12.10.18

esperanza sen optimismo (2015)

capa da versión orixinal da obra
tirada de goodreads
a linguaxe, imprecisa, permítenos esperar tanto 'comer un anaco dese pastel de chocolate' como esperar 'que as inxustizas sexan corrixidas'. o primeiro ten que ver máis co desexo ou as apetencias, mentres o segundo cos lamentos que a Biblia asocia co Espírito Santo. é con isto último que trata esperanza sen optimismo, un percorrido polo complicado terreo da esperanza que evita, reiteradamente, propor unha teoría definitiva sobre o asunto.

un dos dilemas centrais da experiencia humana na actualidade é como podemos conservar a esperanza en vista da amplitude da catástrofe: o imparábel crecemento da desigualdade económica, o racismo e a xenofobia detrás do Brexit e o éxito de Donald Trump. o libro rexeita tanto optimismo (loxicamente absurdo) como pesimismo (inherentemente derrotista), e defende a esperanza.

e que espera o propio Eagleton? nom resolve a cuestión porque como Marx, rexeita a metafísica especulativa. ademais, é unha postura útil que lle permite articular a visión cristiá con máis precisións que moitos escritores cristiáns. a esperanza pode ser un principio político.

cap.1, a banalidade do optimismo. Eagleton arremete contra a fe na inevitabilidade do progreso humano, a miúdo asociado ao humanismo ateo contemporáneo:

'o progreso viría sendo algo tan irresistíbel como a artrite. estamos tan indefensos ante o seu avance como un teixugo diante dunha máquina escavadora'.

Eagleton diferencia entre esperanza e simple optimismo, ledicia, desexo, idealismo ou adhesión á doutrina do Progreso, facendo fincapé nunha posición que require reflexión e compromiso, procedente dunha racionalidade perspicaz, que pode cultivarse coa práctica e a auto-disciplina, e que recoñece mais rexeita capitular ante as realidades do erro e a derrota. a auténtica esperanza é, sen dubidalo, tráxica, mais Eagleton tamén defende as implicacións radicais que ten, como

'unha especie de revolución permanente, que ten como inimigo tanto a complacencia política como o desespero metafísico'.

a esperanza, para Eagleton, está intimamente asociada á visión tráxica da vida humana, onde a destrución corre parella aos avances, e os horrores veñen da man das alegrías. neste marco, a esperanza é o que permanece cando todo o resto do humano ten sido cencenado. é por iso que a esperanza é unha virtude, nos fundamentos do cristianismo. a esperanza é como a fe: chama a abandonarse, a comprometerse co que está fóra do propio control.

'o Abraham que lle pon un coitelo na gorxa ao seu fillo alberga esperanza'.

dito doutro xeito, a esperanza é un compromiso cunha visión do ben que transcende calquera habilidade de facerse con ese ben. mais isto nom supón pechar os ollos ante a anguria ou o terror.

o optimista ten unha predisposición conxénita a crer que as cousas só poden mellorar:

'a esperanza auténtica, pola contra, necesita estar alicerzada en razóns'.

Eagleton tamén rexeita o pesimismo, porque optimismo e pesimismo serían un xeito de racionalización e nom que unha lente na que se poida confiar para ver a realidade: reflicten o temperamento que un ten e nom un discernimento real. son as dúas caras dunha mesma moeda irracional porque se apoian en crenzas inxustificábeis.

ademais, ser optimista é ser conservador, xa que se tes fe no esencial da organización social e confías que todo se desenvolverá dun xeito positivo, esa fe, de facto, impide a crítica da natureza inherente á nosa actual organización social e política.

o optimismo é unha ideoloxía conservadora porque a súa 'fe nun futuro benigno' baséase na 'solvencia esencial do presente'. isto é a razón pola que os gobernantes e tiranos insisten nel como un profiláctico contra a desafección.

debe haber razóns para ter esperanza, propón Eagleton. de nom ser así a esperanza nom sería a virtude da que falamos. mais nom hai nada ineluctábel sobre a esperanza: se o resultado estivera asegurado, a esperanza nom sería esperanza, sería simple e mera expectativa.

cap.2, que é a esperanza? é unha emoción? en que defire do desexo? fai un fetiche do futuro?. Eagleton nom intenta responder á pregunta; en vez diso, explora como o propio feito de falar de esperanza se atropella, positiva e negativamente, con expresións de desexo, emoción, decisión, fe, e amor.

a esperanza é unha das moitas cousas que escapou da caixa de Pandora. é beizón ou maldición? para Aquino a esperanza é beizón, unha virtude teologal derivada da fe e a caridade. pola contra, TS Eliot, de xeito cristián, advirte contra a esperanza:

'espera sen esperanza, pois a esperanza sería esperanza pola cousa errada'.

nom só pode estar mal enfocada a esperanza; pode ser pura ilusión.

desde Aristóteles a Badiou, Eagleton pretende diferenciar entre formas 'moralmente sospeitosas' de optimismo e esperanza - 'a parente pobre das virtudes teologais'; por exemplo, crítica de maneira incisiva o optimista racional: como evoluciona a prosperidade de Matt Ridley.

Riddley (ex-presidente de Northern Rock, filósofo, científico e pontificador nos seus momentos libres) é incapaz de ver que o capitalismo é nom máis que un xeito específico de organizar a economía: 'axudar a que outros consuman' é un espléndido eufemismo co que describir multinacionais como Exxon ou Microsoft: 'é como se un tivese a obriga de ver como un ladrón se leva o teu coche'. Riddley nom cuestiona o actual status quo, senón que aprecia precedentes e xustificacións para o mesmo ao longo de toda a historia. para el, todo o bo da humanidade figura no haber das relacións socio-económicas do presente.

Eagleton tamén arremete contra a bioloxía da esperanza de Lionel Tiger precisamente porque trabuca a esperanza cunha caste de temperamento. a esperanza nom é un estado de ánimo, ou incluso unha condición biolóxica; é unha perspectiva moral sobre a vida. o valium pode ser a píldora do optimismo, mais nom produce esperanza.

Eagleton é máis que un explorador lingüístico trazando os diversos tropos da esperanza; é tamén (máis ou menos) un marxista preocupado polo curso da historia política e o destino último da humanidade. o optimismo, cre, nom so é banal; pode ser incluso perigoso. suxestiona que nos Estados Unidos o optimismo é a 'ideoloxía estatal' e explica a irracionalidade da súa política, tanto exterior como interior. ao contrario que a ledicia forzada do entusiasmo americano, o cristianismo e o marxismo -as dúas grandes visións do mundo de Eagleton- rexeitan o optimismo. a pesar de profetizar un Reino de Deus futuro e positivo ou unha sociedade sen clases, nom existe un camiño directo e doado desde o mundo actual ao final feliz. no cristianismo, a salvación irrumpe impredecibelmente e pasa pola Cruz.

se a dereita relega a esperanza a algo baladí e a esquerda recela dela porque podería obstruír a construción da Utopía ao confiscar as súas enerxías, Eagleton ve na esperanza un potencial emancipador sempre a cando se basee na razón.

porque a esperanza está a miúdo relacionada coas nosas concepcións do que pode ser o futuro, dada a natureza das capacidades humanas, a miúdo adormecidas. isto nom sempre é o caso co desexo, que pode ser embelesado por un obxecto completamente incalcanzábel (por exemplo, regresar á seguridade do útero materno). así, mentres o desexo vive sen restriccións nos dominios do posíbel e o imposíbel, a esperanza está limitada, e sempre aspira, ao posíbel. isto posíbel ven a ser cambiar a organización social e os asuntos humanos; a diferenza tamén do desexo, que, a miúdo, mais nom sempre, se basea en obxectos.

cap.3, o filósofo da esperanza. a pesar que Ernst Bloch xa nom é referencia frecuente nin popular nos círculos marxistas, merece un capítulo do libro, moi crítico, sen embargo, co seu concepto de esperanza.

para a maioría da esquerda contemplar a posibilidade do fracaso equivale á 'traizón espiritual', as derrotas son un simple atranco de pouca importancia no camiño cara a utopía. e isto, para Eagleton, é un dos seus maiores erros. o erro máis grave de Bloch, compartido na esquerda, é nom cuestionarse …

'que sucedería se errásemos?'

contradicindo ao postmodernismo, Eagleton defende que sentir esperanza ante todos os acontecementos devastadores é pernicioso, xa que nos impide recoñecer o que é verdadeiramente desagradábel en si mesmo. nom hai nada malo en considerar, por exemplo, pernicioso o Holocausto, punto.

por conseguinte, mirar o lado positivo das cousas pode a miúdo ser unha maneira de xulgar positivamente algo puramente odioso. e, á inversa, ver o lado bo das cousas en todo impídenos venerar aqueles raros acontecementos que som verdadeiramente positivos. se somos utópicos esperanzados, como Bloch, desperdiciamos xulgar adecuadamente acontecementos importantes e únicos.

o principio da esperanza sería unha especie de teodicea nom-marxista, mais tamén nom-cristiana, ou como crer que o ben pode xurdir do mal. e é aquí, nunha combinación afirmativa de ambas tradicións, que obtemos un sentido máis claro da súa percepción da esperanza:

'a resurrección é esperanzadora precisamente porque o que redime é a agonía e a desolación da cruz'.

Bloch é un estrano filósofo marxista interesado en dialéctica da natureza, de Engels, porque cre que a esperanza está completamente integrada na propia natureza. Eagleton denomínaa 'materialismo místico'. a natureza, no seu decurso constantemente cambiante, logra constantes progresos. Eagleton di que tal punto de vista en realidade devalúa a esperanza. se o progreso está inscrito no código do cosmos, nom hai necesidade de que o individuo 'exercite' a esperanza.

a noción de Bloch de esperanza-na-natureza explica 'a obesidade conceptual' dunha obra que o aborda todo: desde o simbolismo pitagórico dos números ata o fascismo moderno, para fundilo todo na expresión da esperanza como esencia.

Eagleton fai unha comparación reveladora entre Freud e Bloch. ambos defenden que o obxecto fundamental da esperanza é diferente do que semella: para Freud o que realmente desexamos está no pasado; para Bloch está no futuro remoto. segundo Bloch, incluso o fascismo é unha expresión (perigosa) de esperanza fundamental para a visión marxista. hai ecos claros da afirmación de Agostiño de que -saibámolo ou nom- o verdadeiro obxectivo dos nosos desexos presentes é Deus. de aquí a conclusión de Eagleton que Bloch

'está na busca dunha forma de marxismo que rivalizaría coa fondura e alcance da relixión'.

imaxe tirada de 'kaosenlared'
para Eagleton, o cristianismo é materialista no sentido en que desexamos xustiza. de feito, o Antigo Testamento é unha longa súplica de xustiza a Deus para os indefensos, os pobres, orfos, viúvas e impedidos. ten menos que ver coa noción dos nosos espíritos pervivindo nalgunha especie de forma imprecisa.

a doutrina cristiá tradicional fala da resurrección do corpo porque a identidade dos seres humanos está unida aos nosos corpos. sentimos cousas, nom as pensamos e xa está, como o indica o feito de que os cristiáns deben amar coas vísceras e nom só coa mente. o argumento de Eagleton é que mentres que Bloch enfatiza nun concepto vago do espírito humano que sigue a vivir, o cristianimo busca unha anovación máis concreta, unha perfección do Reino de Deus xa iniciada por Xesús que da casa a quen nom a ten, visita presos e da de beber aos sedentos.

cap.4, esperanza contra toda esperanza. o revolucionario esperanzado sempre encara o paradoxo de que loita por algo radicalmente novo, mais debe usar o presente como inspiración para o cambio. e que debe facer o revolucionario cando o presente é unha chuvia de derrotas constantes?

alén da simple esperanza de que mañá teñamos bo tempo, existe a 'esperanza radical': o mandato de Shelley de

'esperar ata que a Esperanza faga
do seu naufraxio aquelo que contempla'.

e a traxedia é o exemplo por antonomasia desta esperanza radical. que esperanza podería quedar cando o vello Lear aparece berrando con Cordelia, morta, nos brazos: 'ouveade, ouveade, ouveade, ouveade!'? e a continuación Kent faise eco da consternación dos presentes: 'é este o fin prometido?'. para Eagleton é acaído, a morte dos personaxes principais nom ...

'mina a integridade da poesía que lles da voz ... a mesma mestría da obra está en cuestión por causa dun desencanto demasiado doado'.

Eagleton reitera un argumento marxista básico:

'se a transformación radical é un concepto difícil de aprehender, é porque demanda previsión e lucidez, precisión e cálculo, mais todo no nome dun fin que é necesariamente opaco. proxectar o futuro é inevitabelmente aproveitar a experiencia do presente, para así superar o que xa coñecemos'.

Eagleton acude á traxedia precisamente porque é algo máis avasallador que o pesimismo, algo que sacode o tecido do noso ser, pois nela presenciamos algo preciado que está a ser destruído. e se inda o consideramos algo moi valioso, entón inda temos algún lugar de onde obter forza, algún valor polo que seguir loitando.

a esquerda precisa recoñecer que todas as derrotas que afronta constantemente, que fan que se retire de xeito momentáneo con horror, implican que se somos negativos, é porque hai algo positivo ao que todavía nos aferramos. nunca loitar e, así, nunca fracasar, implica compromiso cero e, polo tanto, esperanza cero. pero tentalo e fracasar revela que queda algunha esperanza no espírito humán. nom podemos ter certeza de ter perdido completamente a loita ata que deixamos de tentalo.

o mundo nom ofrece moitas razóns para a esperanza. certamente a tecnoloxía ten mellorado as nosas vidas, mais hai moitas aspectos e facetas da nosa vida onde ten feito pouca diferenza ante a inxustiza, inda exacerbándoa.

Jürgen Moltmann defende que a perspectiva cristiá sobre a esperanza comeza desde a idea de que a orde natural do mundo é inxusta. se Bloch é o filósofo da esperanza, Moltmann é o teólogo da esperanza e defende que mentres para os gregos o mundo é como é e precisa explicación, para os xudeus da Biblia o mundo está pexado e Deus precisa facer algo ao respecto.

ter esperanza nunha solución cristiá inda por determinar nom é un espellismo, como podería selo a esperanza de que nos van rescatar os marcianos. é unha cuestión de confianza baseada na tradición e a experiencia que se retrotrae ás experiencias dos discípulos cos que conviviu Xesús e as primeiras etapas da Igrexa. esta esperanza nom é vontade, mais pode ser alentada, como fai a Igrexa.

tamén é, como sinala Eagleton, máis que unha emoción. é unha mestura de sentimento e intelecto que nos leva a ver algo e estar seguros de algo a pesar de que case todas as evidencias nos din o contrario, e a pesar do feito de que outros poden nom ter esta visión.

@xindiriz

No hay comentarios:

visitantes