24.2.15

día de Rosalía: proposta de resolución

es.wikipedia.org
Proposta de resolución: Día de Rosalía

O profesorado ou o equipo de normalización lingüística do centro .................................., concello de ………......, proponlle que se inclúa no calendario escolar o 24 de febreiro como Día de Rosalía, co obxecto de realizar actos escolares que difundan a obra da escritora que inaugurou o renacemento literario galego no século XIX, dotando a nosa lingua de dimensión literaria universal. A obra de Rosalía é o punto de arranque da dignificación do noso idioma e a valoración e difusión da súa obra é unha actividade normalizadora, útil e necesaria. Reclamamos tamén que o Panteón de Galegos Ilustres, onde se achan os restos de Rosalía, Castelao e Cabanillas, entre outros, pase a mans públicas e estea aberto ao público, de xeito que calquera persoa que o desexe poida visitar este lugar de referencia para a nosa cultura. Rosalía é un símbolo, o símbolo da dignidade do pobo galego, e por iso segue a ser necesario o coñecemento e a difusión do seu legado.

…………………, … de ………….. de 2015

remitir este escrito a
conselleiro de Educación gabinete. culturaeducacion@edu.xunta.es
fax: 881999347
e unha copia á CIGEnsino

22.2.15

que conselleiro nos vai chover?

gl.wikipedia.org
quen ven de fóra un rato quéixase de que en Lalín vai frío e chove moito. E estes días tamén choveu. Román Rodríguez é o novo Conselleiro de Cultura e Educación, seica cun marcado perfil galeguista. E fillo político de José Crespo, nada menos.

non teño que explicar quen é o noso veciño; quen máis quen menos coñece a súa xestión en Lalín como concelleiro. Centrareime nalgunha das tarefas que lle encargou Alberto Núñez Feijoo. E que tarefas lle vai pedir José Crespo para Lalín. Viranos visitar, traerá algo, non o dubido, pero inda así probablemente seguirá chovendo e facendo frío.

cando debatín con Román sobre a LOMCE en A Estrada, no marco das actividades do Movemento Dezao polo Ensino Público, quedoume claro que comulga con todos os obxectivos políticos desa lei; lesivos para o ensino público, para a nosa lingua, para a equidade e a igualdade de oportunidades, e para a participación democrática e transparencia no funcionamento dos centros educativos.

dareivos unha pincelada breve sobre as ‘reválidas’, por exemplo. Haberá catro: unha no medio e outra ao final da Primaria; a terceira para obter o título da ESO; e a cuarta, para obter o do Bacharelato. A maiores, para algunhas titulacións, as universidades poderán establecer filtros adicionais. Chegar a optar a un grao universitario complícase moito. Eu véxoo así: cantos máis obstáculos existan, máis oportunidades hai de caer e quedar tirado no camiño. Cantos menos recursos teñas, máis difícil che será superar eses obstáculos. Mala sorte se vos e os vosos nenos sodes de recursos humildes.

lavozdegalicia.es
na cuestión lingüística se non se está disposto a recuperar o consenso que se deriva da aprobación do Plan de Normalización Lingüística e derrogar o denominado ‘Decreto do Plurilingüísmo’ (dixeron que non o farán), o resto non vale de nada: marketing e falarbarato. Onde se xoga o futuro da nosa lingua é nos centros educativos, onde están as nenas e os nenos galegos, os que van falar ou non a nosa lingua.

eu pediríalle a Román Rodríguez que se atreva a facer o que fixeron en Euskadi. Presionar, negociar e arrancar acordos. Certificouse no BOE en setembro de 2014. O ministro Wert cedeu ante a conselleira de Educación de Euskadi, Cristina Uriarte, en dous puntos da LOMCE importantes: 1/ non se toca o modelo lingüístico de Euskadi; e 2/ os Consellos Escolares controlan as posibles arbitrariedades do director e poden decidir contra o seu criterio. Por que Galicia non pode obter algo semellante?

José Crespo conta con apuntarse un ‘gol por la escuadra’ na Champions da pre-campaña para as municipais. Igual Román anuncia fortes investimentos educativos para a vila e nin eu nin o BNG nos oporemos a algo beneficioso para Lalín. Nunca. Se é así, amén. Pero, amigas e amigos, ata velo non nos fiemos. Lembremos o tema do CAR; desde que se anunciou ata agora, e xa pasou tempo, nada de nada. É lexítimo pensar que nos poden ofrecer máis fume.

si. Teño a intuición de que virá Román Rodríguez a Lalín. Pronto. Ao mellor incluso visita o IES LAXEIRO, onde traballo. E dirán que choveu ouro puro por nós. Pero o que choverá será LOMCE e ‘paripé’ na cuestión lingüística. O dos investimentos ninguén o pode asegurar. É cuestión de credibilidade.

xosé manuel lópez fernández, candidato á alcaldía de Lalín polo BNG
@xindiriz

16.2.15

ilp 'castelao'

www.galiciaunica.es
Proposición de lei, por Iniciativa Lexislativa Popular sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

É un feito incuestionábel a ausencia e desatención da Historia de Galiza e das súas manifestacións culturais no sistema educativo, nos medios de comunicación públicos e na inmensa maioría dos privados, así como nos organismos dedicados a velar polo noso patrimonio artístico e natural. A Xunta, a administración pública galega, é a principal responsábel deste desleixo calculado que non foi máis que repercutir negativamente no conciencia social galega, en forma de ignorancia e falta de autoestima sobre o propio país.

Dentro desta desatención histórica e cultural é especialmente significativa a ignorancia e desprezo sobre a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ambas multifacéticas, de valor incuestionábel e moi representativas do mellor que deu Galiza no política, no arte e no literatura nunha etapa tan crucial da nosa historia como foi a primeira metade do século XX.

Da importancia simbólica de Castelao dá conta o feito de que os seus restos mortais fosen trasladados en xuño de 1984 desde o cemiterio da Chacarita en Buenos Aires, onde morrera no exilio en 1950, ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval. O tempo demostrou cal era a verdadeira intención dos que, desde a institución autonómica, dirixían a operación: lexitimar o marco autonómico e facerlle un segundo enterro, que algúns quererían definitivo.

Desde 1986, en que se celebrou o centenario do seu nacemento por parte do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galiza, a única lembranza oficial do seu nome é a utilización do mesmo para a concesión dunhas medallas que se entregan a diferentes persoeiros con carácter anual e que ocultan a falta de actuación real.

No ano 2000 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a declaración de toda a súa obra como Ben de Interese Cultural, mais nunca se chegou a efectivizar tal decisión.

Por outra parte, de maneira puntual, aparece en boca de figuras políticas que logo se esforzan en perpetuar o descoñecemento do que é a personalidade nacional galega de maior relevo do século XX. O novo Rei de España, no súa investidura, fixo uso do seu nome de forma desleixada e equívoca, dando a entender que era un poeta da posguerra. O Presidente da Xunta acode a citalo con frecuencia para afirmar que a historia xa se encargou de superalo, e para xustificar políticas moi contrarias ao seu ideario. Esta invocación a Castelao, lonxe de ter consecuencias prácticas no sentido de promover un maior coñecemento da súa figura e da súa obra pola sociedade galega, tivo como resultado unha calculada ocultación que se agudizou nos últimos 25 anos. So un pobo que descoñece unha obra tan valiosa pode permitir que se lle negue no práctica o acceso a ela.

Por todo isto, os miles de persoas asinantes desta Iniciativa Lexislativa Popular consideramos que chegou o momento de que as citas retóricas e baleiras vaian acompañadas de feitos prácticos. Esiximos que se acabe, de unha vez por todas, coa censura, ocultación, descoñecemento e ignorancia sobre a figura e a obra multifacética de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Que, dunha vez por todas, poda ser contemplada debidamente toda a súa obra artística. Que sexo de fácil acceso a súa obra literaria, tamén a ensaística de carácter político, tendo a debida presenza no sistema educativo. Que a historia de Galiza en xeral, e en particular, o período en que desenvolveu Castelao o seu labor, ocupe o lugar debido no formación escolar e académica. Que, sen máis dilacións nin subterfuxios, a Xunta de Galiza se preocupe de catalogar toda a obra de Castelao e establecer un plano de colaboración entre as distintas institucións e organismos, públicos e privados, que posúan obras, informacións ou obxectos persoais do noso grande político e artista coa finalidade de que podan ser coñecidas e contempladas en exposición pública e estábel, coas debidas garantías de protección e seguridade. So así o pobo galego coñecerá e poderá xulgar por si mesmo o sentido e valor dunha figura e obra que por el foi motivada e que ten nel o seu principal destinatario.

Artigo 1.

É obxecto da presente Lei impulsar as actividades a desenvolver polo Xunta de Galiza para difundir e por en valor a obra e a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Artigo 2.

A Xunta de Galiza realizará a catalogación de toda a obra, en todo tipo de facetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados, que teñan como autor a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao procurando os convenios ou acordos de cesión oportunos con todas aquelas entidades, públicas e privadas, que posúen en propiedade obra de Castelao.

Artigo 3.

A Xunta de Galiza definirá un espazo museístico, de dimensións apropiadas e con características adecuadas, e realizará as xestións necesarias para expor nel toda a obra plástica de Castelao, de forma que podo ser contemplada no súa globalidade por persoas de Galiza e persoas foráneas, como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galiza.

Artigo 4.

A Xunta de Galiza, polo seu valor e simbolismo, emprenderá as xestións oportunas para que se adquira ou para que se ceda o cadro ‘A derradeira lección do mestre’ e trasladalo desde Buenos Aires a Galiza para ser exposto, nos debidas condicións, xunto ao conxunto da súa obra, no espazo museístico que se define no artigo anterior.

Artigo 5.

A Xunta de Galiza divulgará o coñecemento da multifacética obra de Castelao, por representar unha contribución artística, literaria, ideolóxica e política das máis ilustrativas e clarificadoras sobre Galiza e o seu futuro de cantas se produciron no século XX. Dun xeito singular:

1/ Impulsará a introdución, a través das disposicións e instrucións pertinentes, no sistema educativo, de forma transversal, da obra de Castelao.

2/ Asumirá o compromiso de espallala tamén a través dos medios escritos e audiovisuais de titularidade pública ou subvencionados pola Xunta.

3/ Facilitará o acceso público e aberto a través da rede de internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego

Artigo 6.

A Xunta xestionará a sinalización, accesibilidade e promoción dos espazos relacionados coa vida e obra de Castelao.

Disposicións finais

Primeira. Facúltase ao Consello da Xunta de Baliza para a adopción das disposicións regulamentarias e cantos acordos executivos sexan precisos para o cumprimento efectivo e desenvolvemento desta Lei.

Segunda. A presente Lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galiza.

visitantes