Elisa e máis eu pasamos corenta e sete anos discutindo por culpa de Francisco. acusábaa de estar namorada del. e trataba de amolala dicíndolle que o seu sempre fora imposible porque nacera douscentos anos tarde.
—o cariño nunca leva ben as contas.
Francisco
entrara na cantina preguntando pola illa da Antártida.
tiña un
nariz feito para sinalar horizontes. falaba máis de trinta linguas e ás veces
esquecía en cal estaba. mesmo aquel día pediu un vaso de viño en turco e ao
marchar despediuse nun idioma das Molucas que soaba coma unha merla aprendendo
a cantar flamenco.
traía un
mapa do mundo dobrado no peto da chaqueta. estaba sen rematar, seica lle
faltaba todo o sur.
—non o rematei aínda. os mapas
hai que facelos aos poucos, coma os viños ou as historias de amor.
seica estivera
en Pasargada, o deserto de Sonora e nunha illa onde as tartarugas sabían contar
ata cen.
Elisa
aseguraba que o coñecera moito antes do que eu quería admitir, nunha feira.
—que feira?
—na do 18.
—pero se ti aínda nom naceras.
Francisco
viña da China e quería mercar un queixo de Vedra. nom o atopou a gusto e logo andou
mirando se había algún reloxeiro capaz de arranxarlle o tempo.
coma tampouco
o atopou, desanimado, sentou nun dos pendellos a contarlle á xente historias de
cidades con nomes de peixe, de emperadores que tiñan árbores de prata nos xardíns
e de mares onde os ventos cambiaban de cor todos os días da semana.
—e que buscaba vostede indo a
tantos sitios diferentes?.
—ao principio buscaba riqueza e fama.
máis tarde sabedoría. agora busco unha muller que me diga onde está a miña
casa.
levabamos
vinte anos casados cando me contou aquilo.
—pareceume que era un home
perdido.
—e namorácheste.
—dos perdidos sempre me namoro.
de
Francisco eu gardaba o mapa e ela unha flor seca. cando morreu ela, atopei a
flor entre as páxinas dun misal. cando me pasou a min, abrín o mapa para
quitarlle o po.
alí estaba
agora debuxada a tal illa Antártida, en cor azul pálido e unha nota, esta terra nom existe aínda, pero existirá
cando os homes precisen dela.
ata que
durmín pasei a noite escribindo sen cesar, nom
hai porto máis difícil de atopar que aquel ao que nom se quere regresar.
ao
espertar sorrín ao ver os noruegueses contando no parte que chegaran primeiro ca
nadie á Antártida. Francisco xa estivera alí para saber finalmente se alguén o
estaba esperando e tiña casa para quedar e deixar de navegar.
como nom ía namorarse a miña Elisa de alguén así.

No hay comentarios:
Publicar un comentario