proxectos

18.9.14

a LOMCE e o bálsamo de Fierabrás: hoxe a FP Básica, mañá …

epistolariocontingente.blogspot.com
don Quixote, logo dunha das moitas malleiras que papa dille a Sancho que lle prepare o bálsamo de Fierabrás, un ‘mexunxe’ máxico que sanda todas as feridas e males. Debe xuntar aceite, viño, sal e romeu, fervelo todo xunto e rezarlle por riba 80 nosopais, 80 avemarías, 80 salves e 80 credos.

o ‘noso’ heroe bebe, vomita e súa pero ‘cura’ logo de durmir. Sen embargo, para Sancho o bálsamo ten efecto laxante, poñéndoo ás portas da morte. O seu señor explícalle que é un simple escudeiro e non un cabaleiro coma el, por iso non lle fai efecto ningún. Coa LOMCE e a FP Básica non vaia ser que pase o mesmo.

ao establecer con carácter xeral ‘reválidas’ para conseguir o título de ESO o lexislador tiña complicado conceder ao alumnado que supera a FPB ese mesmo título, como si posibilitaban os PCPI aprobando os módulos voluntarios no 2º ano. Sería un agravio comparativo evidente. É certo que coa FPB se pode acceder a ciclos medios e ten a mesma validez a efectos laborais que a ESO. Pero isto é como meter a pata, decatarse de que o fixeches e querer quedar ben sen recoñecer o erro. A Mr. Bean pasáballe moito. Era moi pouco presentable socialmente defender a validez dun título que non servía para nada (nos primeiros anteproxectos), excepto para dicir que a xente tiña un título.

un índice real de éxito da LOMCE e a FPB será a porcentaxe de alumnado que logre ‘recuperar’, estudantes con malos resultados que logre reter no sistema educativo para que sigan a formarse, persoas que se non se toma algunha medida están fóra do sistema pola súa traxectoria anterior de fracaso reiterado. En Andalucía, por exemplo, un 60% das persoas que iniciaban PCPI conseguían o título da ESO. Veremos cantos se titulan coa FPB e que fan logo. A ver as cifras.

os PCPI eran moi flexibles e adaptábanse bastante ben á realidade dos centros educativos e das comarcas nas que se atopan. Existían tres modalidades e cada centro elixía a que lle conviña en función do alumnado que recibía, as instalacións que posuía e as posibilidades de inserción laboral.

no meu IES, por exemplo, podíase elixir entre varios perfiles distintos: perruquería, albanelería, administrativo, electricidade, … o alumnado pasaba gran parte da semana nunha empresa formándose e recibía no centro unha formación básica nun grupo común. Noutros IES de comarcas máis poboadas e urbanas con instalacións apropiadas e listas para utilizar podían ter varios grupos distintos: un de soldadura e outro de estética, por exemplo, e formar o alumnado no propio centro.

coa FPB esta flexibilidade cencénase e en moitos IES de vilas medias ou pequenas, coma a miña, só haberá un perfil e iso obrigará ao alumnado a ‘ser electricista’ (por exemplo) ou a ‘emigrar’ a outro centro onde poidan cursar algo que se aproxime máis aos seus intereses. Tamén é probable que haxa que afrontar fortes investimentos para dotar aulas específicas que agora non existen en lugares que non o precisaban.

a implantación da FPB é precipitada: a publicación da lexislación está a coincidir, case, co inicio das aulas. A final do curso pasado estaba todo no aire e agora hai que comezar xa. Hai un ansia extrema por deixar un legado irreversible se se perden as próximas eleccións xerais: todos os partidos da oposición manifestaron que pararán a LOMCE. As consecuencias serán negativas, o mapa de ciclos resultante será desequilibrado e haberá que retocalo substancialmente.

hai outros aspectos analizables da FPB (a pouca atención que se presta ao alumnado de n.e.e ou as ratios iniciais, aspectos delirantes nos primeiros anteproxectos e que xa se ‘amañaron’ en parte) pero sería abondar no negativo. Para quen ten que implantar estas ensinanzas na realidade, equipos directivos e docentes, a disxuntiva é francamente difícil. Moitos temos absolutamente claro que preferimos os PCPI á FPB. Poderiamos boicoteala, baixar os brazos e non levantar auriculares de teléfono para ‘vender’ o produto, pero isto deixaría bastantes persoas á deriva, absolutamente desasistidas. Están mellor nun aula estudando este PCPI de terceira que na rúa.

desde inicios de mes veñen chamando aos centros a ver como vai o tema e, non se recoñecerá, pero nisto estaban incluso dispostos a ‘incumprir’ as ratios mínimas con tal que nas estatísticas de inicio de curso figurara un suculento número de ciclos de FPB en marcha. Será o éxito das cifras baleiras.

outra cousa é se o seu neno padece un trastorno do espectro autista ou ten altas capacidades ou está nunha zona rural. Aí mandarlle un especialista de reforzo ou compensación ou pagarlle unha bolsa axeitada ou conservar o profesorado que se precisa xa será máis complicado. Terá que loitalo.

unha das intencións declaradas da LOMCE é diminuír de xeito drástico o nivel de fracaso e abandono escolar nos nosos adolescentes, un dos máis altos dos estados do noso ‘entorno’, inda que xa diminuíndo nos últimos anos. A implantación da FPB ven seica a ‘resolver’ iso. Farase un uso triunfal da FPB xa que quen obteña ese título non contará como abandono ou como fracaso. Pero na súa inmensa maioría esas persoas estarán fóra do sistema educativo ao acabar, listos para ir traballar a unha empresa polo que poidan cobrar.

retomando o conto do inicio. É unha incógnita como lle sentará ao sistema educativo e o noso alumnado a posta en marcha da LOMCE e da FPB, pero para min que vai haber máis ‘Panzas’ que outra cousa. O malo é que non se saberá ata que non haxa remedio. Ou remedio longo e moi custoso.

breve cadro comparativo


LOMCE: anteproxectos
LOMCE: texto aprobado
LOE: PCPI
ratio máxima
30 alumnos
20 alumnos
20 alumnos
título: obtención
título fp básica, non ESO
título fb básica, non ESO
título ESO cursando módulos voluntarios
título: validez
non da acceso a niveis educativos superiores sen reválida
da acceso a  ciclos medios; para outros estudos é necesaria reválida
co título da ESO da acceso a ciclos medios e bacharelato
modalidades
unha
unha
tres

xosé manuel lópez fernández
vogal do Movemento Dezao polo Ensino Público e xefe de estudos de adultos do IES LAXEIRO
@xindiriz

28.8.14

Detroit, Ferrol, Lalín, ...

Michigan Central Station
abandoned places
changesinlongitude.com
detroit (
web oficial – inglés):
1/ cidade declarada en bancarrota (3/12/2013): 18.5 billóns (americanos) $ de débeda.
2/ poboación: 1.850.000 nos 50s (4º na listaxe de cidades máis poboadas de EEUU) e 700.000 na actualidade (18º).
3/ Detroit era a metonimia da industria americana do automóbil, e como tal segue o destino desta.

ferrol (web oficial):
1/ poboación: 91.000 en 1984 e 71.300 hoxe (INE); a maior sangría do estado español, só por detrás de Cádiz.
2/ non hai carga de traballo en Ferrol, nin traballo; é a cidade galega con menor taxa de actividade e coa porcentaxe de desemprego máis elevada, cun 32%.
3/ o 26% d@s que quedan ten máis de 65 anos; máis do 35% vive de prestacións (datos do Concello).
4/ no centro quedan apenas 6000 veciñ@s; chegara a ter 20000.

lalín (web oficial):
1/ poboación: 20.698 (2004) – 21.216 (2009) – 20.490 (2012).
2/ aluguer de nave en Lalín 2000 (400 mts2) à 800/1000€ (2007) – 600 (2013).
3/ actividade xudicial en Lalín e A Estrada à 57 contenciosos en 2008 – 222 en 2011 

as cidades nacen, medran ata un punto e un día comeza o seu declive. Moi poucas son eternas. Detroit non é sombra do que foi. Quizás a súa decadencia se deba a decisións dos seus dirixentes, ou quizás fixesen o que fixesen o resultado sería o mesmo. Hai procesos históricos dificilmente reversibles.

en Ferrol pregúntanse se o pasado foi soño que alguén decidiu rachar no 82/83: a Sevilla tocoulle a Expo, a Barcelona os Xogos Olímpicos, e a Ferrol a ‘reconversión e reindustrialización’ naval. Para unha cidade que vivía dos estaleiros e da presenza de instalacións militares foi un golpe mortal. Agora Fernanda, unha veciña, di que no inverno é perigoso pasear polo centro, e non pola delincuencia, senón por se che cae un cascote desde un edificio en ruínas, un dos tantos que hai.

en 2008 no Estado español estala a burbulla da construción e o prezo do chan cae en picado; ademais, algúns, un deles Xosé Crespo, xa ven as contas dos concellos galegos en serio perigo. A pesar disto, amigas e amigos, en 2009, o ano seguinte, aquí seguíase a voltas co Castro Tecnolóxico, o buque insignia da época, unha infraestrutura que ten a ben xerar todo tipo de pagos ‘non previstos’.

hai uns días, mediados de agosto de 2014, un xornal local publicou unha foto da ‘calle a’, deserta; seica porque era día grande de festas de verán e de praia. Certo. Pero se publican unha dun domingo calquera tampouco aparecerá moita xente nela, excepto á hora da misa e o fútbol, eses ‘opios’. Hai xente cualificada que di que Lalín xa está morto.

casco vello de Ferrol
www.jotdown.es
eu, modestamente, diría que nin chegamos a ‘facer cidade’ nin estamos inda tan costa abaixo como Detroit ou Ferrol. Non creo que Lalín se chegara a consolidar como núcleo industrial: ula a tecnoloxía propia?, ulo o produto distintivo? O cocido, por moito que se queira, non da para tanto. Había moito emprego si, e moitos ben que gozaron de días de viño e rosas. Agora a situación estase coloreando de escuro, moi escuro, e hai que reaccionar.

é moi preocupante a sangría de poboación que nos pode situar por baixo da cifra dos 20.000 habitantes, coa conseguinte perda de categoría e presuposto municipal. Fóra de campañas de última hora que atenden ao síntoma e non á enfermidade, que se está a facer?

temos subido, de súpeto, uns cantos chanzos na listaxe de concellos máis endebedados do Estado, superando a Silleda, un concello que na práctica estivo en suspensión de pagos e onde o PP perdeu o bastón de mando, entre outras cousas, por levalo a esta situación.

o abandono e a ruína xa medran no corazón de Lalín, na escuridade de Praza e ‘parking’ Europa, que se esfarelan sen remedio. Esa era unha infraestrutura que debía ser central na vida económica e social de Lalín.

aquí callou que vivir do agro, a gandería e a explotación dos montes era de segunda. Mellor escapar da aldea e vivir nun piso en Lalín. Os que mandaron e mandan, moitos, son bo exemplo. A xente cumpriu, como case sempre, desatendeu o que era e tiña, trouxo os fillos e os netos e mercou todos os pisos que puido. Inda así unha terceira parte está baleira. Ese modelo de vida e economía está esgotado, e a maioría dos empregos que precisan os que se fixeron ‘urbanitas’ (no téxtil e na construción, por exemplo) ou desapareceron ou ‘os desapareceron’.


parking Europa
www.farodevigo.es
‘créanse empresas’ novas (este ano 20); dino e é certo, como tranquilizándonos: en Lalín volverá haber unha situación de ‘case’ pleno emprego, como antes. Pero moitas destas altas son de persoas que deciden facerse autónomos, por exemplo. E, cantas altas destas se precisan para compensar o emprego perdido nunha empresa como Montoto? Calculádeo, e calculade de paso cantas empresas pecharon. Ademais, sería interesante saber con detalles quen constitúe algunhas desas novas empresas e para que.

hoxe, mañá, este mes, este ano, esta década, o reto de Lalín e quen o dirixa é evitar ser Detroit ou Ferrol (á nosa escala, evidentemente) e superar esta situación que vivimos. Crespo, 'designado' na época de vacas gordas, non semella ter plan para evitar que esta vila morra e aspire a ser ‘eterna’.

REFERENCIAS:
eldiario.es: la fascinación artística de un desplome
faro de vigo: la primera constructora dezana quiebra y deja en la calle a más de 230 empleados
voz de galicia: el precio del suelo urbano en Lalín y A Estrada cae en más de un 28% en el primer semestre
el país: el pp vaticina la quiebra económica de los ayuntamientos
correo gallego: Lalín pagará 91249€ más a los arquitectos del consistorio
abc: el textil, deslumbre y realidad actual
voz de galicia: la crisis deja naves vacías en los polígonos de ambas comarcas
voz de galicia: las dos reconversiones navales acabaron destruyendo unos 45000 puestos de trabajo
voz de galicia: un expediente tras otro
faro de vigo: Lalín es el municipio de la comarca con más viviendas vacías, el 28,2%, el 11.732 de las totales
el diario: casi uno de cada cinco pisos que se hicieron en la última década está vacío
faro de vigo: crean 55 empresas en el primer semestre en Deza y Tabeirós, una veintena de ellas en Lalín
faro de vigo: la quiebra de empresas multiplica por cuatro los contenciosos que tramitan los juzgados
faro de vigo: Agolada y Lalín son los concellos más endeudados de las comarcas, con más 400 euros por vecino

29.7.14

o mal e Eagleton: tres rascuños e un epílogo

I

Terry Eagleton usa enfoques teolóxicos, literarios, psicanalíticos, éticos e da doutrina social católica mentres Roger Scruton, un conservador, defende leis e costumes tradicionais. Para ambos, o ‘mal’, lonxe de ser unha realidade propia do pasado medieval, época seica supersticiosa por excelencia, segue a ser hoxe, na suposta era da ciencia e o progreso sen límites, un fenómeno inexorablemente real e palpable.

para Eagleton, o mal, algo absolutamente infrecuente, é a crueldade destrutiva e orgullosa, intelixente e case abstracta. É un xeito grotesco de vontade, incluso de arte: unha caste de egoísmo inscrito na negación das nosas naturezas ‘como criaturas’, e da nosa dependencia ‘dos outros da nosa especie’: ‘a pura autonomía é un soño do mal’.

para Eagleton o mal ‘carece totalmente de finalidade. Algo tan rutineiro coma un propósito iría en detrimento da súa pureza letal. Nisto seméllase a Deus’. O mal aspira á creatividade de Deus pero ao contrario, convertendo o ser en non-ser por medio do uso dunha ampla gama de técnicas de aniquilación. O mal, sen embargo, só pode anular o que xa foi feito nacer; e cancelar o creado só intensificaría, paradoxalmente, o noso sentido da bondade e da pureza do ser. Isto irrita inda máis os axentes do mal polo que a súa capacidade de destrución, onde as circunstancias o permiten, alcanza graos inimaxinables de paroxismo; iso cando, afortunadamente para nós, non se consome a si mesmo.

Scruton defende ‘a imaxe da imperfección humana’ contra os credos utópicos e optimistas que soñan cun futuro sen conflito e compromiso. Para el, toda persoa e sociedade debe ‘recoñecer límites que non se poden transgredir’ e ‘valora as institucións que nos permiten medrar seguros e vivir en paz’. Con ‘pequenas doses de pesimismo’, desexa vacinarnos contra a febre fatal dos ideais utópicos; advirte contra ‘falacias’ como a arquitectura modernista e a educación liberal, a URSS e a UE. Todo iso ‘sempre acaba en bágoas’.

un defende que a natureza dos seres humanos é ‘fiel a moitas concepcións teolóxicas tradicionais’ mentres o outro rexeita a teoloxía por ser ‘totalmente trampulleira’ e non se preocupa pola fe e as súas formas porque ‘a relixión pode declinar e fragmentarse sen detrimento algún para o imperio da lei’; un rexeita, igual que fixeron Aristóteles e Aquino, o individualismo moderno por ser ‘a virtude, de lonxe, o xeito máis pleno e pracenteiro de vivir’, mais o outro propón unha moralidade baseada nos ‘hábitos do perdón e a ironía’ auto críticos, celebra a sociedade civil non como unha reunión de xente igual mais como ‘unha comunidade libre de estraños’.

un define a pexa orixinal, fatalista, como o inevitable ‘feito de ter nacido’ nun corpo proclive a desexos e impulsos mais o outro percíbeo, esperanzado, como a rebelión creativa de Caín cando matou a Abel, ‘virou as costas á tribo’ e iniciou a senda que posibilitou fundar asentamentos cooperativos de cidadáns; un insiste en que ‘o pasado é iso do que estamos feitos’ e que ‘moreas de antepasados se aparecen coma pantasmas nos nosos xestos máis fortuítos, programando os nosos desexos de antemán’ e o outro congratúlase da ‘racionalidade colectiva’ de sociedades ‘irremediablemente distintas’ que teñen a ‘capacidade de vivir en paz e adaptarse unhas ás outras facendo uso da aceptación mutua e o consenso’.

un búrlase do ‘progresismo corto de miras’ e o ateísmo ‘auto-compracente’ de Richard Dawkins e o outro acepta con sobriedade que a historia mostra ‘que podemos facer algo máis que seguir os ditados da nosa natureza orixinal’. A primeira voz, en cada caso, pertence a Eagleton e a segunda a Scruton.

poderíase, polo tanto, establecer paralelismos entre ambos. A utopía das ‘falsas esperanzas’ coincide, máis ou menos, coa idea de ‘mal’ de Eagleton e para Scruton a utopía é tamén arteira, abstracta e testana, un asalto monstruoso do ego desmedido sobre a realidade. O concepto de historia de Eagleton descartaría ‘a posibilidade de utopía’, posto que ‘hai certas calidades negativas da especie humana que non poden ser alteradas substancialmente’. Scruton coincide que ‘as nosas virtudes e amores son as virtudes e amores de criaturas moribundas’ e unha característica esencial do mal, engade Eagleton, é a súa ‘negativa a aceptar a nosa mortalidade como seres naturais’.

sen embargo, á hora de articular opcións políticas as diferenzas son predicibles e evidentes. Eagleton considera o terrorismo islámico unha resposta ‘malvada’ pero racional a unha inxustiza histórica, Scruton unha busca interior da aniquilación ocasionada pola xenreira e o resentimento cara a modernidade. Na explicación do ‘impulso de morte’ de Eagleton, Scruton atoparía un exemplo elocuente dos impulsos auto–destrutivos que ameazan con consumir o mundo –a non ser porque Eagleton fala do alcoholismo, non do islamismo. O utópico de Scruton, como o malfeitor de Eagleton, está bébedo de odio pola realidade encarnada.

Scruton rexeita que esteamos ante unha ‘crise do capitalismo’; para el, o capitalismo global e o imperio occidental non son ideoloxías de coerción utópicas e destrutivas.

Eagleton, pola súa banda, busca diferenciar as masacres de Stalin e Mao da infernal categoría representada polo xenocidio nazi. Estariamos ante a distinción entre mal e ‘maldade’: se o mal é perseguir a nada pola propia nada, entón, argumenta, é altamente infrecuente, por iso non é algo polo que debamos perder de durmir. Hitler é malo pero Stalin ou Mao son simplemente malvados, xa que a nada á que reduciron os seus inimigos foron danos colaterais na persecución dun nobre propósito, a revolución. Inda así, Eagleton non defende que sexan menos culpables por ser ‘simplemente’ malvados –ao contrario.

segundo Scruton, Eagleton estaría atrapado na falacia das utopías cando propón que a verdadeira historia inda non comezou xa que –na espera dunha revolución auténtica interminablemente aprazada– a humanidade segue enmarañada en ‘rapiña, avaricia, e explotación’.

Eagleton tamén combate un lugar común: que o mal teña encanto. Admiramos a quen ‘se planta ante a autoridade, pero non a violadores ou delincuentes corporativos’. É un asunto complexo porque ‘dúas accións poden parecer iguais, sendo unha mala e outra non; pensemos, por exemplo, na diferenza entre alguén que recorre a prácticas sádicas para obter pracer sexual nunha relación consentida, e alguén que inflixe dor extrema noutra persoa para mitigar o seu nauseabundo sentido de non–ser.’

II

Principio del formulario
Final del formulario
New Humanist: Clarify your thinking
comentando o crime cometido por dous rapaces en 1995 e a súa consideración pola maioría da opinión pública como ‘inentilixible’, ‘sen rima ou razón’, ‘sen causa’ Eagleton aduce que este categorizar este suceso así é unha manobra conservadora preventiva contra aqueles que puideran apelar ‘ás condicións sociais para buscar entender porque [estes rapaces] fixeron o que fixeron’, porque ‘tal comprensión pode traer consigo perdón’.

Eagleton aprecia ‘unha tautoloxía ou argumentación circular implícita’ nesta consideración: ‘a xente fai cousas malas porque é mala’. Os conservadores rexeitan ‘o determinismo do entorno para substituílo polo da personalidade. Agora é a túa personalidade, non as túas condicións sociais, o que che impulsa a cometer feitos innomeables. E inda que é doado imaxinar cambios decisivos no entorno –infravivendas demolidas e substituídas por aloxamentos dignos, asociacións xuvenís vigorosas e en funcionamento, a expulsión dos traficantes de crack dos barrios– é máis difícil imaxinar unha transformación tan radical da personalidade humana. Como podería transformarme totalmente e inda ser eu?’

ambas visións (determinismo do entorno –defendido polos estruturalistas liberais– e determinismo da personalidade –defendido polos condutistas conservadores) exoneran ao actor do feito cometido. Se as condicións sociais son as únicas responsables dos malos actos, o autor é inocente. Se ‘o mal sangue ou os xenes malvados’ son os únicos responsables dos malos actos, o autor é inocente. E aí está a ironía: a condición que te maldí é tamén a que te redime. ‘Se os terroristas están realmente tolos, entón ignoran o que están a facer e, por conseguinte, son moralmente inocentes’. Se homes e mulleres son ‘vítimas indefensas de forzas demoníacas’, deberían ser compadecidos ou condenados?

existe, sen embargo, unha terceira explicación do mal –alén de condicións sociais e da personalidade–: defender que o actor é malvado en uso do seu libre albedrío, a semellanza do Ricardo III de Shakespeare (‘mal, se ti o meu ben!’) ou o Göetz de Paul Sartre en Lucifer e o Señor (‘eu fago mal polo propio mal’). Esta reacción a miúdo se confunde cun determinismo da personalidade: ‘sempre poderías defender que a xente que opta conscientemente polo mal xa debe ser mala por si para facer tal cousa’.

fronte a estas posicións, Eagleton argumenta que os malos actos son racionalmente explicables porque ‘razón e liberdade están intimamente relacionadas’. A menos que temamos que explicar o mal é escusar o mal: ‘explicar porque paso as fins de semana alegremente fervendo teixos vivos non é necesariamente aprobar o que fago. Non moita xente imaxina que os historiadores buscan explicar o ascenso de Hitler para facelo parecer máis sedutor’. En resumo, ‘as explicacións poden afinar os xuízos morais mais tamén facelos máis febles’.

con demasiada frecuencia, a nosa resposta ao mal é simplista: ‘os actos humanos malvados son explicables, en cuxo caso non poden ser malvados; ou son malvados, en cuxo caso non hai nada máis que dicir sobre eles’. Ningún destes puntos de vista, segundo Eagleton, sería acertado.

non hai unha distinción absoluta entre estar influenciado e ser libre. Moitas das influencias que padecemos teñen que interpretarse para condicionar o noso comportamento; e a interpretación é algo creativo. Non é tanto o pasado que nos da forma como o pasado tal e como (consciente ou inconscientemente) o interpretamos. E sempre podemos chegar a descífralo dunha maneira diferente. Ademais, alguén libre de influencias sociais sería tanto como unha non-persoa ou un zombie. En realidade, esa persoa non sería un ser humano en absoluto. Podemos actuar como axentes libres só na medida en que nos da forma un mundo no que este concepto significa algo e nos permite actuar segundo el. Ningún dos comportamentos especificamente humanos é libre no sentido de estar absolto dos determinantes sociais, o que inclúe actos especificamente humanos como quitarlle os ollos á xente. Non seriamos capaces de torturar e masacrar sen ter asimilado moitas habilidades sociais. Incluso cando estamos sos, non o estamos no sentido en que o está o cubo no que manexamos o carbón ou o Golden Bridge. É só porque somos animais sociais, capaces de compartir a nosa vida interior con outros por medio da linguaxe, que podemos falar de asuntos como a autonomía e a responsabilidade. Non son termos que se apliquen ás cadelas frades. Ser responsable non é estar desprovisto de influencias sociais, mais relacionarse con tales influencias dun xeito particular. É ser algo máis que simplemente a súa marioneta. ‘Monstro’, nalgunhas culturas antigas, significaba, entre outras cousas, unha criatura que era totalmente independente dos outros.

en resumo, podemos manexar catro explicacións ou conceptos do mal: 1. determinismo ambiental: as condicións sociais son as únicas responsables das accións malas (a postura habitual dos estruturalistas liberais); 2. determinismo do carácter: a conduta humana é a única responsable das accións malas (os condutistas conservadores); 3. libre albedrío: as accións malas son elixidas polo individuo (lapsus do determinismo); e 4. interacción entre o entorno e o carácter: as accións malas son resultado de condicións sociais e a conduta humana (a postura de Eagleton).

e as implicacións máis importantes destas catro explicacións ou conceptos do mal serían que 1, o mal é perpetrado por un actor social, non un actor autónomo (‘a autonomía pura é o soño do mal’); 2, o mal afecta aos ámbitos público e privado; e 3, o mal ten consecuencias éticas e políticas.

Eagleton sorrindo
robertarood.wordpress.com
III

Eagleton semella considerar que os teólogos posúen as mellores metáforas e aprópiase delas para comprender mellor a política contemporánea. Quere demostrar como se pode usar a doutrina cristiá para expresar e interpretar a condición humana. Usa linguaxe teolóxica técnica e realiza un exercicio de escatoloxía aplicada: ‘a pesar de non ser máis posible que haxa ninguén “no” inferno de que poida haber alguén nun espazo material chamado débeda ou amor ou desespero’, o inferno é real abondo, e non son os outros.

a doutrina da ‘pexa orixinal’ ocupa un lugar central neste exercicio. A antropoloxía cristiá, debidamente entendida, non é nin pesimista nin optimista – é realista; e nesa triangulación, importante para Eagleton, hai elementos para elaborar unha filosofía política completa. O home é un animal tráxico, consciente da complexidade da súa propia condición, pero nunca capaz de controlala por completo. Reclamando ser libres, tamén sabemos que as nosas opcións na vida están claramente determinadas por circunstancias creadas sen pedirnos consello. Como di Adorno: ‘se soubésemos a cada momento o que ten acontecido e a que concatenacións debemos a nosa propia existencia, e como a nosa propia existencia está indisolublemente unida á calamidade, incluso se non temos feito nada equivocado … se se fose completamente consciente de todo isto a cada momento, seríase realmente incapaz de vivir.’ Esa é a razón pola que Spinoza afirmou que a liberdade é a ignorancia da necesidade. Existir é ser culpable de accións que nunca tivemos moita esperanza de controlar. Por iso non sorprende que, para Adorno, a historia humana sexa unha catástrofe.

segundo a doutrina da caída, a humanidade ten caído no coñecemento do ben e do mal e a nosa pexa orixinal é o que nos define como animais morais, a criatura híbrida que coñece ben e mal. Pero isto non significa que esteamos totalmente determinados e por conseguinte sexamos incapaces de mellorar a nosa condición: ‘non somos incapaces de transformar a nosa condición actual … pero non o faremos sen recoñecer a nosa desalentadora historia’. Cualificariamos, entón, a filosofía política de Eagleton como realista, en contraste con conservadores e liberais.

a antropoloxía conservadora é esencialmente pesimista: os homes ‘son criaturas corruptas e indolentes que precisan disciplina e autoridade constantes para poder arrancarlles algo de valor’. Por iso, os conservadores apostan tanto polo papel das institucións para gobernar as vontades e os afectos ingobernables dos homes, pecaminosos. A tara na súa lealdade á tradición, sen embargo, é que non son quen de aplicar a hermenéutica da corrupción ás institucións que erixen como barreiras contra o caos, e renuncian a recoñecer que estas barreiras con frecuencia terminan sendo os instrumentos da destrución que procuran evitar. Eagleton cre que o capitalismo, en particular, ten que diferenciarse doutras formas institucionais de vida, porque conecta directamente coa natureza inestable e contraditoria da especie humana: ‘o capitalismo é un sistema que precisa estar en movemento perpetuo simplemente para seguir a ser. A súa esencia é a transgresión permanente.’ O mesmo podería dicirse das institucións relixiosas, coa dificultade engadida de que as súas pretensións transcendentais as fan especialmente resistentes ao cambio redentor.

Roger Scruton
www.abc.net.au
os conservadores cren na pexa orixinal pero non na redención e os liberais cren na redención pero non na pexa orixinal. Non cren no sentido tráxico da vida, que é a razón pola que tenden a identificar a fonte dos males que nos asedian non en nós mesmos mais nos impedimentos externos ao benestar humano: quite vostede eses obstáculos externos e o Reino farase terreal tal e como é no ceo da imaxinación liberal.

os radicais, pola contra, tentan manter o equilibrio entre estes dous estremos: ‘por unha banda, deben ser brutalmente realistas sobre a fondura e a tenacidade da corrupción humana ata a data … pola outra, esta corrupción non debe ser tal que a transformación sexa imposible.’ Eagleton cre que o que evita que o radical non esmoreza no desespero é a comprensión do que chama materialismo: ‘quero dicir con esta crenza que a maior parte da violencia e as inxustizas son o resultado de forzas materiais, non da disposición viciosa dos individuos … o oposto ao materialismo aquí é a moralidade – a crenza de que os malos e os bos feitos son independentes dos seus contextos materiais.’

en realidade, o que propón é un entendemento materialista da pexa orixinal. Cre que a maior parte dos comportamentos inmorais están ligados a estruturas e institucións, co cal non é da enteira responsabilidade dos individuos implicados neles. Un bo exemplo sería o xeito en que homes e mulleres que nunca torturarían un animal como non dispararían a súa avoa colaboran coa existencia dun sistema vasto e industrializado de crueldade cara os animais a causa da súa adicción á comida barata. Eagleton non usa o termo, pero o que está pedindo é arrepentimento no sentido usado por Xesús no Novo Testamento grego: metanoia, un cambio ou xiro radical nas nosas mentes que nos permita ver o que está sucedendo realmente. Coma un profeta berrando nun descampado, Eagleton chámanos a facer unha análise radical da condición humana. Somos criaturas binarias, capaces de ben e mal, sen embargo proclives a esconder de nós mesmos o impacto noutros das nosas accións, particularmente no ámbito estrutural ou sistémico. Outro gran teólogo realista, Reinhold Niebuhr, capturou este paradoxo no título dun dos seus libros, Moral Man and Immoral Society. Niebuhr demostrou sen cesar nos seus escritos que mostramos a nosa peor cara nas esferas colectiva e estrutural – o materialismo de Eagleton. Actos que nunca soñariamos cometer nós mesmos permitimos que se fagan a distancia no noso nome. Eichmann mesmo non matou un só xudeu pero asegurouse de que os trens que ían cara os campos de exterminio chegaran á súa hora.

epílogo

se o argumento en torno ao mal e as condicións materiais ten un mínimo de validez; a consecuencia é que non se pode ditar un xuízo moral sobre a especie humana porque inda non a observamos en condicións ideais (chiste británico).

VÍDEO DE VIMEO à http://vimeo.com/15157413
GOOGLE BOOKS à On Evil (versión orixinal en inglés)

fontes deturpadas (sen piedade):
- BENSON, Christopher. “On Evil. An Introduction” (March 24, 2010)
- COLES, RICHARD. “On Evil by Terry Eagleton” The Observer, (30 May 2012)
- HOLLOWAY, Richard. “Hell on Earth: On Evil by Terry Eagleton”
- TONKIN, Boyd. ‘On Evil by Terry Eagleton. The Uses of Pessimism by Roger Scruton’ The Independent (04 Xuño 2010)
- SINGER, Marcus G. “The Concept of Evil” Philosophy, vol. 79, nº 308 (April 2004), pp. 185-214.

@xindiriz

24.7.14

en Lalín o cine non é esencial

cando no Concello de Lalín tratamos cuestións de DZine non estaba Xosé Crespo Iglesias. Estaba noutra reunión sobre unha cuestión máis importante e apareceu nunha foto máis proveitosa para el e todos nós. Nesa foto quedou patente a unión de alcaldes importantes da provincia en contra da pretensión do ministerio de Xustiza de suprimir os partidos xudiciais e, na práctica, recentralizar os servizos públicos de xustiza, facéndoos máis custosos e inaccesibles para todos, esencialmente para os máis humildes.

concordo con que o cine en Lalín non é unha prioridade. Como di o alcalde, se non hai xulgados en Lalín, ‘se perdería vidilla’, sen cine haina igual. Esencial é ter emprego para facer a vida que desexes; e coñezo moitos que están pasando por grandes dificultades, enormes. Hai que ter acceso servizos educativos e de saúde públicos, gratuítos e de calidade, sufragados por impostos provenientes dun sistema impositivo equitativo. E a xustiza, xusta, accesible, próxima e rápida. Logo os adornos, como ver cine no teu pobo ou comarca, a ser posible bo.

por iso entendo ben o que pasou o luns. O Concello declárase entusiasta partidario da idea pero na práctica: 1, o espazo que se ía ceder resulta que xa ten actividades programadas e isto é un problema; 2, a subvención que podía aportar Cultura para equipar o local ideal para o cineclube, agora resulta que non é tecnicamente factible por un ‘matiz legal’.

dúas reflexións e dúas preguntas: 1; se había xa moitas actividades no Salón Teatro e o que propuxo DZine era incompatible con elas, por que se dixo hai un mes que se cedía?. 2; a Orde que regula a subvención di que é para equipar instalacións municipais; suponse que as actividades que alí teñan lugar as realizará o titular; e se se menciona que algunhas as faría DZine e iso é un problema, non lles parece que se cometeu unha torpeza na formulación da solicitude?.

e unha guinda, non menor: na nosa proposta de Convenio de uso do Salón Teatro afirmamos que durante o horario correspondente non se precisará a presenza de empregados do Concello. Pero nesa situación se nos di que temos que contratar un seguro de responsabilidade civil (uns 900 euros). Non albisco a razón disto, porque imaxino que xa o Concello ten un. E outros cineclubes apoiados polos seus concellos non teñen, que eu saiba, necesidade dese trámite cando usan espazos cedidos polos concellos respectivos.

o resumo é que todo isto supón un mes perdido.

ás veces penso que non se confía en nós, ou que non interesa a idea (moitos votos igual non da), ou que non interesa que a idea a poñamos nós en práctica. Porque lembro o dinamismo que se exhiben cando se conseguen recursos para outras cuestións e a contundencia usada contra os que desinten.

un exemplo, a Diputación aportará fondos para o ‘choio’ dos castros. E bastantes. O que precisaría DZine, en comparación, non son máis de ‘catro cadelas’: aproximadamente un millón de euros contra non máis de nove mil euros para acondicionar dignamente o Salón Teatro.

ás veces, repito, pásaseme pola cabeza o que xa vos contei pero para que vou vivir con esta desconfianza. O cine non é esencial; esenciais son outras cousas nas que xa se está traballando arreo. E hai que dar as grazas por iso. Si, señor alcalde, moitas grazas por traballar no esencial para Lalín.

para finalizar, eu sempre tiven claro que sen a axuda do Concello esta aventura de volver traer cinema a Lalín e comarca ía ser complicada pero tampouco, chegado ata aquí, me vou conformar con esta situación. Seguireino intentando cos meus compañeiros. Temos que responder ante a xente que xa se asociou e quere cinema na comarca. E tentaremos facelo, por suposto.

19.6.14

lei orgánica 3/2014, de abdicación e coroación

lei orgánica 3/2014, de abdicación da súa Maxestade Juan Carlos I de España e de proclamación do porquiño Valentín

a tod@s @s que a presente viran e entenderan, 

sabede: que veño de sancionar a seguinte lei orgánica

PREÁMBULO

veño de comunicarlle ao Presidente a miña vontade de abdicar e díxenlle todo iso, palabra por palabra:

«cando me ‘proclamaron’ alá polo 70 e tantos quería facer que servía os intereses de España, dicindo que os cidadáns erades os protagonistas do voso propio destino e España unha democracia moderna, integrada en Europa

hoxe, cando volvo a mirada atrás sinto orgullo e gratitude cara vós, que me tolerastes tantos e tantos anos. Orgullo, polo ben que mirástedes cara outro lado. E gratitude, polo ben que mo deixástedes pasar, desde aquel día que tan novo era tanto quería 'conseguir'

eu non teño nin tiven culpa de das cousas malas e ‘malotas’ que se din por aí que fixen pero é certo que hoxe é urxente que ocupe a primeira liña política xente diferente, con novas enerxías, emprendedora e determinada a transformar e reformar o que eu non quixen facer, o que demanda a situación de emerxencia social e económica e así afrontar un futuro diferente

a miña única ambición ten sido e seguirá sendo sempre facer que contribúo ao benestar e o progreso en liberdade de tod@s. Quero o mellor para min, a quen dediquei toda a miña vida e para interpretar este papeliño teño empregado todas as capacidades, ilusión e man esquerda que posúo. O porquiño Valentín, meu amigo, encarnará a estabilidade, sinal de identidade da monarquía

o porquiño Valentín ten madureza, preparación e sentido da responsabilidade abondo para asumir con plenas garantías a Xefatura do Estado e abrir unha nova etapa de esperanza na que se combinen a súa experiencia e o impulso de sangue nova

por todo iso, convencido de que é o mellor para min, e tamén para vos, decidín por fin ao meu reinado e abdicar a Coroa de España, poñendo en mans do porquiño Valentín a miña maxistratura e autoridade para que sexa el quen decida o que se fará a continuación

desexo expresar a miña gratitude ao pobo español, a todas as persoas que han interpretaron o seu papel nesta opereta e me teñen axudado con tanta xenerosidade e lealdade a min e en beneficio seu. E a miña gratitude á Raíña, cuxa tolerancia nunca me faltou

gardo e gardarei sempre a España no máis fondo do meu peto»

o artigo 57.5 da Constitución Española dispón que «las abdicaciones y renuncias y cualquier duda de hecho o de derecho que ocurra en el orden de sucesión a la Corona se resolverán por una ley orgánica» – este ‘sacro’ precepto segue os precedentes históricos do constitucionalismo español, que xa reservaban ao poder lexislativo a solución das cuestións a que dera lugar a sucesión así como a autorización da abdicación, incluso mediante unha lei especial para cada caso. Se ben a Constitución en vigor no utiliza este último termo, os citados antecedentes e el mandado do artigo 57 de que o acto rexio sexa resolto por unha lei orgánica fan que sexa este o instrumento legal idóneo para regular a efectividade da decisión

a entrada en vigor da presente lei orgánica determinará, en consecuencia, que a abdicación teña os seus efectos e que se produza a sucesión na Coroa de España tal como prevé esta lei orgánica

artigo único. Abdicación da Súa Maxestade o Rei Don Juan Carlos I de Borbón

1. a súa Maxestade el Rei Don Juan Carlos I de Borbón abdica a Coroa de España no porquiño Valentín

2. a abdicación será efectiva no momento de entrada en vigor da presente lei orgánica

3. nese momento preciso, quedará, polo tanto, proclamado o porquiño Valentín novo rei de España

disposición final única. entrada en vigor

a presente lei orgánica entrará en vigor no momento da súa publicación no «Boletín Oficial do Estado».

polo tanto, prego a tod@s, particulares e autoridades, que garden e fagan gardar esta lei

LALÍN, 19 de xuño de 2014

EI REI, ADEUS

arkivos

visitantes