a propiedade intelectual
é un feito moi complexo e implica problemas económicos e xurídicos aos que non
é doado responder con rotundidade
Internet potencia
enormemente a capacidade xenerativa, pública e aberta; propiedade xeral do noso
coñecemento. Unha Rede baseada en ‘contidos xerados polos usuarios’ esborralla a
distancia entre creadores e consumidores. As virtudes dun sistema semellante
débense ao feito de que non filtra as contribucións dunha audiencia ampla e
variada. Se actuara doutro xeito, deixaría de satisfacer as expectativas dos
usuarios e perdería a súa potencialidade. O problema consiste en como facer
compatible a protección dos creadores co feito de que unha cultura libre ten
que estar o menos controlada posible polos que crearon; é dicir, polo pasado.
Non hai un sistema xenerativo sen unha certa falta de control
debemos, primeiro, que
aclarar en que consiste o coñecemento se é que queremos protexelo: 1/ case nada
é absolutamente orixinal e case nada carece absolutamente de orixinalidade.
Coñecer é un acto creativo, que da orixe a algo novo e, ao mesmo tempo, unha
recombinación de elementos que xa existían. Non hai un sen outro e quen non
entenda ambas propiedades non poderá ofrecer ningunha solución razoable aos
problemas que pon sobre a mesa a propiedade intelectual, a democratización do
saber ou a protección da creatividade. Como se pode explicar este paradoxo?
que case nada é
absolutamente orixinal quere dicir que o coñecemento é polo xeral unha
recombinación. As creacións humanas non saen de ningures, nin as obras de arte
nin as explicacións científicas. Todas presupoñen, en maior ou menor medida,
elementos que xa existen. Con isto non quero restar importancia á creatividade
humana senón mostrar os seus límites. Recombinar é unha actividade que esixe
non pouco enxeño. Xeralmente unha recombinación é unha creación porque expresa
a capacidade individual de relacionar elementos que ninguén relacionara ata o
momento ou non dese xeito. O exemplo máis claro desta limitación da nosa
capacidade de innovar é que cando inventamos novos monstros, eses aliens seméllanse demasiado con criaturas
coñecidas (como pode comprobarse no universo cinematográfico, poboado de estraños
que, no fondo, nos resultan moi familiares). Os monstros son demasiado humanos.
É normal que así suceda porque algo absolutamente estraño non sería recoñecible
como tal. Se algo fora completamente inaudito non poderiamos oílo. A
creatividade xeralmente non existe máis que como modesta variación, pese ao ton
inaugural con que se presenta
o outro aspecto paradoxal
do noso coñecemento é que case nada carece completamente de orixinalidade. Se
antes dicía que crear da nada non é humanamente posible, agora confirmo que
copiar é, no fondo, igualmente imposible (a reprodución de música, por exemplo,
non sería un caso de copia, senón de reprodución do orixinais, que é algo ben
distinto). Toda persoa reinterpreta o coñecemento ou aplica as normas recibidas
dun modo orixinal e imposible de predicir. Ata o individuo menos dotado é un
pequeno creador, inda que só sexa porque a súa copia representa unha versión
peor do copiado e aquí a súa peculiaridade persoal maniféstase a través das
súas limitacións
con isto non estou
defendendo, por suposto, a quen copia para facer un negocio ou aprobar un
exame, senón que chamo a atención sobre o feito de que non hai creación sen
recombinación, nin autenticidade sen unha certa imitación. O coñecemento é
ámbalas cousas, recombinación e creatividade. Na medida en que o coñecemento é
creación dunha individualidade, resulta incomunicable (e aquí limita coa lírica
o co místico, como diría Wittgenstein); na medida en que é recombinación, permítenos
comunicar remitindo ao que todos dalgunha maneira xa sabían. O coñecemento non
pode ser máis que libre, público e compartido. Unha vez que o coñecemento é
formulado, atópase a disposición da calquera en orden a unha futura
recombinación e creación, é dicir, para dar lugar a novos coñecementos
pensemos en cal é a
razón que nos leva a compartir o noso coñecemento con outros, a facelo público
e comunicalo. Quen sabe ou ten creado algo xeralmente adoita estar interesado en
dalo a coñecer e a Rede ten posibilitado esa difusión de maneira doada,
instantánea e cun crecemento exponencial. Isto non xustifica certas formas de
apropiación, como o plaxio; pon de manifesto que o coñecemento resulta posible
porque hai tradicións ou comunidades de aprendizaxe, e está para ser
compartido. A fronteira entre a apropiación indebida e a variación creadora
será sempre unha cuestión disputada e que haberá que volver a trazar, tamén en
función das novas posibilidades tecnolóxicas
todo o cal nos permite
concluír que temos que aprender a aturar certa anarquía epistemolóxica. É certo
que asistimos a unha profusión lexislativa en torno ao copyright, as patentes e a propiedade intelectual, ao tempo que
aumentan as restricións de acceso, a vixilancia electrónica e as sancións
legais para distribuír información sen autorización. Non me cabe ningunha
dúbida de que temos que seguir avanzando nesa dirección, pero é bo ser
consciente das limitacións das regras sobre o coñecemento, a súa promoción e
protección
en primeiro lugar, a
promoción regulada do coñecemento é algo que só resulta eficaz nun nivel moi
elemental. Non hai regras cuxo cumprimento asegure a xeración do coñecemento,
do mesmo xeito que a innovación non resulta automaticamente da súa
planificación (mais ben ao contrario). Nin sequera os sistemas educativos
mellor intencionados producen sempre o resultado pretendido. A educación
require espazos pouco regulamentados; os nosos mellores descubrimentos teñen
tido lugar en contextos desordenados
tamén é limitada a
capacidade de protexer o coñecemento sen danar ao mesmo tempo tamén o seu
carácter de ben público. Sen unha certa anarquía informativa, normativa e
política resultaría imposible a sociedade aberta e democrática na que vivimos.
No caso concreto de Internet, anarquía significa que a Rede está en principio
aberta a calquera uso (e abuso), como ocorre con todo sistema de intelixencia
distribuída
se algunha propiedade
fai de Internet un instrumento fabuloso de coñecemento é o feito de que potencia
o carácter caótico do noso modo de coñecer. Non fondo non estamos ante un
problema tecnolóxico, senón ante un dilema xeral da condición humana: o
equilibrio entre creatividade e control. Calquera tecnoloxía abre novos
desafíos e nos obriga a formular unha nova articulación de dous principios que
nunca van terminar de levarse demasiado ben
texto orixinal publicado por Daniel Innerarity en Babelia (17 maio 2014), páxina 13
deturpación a cargo de @xindiriz
No hay comentarios:
Publicar un comentario