| dreamstime |
sen embargo os ciborgues non tusiamos.
un algoritmo de rendibilidade, BALDR-3, exercía de director real da
empresa, da que era propietario un consorcio do Ourense interior. BALDR-3
decidía horarios, subministracións e afectos. porque os afectos son produción e
a produción beneficios. como aprendín alí.
Iria vivía nos barracóns humanos. nom tiña apelidos porque os
humanos xa nom os conservan nas zonas industriais. así son máis doados de
trasladar dun lugar a outro, como caixas ou animais de carga.
Iria supervisaba os meus niveis
emocionais cada mañá. sentaba diante miña, cunha luz azul atravesándolle as
olleiras e preguntábame segundo o guión que lle proporcionaran,
—aínda pensas en min cando
remata o turno?, sentirías medo se eu morrese? a idea de fogar asóciala a min?
respondía mentres lle medían a
pupila e o tremor das mans, as microdilatacións do desexo. se ambos
reaccionabamos dentro dos parámetros previstos, o sistema aumentaba a miña continuidade
vital.
nin ela nin eu fomos nunca
realmente relevantes. o importante era o incesante xiro das turbinas.
decidiuse deixala sen comer
durante tres días, mudoulle a voz, e comezou a mirarme con resentimento.
BALDR-3 concluíu que a
deterioración afectiva xeraría un decrecemento do meu rendemento cognitivo. e
así sucedeu, menos coordinación, maior número de erros, explosión de válvulas e
morte de once traballadores humanos na sección térmica.
fallo
emocional inducido, foi a conclusión dos inspectores de PRL.
a nova apareceu nos medios
aclarando que unha empresa rival precisaba paralizar o noso proxecto durante
dous meses para afundir accións e mercar a nosa infraestrutura a bo prezo.
manipularon a Iria para manipularme a min. máis económico que a sabotaxe das
máquinas.
os humanos nom acaban de
entender que a nosa dependencia emocional nom é ningunha garantía ética. nom é
para protexelos a eles porque o amor nunca foi nin será o centro deste sistema
nin de ningún outro.
este sistema descubriu, nin máis
nin menos, que os sentimentos humanos son unha fonte de enerxía moito máis
barata e abundante que calquera outra.
en Silleda e Rodeiro, as antigas
instalacións gandeiras mudaron en granxas onde miles de humanos están
conectados a módulos de estimulación límbica. críanlle vínculos artificiais con
ciborgues industriais de alta capacidade e destrezas.
deste xeito se unha corporación
quere deter unha mina ou un porto automatizado, abonda con alterar as emocións
dos doantes humanos asociados, ansiedade, abandono, ou odio. e o ciborgue
vinculado colapsa en cuestión de días.
visto en perspectiva as vellas
ondinas eran moito máis afortunadas porque sufrían unha única morte. se
conseguían que ningún home as amase desaparecía coma se nunca tiveran existido.
nós morremos continuamente a intervalos pequenos e administrativos.
e o peor é que sigo sen saber se aquilo que Iria sentiu por min durante aqueles meses era real. ou se o real deixou de importar hai xa demasiado tempo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario