proxectos

20.4.12

ir ou non ir? subir ou baixar?

O domingo estamos convocad@s en Lalín a manifestarnos contra a instalación dunha incineradora de lixo en O Irixo (ou en calquera outro lugar próximo á comarca). Noutras circunstancias un tipo danés non sabía que facer. Pode que moit@s de vos esteades na mesma, vou ou non vou á manifestación do domingo? Estará mal día, que pinto aí, en política non me quero meter, teño cousas máis importantes que facer, xa irán outr@s por min, que manifestación ho.

Incluso moit@s d@s que xa dixeron que non pensan ir (ou non lles deixan) teñen moi claro que o da incineradora vai supor unha auténtica desfeita para as nosas vidas e as nosas facendas. Por que non o din máis claro é cuestión escura que non da tempo de desenfiar; el@s verán.

O máis que apuntaron neste tempo é que o lixo existe e que algo hai que facer con el, resignad@s unha vez máis a aturar outra nos dentes, para el@s e para nos tod@s. Podíaselles ocorrer que é perfectamente posible investigar e incentivar outros métodos e tecnoloxías. Digan o que digan, é o camiño sensato, o utilizado en países aos que sempre nos quixemos parecer; non por envexa ou complexo de inferioridade: viven mellor que nós, aproveitan mellor a vida que se nos dou a tod@s, que diso se trata sempre.

As tres Rs (redución – reutilización – reciclaxe) non nos levan á calella sen sentido que supón SOGAMA, un exemplo desastroso de planificación e xestión que nin a Xunta de Galicia é capaz de negar. Para que nos vai servir unha SOGAMA-2? Afondar no erro é humano pero non imprescindible. E @s galeg@s podemos evitar volver a equivocarnos, sempre podemos. Dende a Plataforma INCINERADORA NO DEZA NON levamos xa meses aportando as nosas conviccións e os nosos esforzos nese camiño.

Tamén coñezo a un tal Jameson, un americano raro, quizás curmán do do whisky. Resulta curioso oílos falar cando se atopan: un dálle que dálle de mundos utópicos que derivan do desexo de cambiar este no que viven, de debuxar mapas que nos permitan coñecer o que vivimos non vaia ser que nos enganen. E o outro xa podedes imaxinar. O tipo vende whisky.

Pero a cuestión está, para min, moi clara. Teño oportunidade de expresarme. Dicir claramente, como se debe, o que penso. Eu vou ir. E se chove e vai frío, na casa turraremos de paraugas e de chapeu e veña. O domingo non vou ser d@s que se atopan nas esqueiras, d@s que non se sabe se soben ou baixan. Amañeza como amañeza eu e @s m@s estaremos alí.

1.4.12

sobre "pena furada"

como sigo a ser un torpísimo lector, non sei onde quere ir o final de pena furada, a última "cousa" de Jose Luís Sucasas ...

hai antes elementos contraditorios, procedentes de distintos xéneros: o documento notarial que certifica a veracidade do que se conta; o recén nado que ven antestempo e acompañado de fenómenos estraños, coma se fora o fillo de demo e non home,

a vida do penedo leva xeracións baixo a batuta do castelo: os Quádrom rexiron e seguen a facelo; miramos gran parte das cousas cos seus ollos, semellan boa xente pero ... 

que quererá dicir o tremor de terra, que morran tod@s @s Sualeiriña excepto a nena ... 

algunhas cousas igual as entendo:
- don Afonso, o cura, cre que todo é cousa do demo pero está en shock, tarda en reaccionar para cumprir co seu cometido e chega coa sotana mal abotoada ...
- Nesiña acaba de parir ao fillo de Lucas Quádrom pero pasa todo o tempo soa, nin moito caso lle poden facer ...
- as casas e as cousas están fóra de sitio inda que non tod@s son quen de percibilo; 
- Cibrán está a punto de saber que perde a cabeza e sinte que todo vai acabar;
- e Lucas, o futuro, decátase do que xa esquencera e ábrense ante el dous sendeiros ...

unha soa fenda cuestionaría o edificio completo da "sociedade orgánica" ... pero hai máis dunha: as que causou o tremor e anuncia á cabeza xa case sen cabeza Pedro Lavandeira rachando a cerimonia; e a outra, a que proclama o vello Melitón pero Lucas non entende ata que llo explica súa nai, dona Mercedes

o autor dixo que seica escribe "sen plan, empeza por onde lle parece e chega o momento en que acabou;" entón calquera sabe

25.3.12

decálogo d@ obreir@

os dez mandados d@ obreir@
1. instruírse e extinguir burremia
2. traballar o menos que se poida
3. cobrar canto máis mellor
4. ter INDEPENDENCIA e odiar @s viles
5. ser forte e destruír tiranía
6. instaurar fraternidade e despreciar egoísmo
7. conquistar dereitos e destruír inxustizas
8. humanizar traballo
9. levar amor e ledicia a todas partes, en especial á casa
0. edificar mellor mundo que o atopado

deturpación de Juan José Morato e do seu decálogo (no Calendario del Obrero, 1909), mentado por un tal Manuel Rivas (elpaís, 24marzo2012)

15.3.12

único home no meu barco

único home no meu barco
o resto monstros que non falan
tigres e osos que amarrei aos remos
e o meu odio reina sobre o mar
 
e intres nos que case que son esquencemento
coa inmensa dozura de regreso

meu fogar onde pasa vento
meu amor onde florean rosas
... meu desexo rastro que deixaron aves
e nunca esperto deste sono e nunca durmo

deturpando a sofía de melo breyner mentres cae a noite ... then say your prayers little ones and don't forget to include everyone

hai pouco cambiei de ordenador

frankenstein e a súa noiva
hai pouco cambiei de ordenador. estaba feito unha trapallada e xa non podía con todo. fixen copia de arquivos e programas e volvín instalar.
funcionou a gran velocidade, en 15 minutos a ánima, potencialmente inmortal, transmigrou aos flamantes catro núcleos. abonda con mudar o hardware de cando en vez para conservalo sempre novo, lizgairo e capaz de facer cousas incribles de xeito ilimitado
algo semellante pasará cos humanos. unha copia do software trasladarse a un cerebro novo que controlará un corpo xuvenil que aloxará unha ánima, agora si, inmortal.
por que vai haber leis físicas que impidan o proceso. inda non temos coñecemento pero se o progreso continúa, a solución para calquera problema técnico é traballo e tempo.
conseguir depende da continuídade do progreso.

deturpando a césar molinas (elpaísnegocios, 11marzo2012 - consecuencias actuales de la guerra del peloponeso)

6.1.12

espertou buxaina e decatouse:

xogostradicionais.blogspot.com
espertou buxaina e decatouse:
tiña fame de agasallo.
patalexou, chorou, tatexou outra.

parvos non eran, pero
escravos refugaran liberdade, incómoda e complicada de medrar,
comezaban o espectáculo
das que non sabía xirar:
beberan polo cu e dominaran rúas,
saqueadoras, profanaban ánimas de poetas mortos coa complicidade dos herdeiros:
o que sempre estivo en GALIZA e a que morreu lonxe da terra.

6.12.11

proxecto Cusanca, cronoloxía

xente de andaina, bebendo na fonte de cusanca
887, 29 abril - (doc. 111 do mosterio de Sobrado dos Monxes) Escritura de doazón feita por Sisnandus en favor da súa esposa Eldontia. Entre as testemuñas que asinan o documento hai varias mulleres. O texto latino é sintacticamente escuro, pero os tópicos preliminares son un trazo característico, como poñen de manifesto non só as fórmulas visigóticas de entrega do dote (Gil, 1991: nos. XIV-XX), senón tamén os dous documentos de Celanova recollidos máis adiante.

No nome de Deus. Eu, Sisnandus, a ti docísima esposa miña. Conseguindo para min o teu matrimonio por gracia divina, segundo os costumes da futura esposa, e desexando ardentemente vivir contigo e facerte unha esposa feliz, preferín prometerme cunha nobre familia e elixi-lo teu amable consentimento, na liñaxe onde brilla o esplendor da súa nobreza e resplandece a beleza na fermosa honestidade dos homes. Por todo iso, a causa do extraordinario de tan grande solemnidade, elixín o inviolado pudor da túa virxindade. Damos e concedemos á túa dozura a título de dote dez mozos, que son: Fromarigus, Petrus, Betotus, Recaredus, Malulus, Feles, Marcitus, Exela, Severinus e Lopellus; tamén dez mozas, que son: Teodesinda, Malucca, Exilo, Gonza, Rosalía, Domnina, Guncina, Oihenia, Ansoi e Pinniola; vinte cabalos e unha besta coa súa sela e o seu freo adornado, cincuenta eguas, cen vacas, vinte parellas de bois e cincocentas ovellas comúns; para adornos e vestidos catrocentos soldos; ademais de trinta vilas, que son: no termo de Nemitos, Genrozo, Viventi, Caliobre, Vendabre, Pontelia, Teoderici, Heletos, de sobrenome Limenioni, Crendes e Vilar-Porcimilio; no termo de Montanos, Laureda de San Pedro, Vilar-Barvarios, Camba, Vilamaior, Gaffoni; en Presares: Idstartidoni, Vilar-Mandeo, Codessoso e Lagoa de Santa Eulalia; en Castella, Vila-Trasarici da Igrexiña Pinzare, Dornelles, Cusanca, Verduzedo, Bitolainos, Sandurci de Galegos, Castanaria, Pescoso, Indeza, Paraiza, Pastoriza, Navego e Asma. Ademais, [douche] a décima parte de todo o meu. Así, deste xeito, todo o que enumeramos máis arriba, inscribímolo ó teu nome e doámoscho neste documento de dote, para que desde hoxe en diante o tomes, teñas e posúas, e deixes ós nosos fillos nados deste matrimonio, e concédoche a potestade de facer e dispor disto como desexes. Se alguén, o que non creo posible, se manifestase en contra do que acabo de facer, que che pague o enumerado anteriormente duplicado e triplicado, e canto fora mellorado por ti, para que o teñas para sempre. Feito este documento de dote e doazón o tres das calendas de maio da era 935 (29 de abril de 887), sendo rei o príncipe don Alfonso.
Heustoca, confesor [signum]; Sisnandus, que quixo facer este documento, asina coa súa propia letra, confesor [signum]; Abade Cissila, confirmante [signum]. Uniscus, testemuña; Herus, testemuña; Abade Hermiles, testemuña; Fofus, testemuña; Xemundus, testemuña; Exica, testemuña; Fafianus, testemuña; Sisegundia, testemuña; Lucidus, testemuña; Presbítero Exica, testemuña; Avolinus, testemuña; Aldoretes, testemuña; Hermenexildo, testemuña; Breto, testemuña; Fredenanda, testemuña; Galendus, testemuña; Brettus, testemuña; Froila, testemuña; Refulfus, testemuña; Iunze, testemuña; Teodomiro, testemuña; Gundixeva, testemuña; Nunnilo, testemuña; Flamula, testemuña; Ailo, testemuña; Goldegrogo, testemuña; Fredenanda, testemuña. Redactouno o presbítero Uianamundus [signum].

carro nun curro de cusanca
1112 - Pedro Froílaz, conde de Traba, recibe dereitos sobre a agua de Cusanca pola Raiña Urraca en pago á súa adhesión.

Doazón de Urraca aos condes de Traba: "Eu, Urraca, raíña de toda España co meu fillo, don Alfonso fago esta carta para vós, querido, Don Pedro Froylaz e para a vosa queridísima esposa Dona Maior Roderici… dos coutos e augas do Dozón, do Deza, do Arnego nos termos de Cusanca e de canto ten a casa de Varcena ademais do garantido en Deza e en Camba, e en Castela, e en Cusanca e en Montes e no Salnés … Eu, a raíña Dona Urraca, como xa teño escrito máis arriba, doulle e concédolle, querido Don Pedro e queridísima Dona Maior todas estas vilas e igrexas nomeadas anteriormente, porque asi mo ordeou o meu pai o rei Don Alfonso que vos criou e mantivo e polo fiel servicio que recibiu de vós ata o día de hoxe e pola crianza e mantenza do meu fillo Don Alfonso, para que teñades estas herdades vós e os vosos fillos e toda a vosa descendencia e na vida e na morte, fagades dende hoxe toda a vosa vontade".

1128, 8 outubro - Xoán Díaz, conde galego, bo coñecedor da estrutura e funcionamento do cabido de Xerusalén, entrega «ao patriarca, os coengos e os seus ministros» do Santo Sepulcro todo o pobo de Cusanca. As posesións da orde en Galicia abarcaron cuantiosos bens inmobles e igrexas parroquiais en cando menos seis pobos (todos próximos á casa prioral en Pazos d'Arenteiro: con estrutura pacega, nunha estrema da cal había una torre con dous sobrados) na diócese de Ourense: Albarellos, Astureses, Cusanca, Readengos, Dadín e Moldes.


hórreo en cusanca
1183, xullo 21 - (Colección de documentos medievais do arquivo da catedral de Ourense, 1917, páxs. 66-68) Cusanca aparece mencionada nun documento asinado en Verona polo papa Lucio III, quen confirma as doazóns feitas á igrexa de Ourense: LVCIVS EPISCOPVS SERVVS SERVORVM DEI VENERABILI FRATRI ALDEFONSO AVRIENSI EPISCOPO EIVSQUVE SVCCESSORIBVS CANONICE SVBSTITVENDIS IN PERPETVAM MEMORIAM: «Ecclesias de Cusanca, Castella, Bubalum».


1212 - M. Martínez, comendador do Santo Sepulcro en Ribadavia, Cusanca e terra de Orcellón, cambia con Alfonso Pérez e a súa muller Sancha Arias unha viña en Monte Mediano, que lle doara pola súa alma Arias Pérez, por outra viña na veiga da igrexa de Santiago de Ribadavia: «Era Mª CCª Lª et quotum ... ienuarii. Notum sit tam presentibus quam futuris quod ego M. Martini commendator ex parte Sepulchro in burgo Ripe Auie et in Cusancha et in terra de Urzelon una cum conventu eiusdem loci et omnis vox nostra tibi Anfonsus (sic)».
 
1335, abril 25 - En Chantada, don Xoán Pérez, abade do mosteiro de San Salvador de Chantada, co seu convento, afora a Lourenzo Eanes, á muller que tivera, e a un fillo ou filla, dous casais situados na vila de Cusanca, no lugar que chaman As Quintás, baixo certas condicións. Debería pagar anualmente de renda dous moios de pan; se houbese problemas de sarabia ou xiadas que estropearan as colleitas, pagaría 100 soldos de moeda nova do rei Afonso, Ademais, pagaría tamén anualmente ao comendador de Astureses 40 soldos desa moeda.
 
1422 - ocupa o bispado de Ourense Afonso de Cusanca.
 
igrexa de cusanca
1489 - a bula de disolución «cum solerte» emitida por Inocencio VIII finalmente incorpora as posesión da Orde do Santo Sepulcro á orde de San Xoán. Así acabou a historia dunha institución que perdurara durante case quinientos años, unha institución que transportaba e fomentaba a espiritualidade jerosolimitana en Galicia.
 
1563 - Apeo dos bens e xurisdición pertencentes á encomenda de Pazos de Arenteiro, a petición de Diego de Guzmán, o seu comendador. Cítanse os lugares de San Miguel de Albarellos, San Cosme de Cusanca, Santo Tomé de Serantes, Santa María de Xuvencos, Pazos de Arenteiro e a xurisdición de Castro Cabadoso.
 
1606 - Apeo do couto e freguesía de Cusanca.
 
1668 - Memorial de bens para o melloramento da encomenda de Pazos. Na freguesía e couto de Astureses exercía a Encomenda a xurisdicción espiritual e temporal, con prior ao cargo da súa igrexa e casa tulla para a recollida de dezmos e rendas. A xurisdición estendíase á freguesía e couto de San Miguel de Albarellos, con potestade criminal, espiritual e temporal e prior a cargo da súa igrexa, que era de presentación e nomeamento da Encomenda; dentro da freguesía dispoñía tamén das granxas de Albarellos, Taman e Salón, destinadas á recollida dos dezmos e foros da mesma, que consistían no pago de uva e viño. Tamén San Cosme de Cusanca era xurisdición civil, criminal e espiritual da Encomenda, que provía á súa igrexa de prior; os dezmos, preeminencias e rendas á que estababan sometidos eran varios, coa obriga de seren transportados a Pazos. A igrexa de San Pedro de Dadín era de presentación da Encomenda, que exercía a xurisdición civil e criminal; as rendas dos seus fregueses recollíanse na casa tulla de Saavedra, transportándose logo a Pazos. Nas freguesías de San Xulián de Parada de Labiote e Santa Olaia de Reádegos cuxas igrexas eran de presentación da encomenda, a xurisdicción era só temporal; as numerosas rendas á que estaban suxeitas recollíanse na tulla de Reádegos. Ademais a actuación da Encomenda de Pazos non se limitada aos cercanos termos municipais de Boborás e O Irixo, senón que afectaba tamén a terras pontevedresas, como acreditaban os foros á que estaban sometidos os lugares de Cambados e Couto de Nogueira.
 
próximos a cusanca
1715 - Apeo do Partido de San Cosme de Cusanca.
 
1762 - Novo apeo do Partido de San Cosme de Cusanca.
 
BIBLIOGRAFÍA:
JASPERT, Nicolas: "Peregrinos gallegos a Palestina y las relaciones entre los cabildos de Compostela y Jerusalén en el siglo xii" Potestas, nº 1, (2008), pp. 149-170.
PEREIRA MARTÍNEZ, Carlos: "Documentos da Orde do Santo Sepulcro en Galicia", Anuario brigantino, nº 30 (2007), pp. 211-230.

20.11.11

proxecto lobo



DEFINICIÓNS:
Plautus (Asinaria, Roma, : "Lupus est homo homini, non homo, quom cualis sit non novit" (o home é lobo para o home, non home, cando non sabe de que caste é")
Diane Keaton (Los Angeles, 2011): "... semella criado por lobos ... non sabe o que é gozar dunha comida con outros"

Lalín, el lobo - Alejandro Gándara

BIBLIOGRAFÍA:
CARTER, Angela: "The Company of Wolves", "The Werewolf" ("A lobamuller"), "Wolf-Alice" en The Bloody Chamber (1979)
FOLE, Anxel: Contos de Lobos (1985)
GALVÁN, Francisco: De buitres y lobos (2005)
HESSE, Hermann: Der Steppenwolf (1927)
KIKO VENENO: "Lobo López" en Échate un cantecito (1992)
METALLICA: "Of Wolf and Men" en Metallica (1990)

VÍDEO "lobos"

MARTIÑO NERCELLAS: o lobo en Deza e Galicia. o seu Plan de Xestión

30.9.11

lobos e cuartos, VIII

a suma inexacta dos versos das tres dimensións

o. Prólogo

nin borralla nin suores de febre enferma

e cómo que non!:

tiveron que votar, democraticamente
medrados os debates
e aproveitou para vencer a presidenta sumando o seu voto de calidade

i. os que tratan da parte concreta

na horta, a carón, baleiraban cisternas de zume de grelo:
abono para paradigmas novos.
nós pasamos co avión por riba e quedaron alí, traballando,
mentres canso dos montes vellos marchou o sol,
tamén todas as tribos.

ao regreso, xa noutro tempo, terminou a cea e chamaron a confesar
onde, filtradas polas reixas, admitimos as fraquezas no xermolo:
cada un segundo o seu grado e recado,
pero admitimos todos o mesmo:
coas artimañas mataramos os tres homes, os únicos que traballaran:
quen viñera de fóra, alleo
quen vivía connosco, na familia
quen tódalas mañás estaba no noso espello.

é imposible dar con referencia,
non formulan nin os inéditos teorías ou posibles que resolvan os atrancos.
imos ter que volver ás tarefas básicas
e aprender fabricar os primeiros pasos en linguaxe nova:
espidos de verbas,
comamos, manteñamos as crías, criemos novas,
durmamos antes de xacer sen querer nada
peneirándose polas físgoas da pel.

os mulahs entónanse, quéntanse
din cousas difíciles e as imposibles, as que teremos que saber
executar perfiladas no xesto de cadaquén.

poñamos por caso aos de fóra:
non che vai queimar, sexa cal sexa o coitelo que lixes no uso.
             mais cos da casa:
             sabe unha de que está feita o día que morren.
                         e chegamos á chave da nosa civilización:
                         que facemos coa muller do noso espello?
                         que lle facemos a esa?

a mensaxe do libro que me besbexa acomódase no meu puño pechado, violento
e tamén sensatamente nas lindes dun anaco de papel
pero empeñámonos na preparación da utopía:

na oficina de emprego hai unha demanda:
búscase profeta sen experiencia,
divulgador con vehículo propio,
intérprete con don de linguas,
alguén que emprenda ...

ii. da parte absolutamente abstracta

miraba o celme da lúa nos descansos de medrar pelame,
sentaba e cavilaba,
estudaba dende os ángulos que coñezo nos libros fundamentais
sen poder escribir glosa con sentido.
sabio de nada tiven fachenda de dicir
que sen memoria morrería, algunha tan prezada!
renunciaría ao desexo da vida que o carballo penso que non ten
pero estalei con tanta ausencia,
ilimitadamente condenado a gozar contra o sorriso tatuado nas vellas das aldeas illadas
ao verme coa compra do día nos supermercados que medran cando morre a loita.

co tempo aventureime a saber que xa me sentaba enriba do crisol de Agostiño,
decatándome do presente, onde vivía,
inda que non duraba nada i estaba sempre a morrer.
igual que a Gabriel e Elisa
esfarelábaseme o intre,
dubidaba entre, morriñento, os anaquiños dos meus pasados
ou, inquedo, andar na pescuda da miña Ansia,
a parte da neura que pretende letra capitular, sempre.

e nisto repenican as verbas do campanario
“ven xantar,” di miña nai, “que arrefría.” e voume,
pisando as pedras e a lama fría.
tan de vagar que saíu unha noite sen grilos.

atacou un lobishome e mateino
no corazón, coma lera no que se escribira coas armas que da a baralla.
rebulía cando o comín a dentadas.
estudei na súa cara, doume noxo e pateeino furioso,
piqueille os riles coa prata das botas de coiro,
sen desexar miralo, de momento,
pero xemeu de dor
e tiven que ir ver por baixo da carantoña que vestía. Non! Non a coñecía
mais fiquei con pesadume da caste máis provisoria,
axeonlleime, preguei verbas mal deprendidas:
podía ter levado persoa de meniño, liberador, músico na feira,
antes de ter posto aquela.

pero estaban de vir todas xuntas:
presentouse con cortesía, outro, deses que saben xogar con navalla e coa lúa.
pelexamos centos e centos ata que case morreu un
e o outro retirou moi malferido:

“voume, carallo, a correr”

“non me deixes, amor, tremo co frío.”

comprobeino pero agora si era ela

“quen me vai sandar as feridas,
as de fóra e as que medraron dentro?”

tiven que asentar a miña formación deitándoa ben deitada na beira
con tempo abondo, non houbo noite tranquila.
e non, non quería matar a terceira:
sería eu ou el sería,
e volvinme trabucar
coas que estaban debuxadas alí abaixo
na maquillaxe e no atrezo.

pero a mágoa maior é que estou sentado
vendo vir: “vaise debullar todo isto”
esquecerei que soñei.
sen conto, o neno non pode durmir.

e agora espeto no pau a navalla, contra a primeira norma de todas:
apréndese a tallar figuriñas
nunca a escarallar a madeira.

señores, cantade unha cantiga por min!
unha que me agasalle consolo
do que non virá mal o día que me arrepinta de ter tomado a decisión de Sofía.

iii. da danza entre ámbalas dúas

mira antes de falar, mira o espello.
celosas da súa relación, e nós só espectadores:
non empeza, incomodámonos, aburrímonos,
percorrémola dende os talóns ata o curuto,
ata que empezan os primeiros acenos
poñendo os brazos en cruz coas palmas cara a luz:
“son salvación, son. A vosa paz, eterna.
mais non beberedes meu descanso ata que vos ispades
e frío coma costume.
non veñades con roupa vella, aquí hai nada para vos
nin sequera máis palabras baldeiras de tanto enchelas co uso”.

29.9.11

lobos e cuartos, VII


... e, por fin, hai tempo mudaron lobos

e a patria exterminada? quen saqueou o tesouro das nosas raíñas?
quén vai subir volume, berrar versos?
quén será quen de prender o lume dentro desta sombriza?

queima chaves e portas, refrega o corpo,
baila drogas ata amencer, come sistema,
mexa logo polas esquinas, esterca as prazas.
a revolución sempre allea nas mesías, falsas e verdadeiras confundidas,
despois da larpeirada no común que sae das cociñas en remesas para pobres en caixas ricas ao abrilas.

ónde romperon as cadeas nas que viaxan as verbas dos edictos?
qué fixo Poder e o seu mecanismo?
qué maxistrado traidor non dou aviso?
quén non coidou das rimas, asustadas, saltando fóra do limes?

escaparon bárbaros do interior
cos metais correndo líquidos polos condutos,
cómodos de vir nas altas temperaturas.

e qué será de nós no corpo a corpo durante as werras
entre as que son ditas a chamar pola noite
e as suxeitas nas ficcións nas que se loita contra as que non queren que naza o día?



“amor, amor!, non saias pola porta!,
verde
para vampiros e saqueadores.”

“dádenos
o que tedes no medio deste círculo.
din: non miredes!
porfían: non veñades nin probedes!,
pero temos o material censurado, o que sabedes sabe rico.”

profesora cansa e fraca le relatos pirateados
que aleita e aloumiña
coma frío bronce, loba no museo.

van ler,
no espello do corredor, tan acolledor pero ...
volta metade, máis bela e máis plácida.
as outras nunca.

algunhas, poucas, quedaran nas cadeiras
mirándoa, tan cansa e fraca,
cos ollos máis abertos, violentas, anoxadas.

as listas
saben que hai que saír para ver ben,
pero non hai portas sen chaves que non teñen
e estudan ou traballan
e mesmo caen nas lazadas coas formas correctas.

“con isto na boca saberedes:
e nunca máis cousa ningunha.
si, será día que non cabe na artesa
onde soña imaxinación cocida.”



e días máis tarde
traxes impermeables saen das naves que nos atacan
mercan nas feiras, poñen lobos por se chove xente boa.
e fuxo no último dispositivo ás escuras dos antros,
alumeada polas urbanas, altísimas
e gobérname unha besta salvaxe.
pregúntolle a todas, tamén aos outros e aos louros:

“preciso roubar máis versos
para facer porta e saír matar o mundo vello de podremia”

preciso máis e venden moito
pero caro, moi viciado, moi amañado.

“se os comes cambias
de fisionomía, especie e raza pero
non te fíes dos que moven verdade cortada.”

e iso que na miña casa xa os había,
de piratear nos que trouxeran centurias auxiliares dos saqueos de libros do imperio,
a vasoira amoreábaos nun curruncho, coloreábaos de vermello o tictac do noso reloxo.
e unha man en traidora luva de plástico recolleunos na bolsa do súper,
coidando que eran vellos
e non valían.

só podes matar definitivamente
se queimas tamén os arquivos
e as ideas nas cabezas dos lobishomes co seu talento certificado.

saben que a sorpresa é unha ameaza remota:
a posibilidade e a súa devastadora inocencia;
por iso a matan cos esbirros.

veña! chamemos nas lindes! qué nos informen!
ónde se para? cándo? por qué?

e eles:
“deixade que se acerquen, que se poñan a tiro de canteiros e cabeiros
e a matar,
matádeos a todos!”

i entón os motores berran lobos tolos

o portavoz acusa o criador
i este morre preso dun ataque de lei,
cega pasando por riba dun caracol:
a min non! son verdadeiramente inocente!

os motores están tolos e mátanos a todos
dende a culpa,
a tesura dos feixes das espadas con xestos de amos novos.

e fano cun sinxelo e familiar porque
todo está neste cuarto que non nos deixa saír
coma se tivera os nosos dereitos
coma cando o verdugo e a morte falan da paga por traballar en día festivo.

escuso tanta presa por amasar verbas novas,
tanta ansia
en acender enerxía nas estancias que se van verter,
porque chaman seres sen anima
a durmir, comer, facer o seu mandado;
deixando só vidas cos seus quebrantos e cans bastardos,
armando cuartos abertos ao público en mil cores,
coas bágoas colgadas nos muros
cadanseu rotuliño explicativo das antigas civilizacións, catalogadas
antes de aniquiladas.

e pagan gustosos os turistas perfumados por ver tal cousa
monumento manifestacións da arte que paga quen realmente pode


xa o sabedes non?
dura pouco, é feble


o home con púlpito non fala acaso que entenda,
para a dereita a triste historia dunha nena,
cara a esquerda e repite
a arenga do emperador diante doss mercenarios!:

"quen mandou esta pregunta con fame?
que é a nación?, e a intención?
como fan as escravas tropas coas que manter viva a fame das súas preguntas?"

cobadázame un home engurrado sobre os bancos do teatro:
"sempre a mesma ladaína"


coas armas ao lombo as patrullas fixeron roldas diante das nosas caras

"saíde fóra, hai unha pregunta que chama por vós" 

burlándose, ríndose a cabalo das súas dentamias, trabando no medio das indemnes
e a nosa xente escapa co que pode

"din que pode ser unha luz nova, a que vos deixe ver as chaves"

"xa temos as nosas chaves, señores, as da casa e as do coche"

"CARGADE!"

visitantes