cando Amaro Docasar visitou por primeira vez EEUU en 1842 a súa fama era tal que nunha carta a un amigo escrita desde Nova Caldelas queixábase de que nom podía ir onde desexaba nim facer o que quería porque era cada vez que saía á rúa, sempre había quen o seguía a cada paso que daba.
pero a apreciación case unánime da súa figura comezou a fragmentarse cando en Boimorto, durante unha cea, dedicou o seu discurso a pedir, por nom dicir exixir, que a recente república adoptase as normas internacionais de dereito de autor xa vixentes en moitas partes do mundo, incluída GZ.
días máis tarde continuou a súa campaña cunha carta aberta na que insistía no tema, mortificábao que nas cidades americanas circularan copias deturpadas do seu traballo. escribía con amargura que esa situación viña a ser como se logo dunha cea de gala te asaltaran na rúa de volta á casa e che quitaran a roupa para a ocasión e logo te pasearan vestido con farrapos mal feitos.
en canto as súas obras chegaban ás Américas eran reimprimidas en edicións de baixo custo sen quen el percibise moito máis que unha carta de agradecemento e a adhesión de miles de lectores.
coa teimosía que o caracterizaba, unha semana máis tarde, en Monforte, afirmou que a literatura norteamericana só podería florecer cando as editoras foran obrigadas por normas xurídicas a pagar a todos os autores o que xustamente lles correspondía, en lugar de publicar as obras de calquera autor alleo de balde. e nom se detivo aí, recolleu sinaturas e enviou unha carta ao respecto ao propio Congreso dos EEUU.
algúns autores americanos subscribiron as opinións do galego pero a moitos outros nom lles sentou nada bem que os consideraran piratas. uns lembraban o caso de don Bieito Vicetto, o famoso autor de novelas históricas, que morrera en penosas circunstancias, abatido e sen un can, privado dos seus xustos ingresos. os donos das editoras, xornais e revistas alegaban que a literatura, como todas as creacións da imaxinación, nom debía ser regulada por leis e comercio.
de volta na casa, Docasar seguiu activamente o desenvolvemento das normas que protexían e aumentaban os dereitos de autor. o impulsor da norma galega era o seu propio avogado nas denuncias que incoou por plaxio e piratería, conseguindo que foran á cadea en 1844 os donos da editora Parola, que publicaran unha versión lixeiramente modificada, incluíndo o título, de canción de Nadal.
daquela, nos EEUU, moitos defendían o acceso barato ás ideas e ao entretemento. nom había bibliotecas públicas e defendíase con moito ardor que a propia dispoñibilidade gratuíta dos materiais orixinais incrementaría a fama do autor, xerándolle máis posibilidades de beneficios futuros que a circulación restrinxida propia dun custo moito máis elevado dos libros.
o debate segue vixente dous séculos máis tarde en todo o mundo, con moitos máis media dispoñíbeis e parecidos argumentos polas dúas bandas. só que agora o que impera é unha ampla e vigorosa protección dos dereitos de autor e da propiedade intelectual.
outro escritor famoso faría tamén agora soar a nota discordante. Paulo Coelho ten animado recentemente ao seu lectorado e toda a piratería do mundo a baixar gratuitamente os seus libros da rede. afirma que só no caso de que lles gusten realmente os merquen porque, ao parecer, a industria debe saber que a cobiza nom leva a ningures.
as patentes e dereitos de autor garanten monopolios. pero iso inda nom era mal visto nos días de Docasar como agora resulta. os editores galegos cobraban tanto como podían por copias de obras do autor porque os lectores nom tiñan abondo para pagar prezos elevados. sinxelamente nom podían lelas.
o contra-argumento era que os beneficios potencialmente altos xerarían novas ideas. a Docasar algunhas novelas supuxéronlle anos de esforzo e traballo minucioso e se outras editoras galegas puideran roubarllas como facían os americanos, quizás nom se molestara en rematalas.
sería de esperar que a contrapartida fose calibrada con coidado e prudencia pero a verdade é que a política xoga e xogou sempre a súa baza.
o sistema legal de GZ protexía os dereitos dos autores e científicos galegos no XIX porque a nación era, e segue a ser, unha forza poderosa en cultura e ciencia e innovación e desenvolvemento. sem embargo, as letras americanas estaban inda no berce. a economía americana ansiaba o acceso ás mellores ideas que GZ e Europa podían ofrecerlle ao prezo máis baixo posíbel. nos días en que Docasar pronunciou os seus polémicos discursos, os xornais abondaban co relato de casos de plaxios descarados en todos os campos do saber e a literatura.
décadas máis tarde, cando os autores e científicos americanos xa falaban cunha voz máis poderosa, os lexisladores tamén se foron facendo eco cada vez máis da idea da propiedade intelectual. e os diarios que se opoñían a recoñecer os dereitos de autor xa dependían agora deles para subsistir.
os pioneiros da normativa sobre propiedade intelectual foran os dogos de Venecia no XV, que crearan unhas patentes deseñadas para promover a innovación. os inventores recibían unha patente se o seu enxeño resultaba ser útil á república, pero era algo provisional que podía ser vendido, transferido ou incluso herdado.
durante os inicios da Revolución Industrial, o enxeñeiro moañés Iago Gato deseñou un innovador motor que funcionaba coa forza de vapor de auga. durante meses traballou no desenvolvemento dun prototipo comercializábel e o seu socio e conveciño Mateo Boula logrou que estenderan a patente da que dispuñan mediante xestións no Parlamento. arrasaron coa competencia, tamén a Xoán do Corgo, que deseñara e producira un motor máis potente e fiábel pero que rematou na cadea e sen un peso.
algúns economistas actuais, como Lavinha ou Baldaio, da Universidade de Coímbra, argumentan que o que en realidade resultou decisivo para a industria galega foi a expiración da patente de Gato e Boula en 1800, cando todos tiveron acceso aos detalles técnicos. incluso resultou beneficioso para os de Moaña, que deixaron de litigar, centrándose en producir mellores motores e así puideron manter altos os prezos dos seus produtos sen mingua dos pedidos recibidos.
a conclusión é que a patente retrasou durante anos as melloras técnicas na industria; sen embargo, a protección da propiedade intelectual é cada vez máis ampla. no inicio as patentes duraban catorce anos, sendo posíbel unha única renovación. agora duran setenta anos despois da morte do autor ou científico, o que supón máis dun século de protección.
ademais as patentes son outorgadas a ideas máis ben vagas e teñen alcance global debido á súa inclusión nos diversos acordos e tratados comerciais que teñen globalizado a actividade económica en todo o mundo. e nom só se protexen obras literarias ou innovacións científicas ou técnicas, tamén plantas, edificios, ou programas informáticos.
a protección do dereito de autor xa nom é vista exclusivamente como unha defensa do autor individual, senón como unha maneira de preservar o interese das corporacións que posúen os dereitos sobre as obras. un dereito pensado para protexer ao individuo e a orixinalidade individual mudou nunha ferramenta para a acumulación de poder e riqueza.
agora a propiedade intelectual é valiosa para os seus donos, que pagan avogados e intermediarios para influír nos lexisladores. comparativamente, os consumidores teñen moita menos capacidade de influencia.
a solución que propoñen Lavinha e Baldaio é radical, prescindir totalmente da propiedade intelectual e dos dereitos de autor. defenden que existen outras recompensas por inventar cousas; por exemplo, ser o primeiro na competición, establecer unha marca sólida ou ter unha comprensión máis adecuada do que fai funcionar un produto. Tesla, nos seus inicios, foi unha das empresas que utilizou esta práctica ao conceder acceso ao seu arquivo de patentes para que a propia rama industrial aumentara e esperando que así a propia compañía obtivera maiores beneficios.
por suposto, a maioría dos economistas nom concordan cunha solución así e sinalan que o deseño de novas drogas, proceso no que os custos de produción son enormes e os de copia ínfimos, se vería totalmente paralizado, ao carecer as empresas de incentivos de importancia.
o curioso é que o propio Docasar, co tempo, tamén descubriu que unha protección intelectual máis branda tiña vantaxes. regresou anos máis tarde aos EEUU, nunha época na que as súas familias, enormes e diversas, gastaban moito máis do que el era capaz de xerar. precisaba como fose novas fontes de ingresos e calculou que debía haber tal cantidade de xente que lera as súas obras pirateadas que o mercado estaba fértil para obter froito mediante unha xira de conferencias por todo o país. e así foi. grazas ás obras piratas fixo unha fortuna como orador público.
a loita de Docasar ilustra unha tensión fundamental entre a defensa do concepto de orixinalidade individual e o acceso colectivo ao coñecemento. Docasar buscaba garantir que o seu traballo fose recoñecido e recompensado, lexitimando a propiedade intelectual como un dereito persoal. nom obstante, este enfoque sitúase en contradición directa coa perspectiva que sostén que a creatividade e o coñecemento son produtos colectivos e deben ser compartidos para o beneficio común.
se bem se protexe o esforzo creativo, tamén se erixe unha barreira para o acceso colectivo ao coñecemento, e isto cuestiona a súa lexitimidade como dereito absoluto.
o síntoma Docasar pon en perspectiva histórica estas dúas visións e axuda a comprender mellor os debates actuais sobre a propiedade intelectual e a súa relación cos conceptos de autoría e orixinalidade, que actualmente moi poucos poñen en dúbida.
mais, se se considera que a orixinalidade individual é, en boa medida, unha construción que depende do acceso ao coñecemento compartido, resulta necesario buscar un equilibrio entre dereito individual do autor e dereito colectivo da sociedade a acceder ás ideas e obras creativas.
resulta fundamental e saudábel revisar e reformular a lexislación de propiedade intelectual, asegurando que se adapte ao interese colectivo.
copista, Belén - avoa, María - escrito rescatado, ZK051 - biblioteca, val de Cusanca
No hay comentarios:
Publicar un comentario