Xosé Crespo Iglesias www.lecherialatina.com |
circula estes días polas redes
sociais un vídeo de felicitacións do Nadal do Alcalde de Lalín á comunidade
galega de Deza no estranxeiro. Sobre o contido do mesmo, que debuxa un Lalín de
vangloria excelsa, mellor non dicir nada, ou case nada, lembrándome o conto de
HC Andersen, ‘o traxe novo do emperador’.
eses veciños e veciñas son ademais,
en parte, estranxeiros naqueles países que residen. Acollidos para traballar e
crear os seus proxectos de vida da maneira máis digna posible, obrigados a marchar
pola historia ben coñecida por todos, da emigración galega tinguida de fame e
da represión do réxime franquista. Os nosos emigrantes tamén padeceron, en boa
medida, graves problemas de integración, uns lograron certo éxito e moitos
viviron da miseria, e do que o uso pexorativo e despectivo do termo ‘galego’,
alá en Sudamérica, nos da idea do duro que puido ser a súa morriña.
por outra banda, son curioso de
coñecer a realidade que rodea a aqueles cidadáns do mundo que por
circunstancias da miseria e pobreza estrutural dos países dos que proceden
tentan agarrarse a unha oportunidade dunha vida máis digna. Fai uns meses
falando cuns mendicantes chegados de países do leste dicían que se viran obrigados
a marchar condenados por fortes inundacións que destruíran os seus cultivos, e
dada a súa condición de pobres, as posibilidades de recuperación nos seguintes
anos sucumbían ante a fame. A fame e o frío fanse máis fortes canto máis
pobres. E conduce a tan inmensa desesperación que con tristeza se ven obrigados
a abandonar o seu, as súas xentes, coa dureza de saber que quizás non regresen.
Afirman que por mal que lles poidan estar aquí as cousas, incluso ata mendigar é moito mellor que ser campesiño pobre alá. Todas esas persoas teñen unha
historia, pero ante todo son cidadáns, estean onde estean, e suxeitos a un
dereito na protección das persoas.
pero quedo desencaixado pola, quero
pensar desafortunada, declaración do Alcalde, onde pide un endurecemento do
código penal para os estranxeiros que delinquen. Un exabrupto sobre
discriminación e desigualdade, que desvirtúa a condición universal de persoa e
cidadán, unha declaración impropia de quen ven (político máis ben centrado na
cousa municipal e non tanto dos debates parlamentarios en materia lexislativa,
agás que estea a pensar en redefinirse politicamente), que merecería aclaración
e rectificación. Sería o lóxico.
non é tolerable que se establezan
por lei efectos penais con distinción entre cidadáns dunha clase ou outra, en
función do seu arraigo patrio, e para uns garantir dereitos fundamentais e a
outros articularlles unha reserva legal de negación de certos dereitos que por
riba denigran a súa condición de persoa, simplemente por non ser nacional,
privándolle das garantías penais e procesuais que inspiran o noso sistema
penal.
algúns expertos en dereito penal consideran
que a adopción de medidas coma a expulsión, como pide o alcalde, implican
xuridicamente identificar ao estranxeiro (o pobre) coma individuos
potencialmente perigosos, e que no caso de delinquir poderían quedar excluídos
de calquera fin de reinserción, nunha medida que se podería considerar
inconstitucional, debido a que os principios da política penal deben gardar
coherencia co mandado constitucional de reeducación e rehabilitación social
(artigo 25) que se espera da aplicación das penas. A priori estableceríase un
elemento claro de indefensión para estas persoas, medida que tamén resultaría contraía
a outro principio constitucional, o do
artigo 24, que ampara a todas as persoas a ter dereito a obter unha tutela
efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos e intereses
lexítimos, sen que, en ningún caso, se poida producir indefensión.
www.farodevigo.es |
poderíase pensar que se trata dunha
declaración illada pero lamentablemente o tema non é novo, e coincide cos
movementos do goberno do PP que está a impulsar neste ámbito un conxunto de
reformas do Código Penal, da Lei de Estranxeiría e da Lei de Seguridade
Cidadán, non sen polémica e tenso debate parlamentar no Congreso, e acompañada
de mobilizacións de distintas plataformas cidadás na rúa.
esta reclamación de endurecemento do
Código Penal, casualidade ou non, pero en liña coas teses do goberno, dispensa
un trato discriminatorio e inxusto contra eses dereitos fundamentais das
persoas que tamén quereriamos parar todos aqueles galegos que temos na
diáspora.
MARTIÑO NERCELLAS MÉNDEZ
No hay comentarios:
Publicar un comentario