proxectos

29.8.25

o mariñeiro que nom se presentiu


hai quen di que sabemos cando é a nosa última travesía e que intuímos se regresaremos ou nom a porto.

pero todo iso son supersticións absurdas.

poderiamos verificar algo así se, por exemplo, atoparamos algunha bitácora que sobrevivira un naufraxio.

Manfredo levaba anos navegando en solitario, traballando para unha compañía galega contratada polo goberno chinés.

encontrárono dous mariñeiros filipinos que se achegaron ao seu barco, á deriva nom moi lonxe da illa de Arigara.

estaba inclinado sobre a mesa de navegación, coma se morrese de súpeto mentres escribía ou consultaba un mapa; coma se perdera as forzas e nom fose quen de erguer a vista para ver quen subía ao barco.

a calor, o vento seco e a sal do mar seguramente contribuíron a conservar as liñas da súa cara de xeito natural. todo semellaba intacto, as súas pertenzas, as fotos das nenas e unha carta a unha muller chamada Marta.

é extenuante ocuparme de todos os traballos do barco eu só. de escribir no diario os días que faltan para chegar a porto desde o punto de observación, de consignar que nom pasou absolutamente nada desde entón.

atópome ao oeste das Filipinas rumbo a Taiwan e boto de menos as nenas e releo unha e outra vez as cartas de Marta.

que son esas voces? por que nom podo erguer a cabeza? por que me sinto tan canso? que me está pasando?

imaxe, Dreamtime

copista, Helena - avoa, Flora - escrito rescatado, JS8743 - biblioteca, Ribeiro

26.8.25

a sorte feita muller

chámome Maruxa de Álceme e hoxe estiven deitada nunha cama na sala 2 da Casa Cultural da Alfama en Lisboa.

preparouse tamén unha mesa con 72 obxectos. había flores, plumas de aves exóticas, mel, un vaso de auga, … e tamén coitelos, cordas, cravos, e un revólver e seis balas.

calquera puido acceder desde as 12 do mediodía ata as 6 da tarde e nom se gardou rexistro das persoas que entraron alí.

cando un mozo decidiu encher o cargador do revolver e apuntarme no xeonllo esquerdo, a miña roupa xa a volveran farrapos e estaba practicamente espida. tiña feridas de cravos e cortaduras.

aquel mozo disparoume unha vez na perna esquerda e quebroume a tibia. logo deixou a arma na mesa e saíu coa súa descarga de responsabilidade no peto.

nese momento faltaban 41 minutos e 38 segundos para as seis da tarde e son afortunada porque se as feridas fosen máis graves podería terme desangrado en só cinco minutos. sen embargo, o dano óseo, muscular e neurolóxico tampouco resultou ser menos grave.

segundo os médicos espérame un período de recuperación de quince días. iso quere dicir que dentro dun mes poderemos celebrar un evento similar en Compostela, como estaba previsto.

será o décimo de doce.

copista, Sara - avoa, Elisa - escrito rescatado, IP0402 - biblioteca, Ribeiro

25.8.25

peixes cegos

era habitual dos tugurios máis espesos. a un deles, na contorna de Lugo, levou unha amante, pero deixouna na barra diante dunha copa e perdeuse naquel labirinto abrazado a unha muller máis nova.

ela estaba casada e dicía ter cada paixón ocupando o seu lugar respectivo, pero namorouse daquel home ata o fondo onde rebolen os peixes cegos sen interese algún por experimentar a superficie.

imaxe, Shutterstock - copista, Ana - avoa, María - escrito rescatado, HR5025 - biblioteca, Beiras

os dons da muller práctica

cruzouse con ela diante da ventá dunha tenda da rúa principal. faloulle e ela devolveulle un sorriso. era unha rapaza roxa que viñera da aldea, e que traballaba de camareira nun hotel a carón do instituto.

desinibida, analfabeta, realista, alegre e decidida a todo. logrou que aquel mozo reprimido se liberara de si mesmo.

unha tarde de domingo foron ao cine e durante a sesión ofreceulle froitas que so se saborean na escuridade. a partir dese día desatouse nel unha tormenta incesante de culpa e celos retrospectivos.

era ela quen fixaba as normas e a ausencia de límites.

desbordábao con cartas ditadas ao conserxe do hotel durante as ausencias ou mantíñao a raia tirándolle do bocado para somerxelo na obscenidade máis rotunda sen deixar de protexer a súa vida doméstica, ata o detalle máis mínimo.

pero xa nom era de aldea, nim analfabeta e seguía a ser desinbida, realista, alegra e decidida a todo. e unha mañá de sábado recibiu unha postal que a fixo volver sorrir.

imaxe, gettyimages - copista, Ana - avoa, María - escrito rescatado, HR5025 - biblioteca, Beiras

24.8.25

veleno

coñeceu a condesa bebendo licores, a máis fermosa e bohemia do mundo. seguramente era ela pero aterráballe nom ser a súa máscara.

primeiro usou a tenrura e cando xa a tiña de seu fuxiu dela sen deixar de importunala con regresos e despedidas.

pouco despois entrou na súa vida unha muller que se dedicaba a probar homes, sobrevaloralos, namoralos e abandonalos sen deixar de facerse involvidábel.

el pasaba de salóns luxosos a pensións de mala morte nun loita sobrehumana por facer invisíbel o visíbel. e en medio da súa miseria, de súpeto, recibía calquera convite. outra aristócrata, unha que quizás lle presentara unha filla á que seducira nunha viaxe o ano anterior sen que ela soubese nada.

acudía ás citas, pasaba uns días, unhas semanas, uns meses entre xardíns e porcelanas e cortinóns e diváns e sabas limpas e facíase sangue na soidade para liberar o que levaba dentro e o envelenaba.

o seu era rozarse coas amantes como coas ás dos anxos.

imaxe, Pxhere copista, Ana - avoa, María - escrito rescatado, HR5025 - biblioteca, Beiras

23.8.25

pescada fervida

-que lle pasa a Borxo coas mulleres?, pregunteille un día a Casal de Bueu.

-que se namora e logo esnócano. cruzou os brazos sobre o peito como se fosen pinzas como fai alguén que nom quere seguir perdendo anacos de corazón.

-que muller podería namorarse dun home que pedía pescada fervida nun restaurante calquera de Boiro e facía boliñas coa miga de pan que nom comía?

Casal sorriu. Casal só se animaba falando de mulleres, pero díxenlle que, a certas idades, as mulleres mírante pero xa nom te ven. daquela el xa pasara dos oitenta e comentou que esa sensación xa a experimentara, foi o mes pasado.

imaxe - 10ª pregunta, AcuñaCam, - copista, Ana - avoa, María - escrito rescatado, HR5025 - biblioteca, Beiras

18.8.25

os Calveiro

deseñado con IA

hai trinta invernos os Calveiro baixaron dos montes ao val.

viviran alí desde moito antes da GC segundo os usos que lles transmitira seu avó Lourenzo, un desertor dun exército xa esquecido que desaparecera co seu rifle regulamentario e a Biblia do capelán da súa unidade. seica marcaba a culata de madeira os días que foran importantes e logo lía algún parágrafo que lle parecía solemne.

unha das cousas que os netos aprenderon del era a durmir co lume vivo, tamén de día e no verán. nom só tiña conta da escuridade e do frío.

ese ano había tempo que xa xearan os regatos e nos bosques murmuraban as árbores pero os animais quedaran sen canto. Bieito afirmaba ter visto tremeluzos azuis entre os piñeiros, coma cando rapaz sobre o tellado do muíño vello. Ciro, o máis novo, sempre levaba unha corda de cáñamo no peto, por se un día lle salvaba a vida. e Elías, o maior, nom dicía nada, pero pola noite engraxaba o rifle do avó e polo día tallaba paus longos en silencio, coma quen mide algo que aínda nom chegou.

unha noite os cans seguiron un rastro cara ao val e eles fóronlles detrás.

cando pasaron de volta pola cantina a barba de Elías xa era branca, Bieito pechaba os ollos ao sentir un ruído súpeto e Ciro semellaba durmido mentres lucía unha coxeira. ao pouco de eles marcharen oíronse os animais e a auga dos regatos volveu correr.

agora que todo semella nom parar de empeorar o nome dos Calveiro pronúnciase en voz baixa nas tabernas, xusto antes de que se apaguen as gramolas, e a xente salga pola porta e o vento comece a ouvear.

copista, Belén - avoa, Elisa - escrito rescatado, LF3089 - biblioteca, Gaiás

6.8.25

Gaza, unha listaxe

mapa da destrución na franxa en xan2024
el_español

segundo estimacións de orgs humanitarias, desde out2023 levan morto máis de 14.000 nenos e nenas palestinas en Gaza. máis de 40 cada día. poderiamos escribir máis de 700 listaxes diferentes coma esta sen ter que repetir ningún nome.

Yasmina Al-Haddad

8 anos

soñaba con ser veterinaria porque un día curou un paxariño.

durmía durante un bombardeo nocturno.

a súa nai nom esquece como cheira o formigón ao queimarse.

 

Ibrahim Nasser

6 anos

aprendera a escribir o seu nome tres días antes.

baixo os cascallos, seguía apertando un lapis. a irmá máis vella escoitouna durante horas ata que nom se queixou máis e descansou.

 

Maha El-Talib

13 anos

tocaba a darbuka co seu pai nas festas da familia.

ía á escola cunha mochila rosa. a súa melodía favorita seguía soando no móbil. os seus zapatos quedaron no chan, un virado cara unha parede semiderruída.

 

Ziyad Faroun

9 anos

pintaba murais na parede do patio escolar. o que mellor lle quedara era un sol con ollos.

o balón e os corpos quedaron sobre o campo de terra mesturados con bloques de formigón. se alguén tivera gañas de ordenar aquel desastre aparecería o seu sol con ollos.

 

Lina Abed

11 anos

preparara galletas de sésamo coa súa nai.

a cociña ardeu ao caer unha bomba nunha casa veciña. abrasouse mentres intentaba rescatar as galletas. o cheiro a sésamo mesturouse co dos cables queimados.

 

Khaled Sami

7 anos

axudaba a súa avoa a regar os tomates cada mañá.

atopouno entre as tomateiras. estaban molladas, pero nom pola rega, e a terra ao redor tampouco.

 

Nour Safiya

4 anos

lúa era a súa palabra favorita e súa nai repetíalla sen cesar cando tiña medo.

asfixiouse nun refuxio subterráneo, entre máis de corenta persoas. a nai intentaba darlle aire cun cartón. oíase tusir, queixas e lúa … lúa … lúa … lúa … lúa … lúa … lúa … lúa …

 

Salim Raad

10 anos

quería ser enxeñeiro e soñaba con construír pontes.

a que estaba a cruzar rebentouna un mísil. apareceu flotando río abaixo dous días despois. a roupa estaba pegada á pel, desfeita pola auga e a metralla.

 

Amira Khalil

5 anos

bailaba a todas horas diante dun espello cun vestido azul.

abrazouse á súa irmá pequena cando viu que lles caían enriba as paredes do cuarto. o seu vestido estaba roto e tiña na súa man a da súa irmá.

 

Huda Yassin

14 anos

escribía nun caderno.

trataba de liberar a súa irmá pequena dos cascallos cando caeu outra bomba. atopárona co corpo dobrado sobre ela. nun peto levaba un papel con algo que nom se podía descifrar.

 

Adel Masri

6 anos

dicía que quería ter un can para ela soa.

trataba de liberar un atrapado nun coche destruído. os dous estaban rodeados dun silencio cheo de po.

 

Samira Louay

3 anos

palmaba as mans e sorría ata contaxiar a alegría da música a todos.

logo dunha explosión na súa casa, a súa nai apareceu con ela no colo. inda nom da falado.

 

Fadi Rami

13 anos

era o mellor da clase contando chistes.

estaba baixo unha viga, coas mans nos oídos, como se quixese enmudecer algo molesto.

 

Layla Zohair

8 anos

preguntaba sempre por qué as estrelas non caían como as bombas.

miraba o ceo. sabían que era ela pero a súa cara quedou irrecoñecíbel. sabíase polo vestido vermello que lle fixera unha tía costureira.

 

Omar Hadi

15 anos

construía papaventos con papel de refugallo.

un atoou nun cable de alta tensión á vista por mor dun bombardeo. a electrocución nom lle logrou pechar os ollos.

 

Dina Sabri

9 anos

imitaba as mestras e xogaba a dar clase aos seus irmáns pequenos.

o taboleiro estaba incólume na parede. tiña escritas unha frase, o mar azul e as ondas, e unha suma.

 

Rashid Kassem

10 anos

xa sabía cocer pan

saíu buscar fariña e súa nai dixo, inda tiña fame.

 

Yara Hussein

7 anos

gustáballe coller caracois despois da chuvia.

inda tiña os dedos mollados.

 

Bilal Nour

12 anos

fixera unha cámara de cartón para simular que era xornalista.

facía que gravaba unha escena no seu barrio. veu vir o dron pero nom parou de gravar.

 

estes nomes e historias son ficción, mais poderían ser reais. e este nom é un exercicio de estatística, é memoria.

snowflake - ofendidito: a linguaxe emocional (entre o meme e a censura invertida)

en Fight Club (1999), o filme de David Fincher baseado na novela de Chuck Palahniuk, o nihilista Tyler Durden espétalle ao protagonista, nom es especial. nom es unha folerpiña preciosa e única.

esa frase, cargada de desprezo contra a vulnerabilidade individual, pasou de ser unha provocación existencial a un insulto funcional. o snowflake xa nom é só un mozo sobreprotexido: é calquera persoa que, nun contexto público, exprese desacordo, dor ou alarma ante o que diga a maioría.

como acontece cos memes, a súa forza reside na ambigüidade: é gracioso, pero tamén é unha acusación. di moito sen responsabilidade. e permite que quen o emprega se coloque nunha posición de superioridade moral e afectiva. quen se queixa ou denuncia violencia simbólica ou estrutural queda reducido a un neno chorón, a un ser fráxil e ridículo. o meme convértese así nunha linguaxe natural da destrución do Estado de dereito: inocula o desprezo polos dereitos sen recoñecer directamente esa intención.

a evolución do termo é, de feito, unha radiografía do clima político dos últimos anos. en 2008 designaba un exceso de autoestima sen fundamento; en 2016, durante a campaña de Donald Trump, xa era un insulto dirixido a calquera que cuestionase a violencia retórica do candidato. a partir dese momento, snowflake consolidouse como un instrumento de censura invertida: aqueles que denuncian discriminacións son caricaturizados como intolerantes, incapaces de aceptar a liberdade de expresión allea.

en ESP, a tradución máis efectiva foi ofendidito. o éxito do termo é tal que mesmo se institucionalizou en campañas publicitarias —como o anuncio de Campofrío de 2018— e nos discursos de políticos populistas, que exhiben a súa presunta valentía ao dicir as cousas como son, mentres ridiculizan a calquera que se atreva a criticar. a performatividade do snowflake funciona entón como un gaslighting colectivo: non é que ti te sintas ferido, é que es ridículo por sentilo.

a aparente defensa da liberdade de expresión agocha, en realidade, un movemento disciplinario. o que se censura hoxe nom é tanto o que se di, senón a lexitimidade mesma de sentir, protestar, advertir ou matizar. snowflake é o contrario do disenso: é a ridiculización da disidencia emocional.

a dereita aprendeu da contracultura e das RRSS como converter a ironía en poder, a broma en política, o meme en linguaxe de masas. e, sobre todo, entendeu algo que a esquerda ás veces esquece: que a batalla cultural non se libra só nas leis, senón nos significados das palabras, no ton das conversacións e na linguaxe que normalizamos.

@xindiriz, con axuda de IA

visitantes