quen entra hoxe no IES Laxeiro probablemente vexa un centro
educativo integrado na vida diaria da vila e no presente dunha comarca
dinámica. mais o edificio que durante décadas foi coñecido popularmente como o Hospitalillo
agocha unha historia que fala da emigración, da educación, da solidariedade e
tamén da transformación dun pequeno núcleo rural nunha das vilas máis activas
do interior de GZ.
edificio primixenio do Hospitalillo
La Voz de Galicia
para entender as orixes deste espazo hai que regresar ao Lalín de comezos do século XX. Nun artigo publicado en 1925 no xornal El Ideal Gallego, o mestre Xesús Golmar Rodríguez describía unha vila en pleno proceso de cambio. Lalín deixaba atrás a imaxe dun villorrio estático y adormecido para converterse nun centro comercial en expansión grazas ás novas vías de comunicación e ás súas famosas feiras gandeiras. a estrada entre Ourense e Santiago enchíase de casas brancas, comercios, cafés, fondas e negocios que simbolizaban unha modernidade incipiente.
nese contexto de crecemento económico e apertura ao exterior aparece unha das claves fundamentais da historia do actual instituto: a emigración americana. moitos veciños do partido xudicial de Lalín marcharan a América buscando oportunidades e, coma sucedeu noutras partes de GZ, unha parte dese éxito económico retornou en forma de investimento social. en Bos Aires, xa en 1904, emigrantes lalinenses comezaron a organizarse arredor de proxectos colectivos destinados a mellorar as condicións de vida da súa terra natal. primeiro impulsaron a construción do cemiterio municipal, entregado ao Concello en 1908, e pouco despois xurdiu unha iniciativa aínda máis ambiciosa: crear un hospital-asilo de carácter benéfico.
a través da sociedade Hijos del Partido de Lalín, presidida por Benito Neira e integrada maioritariamente por emigrantes lalinenses —aínda que tamén participaron veciños doutros concellos de Deza e Tabeirós— promoveuse a construción dun centro destinado á atención sanitaria das persoas sen recursos. o proxecto contou ademais co apoio económico da emigración galega en Cuba, articulada arredor da sociedade homónima na Habana. a idea inicial era crear unha institución moderna que combinase asistencia sanitaria, asilo e educación elemental, coa posibilidade de ser xestionada no futuro polo bispado ou polas autoridades locais se estas asumían o seu mantemento.
o chamado Hospitalillo inaugurouse finalmente en 1922, aínda que cunhas dimensións máis modestas das previstas inicialmente. funcionaba como dispensario, cun médico e apenas seis camas, mais as dificultades económicas fixeron imposible sostelo durante moito tempo. o proxecto sanitario pechou aos poucos meses, revelando unha realidade habitual en moitas obras impulsadas pola emigración: levantar os edificios resultaba moito máis doado que garantir a súa continuidade económica.
mais
o peche nom significou o abandono do inmoble. pouco despois, en 1924, o
edificio foi reconvertido en escola e comezou unha nova etapa decisiva para a
historia educativa de Lalín. ao ano seguinte xa contaba con arredor de setenta
alumnos e alumnas e estaba dirixido polo pedagogo Hernán Poza Juncal, pertencente a unha familia de tradición liberal
e republicana. Poza introduciu métodos pedagóxicos avanzados para a época,
afastados do ensino puramente memorístico, e impulsou iniciativas innovadoras
como unha horta escolar realizada coa colaboración de José López.
Hernán Poza Juncar
SHPL, en
Historia de la Terra de Deza
aquel proxecto educativo encaixaba perfectamente coa visión modernizadora que unha parte da sociedade galega defendía durante o primeiro terzo do século XX: unha escola vinculada á práctica, á hixiene, á natureza e á formación integral do alumnado. o Hospitalillo convertíase así nun símbolo da renovación pedagóxica e do compromiso social da emigración galega.
a importancia social do edificio quedou tamén reflectida durante o verán de 1925, cando acolleu as Colonias Escolares de Pontevedra. ata Lalín chegaron nenos e nenas con problemas de saúde ou necesidades de fortalecemento físico para pasar un mes nun ambiente de aire puro e alimentación saudable. o clima da comarca era visto como un recurso terapéutico e educativo, en consonancia coas correntes pedagóxicas europeas que relacionaban saúde e aprendizaxe.
o artigo de Xesús Golmar tamén retrataba unha vila orgullosa da súa mocidade formada e das súas figuras intelectuais. entre os nomes destacados aparecía o astrónomo Ramón María Aller Ulloa, xunto con médicos, xuíces, avogados ou profesores universitarios. a educación aparecía xa daquela como un instrumento de ascenso social e como unha mostra do dinamismo dunha comunidade que quería deixar atrás o illamento rural.
co paso das décadas, o antigo Hospital-Asilo foi transformándose e adaptándose ás novas necesidades educativas ata acabar vinculado á historia do ensino secundario na comarca. o actual IES Laxeiro é, en boa medida, herdeiro directo daquela visión impulsada polos emigrantes: crear un espazo onde a educación servise para abrir oportunidades e construír futuro.
hoxe, cando o alumnado percorre os corredores do centro, deben saber que aquelas paredes naceron grazas ao esforzo colectivo dunha xeración emigrante que soñaba cun Lalín máis moderno, máis culto e máis solidario.
REFERENCIAS:
GOLMAR
RODRÍGUEZ, Jesús (1925):
“Lalín, año 1925”, El Ideal Gallego,
15set1925.
VIDAL NEIRA, Antonio (2014): “Lalín, año 1925”, en blogue persoal de Antonio Vidal Neira, publicado 19mai2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario