proxectos

4.11.25

ninguén ten dereito a obedecer. Arendt e a obediencia

atribúese a Hannah Arendt o lema ninguén ten dereito a obedecer. perseguida pola súa orixe xudía, fuxiu de Alemaña nazi. despois da IIGM, unha das súas contribucións foi esclarecer as consecuencias e responsabilidades no Holocausto. o seu traballo no xuízo de Adolf Eichmann en Xerusalem é particularmente coñecido.

durante o xuízo, o criminal invocou a filosofía moral de Immanuel Kant para xustificar as súas accións. afirmou que seguira o imperativo categórico, interpretándoo como obediencia absoluta ás leis e ordes do Estado. en realidade, terxiversou o pensamento kantiano.

para Kant, a moralidade require actuar segundo principios universais elixidos libremente pola razón, nom por submisión cega á autoridade. Hannah Arendt destacou esta falsificación ao describir a Eichmann como exemplo da banalidade do mal: un burócrata incapaz de pensar moralmente e de asumir responsabilidade persoal polos seus actos. e afirmou, rotunda, como Kant, que ninguén ten dereito a obedecer.

sen embargo, Arendt considera que, ben ao contrario do alegado por Eichmann, o imperativo moral en Kant exixe que cada persoa, en cada acción, debe considerar por si mesma se a máxima da súa acción pode converterse nunha lei universal. [...] é, de feito, o extremo oposto á obediencia! porque todas somos lexisladoras.

outra cuestión é que poidamos deducir disto que Arendt estivera realmente convencida de que existe un dereito xeral, independentemente das circunstancias, a nom obedecer.

que ninguén deba cumprir unha orde a sabendas da súa inxustiza ou criminalidade nom ten porque levarnos a concluír que a desobediencia sexa xeralmente aconsellable. Annette Vowinckel, unha estudosa da obra de Arendt, sinala que esta tamén expresou a opinión de que, unha sociedade só pode funcionar se os seus cidadáns cumpren as leis.

durante a pandemia, diversos movementos en ESP, EEUU e Alemaña utilizaron o discurso da desobediencia para opoñerse ás restricións sanitarias e ás medidas do Estado. En ESP, grupos próximos a Vox convocaron protestas contra o confinamento, acusando o goberno de ditadura sanitaria. en Alemaña, o movemento Querdenken combinou negacionismo, nacionalismo e teorías da conspiración. en EEUU, o trumpismo mobilizou milicias e manifestantes armados baixo o lema da liberdade individual.

hoxe, moitos destes grupos manteñen esa retórica, convertendo a desobediencia nun dereito mal entendido que xustifica o rexeitamento das normas democráticas. alegan que ninguén ten dereito o obedecer, é dicir, que estamos lexitimadas para desobedecer, en vez de que somos sempre responsábeis das consecuencias do que decidimos facer, dadas as circunstancias, como realmente defendían tanto Kant como Arendt.

@xindiriz, 2025

No hay comentarios:

visitantes