www.crtvg.es |
dunha volta
choveu tanto e de tan súpeto que se inundou o pobo e morreu moita xente; pero
non de calquera maneira. Houbo quen quedou moi sentada nun banco do paseo,
placidamente; houbo quen apareceu empoleirado nunha cerdeira, coma en primavera.
baixaron as augas
e emerxeu un baúl sen dono. Nel atopamos … unha colección de cómics, un caderno
de tapas negras con anotacións en alemán, un montón de soldados de plástico cos
seus tanques e avións, uns ‘xogos reunidos’, pezas de puzzle, unha enciclopedia ‘álvarez’ coas páxinas de historia máis
sobadas que o resto, unha lata de chocolate chea de fotos, roupa vella, …
o botín foi para min
porque era o único que sabía algo de alemán; foi por iso que quedei coa chave do baú e administrei
riquezas e segredos ao meu antollo. Non, non sei como o abrimos en primeiro
termo; nin como soubemos que a chave o podía pechar.
de cando en vez
revisabamos xuntos as notas do caderno; facía unha tradución aproximada e
quedabamos pensando un rato, sen dicir nada.
‘neno, non sei
que dis!, fala máis alto!, ou tes medo?’. A lúa marcaba o sendeiro polo que
camiñaban á beira da vía. E que haberá despois da estación onde baixamos?
eran como fotos,
pero máis difíciles de interpretar.
faciamos ‘experimentos’
cos animais, remedamos as películas que nos deixaba ver o padriño, os
mercancías pasaban por baixo da ponte sen se deter, vixiabamos os cágados que
pululaban nos sifóns, cada día entrabamos un chisco máis alá na humidade do
túnel, escoitabamos os contos dos maiores falando da construción do camiño de
ferro, estudaba os papeis que quedaran nas vellas instalacións sen utilizar, faciamos
que cambiabamos as agullas, tirabámoslles pedras aos cans que querían vir
connosco ao pobo sen intención de darlles ata que cansaban e regresaban á cas
da avoa, morreu Aurelio atropelado por un ferrobús vello, meu pai dicía cando
había coellos e outras ‘bestas’ polas boliñas espalladas no camiño, e a
fronteira era pasar o túnel. O puntiño de luz iniciaba diminuto pero ía
medrando ata saír na outra boca da escuridade.
colocabamos as
historias no chan. Compondo estruturas. Efémeras.
‘podes ir
recollendo’. Pero tiña todo lonxe; ou a min parecíame lonxe. ‘Se non o fas agora,
mollarás a casa’. Estaba facendo viaxes e nunha desas vina, mireina e ela
a min tamén. Pero marchou. E eu tamén marchei.
estou noutra
estación, pero é moito máis grande e pódese ir a moitos máis destinos. Na sala
de espera só hai unha vella adormecida que esperta de cando en vez e sorrí cara
ninguén. Pasa xente cara as plataformas; algunh@s son coñecid@s, amig@s incluso.
Hai quen pregunta se me vou con el@s. Pero teño un billete no peto e agardo. Por
momentos dubido se facelo ou non pero non hai factores nas estacións que me poidan
confirmar nada.
decido erguerme e
camiñar cara as vías, levo o billete e a chave do meu baúl. Ao pasar, a vella
esperta e sorrí cara min; eu devólvolle o saúdo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario