proxectos

6.8.25

Gaza, unha listaxe

mapa da destrución na franxa en xan2024
el_español

segundo estimacións de orgs humanitarias, desde out2023 levan morto máis de 14.000 nenos e nenas palestinas en Gaza. máis de 40 cada día. poderiamos escribir máis de 700 listaxes diferentes coma esta sen ter que repetir ningún nome.

Yasmina Al-Haddad

8 anos

soñaba con ser veterinaria porque un día curou un paxariño.

durmía durante un bombardeo nocturno.

a súa nai nom esquece como cheira o formigón ao queimarse.

 

Ibrahim Nasser

6 anos

aprendera a escribir o seu nome tres días antes.

baixo os cascallos, seguía apertando un lapis. a irmá máis vella escoitouna durante horas ata que nom se queixou máis e descansou.

 

Maha El-Talib

13 anos

tocaba a darbuka co seu pai nas festas da familia.

ía á escola cunha mochila rosa. a súa melodía favorita seguía soando no móbil. os seus zapatos quedaron no chan, un virado cara unha parede semiderruída.

 

Ziyad Faroun

9 anos

pintaba murais na parede do patio escolar. o que mellor lle quedara era un sol con ollos.

o balón e os corpos quedaron sobre o campo de terra mesturados con bloques de formigón. se alguén tivera gañas de ordenar aquel desastre aparecería o seu sol con ollos.

 

Lina Abed

11 anos

preparara galletas de sésamo coa súa nai.

a cociña ardeu ao caer unha bomba nunha casa veciña. abrasouse mentres intentaba rescatar as galletas. o cheiro a sésamo mesturouse co dos cables queimados.

 

Khaled Sami

7 anos

axudaba a súa avoa a regar os tomates cada mañá.

atopouno entre as tomateiras. estaban molladas, pero nom pola rega, e a terra ao redor tampouco.

 

Nour Safiya

4 anos

lúa era a súa palabra favorita e súa nai repetíalla sen cesar cando tiña medo.

asfixiouse nun refuxio subterráneo, entre máis de corenta persoas. a nai intentaba darlle aire cun cartón. oíase tusir, queixas e lúa … lúa … lúa … lúa … lúa … lúa … lúa … lúa …

 

Salim Raad

10 anos

quería ser enxeñeiro e soñaba con construír pontes.

a que estaba a cruzar rebentouna un mísil. apareceu flotando río abaixo dous días despois. a roupa estaba pegada á pel, desfeita pola auga e a metralla.

 

Amira Khalil

5 anos

bailaba a todas horas diante dun espello cun vestido azul.

abrazouse á súa irmá pequena cando viu que lles caían enriba as paredes do cuarto. o seu vestido estaba roto e tiña na súa man a da súa irmá.

 

Huda Yassin

14 anos

escribía nun caderno.

trataba de liberar a súa irmá pequena dos cascallos cando caeu outra bomba. atopárona co corpo dobrado sobre ela. nun peto levaba un papel con algo que nom se podía descifrar.

 

Adel Masri

6 anos

dicía que quería ter un can para ela soa.

trataba de liberar un atrapado nun coche destruído. os dous estaban rodeados dun silencio cheo de po.

 

Samira Louay

3 anos

palmaba as mans e sorría ata contaxiar a alegría da música a todos.

logo dunha explosión na súa casa, a súa nai apareceu con ela no colo. inda nom da falado.

 

Fadi Rami

13 anos

era o mellor da clase contando chistes.

estaba baixo unha viga, coas mans nos oídos, como se quixese enmudecer algo molesto.

 

Layla Zohair

8 anos

preguntaba sempre por qué as estrelas non caían como as bombas.

miraba o ceo. sabían que era ela pero a súa cara quedou irrecoñecíbel. sabíase polo vestido vermello que lle fixera unha tía costureira.

 

Omar Hadi

15 anos

construía papaventos con papel de refugallo.

un atoou nun cable de alta tensión á vista por mor dun bombardeo. a electrocución nom lle logrou pechar os ollos.

 

Dina Sabri

9 anos

imitaba as mestras e xogaba a dar clase aos seus irmáns pequenos.

o taboleiro estaba incólume na parede. tiña escritas unha frase, o mar azul e as ondas, e unha suma.

 

Rashid Kassem

10 anos

xa sabía cocer pan

saíu buscar fariña e súa nai dixo, inda tiña fame.

 

Yara Hussein

7 anos

gustáballe coller caracois despois da chuvia.

inda tiña os dedos mollados.

 

Bilal Nour

12 anos

fixera unha cámara de cartón para simular que era xornalista.

facía que gravaba unha escena no seu barrio. veu vir o dron pero nom parou de gravar.

 

estes nomes e historias son ficción, mais poderían ser reais. e este nom é un exercicio de estatística, é memoria.

No hay comentarios:

visitantes