|
capa da versión orixinal da obra
tirada de goodreads |
a linguaxe, imprecisa,
permítenos esperar tanto 'comer un
anaco dese pastel de chocolate' como esperar 'que as inxustizas sexan corrixidas'. o primeiro ten que ver máis co desexo ou
as apetencias, mentres o segundo cos lamentos que a Biblia asocia co Espírito Santo. é con isto último que trata esperanza sen optimismo, un percorrido
polo complicado terreo da esperanza que evita, reiteradamente, propor unha
teoría definitiva sobre o asunto.
un dos dilemas centrais da experiencia humana
na actualidade é como podemos conservar a esperanza en vista da amplitude da
catástrofe: o
imparábel crecemento da desigualdade económica, o racismo e a xenofobia detrás
do Brexit e o éxito de Donald Trump. o libro rexeita tanto optimismo
(loxicamente absurdo) como pesimismo (inherentemente derrotista), e defende a
esperanza.
e que espera o propio Eagleton? nom resolve a cuestión porque como Marx, rexeita a metafísica especulativa. ademais, é unha postura útil que lle permite articular a visión cristiá con máis precisións que moitos escritores cristiáns. a esperanza pode ser un principio político.
cap.1, a banalidade do optimismo. Eagleton arremete
contra a fe na inevitabilidade do progreso humano, a miúdo asociado ao
humanismo ateo contemporáneo:
'o progreso viría sendo
algo tan irresistíbel como a artrite. estamos tan indefensos ante o seu avance como
un teixugo diante dunha máquina escavadora'.
Eagleton diferencia entre
esperanza e simple optimismo, ledicia, desexo, idealismo ou adhesión á doutrina
do Progreso, facendo fincapé nunha posición que require reflexión e compromiso,
procedente dunha racionalidade perspicaz, que pode cultivarse coa práctica e a
auto-disciplina, e que recoñece mais rexeita capitular ante as realidades do
erro e a derrota. a auténtica esperanza é, sen dubidalo, tráxica, mais Eagleton
tamén defende as implicacións radicais que ten, como
'unha
especie de revolución permanente, que ten como inimigo tanto a complacencia
política como o desespero metafísico'.
a esperanza, para Eagleton, está intimamente asociada á visión
tráxica da vida humana, onde a destrución corre parella aos avances, e os horrores
veñen da man das alegrías. neste marco, a esperanza é o que permanece cando
todo o resto do humano ten sido cencenado. é por iso que a esperanza é unha
virtude, nos fundamentos do cristianismo. a esperanza é como a fe: chama a
abandonarse, a comprometerse co que está fóra do propio control.
'o Abraham que lle pon un
coitelo na gorxa ao seu fillo alberga esperanza'.
dito doutro xeito, a esperanza é un compromiso cunha visión do ben
que transcende calquera habilidade de facerse con ese ben. mais isto nom supón pechar
os ollos ante a anguria ou o terror.
o optimista ten unha
predisposición conxénita a crer que as cousas só poden mellorar:
'a
esperanza auténtica, pola contra, necesita estar alicerzada en razóns'.
Eagleton tamén rexeita o
pesimismo, porque optimismo e pesimismo serían un xeito de racionalización e
nom que unha lente na que se poida confiar para ver a realidade: reflicten o temperamento
que un ten e nom un discernimento real. son as dúas caras dunha mesma moeda
irracional porque se apoian en crenzas inxustificábeis.
ademais, ser optimista é ser
conservador, xa que se tes fe no esencial da organización social e confías que
todo se desenvolverá dun xeito positivo, esa fe, de facto, impide a crítica da
natureza inherente á nosa actual organización social e política.
o optimismo é unha ideoloxía
conservadora porque a súa 'fe nun futuro benigno' baséase na 'solvencia
esencial do presente'. isto é a razón pola que os gobernantes e tiranos
insisten nel como un profiláctico contra a desafección.
debe haber razóns para ter
esperanza, propón Eagleton. de nom ser así a esperanza nom sería a virtude da
que falamos. mais nom hai nada ineluctábel sobre a esperanza: se o resultado
estivera asegurado, a esperanza nom sería esperanza, sería simple e mera
expectativa.
cap.2, que é a esperanza? é unha emoción? en que defire do desexo?
fai un fetiche do futuro?. Eagleton nom intenta responder á pregunta; en vez
diso, explora como o propio feito de falar de esperanza se atropella, positiva
e negativamente, con expresións de desexo, emoción, decisión, fe, e amor.
a esperanza é unha das moitas
cousas que escapou da caixa de Pandora. é beizón ou maldición? para Aquino a esperanza é beizón, unha
virtude teologal derivada da fe e a caridade. pola contra, TS Eliot, de xeito cristián, advirte contra a esperanza:
'espera
sen esperanza, pois a esperanza sería esperanza pola cousa errada'.
nom só pode estar mal enfocada
a esperanza; pode ser pura ilusión.
desde Aristóteles a Badiou,
Eagleton pretende diferenciar entre formas 'moralmente sospeitosas' de
optimismo e esperanza - 'a parente pobre das virtudes teologais'; por exemplo, crítica
de maneira incisiva o optimista racional:
como evoluciona a prosperidade de Matt
Ridley.
Riddley (ex-presidente de Northern Rock, filósofo, científico e
pontificador nos seus momentos libres) é incapaz de ver que o capitalismo é nom
máis que un xeito específico de organizar a economía: 'axudar a que outros
consuman' é un espléndido eufemismo co que describir multinacionais como Exxon ou Microsoft: 'é como se un tivese a obriga de ver como un ladrón se
leva o teu coche'. Riddley nom cuestiona o actual status quo, senón que aprecia precedentes e xustificacións para o
mesmo ao longo de toda a historia. para el, todo o bo da humanidade figura no
haber das relacións socio-económicas do presente.
Eagleton tamén arremete contra
a bioloxía da esperanza de Lionel Tiger precisamente porque
trabuca a esperanza cunha caste de temperamento. a esperanza nom é un estado de
ánimo, ou incluso unha condición biolóxica; é unha perspectiva moral sobre a
vida. o valium pode ser a píldora do
optimismo, mais nom produce esperanza.
Eagleton é máis que un
explorador lingüístico trazando os diversos tropos da esperanza; é tamén (máis
ou menos) un marxista preocupado polo curso da historia política e o destino
último da humanidade. o optimismo, cre, nom so é banal; pode ser incluso
perigoso. suxestiona que nos Estados Unidos o optimismo é a 'ideoloxía estatal'
e explica a irracionalidade da súa política, tanto exterior como interior. ao
contrario que a ledicia forzada do entusiasmo americano, o cristianismo e o
marxismo -as dúas grandes visións do mundo de Eagleton- rexeitan o optimismo. a
pesar de profetizar un Reino de Deus futuro e positivo ou unha sociedade sen
clases, nom existe un camiño directo e doado desde o mundo actual ao final
feliz. no cristianismo, a salvación irrumpe impredecibelmente e pasa pola Cruz.
se a dereita relega a
esperanza a algo baladí e a esquerda recela dela porque podería obstruír a
construción da Utopía ao confiscar as súas enerxías, Eagleton ve na esperanza
un potencial emancipador sempre a cando se basee na razón.
porque a esperanza está a
miúdo relacionada coas nosas concepcións do que pode ser o futuro, dada a
natureza das capacidades humanas, a miúdo adormecidas. isto nom sempre é o caso
co desexo, que pode ser embelesado por un obxecto completamente incalcanzábel
(por exemplo, regresar á seguridade do útero materno). así, mentres o desexo vive
sen restriccións nos dominios do posíbel e o imposíbel, a esperanza está
limitada, e sempre aspira, ao posíbel. isto posíbel ven a ser cambiar a
organización social e os asuntos humanos; a diferenza tamén do desexo, que, a
miúdo, mais nom sempre, se basea en obxectos.
cap.3, o filósofo da esperanza. a pesar que Ernst Bloch xa nom é referencia frecuente nin popular nos círculos
marxistas, merece un capítulo do libro, moi crítico, sen embargo, co seu concepto
de esperanza.
para a maioría da esquerda
contemplar a posibilidade do fracaso equivale á 'traizón espiritual', as
derrotas son un simple atranco de pouca importancia no camiño cara a utopía. e
isto, para Eagleton, é un dos seus maiores erros. o erro máis grave de Bloch, compartido
na esquerda, é nom cuestionarse …
'que
sucedería se errásemos?'
contradicindo ao
postmodernismo, Eagleton defende que sentir esperanza ante todos os
acontecementos devastadores é pernicioso, xa que nos impide recoñecer o que é
verdadeiramente desagradábel en si mesmo. nom hai nada malo en considerar, por
exemplo, pernicioso o Holocausto, punto.
por conseguinte, mirar o lado
positivo das cousas pode a miúdo ser unha maneira de xulgar positivamente algo
puramente odioso. e, á inversa, ver o lado bo das cousas en todo impídenos
venerar aqueles raros acontecementos que som verdadeiramente positivos. se
somos utópicos esperanzados, como Bloch, desperdiciamos xulgar adecuadamente
acontecementos importantes e únicos.
o principio da esperanza sería unha especie de teodicea nom-marxista, mais tamén nom-cristiana, ou
como crer que o ben pode xurdir do mal. e é aquí, nunha combinación afirmativa
de ambas tradicións, que obtemos un sentido máis claro da súa percepción da
esperanza:
'a
resurrección é esperanzadora precisamente porque o que redime é a agonía e a
desolación da cruz'.
Bloch é un estrano filósofo
marxista interesado en dialéctica da
natureza, de Engels, porque cre que a esperanza está completamente
integrada na propia natureza. Eagleton denomínaa 'materialismo místico'. a
natureza, no seu decurso constantemente cambiante, logra constantes progresos.
Eagleton di que tal punto de vista en realidade devalúa a esperanza. se o
progreso está inscrito no código do cosmos, nom hai necesidade de que o
individuo 'exercite' a esperanza.
a noción de Bloch de esperanza-na-natureza explica
'a obesidade conceptual' dunha obra que o aborda todo: desde o simbolismo
pitagórico dos números ata o fascismo moderno, para fundilo todo na expresión
da esperanza como esencia.
Eagleton fai unha comparación reveladora
entre Freud e Bloch. ambos defenden que o obxecto fundamental da esperanza é diferente do que semella: para Freud o
que realmente desexamos está no pasado; para Bloch está no futuro remoto.
segundo Bloch, incluso o fascismo é unha expresión (perigosa) de esperanza
fundamental para a visión marxista. hai ecos claros da afirmación de Agostiño de que -saibámolo ou nom- o
verdadeiro obxectivo dos nosos desexos presentes é Deus. de aquí a conclusión
de Eagleton que Bloch
'está na busca dunha
forma de marxismo que rivalizaría coa fondura e alcance da relixión'.
|
imaxe tirada de 'kaosenlared' |
para Eagleton, o cristianismo
é materialista no sentido en que desexamos xustiza. de feito, o Antigo
Testamento é unha longa súplica de xustiza a Deus para os indefensos, os
pobres, orfos, viúvas e impedidos. ten menos que ver coa noción dos nosos
espíritos pervivindo nalgunha especie de forma imprecisa.
a doutrina cristiá tradicional
fala da resurrección do corpo porque a identidade dos seres humanos está unida
aos nosos corpos. sentimos cousas, nom as pensamos e xa está, como o indica o
feito de que os cristiáns deben amar coas vísceras e nom só coa mente. o
argumento de Eagleton é que mentres que Bloch enfatiza nun concepto vago do
espírito humano que sigue a vivir, o cristianimo busca unha anovación máis
concreta, unha perfección do Reino de Deus xa iniciada por Xesús que da casa a
quen nom a ten, visita presos e da de beber aos sedentos.
cap.4, esperanza contra toda esperanza. o revolucionario esperanzado sempre encara o
paradoxo de que loita por algo radicalmente novo, mais debe usar o presente
como inspiración para o cambio. e que debe facer o revolucionario cando o
presente é unha chuvia de derrotas constantes?
alén da simple esperanza de que
mañá teñamos bo tempo, existe a 'esperanza radical': o mandato de Shelley de
'esperar
ata que a Esperanza faga
do seu
naufraxio aquelo que contempla'.
e a traxedia é o exemplo por
antonomasia desta esperanza radical. que esperanza podería quedar cando o vello
Lear aparece berrando con Cordelia, morta, nos brazos: 'ouveade, ouveade, ouveade,
ouveade!'? e a continuación Kent faise eco da consternación dos presentes: 'é
este o fin prometido?'. para Eagleton é acaído, a morte dos personaxes principais nom ...
'mina a integridade da
poesía que lles da voz ... a mesma mestría da obra está en cuestión por causa
dun desencanto demasiado doado'.
Eagleton reitera un argumento
marxista básico:
'se a
transformación radical é un concepto difícil de aprehender, é porque demanda
previsión e lucidez, precisión e cálculo, mais todo no nome dun fin que é
necesariamente opaco. proxectar o futuro é inevitabelmente aproveitar a
experiencia do presente, para así superar o que xa coñecemos'.
Eagleton acude á traxedia
precisamente porque é algo máis avasallador que o pesimismo, algo que sacode o
tecido do noso ser, pois nela presenciamos algo preciado que está a ser
destruído. e se inda o consideramos algo moi valioso, entón inda temos algún
lugar de onde obter forza, algún valor polo que seguir loitando.
a esquerda precisa recoñecer
que todas as derrotas que afronta constantemente, que fan que se retire de
xeito momentáneo con horror, implican que se somos negativos, é porque hai algo
positivo ao que todavía nos aferramos. nunca loitar e, así, nunca fracasar,
implica compromiso cero e, polo tanto, esperanza cero. pero tentalo e fracasar
revela que queda algunha esperanza no espírito humán. nom podemos ter certeza
de ter perdido completamente a loita ata que deixamos de tentalo.
o mundo nom ofrece moitas
razóns para a esperanza. certamente a tecnoloxía ten mellorado as nosas vidas,
mais hai moitas aspectos e facetas da nosa vida onde ten feito pouca diferenza
ante a inxustiza, inda exacerbándoa.
Jürgen Moltmann defende que a perspectiva
cristiá sobre a esperanza comeza desde a idea de que a orde natural do mundo é
inxusta. se Bloch é o filósofo da esperanza, Moltmann é o teólogo da esperanza
e defende que mentres para os gregos o mundo é como é e precisa explicación,
para os xudeus da Biblia o mundo está pexado e Deus precisa facer algo ao
respecto.
ter esperanza nunha solución
cristiá inda por determinar nom é un espellismo, como podería selo a esperanza
de que nos van rescatar os marcianos. é unha cuestión de confianza baseada na
tradición e a experiencia que se retrotrae ás experiencias dos discípulos cos
que conviviu Xesús e as primeiras etapas da Igrexa. esta esperanza nom é
vontade, mais pode ser alentada, como fai a Igrexa.
tamén é, como sinala Eagleton,
máis que unha emoción. é unha mestura de sentimento e intelecto que nos leva a
ver algo e estar seguros de algo a pesar de que case todas as evidencias nos
din o contrario, e a pesar do feito de que outros poden nom ter esta visión.
@xindiriz