografía determinada, pero acaba tendo sentido.
recoñecemento tardío
un dos aspectos máis paradoxais da traxectoria de Killip é que, a pesar da enorme influencia que tivo sobre xeracións posteriores de fotógrafos, o recoñecemento demorouse moito.
o crítico e fotógrafo Martin Parr, amigo persoal seu, definiuno como unha das figuras clave da fotografía británica de posguerra, e chegou a describir In Flagrante como o fotolibro máis importante publicado en RU dende a IIGM.
as grandes institucións de arte nom materializaron ese recoñecemento tardío ata décadas despois: en 2012 no Museum Folkwang de Essen, e en 2013 no Museo Reina Sofía de Madrid (Trabajo/Work), coa que se presentou por primeira vez de forma ampla en España.
alí puideron verse máis dun centenar de fotografías en branco e negro que abranguían dende 1968 ata 2004, un percorrido que mostraba como o seu ollar sobre a clase obreira británica se mantivo coherente ao longo de máis de tres décadas.
dun pub familiar a Harvard
durante anos fotografaba de día as comunidades industriais en declive e traballaba de noite no pub do seu pai na Illa de Man para poder financiar o seu traballo persoal, viaxando de cando en vez ata Londres —a centos de quilómetros— para revelar as súas imaxes.
anos despois, en 1991, converteuse en profesor visitante no Departamento de Estudos Visuais e Ambientais da Universidade de Harvard, onde acabaría como profesor titular e xefe de departamento entre 1994 e 1998, cargo que mantivo, xa como docente, ata xubilarse en 2017.
ese percorrido —do pub familiar ás aulas de Harvard, pasando por unha bolsa fotográfica no nordés industrial— explica en parte por que a súa obra ten a autenticidade que ten: nom é a mirada dun turista da miseria, senón a dunha persoa que decidiu vivir moi próximo ao que fotografaba.
relevancia e permanencia
In Flagrante nom é só un documento histórico sobre o RU dos 60s e 80s. nun momento en que moitas rexións industriais de Europa —tamén en GZ, coa crise dos estaleiros ou da minaría— seguen a vivir procesos parecidos de reconversión e despoboamento, o traballo de Killip segue a funcionar como espello. amosa que detrás de calquera estatística sobre peche de fábricas hai persoas e rostros concretos, e que a fotografía documental, cando se fai con tempo e respecto, pode capturar iso tan ben coma calquera informe económico.
morreu en 2020, aos 74 anos, pero deixou un legado que segue a crecer: reedicións do seu libro, exposicións en museos de referencia como MoMA ou Victoria and Albert Museum, e unha influencia recoñecida por fotógrafos posteriores que aprenderon del algo esencial —para retratar unha comunidade primeiro hai que formar parte dela, aínda que sexa só por uns anos.
é unha figura esencial e determinante, sobordando incluso o papel referencial que ocupa dentro da fotografía social británica. a súa posición ten tamén algo de autor bisagra: epígono dun xeito de entender e practicar a fotografía documental (as súas referencias trazan unha complexa liña nada obvia que vincula autores coma Atget, Bill Brandt, August Sander, Paul Strand, Walker Evans ou Robert Frank) e, ao mesmo tempo, referencia para próximas xeracións.
as leccións de Killip á hora de trazar e narrar unha paisaxe social inclúen o manexo das tensións acumuladas e os conceptos enfrontados no interior da imaxe, a necesaria definición e asimilación do territorio e do entorno por parte do fotógrafo, a articulación entre suxeito e comunidade e a súa declinación, en termos de distancia fotográfica entre intimidade ou proximidade e espontaneidade ou contexto.
unha obra que mantén a perfecta distancia a imaxinería humana e a habitual condescendencia testemuñal, así como o recurso á instantánea, para captar o tempo longo e o espazo complexo da vida de suxeitos e comunidades.
fontes:
-Chris Killip - sitio web oficial (Chris Killip Photography Trust) > arquivo oficial do fotógrafo: series completas (In Flagrante, Seacoal, Isle of Man, Skinningrove), biografía e coleccións en museos como o MoMa - chriskillip.com
-Chris Killip - wikipedia
-Chris Killip's Enduring Connection With the People he Photographed > artigo de Magnum Photos sobre a relación persoal de Killip cos seus retratados, con testemuños de quen o coñeceu - magnumphotos.com

No hay comentarios:
Publicar un comentario