13.1.14

arriba e abaixo, ou en que porta petar?

textos deturpados

a.
‘Quen son os de abaixo?’
Pablo Iglesias
(en Público, 08 xullo 2013)

b.
Why Marx Was Right/ Por qué Marx estaba no certo
Terry Eagleton, 2011
capítulo 7, páxs. 170-178; pp. 164-171 (tradución ao castelán)

www.gamerview.com.br
ao parecer, durante moito tempo a clase obreira estivo formada por unha enorme masa de asalariados que traballaban en fábricas e se organizaban en sindicatos e partidos de clase que os representaban; para socialistas, anarquistas e comunistas eran o pobo. Maioritariamente homes do urbano e enfundados en monos de traballo, ‘os obreiros’ estaban chamados a ser o suxeito de avance cara o progreso, artífices da extensión do sufraxio universal e dos dereitos sociais, punta de lanza cara unha sociedade mellor. Pero, como di Jones en Chavs, hoxe a clase traballadora estaría moito máis axeitadamente representada por unha 'repoñedora' mal pagada e a tempo parcial.

o mundo laboral ten mudado e unha consecuencia ten sido o progresivo empobrecemento político e social das clases obrigadas a traballar para vivir: sen demasiadas comodidades e na máis absoluta precariedade ou incluso na pobreza, a maioría xa non se pode identificar co sector específico dos asalariados vinculados á industria; estes inda existen e é conmovedor ver a esquerda máis nostálxica rozar o orgasmo cando os mineiros, por exemplo, defenden os seus postos de traballo e as súas comunidades fronte os antidisturbios. Pero os mineiros, por moito que os admiremos, non son xa os que mellor representan os que debemos traballar para vivir.

os que hoxe están na base da estrutura económica están lonxe de constituír un conxunto homoxéneo e claramente definido: teleoperadoras, parados, empregadas do fogar, camareiros, enfermeiros, traballadores públicos que cobran menos de mil euros, profesores interinos, estudantes que poñen copas en negro para pagar a matrícula, mozos que reparten pizzas, cincuentóns que xamais volverán atopar emprego, emigrantes que traballan no agro, que se prostitúen, que venden dvds ou que coidan vellos, falsos autónomos; tamén quen monta un bar, ou unha cooperativa, ou unha pequena empresa de informática, a muller da froitaría, un agricultor. Eses son ‘os de abaixo’ e só a miopía da esquerda pode insistir en agrupalos a todos baixo a etiqueta de ‘obreiros’ e convidalos a afiliarse aos sindicatos (oxalá puideran) porque nin poden exercer o seu dereito á folga e, sen embargo, son o pobo, son os que pagan impostos (non coma os ricos) e sacan o país (o noso tamén) adiante.

Harvey non toleara antes de afirmar que ‘o proletariado global é máis numeroso que nunca’ (1). Se só os traballadores manuais industriais son os ‘obreiros’, non hai dúbida que o seu número ten diminuído considerablemente. É certo que o emprego industrial ten decrecido a escala mundial, pero incluso cando Gran Bretaña era a fábrica do mundo, os obreiros fabrís eran menos que os empregados no servizo doméstico, braceiros e peóns agrícolas (2). Polo tanto, a tendencia ao decrecemento do emprego manual e ao aumento do intelectual non é ningún fenómeno ‘posmoderno’, remóntase a comezos do século XX.

www.lamarihuana.com
en O capital, ese libro, os traballadores comerciais están ao mesmo nivel que os industriais; o proletariado non equivale só a traballadores ‘produtivos’ (os que producen directamente mercadorías). A clase ‘obreira’ incluiría a todos os que se ben na obriga de vender a súa forza de traballo, malviven baixo disciplinas laborais opresivas e teñen escaso ou nulo control sobre as súas condicións de traballo. Neste sentido, os traballadores non manuais de niveles inferiores temos que incluídos tamén nas súas filas. Hai, pois, unha clase obreira ‘de colo branco’ ademais dunha clase obreira industrial, e nela inclúense moitos traballadores técnicos e de oficina desprovistos de toda autonomía ou autoridade. A clase, lembremos todos os días, non é tanto unha cuestión de propiedade legal abstracta como de capacidade para empregar en proveito propio o poder do que se dispón sobre os demais.

os numerosos entusiastas por anunciar a morte da clase ‘obreira’ subliñan cada vez que poden o crecemento inmenso experimentado polos sectores de servizos, da información e das comunicacións. A transición desde o capitalismo industrial ao ‘tardío’, ou ‘post-industrial’ ten suposto, sen dúbida, cambios notables, pero ningún modificou substancialmente a natureza das relacións de propiedade capitalistas. Ao contrario, esas relacións víronse consolidadas. Paga a pena engadir que o traballo no sector servizos pode ser tan pesado e desagradable como o industrial. Non se pode pensar só nos grandes chefs de cociña ou nas recepcionistas das consultas médicas privadas de alto nivel; tamén están os que traballan nos servizos portuarios, de transporte, de xestión de residuos, postais, hospitalarios, de limpeza e de restauración.

no que se refire á paga, o nivel de control e as condicións de traballo, a distinción entre traballadores industriais e de servizos é cada vez máis inexistente. Quen traballa en centros de atención telefónica está tan explotado como quen extrae carbón na mina. Etiquetas coma ‘servizos’ ou ‘de colo branco’ serven, máis ben, para disimular as inmensas diferenzas existentes entre, por exemplo, os pilotos de liñas aéreas e os bedeis de hospital, ou entre os altos funcionarios públicos e as camareiras de hotel. Townshend acerta ao dicir que ‘categorizar os traballadores manuais de nivel baixo –carentes como están de todo control sobre a súa forza de traballo e sometidos como viven a un réxime de inseguridade laboral e salarios reducidos– entre os ‘non membros’ da clase obreira é algo extremadamente cuestionable’ (3).

a difusión dos sectores técnico e administrativo chegou da man dun esvaemento progresivo das liñas de separación entre clase ‘obreira’ e clase media, habilmente promovido tamén pola ‘ética das aspiracións’ e a ‘sociedade sen clases’, conceptos acuñados e feitos circular desde as ‘factorías’ neoliberais que tiveron a sorte de atopar voceiros políticos tan hábiles como Maggie ou Ronald Reagan nos 80s. As novas tecnoloxías da información teñen suposto a desaparición de moitas ocupacións tradicionais, así como unha redución drástica da estabilidade económica, das estruturas de continuidade e promoción laboral antes establecidas, e da idea mesma de vocación. Sen embargo, un dos efectos de todo iso ten sido a crecente proletarización dos profesionais, unida á nova proletarización de diversas ramas da clase obreira industrial. Como di John Gray, ‘a clase media está redescubrindo a situación de inseguridade económica e desposesión que aflixía ao proletariado do s. XIX’ (4). Moitos dos que serían tradicionalmente etiquetados como clase media baixa (mestres, traballadores sociais, técnicos, periodistas, persoal de administración e oficina de nivel medio) están sendo actualmente obxecto dun intenso proceso de ‘proletarización’ resultante das presións derivadas dunhas disciplinas de xestión cada vez máis estritas. E iso significa que se sintan cada vez máis atraídos pola causa da clase ‘obreira’ propiamente dita en caso de crise política.

evidentemente, para os socialistas sería excelente que tamén os máximos directivos, os administradores e os executivos de empresa se decantaran pola nosa causa. Os marxistas non temos nada en contra de que xuíces, estrelas de rock, magnates dos medios de comunicación e xenerais de división se unan en avalancha ás nosas filas. Non pesa ningunha prohibición expresa sobre eles, sempre e cando mostren estar adecuadamente arrepentidos e se sometan a un prolongado período de penitencia. A Xosé Crespo ou a Amancio Ortega tamén se lles podería conceder algún tipo de afiliación comanditaria e estritamente temporal. O que sucede con eles é que, dado o seu status social e a súa posición material, é máis probable que se identifiquen co sistema actual e fagan todo o posible porque permaneza inalterable. Se, a pesar diso, e por algunha curiosa razón, fose a deseñadores de moda ou alcaldes do PP ‘vitalicios’ en vez de a empregados de correo (por poñer un caso) a quen interesara de verdade por fin a ese sistema, entón os marxistas centrariamos a nosa atención política nos mencionados colectivos e nos oporiamos con firmeza á progresión dos traballadores postais.

a situación, pois, non é nin moito menos tan clara (ou si) como din os que defenden a ‘morte do obreiro’. Nas capas máis altas da sociedade están ‘os de arriba’, a clase dominante ou dirixente: aristócratas, xuíces, avogados e cregos de alto nivel; grandes baróns de medios de comunicación; mandos militares de rango elevado; analistas e comentaristas con gran presenza nos medios; políticos, policías e funcionarios de importancia; catedráticos de universidade (algúns politicamente renegados); grandes terratenentes, banqueiros, accionistas e industriais; directores xerentes de empresa; directores de escolas públicas, … A maioría desas persoas non son capitalistas en si, pero actúan (inda que indirectamente) como ‘axentes do capital’. O feito de que vivan ou non do capital, de rendas ou de ingresos salariais non ten importancia algunha nese sentido. Non todos os que gañan un soldo ou un salario pertencen á clase ‘obreira’. Pensemos, se non, en Iker Casillas. Por debaixo deles está un estrato de directivos intermedios, científicos, administradores, burócratas e outras figuras parecidas; e por debaixo destes sitúase á súa vez todo un abano de ocupacións típicas da clase media baixa, como mestres, traballadores sociais e directivos de baixo nivel. Podemos considerar, entón, que a clase obreira propiamente dita abarca tanto traballadores manuais como niveis inferiores dos traballadores intelectuais (oficinistas, técnicos, administrativos, empregados de servizo e restauración, …). E aí está incluída una proporción inmensa da poboación mundial: o tamaño estimado para a clase ‘obreira’ global estaría entre dous ou tres mil millóns de persoas, aos que hai que engadir outros tantos individuos sometidos a unha lóxica económica moi semellante (5). A clase obreira semella ter tido moito menos éxito á hora de desaparecer que algún director de banco que vendeu ‘preferentes’.

noticias.zonaprop.com.mx
tampouco debemos esquecer a poboación en infravivendas de barrios marxinais en moitas mega-urbes que crece a un ritmo extraordinariamente veloz. Se non supoñen xa unha maioría da poboación urbana mundial, non tardarán en facelo. Eses homes e mulleres non se sitúan completamente fóra do proceso produtivo; entran e saen del constantemente, á deriva das circunstancias, realizando servizos informais mal pagados, pouco cualificados e moi escasamente protexidos, sen contratos, dereitos, regulación nin poder negociador. Dedícanse á venda ambulante, pequenos timos e estafas, talleres téxtiles, venda de comida e bebida, prostitución, traballo infantil, servizo doméstico ou actividade emprendedora autónoma de pouca monta. Marx mesmo diferenza entre distintas capas de desempregados, e o que di acerca do parado ‘flotante’ ou traballador ocasional da súa propia época –para el un membro máis da clase obreira– parécese moito á situación que viven hoxe moitos dos habitantes das barriadas marxinais. Os que non son explotados de maneira sistemática están sometidos a unha evidente opresión económica. Por unha banda, son presa doada para os movementos relixiosos, populistas e fascistoides de dereitas, pero, polo outro, tamén son capaces de articular algúns actos de resistencia política certamente impresionantes. En América Latina, esa economía ‘en negro’ emprega actualmente a máis da metade da poboación activa, un proletariado informal que ten mostrado ter gran capacidade de organización política. Se algún día se sublevaran contra as súas condicións, lograrían sacudir todo o sistema capitalista mundial ata os seus cimentos. Como no caso do proletariado clásico, existen como colectivo, comparten o maior interese posible en por punto e final ao actual orden mundial, e non teñen nada que perder, salvo as súas cadeas (6).

tense esaxerado moito, pois, a suposta desaparición da clase obreira. Hai quen fala dun xiro dos círculos radicais cara a raza, o xénero e o poscolonialismo que os ten levado a abandonar a clase como factor de mobilización. Pero só aqueles para quen a clase se reduce a unha cuestión de propietarios de fábricas ataviados con levita e de obreiros enfundados nos seus monos de traballo se adheriría a unha idea tan simplista. Convencidos de que a clase está tan morta como a guerra fría, recorren en vez dela á cultura, a identidade, a etnia e a sexualidade. No mundo actual, sen embargo, estes factores están tan entrelazados coa clase social como sempre o teñen estado.

para facer política de esquerda, polo tanto, percibo dous tipos de público ben diferenciados. Por unha banda, a xente de esquerdas de toda a vida, máis ou menos militante, pero ‘formada’ politicamente: algúns arden por discutir cos periodistas da ‘dereita’ nos grandes medios, outros consideran que non ten sentido rebaixarse a tal; uns gozan escoitando argumentos de esquerdas e outros botan de menos que non se propoña en prime time a instauración dun sistema socialista (realmente existente), ou que non se explique o que é a plusvalía segundo a teoría do valor – traballo.

pero hai outro público, inmensamente máis abondoso, ao que as organizacións de ‘esquerda’ temo que inda teñen moi pouco acceso; quizás tamén porque o subestiman. A estes outros colectivos impórtalles nada o politicamente correcto ou a linguaxe non sexista, saúdante cun ‘ole os teus collóns’ e danche unha aperta cando cren que fixeches algo (bo ou malo); escriben ‘cartas ao director’ contando as historias dos seus fillos, que se teñen quedado sen bolsa de estudos, ou dos seus pais, xa demasiado maiores; está o taxista que che conta que en decembro o taxi doulle só 400€ metendo doce horas ao día; o tipo que tuitea que Revilla e Pablo Iglesias farían un bo tándem (como o oes); o alumno ‘friki’ (gústanlle os faladoiros televisivos) que se incomoda cando escoita dicir a Alfonso Rojo que unha matrícula universitaria costa catro cañas; o do taller, que mentres me sube e me baixa de facerlle a revisión ao coche bota sapos pola boca contra ‘os de sempre’; a moderadora do último debate que me rosma antes de comezar ‘pápate a ese p***o’; a traballadora das autopistas que me cobra o ‘imposto revolucionario’ pero tamén me di que “iso que fixestes contra a incineradora estivo moi ben” … E así un longo anecdotario.

son estes os colectivos, as portas nas que hai que petar para derrotar a parálise? Non sei, pero eles son ‘os de abaixo’, os nosos.

1/ Panitch & Leys, eds., The Socialist Register, 1998, p. 68

2/ Callinicos & Harman, The Changing Working Class, 1987; German, A Question of Class, 1996; Harman, “The Workers of the World,” International Socialism, 2002

3/ Townshend, The Politics of Marxism, 1996

4/ Gray, False Dawn: The Delusions of Global Capitalism, 2002

5/ Harman, “The Workers of the World”; e o argumento contrario: Cohen, If You’re an Egalitarian, How Come You’re So Rich?, 2000 - Anderson, New Left Review, novembro – decembro 2007

6/ Zizek, In Defense of Lost Causes, 2008; & Davis, Planet of Slums, 2006

1 comentario:

O señor de Branco dijo...

O termo "proletariado",estando obsoleto na súa acepción orixinaria, penso que mantén o espírito do que é hoxe un grupo de xentes que por distintos motivos(falta de posibilidades, medo, ataduras pasadas a un sistema que os precariza e falta de vontade política) non pasa a acción. Ben porque ninguén os convence ou porque están alienados por un conxunto de elementos que nin eles nin outros nos ensinaron a prever.

Tamén creo que esquece un poder moi importante nestes tempos, como é o control da información( as redes sociais: ese invento saído da cabeza dun líder posmoderno que impacta contra a protesta e frea o avance).

Un grupo unido,comprometido,consciente,crítico e humanista necesita de vontade, desexo de facer un cambio e iso non se ve nestes tempos.


visitantes