textos deturpados
a.
‘Quen
son os de abaixo?’
Pablo
Iglesias
(en
Público, 08 xullo 2013)
b.
Why
Marx Was Right/ Por qué Marx estaba no certo
Terry Eagleton, 2011
capítulo 7, páxs. 170-178; pp. 164-171 (tradución ao
castelán)
|
www.gamerview.com.br |
ao parecer, durante
moito tempo a clase obreira estivo formada por unha enorme masa de asalariados
que traballaban en fábricas e se organizaban en sindicatos e partidos de clase que
os representaban; para socialistas, anarquistas e comunistas eran o pobo. Maioritariamente
homes do urbano e enfundados en monos de traballo, ‘os obreiros’ estaban
chamados a ser o suxeito de avance cara o progreso, artífices da extensión do
sufraxio universal e dos dereitos sociais, punta de lanza cara unha sociedade
mellor. Pero, como di Jones en Chavs, hoxe a clase traballadora estaría
moito máis axeitadamente representada por unha 'repoñedora' mal pagada e a tempo
parcial.
o mundo laboral ten
mudado e unha consecuencia ten sido o progresivo empobrecemento político e
social das clases obrigadas a traballar para vivir: sen demasiadas comodidades
e na máis absoluta precariedade ou incluso na pobreza, a maioría xa non se pode
identificar co sector específico dos asalariados vinculados á industria; estes
inda existen e é conmovedor ver a esquerda máis nostálxica rozar o orgasmo
cando os mineiros, por exemplo, defenden os seus postos de traballo e as súas
comunidades fronte os antidisturbios. Pero os mineiros, por moito que os
admiremos, non son xa os que mellor representan os que debemos traballar para
vivir.
os que hoxe están
na base da estrutura económica están lonxe de constituír un conxunto homoxéneo
e claramente definido: teleoperadoras, parados, empregadas do fogar, camareiros,
enfermeiros, traballadores públicos que cobran menos de mil euros, profesores
interinos, estudantes que poñen copas en negro para pagar a matrícula, mozos
que reparten pizzas, cincuentóns que xamais volverán atopar emprego, emigrantes
que traballan no agro, que se prostitúen, que venden dvds ou que coidan vellos, falsos autónomos; tamén quen monta un
bar, ou unha cooperativa, ou unha pequena empresa de informática, a muller da
froitaría, un agricultor. Eses son ‘os de abaixo’ e só a miopía da esquerda
pode insistir en agrupalos a todos baixo a etiqueta de ‘obreiros’ e convidalos
a afiliarse aos sindicatos (oxalá puideran) porque nin poden exercer o seu
dereito á folga e, sen embargo, son o pobo, son os que pagan impostos (non coma
os ricos) e sacan o país (o noso tamén) adiante.
Harvey non toleara antes
de afirmar que ‘o proletariado global é máis numeroso que nunca’ (1). Se só os
traballadores manuais industriais son os ‘obreiros’, non hai dúbida que o seu
número ten diminuído considerablemente. É certo que o emprego industrial ten
decrecido a escala mundial, pero incluso cando Gran Bretaña era a fábrica do
mundo, os obreiros fabrís eran menos que os empregados no servizo doméstico, braceiros
e peóns agrícolas (2). Polo tanto, a tendencia ao decrecemento do emprego
manual e ao aumento do intelectual non é ningún fenómeno ‘posmoderno’, remóntase
a comezos do século XX.
|
www.lamarihuana.com |
en O capital, ese libro, os traballadores
comerciais están ao mesmo nivel que os industriais; o proletariado non equivale
só a traballadores ‘produtivos’ (os que producen directamente mercadorías). A
clase ‘obreira’ incluiría a todos os que se ben na obriga de vender a súa forza
de traballo, malviven baixo disciplinas laborais opresivas e teñen escaso ou
nulo control sobre as súas condicións de traballo. Neste sentido, os
traballadores non manuais de niveles inferiores temos que incluídos tamén nas
súas filas. Hai, pois, unha clase obreira ‘de colo branco’ ademais dunha clase
obreira industrial, e nela inclúense moitos traballadores técnicos e de oficina
desprovistos de toda autonomía ou autoridade. A clase, lembremos todos os días,
non é tanto unha cuestión de propiedade legal abstracta como de capacidade para
empregar en proveito propio o poder do que se dispón sobre os demais.
os numerosos entusiastas
por anunciar a morte da clase ‘obreira’ subliñan cada vez que poden o
crecemento inmenso experimentado polos sectores de servizos, da información e
das comunicacións. A transición desde o capitalismo industrial ao ‘tardío’, ou ‘post-industrial’
ten suposto, sen dúbida, cambios notables, pero ningún modificou substancialmente
a natureza das relacións de propiedade capitalistas. Ao contrario, esas
relacións víronse consolidadas. Paga a pena engadir que o traballo no sector
servizos pode ser tan pesado e desagradable como o industrial. Non se pode
pensar só nos grandes chefs de cociña
ou nas recepcionistas das consultas médicas privadas de alto nivel; tamén están
os que traballan nos servizos portuarios, de transporte, de xestión de
residuos, postais, hospitalarios, de limpeza e de restauración.
no que se refire á
paga, o nivel de control e as condicións de traballo, a distinción entre
traballadores industriais e de servizos é cada vez máis inexistente. Quen
traballa en centros de atención telefónica está tan explotado como quen extrae
carbón na mina. Etiquetas coma ‘servizos’ ou ‘de colo branco’ serven, máis ben,
para disimular as inmensas diferenzas existentes entre, por exemplo, os pilotos
de liñas aéreas e os bedeis de hospital, ou entre os altos funcionarios públicos
e as camareiras de hotel. Townshend acerta ao dicir que ‘categorizar os
traballadores manuais de nivel baixo –carentes como están de todo control sobre
a súa forza de traballo e sometidos como viven a un réxime de inseguridade
laboral e salarios reducidos– entre os ‘non membros’ da clase obreira é algo extremadamente
cuestionable’ (3).
a difusión dos
sectores técnico e administrativo chegou da man dun esvaemento progresivo das
liñas de separación entre clase ‘obreira’ e clase media, habilmente promovido tamén
pola ‘ética das aspiracións’ e a ‘sociedade sen clases’, conceptos acuñados e
feitos circular desde as ‘factorías’ neoliberais que tiveron a sorte de atopar
voceiros políticos tan hábiles como Maggie
ou Ronald Reagan nos 80s. As novas tecnoloxías da información teñen suposto a
desaparición de moitas ocupacións tradicionais, así como unha redución drástica
da estabilidade económica, das estruturas de continuidade e promoción laboral
antes establecidas, e da idea mesma de vocación. Sen embargo, un dos efectos de
todo iso ten sido a crecente proletarización dos profesionais, unida á nova proletarización
de diversas ramas da clase obreira industrial. Como di John Gray, ‘a clase
media está redescubrindo a situación de inseguridade económica e desposesión que
aflixía ao proletariado do s. XIX’ (4). Moitos dos que serían tradicionalmente
etiquetados como clase media baixa (mestres, traballadores sociais, técnicos,
periodistas, persoal de administración e oficina de nivel medio) están sendo
actualmente obxecto dun intenso proceso de ‘proletarización’ resultante das
presións derivadas dunhas disciplinas de xestión cada vez máis estritas. E iso
significa que se sintan cada vez máis atraídos pola causa da clase ‘obreira’
propiamente dita en caso de crise política.
evidentemente, para
os socialistas sería excelente que tamén os máximos directivos, os
administradores e os executivos de empresa se decantaran pola nosa causa. Os
marxistas non temos nada en contra de que xuíces, estrelas de rock, magnates
dos medios de comunicación e xenerais de división se unan en avalancha ás nosas
filas. Non pesa ningunha prohibición expresa sobre eles, sempre e cando mostren
estar adecuadamente arrepentidos e se sometan a un prolongado período de
penitencia. A Xosé Crespo ou a Amancio Ortega tamén se lles podería conceder
algún tipo de afiliación comanditaria e estritamente temporal. O que sucede con
eles é que, dado o seu status social e a súa posición material, é máis probable
que se identifiquen co sistema actual e fagan todo o posible porque permaneza
inalterable. Se, a pesar diso, e por algunha curiosa razón, fose a deseñadores
de moda ou alcaldes do PP ‘vitalicios’ en vez de a empregados de correo (por
poñer un caso) a quen interesara de verdade por fin a ese sistema, entón os marxistas
centrariamos a nosa atención política nos mencionados colectivos e nos oporiamos
con firmeza á progresión dos traballadores postais.
a situación, pois,
non é nin moito menos tan clara (ou si) como din os que defenden a ‘morte do
obreiro’. Nas capas máis altas da sociedade están ‘os de arriba’, a clase
dominante ou dirixente: aristócratas, xuíces, avogados e cregos de alto nivel;
grandes baróns de medios de comunicación; mandos militares de rango elevado;
analistas e comentaristas con gran presenza nos medios; políticos, policías e
funcionarios de importancia; catedráticos de universidade (algúns politicamente
renegados); grandes terratenentes, banqueiros, accionistas e industriais;
directores xerentes de empresa; directores de escolas públicas, … A maioría
desas persoas non son capitalistas en si, pero actúan (inda que indirectamente)
como ‘axentes do capital’. O feito de que vivan ou non do capital, de rendas ou
de ingresos salariais non ten importancia algunha nese sentido. Non todos os
que gañan un soldo ou un salario pertencen á clase ‘obreira’. Pensemos, se non,
en Iker Casillas. Por debaixo deles está un estrato de directivos intermedios,
científicos, administradores, burócratas e outras figuras parecidas; e por
debaixo destes sitúase á súa vez todo un abano de ocupacións típicas da clase
media baixa, como mestres, traballadores sociais e directivos de baixo nivel.
Podemos considerar, entón, que a clase obreira propiamente dita abarca tanto
traballadores manuais como niveis inferiores dos traballadores intelectuais
(oficinistas, técnicos, administrativos, empregados de servizo e restauración,
…). E aí está incluída una proporción inmensa da poboación mundial: o tamaño
estimado para a clase ‘obreira’ global estaría entre dous ou tres mil millóns
de persoas, aos que hai que engadir outros tantos individuos sometidos a unha
lóxica económica moi semellante (5). A clase obreira semella ter tido moito
menos éxito á hora de desaparecer que algún director de banco que vendeu
‘preferentes’.
|
noticias.zonaprop.com.mx |
tampouco debemos
esquecer a poboación en infravivendas de barrios marxinais en moitas mega-urbes
que crece a un ritmo extraordinariamente veloz. Se non supoñen xa unha maioría
da poboación urbana mundial, non tardarán en facelo. Eses homes e mulleres non
se sitúan completamente fóra do proceso produtivo; entran e saen del constantemente,
á deriva das circunstancias, realizando servizos informais mal pagados, pouco
cualificados e moi escasamente protexidos, sen contratos, dereitos, regulación
nin poder negociador. Dedícanse á venda ambulante, pequenos timos e estafas,
talleres téxtiles, venda de comida e bebida, prostitución, traballo infantil,
servizo doméstico ou actividade emprendedora autónoma de pouca monta. Marx mesmo
diferenza entre distintas capas de desempregados, e o que di acerca do parado
‘flotante’ ou traballador ocasional da súa propia época –para el un membro máis
da clase obreira– parécese moito á situación que viven hoxe moitos dos
habitantes das barriadas marxinais. Os que non son explotados de maneira sistemática
están sometidos a unha evidente opresión económica. Por unha banda, son presa
doada para os movementos relixiosos, populistas e fascistoides de dereitas,
pero, polo outro, tamén son capaces de articular algúns actos de resistencia
política certamente impresionantes. En América Latina, esa economía ‘en negro’
emprega actualmente a máis da metade da poboación activa, un proletariado
informal que ten mostrado ter gran capacidade de organización política. Se algún
día se sublevaran contra as súas condicións, lograrían sacudir todo o sistema
capitalista mundial ata os seus cimentos. Como no caso do proletariado clásico,
existen como colectivo, comparten o maior interese posible en por punto e final
ao actual orden mundial, e non teñen nada que perder, salvo as súas cadeas (6).
tense esaxerado
moito, pois, a suposta desaparición da clase obreira. Hai quen fala dun xiro
dos círculos radicais cara a raza, o xénero e o poscolonialismo que os ten
levado a abandonar a clase como factor de mobilización. Pero só aqueles para
quen a clase se reduce a unha cuestión de propietarios de fábricas ataviados
con levita e de obreiros enfundados nos seus monos de traballo se adheriría a
unha idea tan simplista. Convencidos de que a clase está tan morta como a
guerra fría, recorren en vez dela á cultura, a identidade, a etnia e a
sexualidade. No mundo actual, sen embargo, estes factores están tan entrelazados
coa clase social como sempre o teñen estado.
para facer política
de esquerda, polo tanto, percibo dous tipos de público ben diferenciados. Por
unha banda, a xente de esquerdas de toda a vida, máis ou menos militante, pero
‘formada’ politicamente: algúns arden por discutir cos periodistas da ‘dereita’
nos grandes medios, outros consideran que non ten sentido rebaixarse a tal; uns
gozan escoitando argumentos de esquerdas e outros botan de menos que non se
propoña en prime time a instauración
dun sistema socialista (realmente existente), ou que non se explique o que é a
plusvalía segundo a teoría do valor – traballo.
pero hai outro
público, inmensamente máis abondoso, ao que as organizacións de ‘esquerda’ temo
que inda teñen moi pouco acceso; quizás tamén porque o subestiman. A estes
outros colectivos impórtalles nada o politicamente correcto ou a linguaxe non
sexista, saúdante cun ‘ole os teus collóns’ e danche unha aperta cando cren que
fixeches algo (bo ou malo); escriben ‘cartas ao director’ contando as historias
dos seus fillos, que se teñen quedado sen bolsa de estudos, ou dos seus pais,
xa demasiado maiores; está o taxista que che conta que en decembro o taxi
doulle só 400€ metendo doce horas ao día; o tipo que tuitea que Revilla e Pablo Iglesias farían un bo tándem (como o oes);
o alumno ‘friki’ (gústanlle os faladoiros televisivos) que se incomoda cando
escoita dicir a Alfonso Rojo que unha matrícula universitaria costa catro
cañas; o do taller, que mentres me sube e me baixa de facerlle a revisión ao
coche bota sapos pola boca contra ‘os de sempre’; a moderadora do último debate
que me rosma antes de comezar ‘pápate a ese p***o’; a traballadora das
autopistas que me cobra o ‘imposto revolucionario’ pero tamén me di que “iso
que fixestes contra a incineradora estivo moi ben” … E así un longo anecdotario.
son estes os colectivos,
as portas nas que hai que petar para derrotar a parálise? Non sei, pero eles
son ‘os de abaixo’, os nosos.
1/
Panitch & Leys, eds., The Socialist
Register, 1998, p. 68
2/
Callinicos & Harman, The Changing
Working Class, 1987; German, A
Question of Class, 1996; Harman, “The Workers of the World,” International Socialism, 2002
3/
Townshend, The Politics of Marxism,
1996
4/
Gray, False Dawn: The Delusions of Global
Capitalism, 2002
5/
Harman, “The Workers of the World”; e o argumento contrario: Cohen, If You’re
an Egalitarian, How Come You’re So Rich?, 2000 - Anderson, New Left Review, novembro – decembro 2007
6/ Zizek, In Defense of Lost Causes, 2008; & Davis, Planet of Slums, 2006