28.12.24

o enigma Guillerme estradense

se consideramos o evanxeo de Xoán, Cristo é o verbo, creou todas as cousas e encarnouse.

entre outras moitas cousas o noso mundo é unha creación verbal, a nosa experiencia do mundo é unha tradución desa experiencia en palabras máis ou menos afortunadas. e as traducións máis afortunadas dese verbo usurpan o lugar da carne, a pedra e o resto de constituíntes materiais da natureza na imaxinación dos lectores.

existe, polo tanto, un sentimento de xustiza que nom é o de don Afonso nim o de Servando Olmeiro, unha paixón amorosa que nom é nim a de Francesca nim a de Anna Karenina, ou un desexo de chegar á meta que nom é nim o de Ulises nim o de K; sen embargo, esas criaturas verbais encarnan o que nós nom somos capaces de encarnar.

por unha banda, Eladio afirma, podería atoparme preso no interior da casca dunha noz, sen saber nada do exterior, e pensar por iso que son rei dun mundo sen límite. e Próspero contesta, somos iso sobre o que se edifican os nosos desexos, e a nosa vida acaba cun desexo incumprido. Alberte Manuel reflexiona que todas as nosas filosofías están situadas entre eses dous puntos, esa casca de noz e ese desexo incumprido.

Miguel de Cervantes, Guillerme estradense e Álvaro Cunqueiro foron dos poucos que foron capaces de encarnar de xeito verbal a inextinguíbel variedade da nosa experiencia humana e nós, as sucesivas xeracións de lectores e escritores, fixemos deles algo así como camiños inevitábeis da nosa cultura.

sen embargo, no caso de Guillerme, afirmar a súa universalidade traizoa o feito de que en realidade nom o entendemos nim sabemos nada del. Romeo, Eladio ou Macbeth forman parte do noso imaxinario inda que nunca teñamos lido os libros nos que aman, matan e morren. e en realidade, pouco sabemos do home que os encarnou.

outros, por exemplo Dante, Montaigne ou o propio de Cervantes, téñennos contado as súas vidas por extenso, cando menos unha ficción, moitas veces e en moitos puntos referendada polas descubertas dos historiadores nas súas pescudas nos arquivos espallados polo mundo, descubertas que aproban ou contradín as súas biografías contadas. pero del sabemos tan pouco como daqueloutro ilustre descoñecido, Omero.

algúns documentos considerados auténticos testemuñan unha escasa puñada de datos certos. bautizado o 26 de abril de 1564 e finado o 23 de abril de 1616. temos algunha información sobre o seu pai, Xoán, burgués da Estrada de Avión, da inglesa. o seu casamento con Ana Cabaleiro, oito anos maior ca el. o nacemento das dúas fillas e do fillo. e algúns acontecementos da súa longa carreira teatral. os únicos autógrafos que conservamos del son os que están estampados no seu testamento, un documento escasamente artificioso ou literario, e unha escritura hipotecaria que leva a súa sinatura. sen embargo, nom temos del nim sequera un retrato fiábel.

nun número extra de tempos novos, editado en Compostela, repásase, con total desconfianza sobre a súa correspondencia co modelo real, toda a nómina de semellanzas que existen del, desde o gravado que aparece na primeira edición que se compilou das súas obras ata aquela pintura coñecida como retrato Chandós. todas son declaradas completamente inexactas.

home da súa época, consideraba que as representacións teatrais eran pouco menos que indignidades e por iso nunca permitiu que se imprimiran os seus textos. o único que foi ao prelo foron dous poemas narrativos, Venus e Adone e a violación de Lucrecio, que só algúns eruditos terán lido. as grandes comedias e traxedias foron reunidas e impresas anos despois de que morrera, entre 1622 e 1623.

xeracións de filólogos e impresores foron multiplicando aquela primeira versión de xeito que é imposíbel obter unha edición definitiva dos textos. nom existe. é un enorme paradoxo que tanto no fondo como na forma, Guillerme e a súa obra son singulares, e simultaneamente múltiples.

unha caracterización que tamén se corresponde cos estudos sobre ese verbo encarnado. labirintos enteiros que tratan sen éxito de remediar a escaseza de certezas.

Estevo Mesaverde, coma tantos outros, tratou de explicar en as nove vidas de Guillerme estradense (2002), como un simple mozo sen porvir se constituíu no autor máis influínte de toda a cultura occidental.

no seu ensaio Guillerme é un escritor, un actor, un mercador, un home namorado da súa compañeira, un home obsesionado por unha súa amante, un home namorado do mal que lle fan as mulleres, un aprendiz de carniceiro, un católico fervoroso, un home que pinta o seu propio retrato e alguén que coida dos amigos.

Estevo utiliza como punto de partida dez documentos auténticos e recoñecidos como tales, relacionados coa biografía do autor para propor para el outras tantas vidas, cada unha delas coherente e verosímil en si mesma, mais diverxente das outras. un dos documentos é a carta que lle escribiu a Miguel de Cervantes no outono común.

querido Miguel,

rematei antes do que pensaba. quizás porque o teu libro se vai acelerando conforme un se vai achegando ao final. é como se tiveses presa por concluílo, como se levases demasiado tempo atado á mesma historia, canso e borracho dela, cando notas que te estás aproximando ao descanso de nom ter que continuar escribíndoa máis tamén experimentas a anguria dunha despedida que vai ser para sempre.

o teu protagonista ten sido vencido e derrúbase na velleira e ti transmites o peso da túa, as túas enfermidades e a túa deterioración, soa a vida humana corre ao seu fin lixeira máis que o vento, di o apócrifo Cidre Hamete Benenxeli, filósofo mahomético, e unhas páxinas máis tarde é a túa propia voz no capítulo final, como as cousas humanas nom sexan eternas, indo sempre en declinación dos seus principios básicos ata chegar ao seu último fin, especialmente as vidas dos homes …

decátome que este teu libro é unha especie de cata das túas capas sensíbeis, de cómo concibes a literatura e como te relacionaches con ela. comezaches a escribilo con cincuenta anos e xa pasaron case vinte. daquela inda tiñas próximas as aventuras infortunadas e fantasiosas da xuventude, o resplandor das batallas no mar e a duración sen esperanza do cativerio en Alxer, a euforia da liberación, o lento desgasto dos oficios indecorosos e o traballo literario sen recompensa, a vida nos camiños, sempre dun lado para outro, o refuxio de escribir, e de ler.

agora, vello, case nom saes das rúas miserentas e estreitas da capital, e teste resignado a un raro xeito de éxito que nom te rescata da pobreza nim da escuridade, ao contrario que Lope, a quen sei que admiras e detestas en cada alento que respiras, porque el trunfou, no teatro, na poesía, na vida. e ti nom.

pero inda así conservas o sentido do humor e o gusto por contar, a fascinación pola vida e polas súas falas. a comicidade desta segunda entrega é menos escatolóxica que a da primeira, pero nom menos efectiva, se ben o relato de continuas mofas que sofren tanto don Afonso como Santos ten agora o contrapunto da crítica aberta aos que se mofan. os anos volvéronte máis sensíbel á brutalidade da mofa, que se ceba con excesiva asiduidade nos febles e nos inocentes, nom son as mofas as que doen, porque nim hai pasatempos que vallan, se son con dano de terceiros.

unha caterva de criados fachendosos asalta a Santos na metade da noite, no seu pazo de falso gobernador de Baradela, finxindo unha invasión de inimigos, e Santos cae ao chan morto de medo, sendo pisado e golpeado, e nom por velo caído aquela xente burladora lle tivo compaixón algunha.

despois de tantos episodios de aparatosos enganos barrocos postos en escena no pazo dos duques, inopinadamente hai un cambio de ton, como algo que de súpeto se che ocorre e decides nom evitar, e di máis Cidre Hamete, que ten para si ser tan dementes os burladores como os burlados e que nom estaban os duques dous dedos de semellar parvos, pois tanto se esforzaban en burlarse de dous parvos.

no relato da vida nom hai lugar para o heroísmo nim para o extraordinario e a linguaxe confúndese coa fala ou cun estilo plano e rápido que é a taquigrafía que permite apresar o fluxo desordenado e veloz das cousas, na literatura os personaxes son excepcionais ou heroicos e os acontecementos misteriosos e con frecuencia fantásticos e os finais sorprendentes e a linguaxe rica e elevada e libre das improvisacións e as impurezas da fala.

sei que para ti a prosa son libros de cabaleiros, novelas de pastores e pastoras, melodramas de namoramentos e viaxes prodixiosas, de azares sorprendentes que volven a reunir amantes ou pais e fillos separados durante moito tempo. por iso, a orixinalidade nom é ter superado esas convencións para mudar en literatura a vida cotiá, é atopar a maneira de contala e á vez indagar o lugar que a ficción ocupa na vida, a tensión permanente entre a experiencia e a súa representación, entre a necesidade humana de ver as cousas como son e a outra necesidade nom menos urxente de descansar do real evadíndose unhas veces da súa monotonía e outras da súa desorde.

agora xa nom cedes case nunca á tentación do fantasioso e do romántico, pero iso nom quere dicir que esa posibilidade da literatura xa nom che importe. o último que sei que andas a escribir é o prólogo do teu fillo dilecto, ese que só ti entendes porque para todos nós é exótico e moi pouco accesíbel e no que intúo que estás tratando de despregar todas as túas capacidades imaxinativas e todo o luxo da túa potencia expresiva, os personaxes heroicos con nomes extravagantes, as xeografías inusitadas, as aventuras e os encontros milagreiros que son motivos de parodia neste libro. no teu fillo dilecto, ese que escribes nas albas roubándolle ao sono, están contados perfectamente en serio.

auguro que, ao teu pesar, pasarás por ser un dos nosos maiores anovadores, porque coñeces perfectamente a tradición que a túa propia orixinalidade volverá anacrónica, sen ti desexalo e pola túa propia man. a túa parodia é máis eficaz porque o que ti mesmo escarneces está xusto no celme do teu corazón.

querido Miguel, quen ten amado tanto os enganos da literatura nom accede a enganarse nunca sobre o real. a falacia sentimental, tan literaria, sempre a atallas contundente. o teu heroe morre e todos están a choralo mais, con todo, comía a sobriña, brindaba a ama e aledábase Santos, que isto do herdar algo borra ou tempera no herdeiro a memoria da pena que é razón que deixe o morto.

o sarcasmo da realidade sempre quebra o consolo da literatura. pero, amigo Miguel, vivamos inda un pouco o seu consolo. 

Guillerme

Iago Xallas, que publicou unha vida e unha obra controvertidas, sen embargo, trata de buscar un momento inicial para tanto desatino biográfico. ao parecer o fenómeno remóntase a finais do XVIII cando o erudito Edmundo Malo data as pezas teatrais segundo referencias históricas que cre descubrir nos propios textos. por exemplo, unha escena cómica en Antonio e Cleopatra, onde a raíña exipcia peta salvaxemente nun escravo que lle trae novas que a desgustan fondamente, é posto en relación coa hostia que Sabela de Inglaterra lle mete ao conde de Escairón cando lle dixeron que tamén andaba con outras. Malo decide que nesta escena se pretende rifar a Sabela, que tamén andara con cantos lle petaba, e morta de tres ou catro anos antes, fixando a data da obra en consecuencia.

Xallas, irónico, pregúntase entón porque parar aí. poucas escenas máis tarde, cando o mesmo escravo describe a Cleopatra as calidades da súa competidora polo amor de Antonio, Malo interprétao coma unha alusión evidente ás pescudas da raíña sobre a súa rival, María de Escocia. Xallas considera todo un desatino tal que lle resulta difícil saber por onde comezar.

inda máis cando Malo afonda e se interna no ámbito da indagación psicolóxica e, a partir do soneto 93, así debo vivir, supondo que me es fiel, como marido enganado, porque a cara do amor, pode inda ser amor que me mira, inda que o corazón estea noutro corazón, conclúe que Ana lle foi infiel a Guillerme e de aí a presenza perenne do tema dos celos, que reflectirían o estado de ánimo do autor.

a partir de Malo e doutros autores posteriores Xallas traza a historia da criptografía do estradense. nela, se a partir da invención de certos personaxes e situacións ficticias se poden deducir as circunstancias reais da vida de Guillerme, por que nom concluír que este nom é aquel cuxo nome figura na capa dos seus libros, mais outro, un ilustre ignorado, segredo, pseudónimo e esta vez si real?

lecturas desconfiadas de Xulio César poderían suxestionar a autoría dun experto na arte da guerra, de como che pareza dun home nobre e culto, de o mercador de Venecia dun bo xurista; é dicir, teriamos entre mans as obras do conde de Escairón, do docto Fran Bahón ou dun avogaducho de Pontevedra. intuír un segredo extraordinario detrás dun lugar común e vulgar foi, é e será moi atractivo.

a mediados do XX dicíase que Guillerme escribira máis de 4500 obras, e o número nom parou de medrar. a nómina dos que opinaron e aportaron é ilustre, Froiz, Tuñas, de Iago, ou Pozas, todos lectores para os que a fondura e riqueza destas obras require algo máis que esa persoa vulgar que suxestiona a documentación histórica, alguén máis convincente que o protagonista dunhas transaccións inmobiliarias usureiras e dun mesquiño testamento no que legou á súa viúva a súa segunda mellor cama.

semella que os que o admiramos precisamos un autor á medida dos seus personaxes, con todos os matices e calidades que eles teñen, a dozura de Ofelia, a sede de sangue de Ramiro III, a lascivia de Falstaff, o ardor de Romeo, a paixón de Cleopatra, a sagacidade de Porcia, a inocencia de Desdémona, ou a lucidez de Teseo, que en unha noite de verán di que a imaxinación do poeta vai encarnando formas de cousas descoñecidas mentres a súa pluma as fai figuras e nomea a nada etérea dándolle un domicilio.

Xallas móstrase totalmente desconcertado pola afirmación de que Guillerme carecía de experiencia vital para escribir o que escribiu porque nom se entende que si puido ter o esencial para un creador, a imaxinación. se Guillerme ou Cunqueiro son excepcionais sono debido á súa imaxinación, son capaces de facer figuras a partir de nada, a partir do etéreo.

o 2 de decembro de 2000 Borxo, quizás de xeito involuntario, explicou este fenómeno tan elusivo na Cidade. era o convidado de honra nun gran congreso internacional e recibira o encargo de pronunciar a conferencia inaugural titulada o enigma Guillerme.

cando Borxo entrou na sala todos os presentes puxéronse en pé e ovacionárono durante varios minutos estando el xa sentado. nim se inmutou e esperou a que calaran todos. entón comezou a falar, ou simplemente a mover os seus labres, pero só se oía unha especie de zunido monótono do que só con moitísimo esforzo se podía deducir unha palabra que pronunciaba sen parar, como o berro dun barco que se afoga no rumor do mar, estradense, estradense, estradense, ...

o micrófono no que tiña que falar estaba un chisco alto para el pero ninguén se atreveu a situar o aparato no lugar adecuado. falou unha hora, e durante unha hora só se repetiu esa palabra, que batía contra os oíntes sen cesar coma se fosen ondas morrendo nunha praia ou contra as rochas dun cantil. durante esta hora ninguén se levantou nim saíu da sala.

cando terminou, todos se volveron por en pé e ovacionárono de xeito novamente interminábel. ese nome repetido, máis que biografías, estudos, e innumerábeis atribucións, foi a súa resposta ao enigma.

calquera pensaría que os centos de mozos que o escoitaban atentos o impregnaran de enerxía, de gañas de vivir, pero foi ao revés. foi Borxo, aos seus 90 anos, quen irradiaba fervor pola vida e a realidade. falaba de poesía, falaba de palabras, do alento vivificador que hai nelas e da súa capacidade para crear o mundo. de mudalo, incluso.

os mil estudantes presentes tendían fíos de murmurios aquí e alá mentres o escoitaban expresarse no seu galego de reminiscencias antigas, os poemas do estradense, polo tanto, nom teñen significado. cando se le un hai que preguntar á propia experiencia, á memoria. e a partir de aí hai que interpretalos. en certa medida veñen ser coma esas fotografías que nos permiten repasar as nosas historias e as manteñen vívidas na lembranza.

eran as cinco e media da tarde e estaban no auditorio, enfeitizados. antes de chegar todo era algarabía, pero unha vez comezou a falar a súa voz trouxo o silencio. pasouse do silencio ao murmurio intermitente e unha outra vez á algarabía. quizás nom se entendese moi ben todo o que Borxo dicía, pero preguntaban e víaselles contentes.

sen pretendelo, creara o mellor escenario e exemplo para ensinar o cometido das palabras e a poesía. e a súa influencia na vida de cada un. el fixo que se derrubase a torre de Babel, o que permitiu que proliferasen as linguas e con elas o multicolor da realidade, de que cada cousa ten un nome e ese nome é multiforme porque soa distinto en cada lingua e á súa vez a súa historia varía en cada individuo segundo a biografía e pegada que deixou en cada persoa.

porque, en cada conversa cotiá, as palabras serven para que nos entendamos, pero desaparecen. en cambio, na poesía esas mesmas palabras reaparecen na súa verdadeira realidade e son nomes propios que sinalan ou designan as cousas como son para mostrarnos a realidade.

pero o estradense, ou algunha das súas obras, ten explicacións máis claras e accesíbeis, como certificou Cunqueiro cando escribiu o incerto señor don Eladio, ese libriño que pecha moitos dos interrogantes que o primeiro Eladio nom quere ou nom pode responder.

nom se trata de mudar nomes de personaxes ou a toponimia para sentila máis propiamente galega. o escenario segue a ser o mesmo, pero logo de ler a Cunqueiro sabemos que a GZ da ficción se corresponde coa GZ real. seguimos o xogo realista de Clarín para o que a súa Vetusta é o auténtico Ovieu, ou de Emilia Pardo Bazán, que creou Marineda a partir de a Coruña.

sen embargo, Cunqueiro estrémase, nom ten que crear un espazo ficticio novo. a súa teoría é que o espazo de ficción creado por Guillerme se corresponde de maneira lóxica coa GZ real. de nom ser así, a obra nom tería o sentido completo que logra cando a percibimos baixo este prisma.

don Álvaro recoñeceu que a incerteza era a esencia do galego, o noso nomsí, unha síntese de negación e afirmación mentres estamos a preguntar algo. e se a esencia galega é a incerteza, Eladio debe ser galego. e se Eladio se constituíu nun piar básico da nosa literatura, o outro sería o enxeñoso don Afonso. sería esta unha dupla onde o incerto e o enxeñoso aluden á teoría da flutuación entre realidade e ficción.

don Quixote é ficción creada a partir do enxeño, pero o seu reflexo real volvería ser, como nom, a incerteza. don Afonso saíu da cabeza do de Cervantes, e á súa vez vive outra ficción propia dentro da propia obra créndose o cabaleiro das novelas que el mesmo le; a ficción dentro da ficción, como en Eladio. un outro enigma do que nom somos quen de escapar.

en todo caso, días máis tarde, e num ámbito máis íntimo, Borxo recordaba a experiencia da conferencia multitudinaria ante os estudantes. e tamén a súa experiencia de tradutor do estradense, a palabra, as palabras, están no centro de todo. son o embrión que nom só describe e sinala e nomea o mundo senón que o ordena e pode salvalo, reordenalo. a palabra é a nosa principal conexión coa realidade e a poesía a súa mellor vía. por iso é necesario que as liberemos dese xugo no cal as temos presas.

coas mans cruzadas sobre a mesa de cristal, deixa claro que o poeta nom deixa nada ao azar. esmérase por buscar o termo preciso que se aproxime á realidade física que quere contar e transmitir.

albíscoo desde que son moi nena, desde que comecei a ler e notei a intensidade das palabras e souben o que quería escribir, eu nom elixín a literatura, si a poesía. nom son a mesma cousa. a literatura é unha posibilidade da lingua, a poesía é unha maneira de espertar a palabra.

é obrigatorio trazar unha distinción fundamental entre lingua e palabra. lingua é un conxunto de nocións que nos permiten encontrar diferentes aspectos da realidade, e literatura é a construción que facemos dela por medio da linguaxe. todas as experiencias están aquí permitidas, todas as distraccións e irresponsabilidades. a poesía é a resposta que se lanza en dirección á lingua, cando nos preguntamos acerca das nosas necesidades fundamentais. nom é un lugar para divertimentos, nim da experimentación existencial: é o lugar da esixencia da responsabilidade.

eu aprendín a ler neses libros nos que xunto a unha palabra está o seu debuxo, lembro o golpe seco que me produciu a relación entre a palabra e a cousa, percibín que a palabra era a embaixadora da cousa, a súa representante. é a miña primeira lembranza sobre a experiencia da linguaxe. nese momento comprendín que a poesía exercía esa relación coa palabra, despois atopei nos poemas que nos facían ler as avoas nos escritorios e nas bibliotecas un ritmo e unha música dentro dos poemas que nom era inherente ás conversas, a música existía só na poesía'.

o meu destino era practicar ese ritmo que facía que as palabras entraran en contacto coa vida do mundo, creando universos. a poesía lémbranos que todas as palabras, incluídas as que usamos automaticamente, ou tanto que parecen gastadas e pouco relevantes, son as responsábeis da realidade. para nós é importante a presenza dunha terra, suficiente, benéfica, que nos permita dar un sentido á nosa existencia, que nos permita estar unidos nun lugar onde exista a vida, inda que por momentos resulte irreal.

diría que a poesía fala só acerca diso, en esencia. fundamentalmente a poesía debe dicir, existe unha realidade, debemos ser parte do mundo, nom debemos deixarnos levar por esa distracción que nos fai aceptar as nosas existencias como algo abstracto, ou resignado á irrealidade. a poesía é o que esixe a existencia do mundo. 

@xindiriz – 2024

descargar versión pdf

No hay comentarios:

visitantes