sunkyungoh.wordpress.com |
entre outras cousas, Henri Lefebvre escribiu contra a
apropiación capitalista das cidades, hoxe máis atroz que cando el a denunciara;
contribución esencial neste sentido é a
produción do espazo (1974) e toda a teoría urbana lefevbriana que logra
quitar a careta de asepsia e imparcialidade das tecnoloxías e saberes que xeran
espazos nos que se concretan as relacións de poder e de produción, espazos
destinados a someter, se é necesario mediante a forza, tanto os usos ordinarios
da cidade como a riqueza de códigos que os organizan. Eses espazos son falsos e
falsificadores, inda que se disfracen tras linguaxes técnicos que os queren facer
incuestionables. Son os espazos dos planificadores, dos tecnócratas, da maioría
de urbanistas e arquitectos, dos administradores e administrativos.
tras ese espazo maquetado e monitorizado non hai outra
cousa que mera ideoloxía, no sentido marxista clásico, é dicir, pantasma que
fai fetiche das relacións sociais reais e impide a súa transformación no
futuro. É ou quixera ser espazo dominante, dominar os espazos percibidos e
vividos e dobregalos ao seus intereses. É o espazo do poder, inda que ese poder
apareza como ‘organización do espazo’, un espazo do que se elide ou expulsa
todo o que se lle opón, primeiro pola violencia inherente ás súas iniciativas e
se esta non abonda, mediante a violencia aberta. E todo iso ao servizo da
produción de territorios non so obedientes, senón tamén claros, lexibles,
etiquetados, homoxéneos, seguros …, colocados no mercado a disposición dunhas
clases medias que tamén quixeran ser neutras e soñan con ese universo social
tranquilo, previsible, sen conflitos e sobresaltos que se deseña para elas como
mera ilusión, dado que está condenado a sufrir todo tipo de desmentidos e
desgarros como consecuencia da súa fraxilidade ante os embates desa mesma
realidade social sobre a que pugna inutilmente por impoñerse.
www.archined.nl |
o inimigo rebelde a someter é o que Lefebvre define e
describe como ‘o urbano’. O urbano non é a cidade. A cidade é unha base
material, unha morfoloxía, un dato presente e inmediato, algo que está aí. O
urbano é outra cousa: unha forma específica de organizar e pensar o tempo e o
espazo en xeral que non precisa por forza constituírse como elemento tanxible,
posto que podería existir e existe como mera potencialidade para actos e
confluencias realizados ou virtuais. O urbano é a obra da xente, en vez da imposición
do sistema a esa xente. Un punto cego que escapa da fiscalización de poderes
que non saben que é nin de que está feito. A pesar dos ataques que recibe por
parte de quen vive obsesionado coa súa desactivación, o urbano persiste e
incluso se intensifica, posto que se nutre do mesmo que non deixa de alteralo.
Sen poder impedilo, no seu celme a simultaneidade dos encontros persiste e gaña
en complexidade, constituíndo e reconstituíndo centros, multiplicándose e
intensificándose entre contradicións.
fronte a quen quere facer da cidade en negocio e non
dubida en empregar todo tipo de violencias para conseguilo, o urbano confórmase
en apoteose do valor de uso, isto é do intercambio humano liberado do valor de
cambio. O urbano non é para Lefebvre substancia nin ideal: é máis ben un espazo
– tempo diferencial no que se desprega e podería despregarse a radicalidade
mesma do social, a súa exasperación, posto que é teatro espontáneo de e para o
desexo, tremor permanente, sede da deserción das normalidades e do desacato
antes as presións, marco e momento do lúdico e o imprevisible. Todo o que
noutro momento nos atrevemos a chamar simplemente vida.
deturpación de 'lo urbano como desacato', recensión de Manuel Delgado sobre a produción do espazo (tradución ao galego por facer) - la Production de l'espace (1974), publicada en elpais - babelia o 18 de xaneiro de 2014, páx. 13
No hay comentarios:
Publicar un comentario