proxectos

11.8.26

psiquiatrizamos a rebeldía? da pregunta política á pregunta psiquiátrica

foto tirada de
www.lavinia.com
se unha rapaza discute cos seus pais, desafía os seus profes, se nega a cumprir certa normas ou manifesta aberta hostilidade cara ao mundo dos adultos, considéraselle, simplemente, unha rebelde? nom necesariamente unha boa rapaza, nin sequera feliz: insolente, inmadura, desagradábel ou difícil?

de ser así, a súa conduta enténdese como un conflito co mundo.

 

pero hoxe dispoñemos doutra linguaxe. esa mesma rapaza pode presentar problemas de regulación emocional, dificultades de adaptación, ansiedade social, trastorno negativista desafiante ou algún outro diagnóstico. e ás veces, naturalmente, con toda razón: existen trastornos psiquiátricos reais, producen sufrimento real e precisan tratamento. o problema aparece cando a explicación psiquiátrica comeza a ocupar todo o espazo que antes ocupaba a pregunta social.

 

Peter Conrad (Deviance and Medicalization: From Badness to Sickness, escrito con Joseph Schneider) analizou como determinadas condutas podían pasar de ser consideradas desviadas a ser interpretadas como enfermidades que deben ser diagnosticadas e tratadas.

 

a fórmula resulta especialmente suxestiva: antes era malo; agora está enfermo. o cambio nom ten por que ser negativo: un diagnóstico pode aliviar sufrimento e permitir recibir unha axuda necesaria. pero introduce unha cuestión incómoda: que acontece coa dimensión social ou política dun comportamento cando todo conflito pode ser traducido á linguaxe clínica?

 

pensemos nun adolescente tímido ao que nom lle gusta falar en público, evita determinadas festas, prefire estar só e nom se sente cómodo rodeado de xente. podemos preguntarnos se sofre fobia social e, nalgúns casos, a resposta será si. pero timidez e fobia social nom son sinónimos: a timidez é extraordinariamente frecuente entre os adolescentes, mentres que só unha minoría dos mozos tímidos cumpre os criterios dunha fobia social.

 

a cuestión, polo tanto, nom é negar a enfermidade, senón ser moi coidadosos cando determinamos que a diferenza respecto da norma é un problema que debe ser corrixido. o tímido debe aprender a ser sociábel; o introvertido debe saír da súa zona de confort; o que nom quere participar debe adquirir habilidades sociais. xa nom preguntamos só quen é esa persoa, senón que debería facer para parecerse máis ao modelo de persoa que consideramos normal.

 

durante boa parte do XX, a rebeldía foi entendida como un fenómeno social: os mozos cuestionaban a autoridade dos pais, desafiaban os profesores, discutían a moral dos adultos, protestaban contra institucións e costumes e, ás veces, simplemente facían a vida imposíbel aos maiores. nom todo aquilo era admirado, pero o conflito estaba situado fóra do individuo.

 

hoxe, ese mesmo conflito pode ser trasladado cara dentro. xa nom é necesariamente que o rapaz rexeite a autoridade, senón que ten problemas de regulación emocional; nom é que considere absurdas determinadas regras, senón que presenta dificultades de adaptación; nom é que estea descontento coa sociedade, senón que precisa aprender a xestionar mellor a súa ansiedade.

 

Byung-Chul Han (Müdigkeitsgesellschaft) describe o paso dunha sociedade dominada pola prohibición a outra dominada pola esixencia de rendemento. xa nom vivimos tanto baixo o imperativo do non debes como baixo o do podes: podes mellorar, superarte, ser máis produtivo, máis sociábel, máis resiliente, controlar mellor as túas emocións.

 

o individuo convértese así no seu propio supervisor e, finalmente, no responsábel do seu fracaso. a ansiedade, o esgotamento ou a depresión poden aparecer como problemas individuais cando tamén poden ser expresións dunha determinada organización social. o rebelde clásico dicía nom quero; o individuo contemporáneo corre o risco de dicir nom podo.

 

a diferenza é enorme. o primeiro confronta o mundo; o segundo sospeita de si mesmo. un mozo pode chegar ao instituto e considerar absurdas determinadas normas. podemos preguntarnos que teñen esas normas que provocan o seu rexeitamento ou que lle pasa ao rapaz para que nom sexa capaz de aceptalas. as dúas preguntas nom son incompatíbeis, pero a segunda pode acabar anulando a primeira.

 

e o mesmo sucede fóra da escola: a precariedade pode producir ansiedade, a soidade pode producir depresión, a presión laboral pode producir esgotamento. que o sufrimento sexa individual, porén, nom significa que a súa causa teña que selo. unha persoa pode precisar tratamento e, ao mesmo tempo, vivir nunha sociedade que debería ser cuestionada.

 

Michel Foucault ensinounos a desconfiar das categorías coas que clasificamos os seres humanos. normal e anormal, saudábel e patolóxico, adaptado e desviado nom son distincións completamente inocentes: producen efectos sobre aqueles que quedan a un lado ou outro da fronteira.

 

o interesante da nosa época é que o control nom precisa adoptar sempre a forma dun policía, dun pai autoritario ou dun profesor castigador. pode adoptar a forma dun diagnóstico, dun cuestionario, dunha terapia ou dunha aplicación que nos ensina a controlar as nosas emocións. a prohibición exterior pode ser substituída pola autovixilancia interior.

 

a cuestión tamén ten unha referencia galega. o psiquiatra David Simón Lorda, [Locura, medicina, sociedad: Ourense (1875-1975)], mostrou como a maneira de entender e tratar a loucura foi mudando segundo o contexto social e institucional. a súa investigación lembra que as categorías da desviación tamén son produto da sociedade que as define. desde unha perspectiva española, o psiquiatra Fernando Colina (Sobre la locura: el arte no intervenir) cuestionou tamén a tendencia a intervir e corrixir todo aquilo que se afasta da norma e reivindica a necesidade de deixar existir determinadas formas de comportamento e sufrimento sen convertelas inmediatamente nun problema a corrixir.

 

convén, por suposto, nom caer nunha caricatura anti-psiquiátrica. nom todo adolescente rebelde é un incomprendido, nin todo malestar unha protesta social. hai depresións, trastornos de ansiedade e outros problemas psicolóxicos que provocan sufrimentos profundos e deben ser atendidos. o problema aparece cando a linguaxe clínica se converte na única maneira posíbel de interpretar o que nos incomoda; cando a diferenza se converte en síntoma e o inconformismo en déficit; cando a pregunta deixa de ser contra que se rebela? para converterse exclusivamente en que lle pasa?

 

quizais por iso sexa necesario recuperar a pregunta política antes de formular a pregunta psiquiátrica.

 

cando un rapaz nom encaixa, poderiamos preguntarnos que hai no mundo no que vive que lle resulta insoportábel. cando unha xeración aparece cada vez máis ansiosa, deprimida ou esgotada, podemos ensinarlle técnicas para xestionar mellor a ansiedade, pero tamén deberiamos preguntarnos que tipo de sociedade lle estamos pedindo que soporte.

 

hai unha diferenza fundamental entre dicirlle a alguén que debe cambiar porque hai algo que nom funciona nel e preguntarlle que hai neste mundo que lle está facendo dano.

No hay comentarios:

arkivos

visitantes