9.11.17

allen ault: ‘inda vexo as caras dos que ordenei executar’

Allen Ault semella un vello tranquilo e educado. mais cando se mira ao espello, o que ve é un asasino, alguén que matou con premeditación e nunca foi perseguido por telo feito. entre o 29 de xuño de 1993 e o 17 de maio de 1995 ordenou cinco execucións na prisión estatal de Jackson, Georgia. era o responsábel do sistema penal. e como tal, o encargado da pena máxima, ‘outros delegaban, eu nom, eu daba as ordes e víaos morrer’.

fala con firmeza. ás veces rise de si mesmo e outras chora. di que se esforza todos os días por chegar á celebración do seu seguinte aniversario. ten pasado moito tempo, pero todo segue aí, na súa cabeza, disposto a volver e acoitelalo. é unha porta que nom pecha.

dentro agardan os presos que ordenou matar. entre eles, Christopher Bulger e Thomas Dean Stevens, que asasinaron en 1977 a Roger Honeycutt, roubáronlle 16 dólares, violárono, pechárono dentro do seu coche e botárono a un lago para que afogase dentro del.

‘nom se pode xustificar o que fixeron, mais tiñan 17 e 19 anos cando entraron na cadea e máis de 34 cando foron electrocutados. coñecinos. estudaron, aprenderon, cambiaron. nom eran os mesmos cando morreron. e foron os primeiros que executei. Bulger tiña escasa capacidade mental. as súas últimas palabras foron: por favor, perdóame'.

logo mira o xornalista e conta o que sabe que ten que contar. na prisión de Jackson, a cámara da morte ocupaba 14 m2: rectangular, luz e paredes brancas, coa cadeira feita a man, de madeira escura, cos eléctrodos, cables e correas percorréndoa por fóra.

a preparación era minuciosa. o día anterior sacábase ao preso do corredor da morte e conducíaselle a unha cela contigua á cadeira eléctrica. o capelán pasaba a maior parte do tempo facéndolle compaña. nas horas finais, rasurábanselle e depilábanselle as pernas e os brazos. logo, nos últimos minutos, pasábaselle con delicadeza unha esponxa húmida.

na sala permanecía un garda. o reo, atado coas correas, quedaba ante un cristal de dous metros de longo por un de alto a través do cal as testemuñas podían ver todo o que pasaba no outro cuarto. antes da execución era frecuente oílos rir. unha risa nerviosa, incontíbel. 'nunca se conta, mais é o habitual’.

as risas atravesaban as paredes, inundaban a cámara, metíanse no cuarto onde agardaban os familiares do condenado. 'tiña que explicarlles que aquilo era unha reacción nervosa'.

eu regresaba e situábame noutra sala, de costas ao recluso. a través doutro cristal, podía ver a caluga do condenado, os seus ombreiros, os cables e as testemuñas. cando xa estaba todo listo e o preso tiña dito as súas últimas palabras, o garda indicáballo cunha sinal. Ault revisaba os tres teléfonos instalados a carón seu: o do Tribunal Supremo, o do gobernador e o da comisión penal. se ningún soaba, daba a orde: 'chegou a hora, Brad'.

Brad era o electricista. nunca asomaba a cabeza polo cristal. tampouco dubidaba. simplemente apertaba o botón e desaparecía. Ault si que miraba. a lostregada estalaba na súa pupila, un abismo de 2000 voltios, 'a corrente percorre o corpo do preso, sacódeo. a electricidade vese, óese e ata cheira'.

as testemuñas quedaban mudas, 'a algúns había que quitalos a rastro e trasladalos ás súas casas. nunca repetían'. mais antes había que entrar na sala. entre o cheiro a carne queimada e deposición, o médico certificaba a defunción. un forense practicaba a autopsia. como causa do falecemento apuntaba homicidio.

todo o procedemento era supervisado por Ault, que falaba cos parentes, recibía os documentos, e controlaba a retirada do cadáver. despois volvía a casa solo. nom durmía; nom podía. inda hai noites que nom é capaz.

xa pasaron máis de 20 anos desde a última vez. a voz do verdugo superponse ao fío musical que soa no bar anódino no que están. é lenta, grave, ás veces baléirase.

confesa que debe ter coidado e dosificarse. nom pode contalo todo, nin demasiadas veces. durante décadas gardou silencio. viviu en Colorado, Florida, Washington DC. refixo a súa carreira, chegou a decano de dereito da Universidade de Kentucky Oriental. mais nunca puido escapar do horror, 'eu quería axudar á xente, nom matala'.

Ault estudara psicoloxía. logo de doutorarse en Georgia, foi contratado para deseñar o proceso de clasificación e diagnóstico dos presos. pouco a pouco ascendeu ata dirixir o sistema penal estatal. o seu centro foi o designado en Georgia para levar a cabo as execucións e, cando chegou o momento, nom era a primeira vez que se enfrontaba á morte. nos 50s servira na Guerra de Korea, 'aquilo era defensa propia, eu tiña un arma e o inimigo tamén. na cámara da morte nom hai azar, todo está ensaiado e premeditado ata as súas últimas consecuencias. digámolo claro, é un asasinato'.

na súa primeira execución, sentiuse coma un criminal. e a cousa foi a máis, 'o meu departamento tiña ao seu cargo 1000 millóns de orzamento, 15000 empregados e 38000 presos; a pena de morte representaba unha fracción mínima do meu tempo, mais acabou consumíndoo todo'.

en 1995 marchou de Georgia convencido de que era un monstro. sufría desorde postraumático. o pasado engulía o seu futuro. afundíase. un fenómeno habitual. el mesmo conta historias doutros verdugos rotos que acabaron consumidos polo alcohol ou pegándose un tiro, 'eu salveime porque estaba adestrado para axudar e aferreime a esa idea para sobrevivir'.

'sigo pensando no que fixen. inda vexo as súas caras nos meus pesadelos. inda que nom lembro todos os seus nomes, sígueme afectando, golpéame. rememoro as execucións. e síntome culpábel. si, si, trato de racionalizar o que fixen pero nom funciona. tiña familia, hipoteca, gastos, era legal, mais todo iso nom val de nada; podería ter feito outras cousas. seino e por iso me sinto culpábel'.

durante décadas, Ault arrastrou o seu pasado en silencio. protexíase de si mesmo, ata que fai uns anos un profesor universitario lle pediu que contase aos alumnos o que pensaba da pena capital. o seu relato estremeceu aos estudantes: desde entón loita contra as execucións.

'ningunha execución serve para nada, nom evita outras mortes, nom disuade a ninguén. pretender inculcar o respecto á vida matando é un desatino. o único que che queda é a vinganza e nin sequera esta abonda para calmar as familias'.

a proximidade de novas, a proximidade do sangue afunde a Ault. ten pasado moito tempo, mais ese home de pelo branco vólvese ver a si mesmo de pé detrás do cristal, mirando os eléctrodos, as testemuñas, comprobando os teléfonos, dicíndolle a Brad que chegou a hora. e ese momento nom acaba nunca. 

referencias: 'aún sigo viendo las caras de quienes ordené ejecutar' (elpais, 15 abril 2016) + 'electric chair haunts US former executions chief' (bbc news, hardtalk, 23 febreiro 2014)

deturpación por @xindiriz


visitantes