proxectos

7.6.26

Francisco de Seyxas e Lovera

ilustración - Miguelanxo Prado
la voz de Galicia
Francisco de Seyxas e Lovera (ou Seixas e Lobera, segundo as variantes documentais do apelido) foi unha das figuras máis extraordinarias e menos coñecidas da GZ do XVII. a súa vida constitúe unha verdadeira epopea atlántica e global nunha época na que a Monarquía Hispánica conectaba Europa, América, África e Asia. poucas biografías galegas reúnen unha experiencia vital tan ampla, desenvolvida en escenarios tan diversos e acompañada dunha produción intelectual tan abundante.

naceu arredor de 1646 na diocese de Mondoñedo, probablemente na propia cidade ou na súa contorna inmediata. era fillo de Juan López de Lobera e María Aguiar e Seixas. procedía dunha familia de certa relevancia social. os Vázquez de Seixas pertencían a unha antiga liñaxe fidalga galega, vinculada historicamente ao castelo de San Paio de Narla e a diversos señoríos do antigo reino de GZ, mentres que os Lobera estaban relacionados con outras familias nobres de longa tradición.

estadista, científico, corsario, navegante, cosmógrafo, capitán de mar e guerra, cronista do rei, … os títulos que se atribuíu a si mesmo son numerosos. porén, o único absolutamente seguro é que foi un aventureiro infatigable e un escritor de extraordinaria capacidade. gran parte do que sabemos da súa vida procede dos seus propios relatos, onde os feitos comprobables conviven con episodios difíciles de verificar. os seus contemporáneos xa advertiron esta tendencia. non por acaso o vicerrei do Perú afirmaría que as súas viaxes eran tantas que no es posible que quepan en el tiempo.

quedou orfo sendo neno, xunto con dous irmáns, e foi criado por parentes establecidos en Valladolid, Salamanca e Sanlúcar de Barrameda. realizou unha breve formación académica en Salamanca, mais a súa auténtica escola sería o mar. segundo algunhas fontes, os seus familiares, vinculados ao comercio marítimo, enviárono a perfeccionar a súa formación ao porto francés de Saint-Malo. tamén parece ter exercido unha notable influencia sobre el o capitán Juan de Miranda, que figura entre os seus primeiros protectores.

mellor que ninguén, o propio Seyxas resumiu os seus anos de aprendizaxe: desde mi pueril edad ... principié el navegar y tratar entre diversas naciones, empecé a aprender diversas lenguas pasando después a las partes de Levante hasta Esmirna y Constantinopla volviendo de estos viajes a Francia y pasando con el Embajador Tabernier al Gran Mogor en el Oriente.

estas palabras describen unha mocidade excepcional. sendo apenas un adolescente percorreu o Mediterráneo oriental, visitou Esmirna e Constantinopla e entrou en contacto coas grandes rutas comerciais que unían Europa e Asia. posteriormente integrouse na expedición encabezada polo célebre viaxeiro francés Jean-Baptiste Tavernier, comerciante, explorador e coñecedor do Imperio Mogol. aquela experiencia permitiulle coñecer de primeira man realidades políticas e culturais moi afastadas do mundo europeo.

noutro dos seus relatos escribiu: me pasé con una nao de portugueses a las costas de la China y de allí a las Molucas y con holandeses dellas a Holanda navegando por el mar del Sur hasta salir a la Mar Océano por el pasaje del Mayre llegando después a Holanda.

durante varios anos navegou con portugueses e holandeses polas costas da China, o arquipélago das Molucas e outras rexións do sueste asiático. nun tempo no que moi poucos europeos completaban percorridos semellantes, Seyxas acumulou unha experiencia verdadeiramente global.

en 1668, segundo el mesmo relata, habiéndome vuelto a España pasé a Indias. integrouse nas flotas da carreira americana e percorreu boa parte do continente. en 1671 embarcou na expedición dirixida por Enrique Enríquez de Guzmán rumbo a Veracruz. nos anos seguintes visitou Venezuela, Panamá, a Habana, Cartaxena de Indias, Bogotá, Quito e Guayaquil, coñecendo de primeira man os principais centros administrativos e comerciais do imperio.

retornado a Europa, instalouse durante un tempo en Ámsterdan e Hamburgo. alí, segundo afirma, xunto con vinte e tres compañeiros armamos un navío y un patache con quien pasamos a las costas de China y de Siam a comerciar. esta nova expedición, realizada entre 1674 e 1676, supuxo unha nova circunnavegación do planeta. regresou polo estreito de Magalhães e o paso de Le Maire, na Terra do Fogo, experiencia que influiría decisivamente nos seus futuros traballos cartográficos.

os beneficios obtidos permitíronlle converterse en armador da súa propia fragata, La Concepción, de douscentos toneis e vinte e seis canóns. a bordo dela dedicouse durante anos ao comercio entre Europa, África e América. el mesmo lembraría que me divertí en comerciar en diversas partes de Europa y de la África Guinea y Angola. esa actividade incluíu a participación nos circuítos do tráfico escravista, práctica habitual entre as potencias marítimas da época.

en 1683 recibiu patente de corso de Carlos II, servindo contra Francia siendo capitán de corso en los mares de Flandes. como ocorría con numerosos navegantes do seu tempo, as fronteiras entre comercio, corso, espionaxe e contrabando eran frecuentemente difusas. aquelas actividades proporcionáronlle ingresos, mais tamén inimigos e problemas xudiciais.

rematada a guerra, trasladouse a Madrid coa intención de iniciar unha carreira administrativa. rodeado de sospeitas e acusado por algúns de actuar ao servizo de intereses estranxeiros, procurou a protección do poderoso Marqués de los Vélez, presidente do Consello das Indias. grazas a ese apoio publicou en 1688 a súa obra máis coñecida, Theatro naval hydrográphico, un dos tratados náuticos máis ambiciosos da España barroca.

a obra abordaba cuestións relativas ás mareas, correntes mariñas, ventos, magnetismo terrestre, variación da agulla de marear e técnicas de navegación. moitas das súas observacións resultaban innovadoras para a época e revelaban unha combinación pouco frecuente de experiencia práctica e reflexión teórica.

a esta seguiron outros traballos fundamentais, como Descripción geográphica y derrotero de la región austral Magallánica (1690), Mapas de todo el orbe, con los puertos principales de ambas Indias (1692), Piratas y contrabandistas de ambas Indias (1693) ou Gobierno militar y político del reino imperial de Nueva España (1702). tamén redactou numerosos manuscritos inéditos dedicados ao comercio mundial, á economía monetaria, á minería, á cosmografía, á construción naval e á administración imperial.

en 1690 foi mesmo designado capitán de mar y guerra da Armada do Océano, aínda que o nomeamento nunca chegou a facerse efectivo.

en 1692 obtivo o cargo de alcalde maior da vila mexicana de Tacuba. non está claro se o conseguiu pola protección dos seus valedores, pola entrega ao Consello das Indias das Táboas geraes de toda a navegacion de João Teixeira Albernaz ou mediante compra directa, práctica habitual na época. chegou a México acompañado da súa esposa, María Damiana Cuevas, de dous criados e dunha considerable débeda. 

a súa experiencia americana resultou desastrosa. segundo a súa versión, o vicerrei Conde de Galve favorecía outro candidato e dedicouse a obstaculizar a súa administración. segundo as autoridades coloniais, pola contra, Seyxas estaba implicado en abusos, débedas, corrupción e manipulación monetaria. o resultado foi unha sucesión de procesos xudiciais, multas e encarceramentos que o levaron a renunciar ao cargo en 1694.

desterrado a Veracruz en 1695 para ser enviado á Península e posteriormente aos presidios norteafricanos, decidiu fuxir. en 1696 iniciou unha longa peregrinación por Guatemala, Nicaragua e Panamá antes de chegar ao Perú. alí entrou en conflito co vicerrei Conde de la Monclova, a quen presentou proxectos para combater o contrabando estranxeiro. lonxe de obter apoio, foi acusado de ser embustero, mentiroso y maledicente e de espallar rumores alarmistas sobre a actividade pirata no Pacífico.

a súa vida continuou entre persecucións, proxectos mineiros e novas viaxes polo Caribe. frecuentou escenarios lendarios da pirataría como Port Royal, Nassau ou a illa da Tartaruga, converténdose nun observador privilexiado dun mundo que máis tarde inspiraría innumerables novelas de aventuras.

tras ser apresado por piratas franceses e ante a persecución das autoridades españolas, instalouse en Francia. desde 1702 residiu en París e Versalles, onde obtivo unha pensión da coroa francesa a cambio de redactar informes e memorias sobre América e o Imperio español. escribía regularmente ao ministro de Asuntos Exteriores, o Marqués de Torcy, e tamén a Felipe V, a quen lembraba os servizos prestados e lamentaba ter sido maltratado de los virreyes y de otros presidentes nun sistema onde los títulos y cédulas reales son ... como las hostias sin consagrar.

en 1704 o Consello recomendou que deixasen de tramitarse os seus memoriais. a partir dese momento pérdese practicamente o seu rastro. todo indica que morreu exiliado en París arredor de 1705, cando a guerra de Sucesión española xa estaba en pleno desenvolvemento.

a vida de Seyxas resulta fascinante non só polo que fixo, senón tamén pola maneira en que a contou. proclamaba ter tratado con los mayores y sabios matemáticos de las cuatro partes del mundo y con los mayores políticos e gabábase de estar enseñando a diversas personas de calidad y navegantes extranjeros las artes que dependen de la matemática, astronómica y náutica. afirmaba contar coa aprobación de los más prácticos y teóricos de diferentes naciones» e con «millares de testigos.

aínda que carecía dunha formación académica sólida, a súa obra sorprende pola amplitude temática e pola capacidade para integrar observación directa, experiencia práctica e lecturas en diversos idiomas. interesábase pola historia de América, pola orixe dos pobos americanos, pola química, pola metalurxia, pola economía, pola navegación e, sobre todo, pola política.

como pensador, defendía a lexitimidade da expansión hispánica, mais tamén criticaba con dureza a corrupción administrativa, a ineficacia militar e a perda progresiva do monopolio comercial americano. denunciaba a incapacidade dos vicerreis para combater o contrabando, a desatención da construción naval e o abandono estratéxico do estreito de Magalhães, cuxa importancia consideraba fundamental para o control dos océanos.

a atención internacional que hoxe recibe débese especialmente ás súas contribucións cartográficas, ás súas reflexións sobre navegación e ás súas teorías sobre a variación magnética terrestre. proclamaba o valor da ciencia como motor da historia e defendía que os gobernos debían protexer e recompensar os seus cultivadores. por iso adoita considerárselle unha das figuras máis destacadas do movemento renovador da ciencia española de finais do XVII.

especial interese espertou nos últimos anos a hipótese formulada polo historiador Felipe Debasa Navalpotro, segundo a cal Seyxas podería ter sido o primeiro europeo en describir e cartografar terras antárticas durante unha navegación realizada en 1678. de confirmarse, converteríase nun precursor da exploración da Antártida máis dun século antes das expedicións tradicionalmente consideradas descubridoras.

desde París escribía a Felipe V lembrándolle as inmensas riquezas do imperio e denunciando que estaban a ser malgastadas por ministros incompetentes e por potencias rivais. soñaba cunha colaboración efectiva entre as coroas de España e Francia que permitise conservar a integridade do imperio americano e facer fronte ao poder crecente de Inglaterra e dos estados protestantes do norte de Europa.

Francisco de Seyxas e Lovera encarna como poucos o espírito aventureiro, universal e contraditorio da GZ marítima da Idade Moderna. navegante, comerciante, científico, memorialista e polemista, foi un auténtico polímata barroco que percorreu catro continentes, observou culturas moi diversas e tentou comprender un mundo que estaba a entrar na primeira globalización. esquecida durante séculos, a súa figura emerxe hoxe como unha das máis singulares da historia galega.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

-Debasa Navalpotro, Felipe (2025): O estadista Seyxas de Mondoñedo, primeiro descritor e cartógrafo da Antártida (1678).

-González Mezquita, María Luz: «Como el pájaro de Arabia: apología de la monarquía de España y construcción de memoria a finales del XVII».

-Grafenstein, Johanna von (2002): «El Golfo-Caribe en la obra de Francisco de Seijas».

-McCarl, Clayton (2011): The Writings of Francisco de Seijas y Lobera. Hispanic Society of America, Nova York; edición da Fundación Barrié, 2012.

-Pérez-Mallaína Bueno, Pablo Emilio (1986): estudos sobre Francisco de Seijas y Lobera e a navegación hispánica do XVII.

-Rodríguez Fernández, Pablo («Vivín»): diversos traballos de investigación e divulgación sobre Francisco de Seyxas e Lovera.

No hay comentarios:

visitantes