I
De rapazolo Eagleton contraeu asma e
súa avoa prescribiulle encomendarse a Martiño de Porres, patrón dos doentes sen
esperanza. Todos os días, sen faltar un, debía axeonllarse ante a súa efixie e
facer os rezos correspondentes; iso a cambio dunha curación completa.
Daquela o asma era unha enfermidade
moi grave pero aquel neno sobreviviu. Seguramente por algunha outra
circunstancia allea á intercesión do santo. Durante a convalecencia tivo moito tempo
para ler. O primeiro as obras completas de Charles Dickens que súa avoa primeiro
fixo por alugar e logo mercar nunha librería de segunda man; un luxo para a
época nun fogar humilde. O neno acostumouse a ler e pensar no que lera. Quizás isto
foi unha das causas polas que se converteu no que hoxe é, un intelectual de
categoría mundial cunha importante obra ás costas.
Alguén que confesa non parar de
escribir, en calquera sitio e en calquera lugar. Outra consecuencia da súa
vida, prolixa en viaxes e actos académicos por todo o mundo. Unha persoa que
sabe que a asma estará sempre aí, ameazante. Un home feito de carne e pulsións.
Tamén foi monago e participou en oficios aos que asistían, invisibilizadas tras
dunha reixa, monxas de clausura ás que os homes nunca podían ver a cara.
Foi moi oportuno que Eagleton viñera
a Pontevedra á Semana de Filosofía a repetir que, ao contrario do que moitos
están interesados en dicirnos, Marx si estaba no certo e a súa obra si ten validez
plena para analizar o presente que vivimos e tentar fuxir del cara un futuro esencialmente
mellor. Veu tentar aclarar o que asegura é unha enorme terxiversación do
pensamento do alemán, unha serie de tópicos manufacturados polo sistema para
tentar afianzarse e laminar as alternativas que poderían e deberían construírse.
Poderíase debater canto de
heterodoxa ten a análise de Eagleton. Probablemente sorprenda pero é a súa voz.
Para comezar, non se mostra especialmente interesado en facer proselitismo.
Non lle incomoda que sexas cristián
a non ser que obvies que inicialmente se trataba dun credo de liberación dos
oprimidos, de empatía cara os desexos e aspiracións dos demais, un proxecto de
inclusión dos máis humildes e desfavorecidos. Non lle importuna que sexas un
racionalista ilustrado a non ser que acredites na leria de que cada vez estamos
e vivimos mellor e que a luz se está abrindo paso, sen posibilidade algunha de
volta atrás.
Non lle interesa convencerte de que
abandones o proxecto postmoderno a non ser que non te decates de que é preciso chegar
a algún punto e momento no que hai que deixar de desfacer para poñerse a deseñar
o que queremos: como el explica, as bruxas acaban con Macbeth e fannos graza
porque era ‘malote’ pero as bruxas tamén acabarían con calquera, porque destruír
está no seu ser, é o que son. Incluso defende que Marx apreciou moito as
realizacións burguesas e capitalistas: lograron derrubar a orde feudal e crear
un fluxo de riqueza que nunca anteriormente se lograra producir no transcurso
da humanidade.
Para Eagleton e para Marx, o futuro
será socialista ou un mundo de barbarie e paga a pena tentar construír o
socialismo porque aproveitaría o mellor do home e tentaría limitar, paliar e
controlar o peor da súa natureza. O punto de partida do futuro está no presente
e o presente está fondamente impregnado dos sistemas políticos e de pensamento
que o configuran desde o pasado. Por iso, de ser posible a substitución do
actual sistema capitalista non temos outra opción que usar vimbios espurios e híbridos.
Non hai inicios desde cero. Non hai pureza.
A primeira ansia é limpar o nome do
marxismo como teoría e o socialismo e o comunismo como proxectos políticos.
Limpalos dos sedimentos que foron pousando ao longo do tempo, algúns con razón
e outros sen ela. Porque agora mesmo dicir comunismo trae á mente as purgas
stalinistas e o gulag e non a
valoración do ‘común’ ou o ‘comunitario’. Non significa atoparse, acordar, e
colaborar, realizarse xuntos e non en loita uns contra os outros. Eagleton
considera que levará tempo borrar estas pegadas.
II
Tamén considera que a forza que
modelará decisivamente o futuro é o amor. Ademais, Marx era un romántico e un humanista.
Dito así máis semellaría que estamos tratando dunha novela rosa. Sen embargo, o
xénero apropiado sería a traxedia, coa súa compoñente de sufrimento atroz, de
paso tortuoso polo inferno. Unha traxedia que pode acabar ben se temos fe
absoluta nese final feliz para soportar o paso polo inferno, onde debemos
renunciar plenamente a quen somos. Si. Amor e fe. Si. Un marxista.
O Manifesto comunista afirma que “o libre desenvolvemento da cada
quen convértese na condición previa para o libre desenvolvemento de todos.” En
consonancia con este principio ético e político, o socialismo non se limita a rexeitar
a sociedade liberal e o seu compromiso apaixonado polo individuo; desexa construír
sobre esta base e completala. E deste xeito mostra unha das maiores contradicións
do liberalismo, no que a ‘túa’ liberdade pode perfectamente florecer en
contradición coa ‘miña’; con máis probabilidade se a impós en razón da túa
superior fortuna persoal ou un estatus social máis propicio. O socialismo
sempre debe supor un enriquecemento da liberdade individual, non a súa
diminución, en conxunto e harmonía coa do resto. A nivel persoal, este
tecnicismo coñecémolo, explica Eagleton, co nome de amor. Teriamos que pasar,
polo tanto, dunha ética que prescribe mandatos e códigos de conduta ata unha
ética máis semellante á que proporía, por exemplo, Aristóteles.
O do romanticismo e máis o humanismo
non ten exactamente que ver con alguén namorado e vivindo nunha nube. Ben ao
contrario, como bo romántico, Marx era máis amigo do concreto que do abstracto.
E como bo humanista, mais tamén materialista, tiña moi en conta o noso corpo,
os nosos procesos biolóxicos e todo o que deles se debería derivar á hora de enunciar
calquera principio político válido. Marx, ao contrario que os ilustrados, non
reduce o mundo a materia morta ou sen sentido. Os corpos humanos son entes
creativos e expresivos, pero tamén cheos de carencias e contradicións que só
poden resolver en sociedade en contraposición e colaboración con outros corpos.
Ao longo da historia, para Marx
‘prehistoria’, estes corpos téñense feito máis mal que ben, teñen feito do
mundo un auténtico val de bágoas. O socialismo desexaría lograr que os homes
comezaran por fin a vivir a ‘historia’ propiamente dita, en liberdade,
realizándose como tales.
III
En Why Marx Was Right (2011) Eagleton procura deslindar o certo do
terxiversado en relación con moitos conceptos utilizados polo filósofo alemán. 1: non habería determinismo ou un
proceso teleolóxico que ditara que o capitalismo desembocará necesariamente no
socialismo. 2: a utopía totalitaria
que se anota no debe do comunismo non está en Marx que formulou escasas
instrucións para o porvir.
3: seguen a existir clases sociais e teñen intereses
contrapostos entre si. E a clase social a que se pertence está determinada polo
lugar que se ocupa no sistema de produción capitalista. Non vivimos nun sistema
e tempo no que isto deixase de ser relevante. 4: a clase traballadora non se restrinxe aos homes que traballan en
instalacións industriais; Marx xa se decatou que na súa época as mulleres que
traballaban no servizo doméstico eran o grupo máis numeroso nas filas do
proletariado.
5: o marxismo non é unha obsesión polo económico que
esquece os aspectos espirituais do ser humano, mais é evidente que a economía é
un determinante básico do resto de aspectos sociais e políticos da vida das persoas. Se se deixase levar polos seus desexos Marx teríase dedicado a escribir sobre Balzac, pero consideroun irresponsable e tirouse anos escribindo O capital, un libro non que se centra na economía para tentar diminuír a súa tiranía sobre o individuo. Como dixo o outro, ninguén falou tanto de cartos tendo tan poucos.
6: o estado é necesario, pero nunca será autoritario; será realmente democrático, non coma moitos que se din tal e o son só formalmente. 7: o materialismo auténtico ten en conta o ser humano como especie biolóxica peculiar que é e non unha idealización inexistente dos homes e das mulleres. 8: inda que as reformas poden ser válidas, o sistema chegará a un punto que non cederá máis e aí será o momento da revolución, mais as revolucións non teñen porque ser necesariamente cruentas, e non teñen porque selo porque para pervivir terán que ser produto do respaldo dunha maioría social. En todo caso, todos somos produto dunha revolución. E esa si foi cruenta, con toda certeza. 9: o marxismo mantivo e promoveu case sempre íntimas e frutíferas relacións co feminismo, o ecoloxismo ou as loitas anticoloniais.
6: o estado é necesario, pero nunca será autoritario; será realmente democrático, non coma moitos que se din tal e o son só formalmente. 7: o materialismo auténtico ten en conta o ser humano como especie biolóxica peculiar que é e non unha idealización inexistente dos homes e das mulleres. 8: inda que as reformas poden ser válidas, o sistema chegará a un punto que non cederá máis e aí será o momento da revolución, mais as revolucións non teñen porque ser necesariamente cruentas, e non teñen porque selo porque para pervivir terán que ser produto do respaldo dunha maioría social. En todo caso, todos somos produto dunha revolución. E esa si foi cruenta, con toda certeza. 9: o marxismo mantivo e promoveu case sempre íntimas e frutíferas relacións co feminismo, o ecoloxismo ou as loitas anticoloniais.
Marx non inventou conceptos como ‘clase
social’, ou ‘loita de clases’. Esa non é a súa especificidade, pero si logrou facer
con eles unha síntese harmónica que os utiliza para explicar a dinámica do
sistema que vivimos e facernos ver que “a verdadeira imaxe do futuro é o
fracaso do presente". O capitalismo non estivo na orixe do mundo e polo tanto non ten que ser necesariamente o sistema no que a humanidade estea condenada a vivir xa por sempre, o capitalismo "pode morrer" e ser substituído por algo diferente; peor, pero tamén mellor. Non. Non vivimos o 'final da historia' que se nos anunciou. A historia está inda a suceder.
IV
IV
Martiño de Porres es.wikipedia.org |
Para concluír, Eagleton pon en relación marxismo e cristianismo: un e outro comparten uhha estrutura tráxica; para acadar o obxectivo da liberación colectiva e individual "hai que pasar polo inferno." A traxedia pode acabar de xeito positivo, pero sería nese momento, no momento do triunfo, cando "habería que facerse a pregunta de se a historia, o sufrimento, pagou a pena". Para Schopenhauer, que un chisco de felicidade sirva para redimirnos da nosa longa traxectoria de penuria e sufrimento é un auténtico desatino. Para el sería moito mellor que alguén viñese e pitase o final do partido. E o fixese canto antes.
Si. É certo. Se a boa nova é que triunfaremos, a mala é que para facelo temos que morrer primeiro e temos que facelo dun xeito pleno. Sen tácticas. Non valen as medias tintas. Ese é o prezo da salvación. E iso é, certamente, un prezo que asusta, porque "é necesario mirar aos ollos a medusa do Real". Pero na traxedia, no credo cristián e tamén no socialismo é preciso ter fe nun futuro mellor. Sen fe sempre teremos a nosa actual precariedade. Sen fe non seremos capaces de apostar.
Unha vida humana non da para albiscar
o final de todos acontecementos nos que, se queira ou non, un se ve envolto. Eagleton
puido visitar en Perú os escenarios da vida de Martiño de Porres, alí onde
seica se lle veu levitar. E visita tamén, con frecuencia, a unha daquelas monxas
de clausura que o vía axudando a oficiar cando monago; agora si se poden ver e
compartir, pasado tanto tempo, experiencias comúns vividas desde ópticas
diametralmente opostas.
Algúns círculos vanse pechando e outros permanecen abertos.
Si. O futuro está aberto e inda non sabemos o que conseguiremos facer nel como
especie. Marx albiscou un camiño. E Eagleton prestoulle a súa voz autorizada unha
vez máis en Pontevedra
XOSÉ MANUEL LÓPEZ FERNÁNDEZ
@xindiriz
texto publicado en Sermos Galiza. A fondo. Quinta-feira, 30 de abril de 2014. nº 64
No hay comentarios:
Publicar un comentario