proxectos

14.6.26

o aeroporto internacional de a Lanzada

enfoques.gal
a primeira vez que se oíu falar dun aeroporto internacional na Lanzada foi en 1946. en xullo dese ano visitaron O Grove, A Toxa e a Lanzada o ministro do Aire, Eduardo González-Gallarza Iragorri, e o ministro de Obras Públicas, José María Fernández Ladreda. durante a visita considerouse a conveniencia de construír un aeroporto complementario ao futuro aeroporto de Vigo, que aínda estaba en obras, para servir de alternativa nos frecuentes días de néboa e mal tempo da ría viguesa.

ese mesmo ano anunciouse o estudo de viabilidade do chamado Aeroporto Transoceánico da Lanzada. en 1948 técnicos do Ministerio do Aire realizaron estudos meteorolóxicos e ambientais para avaliar as condicións da zona. o proxecto foi adquirindo unha dimensión extraordinaria para a época, pois pretendía converter a Lanzada nunha porta aérea internacional vinculada ao prestixioso balneario da Toxa.

o 26xuñ1949 o diario ABC publicou os detalles da actuación. prevía ocupar unha superficie próxima aos cinco millóns de metros cadrados. para facelo posible construiríase un dique de 1.500 metros que pecharía parcialmente a enseada do Bao. o complexo incluiría dúas pistas de aterraxe de 2.500 e 1.800 metros de lonxitude e 60 metros de ancho, plataformas de estacionamento e manobra, hangares, talleres, instalacións de carga, terminal de pasaxeiros e mesmo unha aduana para tráfico internacional.

entre 1952 e 1953 aprobáronse partidas orzamentarias para iniciar os traballos e en 1954 completouse a primeira das pistas previstas. sen embargo, a inauguración ese mesmo ano do aeroporto de Peinador, en Vigo, reduciu o interese estratéxico da instalación da Lanzada. o proxecto quedou practicamente paralizado e nunca chegou a completarse.

aínda en 1955 e 1958 apareceron novas peticións para a súa apertura, apoiadas en parte polo potencial turístico da Toxa, pero o Ministerio do Aire nunca chegou a autorizar a súa entrada en servizo. co paso dos anos o aeroporto foi definitivamente abandonado.

hoxe a única pegada visible daquela ambiciosa iniciativa é a gran explanada de aparcamento situada xunto á praia da Lanzada, construída sobre a que debía ser a primeira pista dun aeroporto chamado a converterse nun dos maiores de GZ e que nunca chegou a recibir un só voo comercial.

REFERENCIAS:

-artigo de ABC do 26 de xuño de 1949 sobre o proxecto.

-"Cuando la playa de A Lanzada fue un Aeropuerto Internacional" (Quincemil).

-"El gran aeropuerto transoceánico de A Lanzada" (Galicia Máxica).

-"El Aeropuerto Internacional de A Lanzada" (Revista eSmás O Salnés).

-artigo de Milagros Bará en Diario de Pontevedra.

hai tamén outra documentación dispersa nos arquivos da Deputación de Pontevedra e na prensa da época que permitiría reconstruír con maior detalle a cronoloxía administrativa do proxecto.

No hay comentarios:

visitantes