www.galiciaunica.es |
Proposición de lei, por Iniciativa Lexislativa Popular sobre o dereito ao
coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
É un feito incuestionábel a ausencia e desatención da
Historia de Galiza e das súas manifestacións culturais no sistema educativo,
nos medios de comunicación públicos e na inmensa maioría dos privados, así como
nos organismos dedicados a velar polo noso patrimonio artístico e natural. A
Xunta, a administración pública galega, é a principal responsábel deste
desleixo calculado que non foi máis que repercutir negativamente no conciencia
social galega, en forma de ignorancia e falta de autoestima sobre o propio
país.
Dentro desta desatención histórica e cultural é
especialmente significativa a ignorancia e desprezo sobre a figura e a obra de
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ambas multifacéticas, de valor
incuestionábel e moi representativas do mellor que deu Galiza no política, no
arte e no literatura nunha etapa tan crucial da nosa historia como foi a
primeira metade do século XX.
Da importancia simbólica de Castelao dá conta o feito de
que os seus restos mortais fosen trasladados en xuño de 1984 desde o cemiterio
da Chacarita en Buenos Aires, onde morrera no exilio en 1950, ao Panteón de Galegos
Ilustres en San Domingos de Bonaval. O tempo demostrou cal era a verdadeira
intención dos que, desde a institución autonómica, dirixían a operación:
lexitimar o marco autonómico e facerlle un segundo enterro, que algúns
quererían definitivo.
Desde 1986, en que se celebrou o centenario do seu
nacemento por parte do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galiza, a única
lembranza oficial do seu nome é a utilización do mesmo para a concesión dunhas
medallas que se entregan a diferentes persoeiros con carácter anual e que
ocultan a falta de actuación real.
No ano 2000 o Parlamento de Galiza aprobou por
unanimidade a declaración de toda a súa obra como Ben de Interese Cultural,
mais nunca se chegou a efectivizar tal decisión.
Por outra parte, de maneira puntual, aparece en boca de
figuras políticas que logo se esforzan en perpetuar o descoñecemento do que é a
personalidade nacional galega de maior relevo do século XX. O novo Rei de
España, no súa investidura, fixo uso do seu nome de forma desleixada e equívoca,
dando a entender que era un poeta da posguerra. O Presidente da Xunta acode a
citalo con frecuencia para afirmar que a historia xa se encargou de superalo, e
para xustificar políticas moi contrarias ao seu ideario. Esta invocación a
Castelao, lonxe de ter consecuencias prácticas no sentido de promover un maior
coñecemento da súa figura e da súa obra pola sociedade galega, tivo como
resultado unha calculada ocultación que se agudizou nos últimos 25 anos. So un
pobo que descoñece unha obra tan valiosa pode permitir que se lle negue no
práctica o acceso a ela.
Por todo isto, os miles de persoas asinantes desta
Iniciativa Lexislativa Popular consideramos que chegou o momento de que as
citas retóricas e baleiras vaian acompañadas de feitos prácticos. Esiximos que
se acabe, de unha vez por todas, coa censura, ocultación, descoñecemento e
ignorancia sobre a figura e a obra multifacética de Alfonso Daniel Rodríguez
Castelao. Que, dunha vez por todas, poda ser contemplada debidamente toda a súa
obra artística. Que sexo de fácil acceso a súa obra literaria, tamén a
ensaística de carácter político, tendo a debida presenza no sistema educativo.
Que a historia de Galiza en xeral, e en particular, o período en que desenvolveu
Castelao o seu labor, ocupe o lugar debido no formación escolar e académica.
Que, sen máis dilacións nin subterfuxios, a Xunta de Galiza se preocupe de
catalogar toda a obra de Castelao e establecer un plano de colaboración entre
as distintas institucións e organismos, públicos e privados, que posúan obras,
informacións ou obxectos persoais do noso grande político e artista coa
finalidade de que podan ser coñecidas e contempladas en exposición pública e
estábel, coas debidas garantías de protección e seguridade. So así o pobo
galego coñecerá e poderá xulgar por si mesmo o sentido e valor dunha figura e
obra que por el foi motivada e que ten nel o seu principal destinatario.
Artigo 1.
É obxecto da presente Lei impulsar as actividades a
desenvolver polo Xunta de Galiza para difundir e por en valor a obra e a figura
de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Artigo 2.
A Xunta de Galiza realizará a catalogación de toda a
obra, en todo tipo de facetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados,
que teñan como autor a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao procurando os
convenios ou acordos de cesión oportunos con todas aquelas entidades, públicas
e privadas, que posúen en propiedade obra de Castelao.
Artigo 3.
A Xunta de Galiza definirá un espazo museístico, de
dimensións apropiadas e con características adecuadas, e realizará as xestións
necesarias para expor nel toda a obra plástica de Castelao, de forma que podo
ser contemplada no súa globalidade por persoas de Galiza e persoas foráneas,
como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galiza.
Artigo 4.
A Xunta de Galiza, polo seu valor e simbolismo,
emprenderá as xestións oportunas para que se adquira ou para que se ceda o
cadro ‘A derradeira lección do mestre’ e trasladalo desde Buenos Aires a Galiza
para ser exposto, nos debidas condicións, xunto ao conxunto da súa obra, no
espazo museístico que se define no artigo anterior.
Artigo 5.
A Xunta de Galiza divulgará o coñecemento da
multifacética obra de Castelao, por representar unha contribución artística,
literaria, ideolóxica e política das máis ilustrativas e clarificadoras sobre Galiza
e o seu futuro de cantas se produciron no século XX. Dun xeito singular:
1/ Impulsará a introdución, a través das disposicións e instrucións
pertinentes, no sistema educativo, de forma transversal, da obra de Castelao.
2/ Asumirá o compromiso de espallala tamén a través dos medios escritos e
audiovisuais de titularidade pública ou subvencionados pola Xunta.
3/ Facilitará o acceso público e aberto a través da rede de internet a toda a
súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego
Artigo 6.
A Xunta xestionará a sinalización, accesibilidade e
promoción dos espazos relacionados coa vida e obra de Castelao.
Disposicións finais
Primeira. Facúltase ao Consello da Xunta de Baliza para a adopción
das disposicións regulamentarias e cantos acordos executivos sexan precisos
para o cumprimento efectivo e desenvolvemento desta Lei.
No hay comentarios:
Publicar un comentario