por se nom quedara claro púxome diante un espello e díxome que lera en voz alta para que se escoitara bem a súa sentenza. o meu crime fora trabucar o nome dun rei dos godos. dixera Recesvinto no canto de Liuva. algo moi grave en Cusanca.
dos animais que temos logrado domesticar o can pasa por ser o noso mellor amigo mais o asno sempre foi o mellor servo. ulisca desde moi lonxe o amor e o perigo, e dispón un brazo musculoso e un xuízo claro en cada extremidade. sempre sabe onde pon os pés e faino con especial coidado.
é agarimoso cos nenos, aos que trata con delicadeza, a diferenza do carneiro, que é impetuoso; do galo, que ataca polas costas; e do porco, que é larpeiro e deshonesto.
a súa mala prensa é froito da envexa e do desprezo que senten uns poucos, mais cunha grande influencia, cara ao que xa se da por descontado, o escravo da clase escravizada.
en contra do que se di, nom é testalán, é práctico. ten conviccións firmes que soportan os paus que lle dan antes de dar un paso cara onde non lle convén. calquera burra que se prece de selo incumpre unha orde cando está segura de que cumprila pode supor un perigo para ela ou as súas donas.
apta para soportar os climas máis inhóspitos, a burra foi, desde a súa domesticación, hai uns 6000 anos, a fonte de enerxía que máis esforzos nos aforrou. mentres que o cabalo era patrimonio de minorías e o aristócrata entre os équidos, servía de animal de tiro, de carga e de labranza para a xente do común, sendo indispensábel para o campo e as sociedades rurais.
a Roma imperial honrába os burros e consagrábaos ao deus da fecundidade, sacrificando burros e burras na súa honra.
Ovidio conta que, logo dun banquete ofrecido polo deus do viño, unha ninfa emborrachouse e quedou durmida. o deus intentou violala pero ao achegarse a ela, unha burra alertou os convidados cos seus orneos e así salvou a honra da ninfa, que mudou nunha margarida. a burra levou as de perder porque o deus vingouse matándoa e dándolla de comer aos mastíns.
outro burro desgraciado foi aquel que sabía falar e dominaba as artes persuasoras. era a sensación de todas as festas da contorna. ata que un día ao fillo consentido do cacique da aldea ocorréuselle comparar as súas conquistas amorosas coas do burro.
inda que o burro era moi querido de moitas mozas as testemuñas compradas fixeron máis galán ao rapaz, que decidiu que o burro era un mentireiro e que tiñan que cortarlle a lingua para que nom mentira máis.
o burro quedou sen fala pero unha mociña aproximóuselle, cando xa se repuxo das feridas e puido saír a pasear, e díxolle en segredo, falar xa nom me podes falar, pero segues sendo o meu burriño.
ao longo da historia, a pesar dos seus prexuízos, as fábulas de tradición oral e múltiples historias e anécdotas rexistradas falan da importancia do burro no noso imaxinario colectivo. a maioría das veces sae perdendo pero algunha leva as de gañar, chiscadela de ollo incluída.
unha conclusión adecuada é que a humanidade enteira está en débeda co burro. a pesar de que algúns queren facelo pasar por sinónimo de ignorancia e torpeza, a súa contribución á civilización nom pode ser esquecida: tanto remolcando un arado ou cargando pesos abusivos, ten probado suficientemente o porqué ten sido e segue a ser absolutamente imprescindíbel para nós.
é denigrado do mesmo xeito que se denigra os escravos, para xustificar a súa ausencia de ánima e o seu maltrato. da igual que sexas chinesa, árabe, galega, xaponés ou boliviana, se alguén quere que saibas que te considera pouco intelixente, torpe, excesivamente teimuda, con falta de expresión verbal e nula de entendemento acudirá aos atributos asociados a dito animal para facercho saber.
se o burro era tan besta, tan asno, merecía os paus que recibía. e había que darllos.
algúns etólogos teñen posto de relevo a súa intelixencia social, a súa capacidade de expresar cariño e anoxo, a precisión coa que capta o estado de ánimo das súas donas e incluso as súas habilidades mecánicas en certos contextos amábeis. e sobre todo a súa extrema sensibilidade ao maltrato ante a que normalmente exerce unha caste de resistencia nom violenta.
que algúns teñan coidado con estes estudos. nom vaia ser que demostren que os burros son os listos e os 'burros' son eles.
que sabia a millonaria repentina á que lle preguntaron na radio en que ía gastar os miles de euros que lle acaban de caer do azar. o seu natural foi dicir, nim coches nim casas á beira da praia. a min o que me gustan son as burras. vexo unha boa burra e cáenseme os ollos. os coches e os pisos parécenme todos iguais.
agora os burros están a extinguirse porque a mecanización do campo fíxoos innecesarios, pero en GZ algunhas persoas propuxéronse o seu rescate creando fundacións e comprando grandes fincas para acollelos, proporciónanlles coidados veterinarios, boa alimentación e librándoos do traballo de carga.
antes, cada familia tiña cadanseu burro ou burra e en GZ sumaban o millón cumprido. foi o ollo desconsiderado e utilitario o que fixo desmerecer o burro fronte á motocicleta e ao tractor, esquecendo a súa graza, que o facía permanecer como animal de axuda e compaña.
eu, cusanqueira, declárome orgullosa da última burra que tivemos. e se as estrelas do ceo me fosen propicias e me deran saúde de corpo e folgura de bolsa, criaría medio cento de parellas de asnos peludos e suaves, que vivisen e procreasen en liberdade e levasen con dignidade e orgullo a súa condición.
nom é capricho. as novas que traen os libreiros coas súas cargas á nosa biblioteca tamén demostran que o burro pode volver ser un elemento innovador do novo desenvolvemento que procuramos grazas ás súas múltiples capacidades.
estas están sendo analizadas, por exemplo, nun congreso celebrado en Castelbuono, na mestiza Sicilia. o valor dos burros e recuperemos o asno, e as burras recuperarán ao home foron lemas seica utilizados na xuntanza.
alí a recollida do lixo xa a realizan burros e burras, nunha iniciativa pioneira con repercusións positivas para o medio ambiente. cada mañá, cinco equipos de dous burros con dúas cestas de esparto a xeito de alforxas percorren as rúas acompañados do correspondente persoal do servizo de limpeza para realizar, porta a porta, a recollida diferenciada de residuos.
o alcalde asegura que outros alcaldes, e nom só sicilianos, o teñen contactado porque están estudando implantar a experiencia nos seus concellos.
pero xa se sabe, o caso é falar mal, bacharel en artes, burra en todas partes.
copista, Miriam - avoa, Flora - escrito rescatado, PH3986 - biblioteca, val de Cusanca