I andaina reivindicativa contra a tala en Catasós www.lavozdegalicia.es |
O castiñeiro gozou de sacrosanta presenza durante décadas en Terras do
Deza. Non era pouca a súa importancia, pois as xentes da aldea, as xentes do
“universo Lalín”, coma en todo o mundo galego, tiveron nas súas facendas
coidada querenza de apañar os tributos destas árbores, amais, dominadoras da
paisaxe.
Dende a cabeceira da cama e os mobles da casa, nas lareiras, ate na comida
no cortello dos cochos, algo do castiñeiro sempre estaba presente. Taboleiros,
leña, e castañas, entre outros, foron entón testemuños inherentes do costumismo
dun rural de Lalín. E o rural para o Lalín debería selo todo.
Na Fraga das Casas vellas, medio souto medio fraga, conviven árbores
centenarias, disque algúns de dous e tres séculos, de porte abafante, e
disposición a monte, con aliñacións de soutos maduros de castiñeiros vistas por
varias xeracións. A fraga foi monte, poderío do carballo atlántico, afanosa de
non perecer á domesticación secular do territorio. Pero viu chegar a innovación
forestal, para transformar eses montes en soutos modernos, castiñeiros en
ringleiras que puxeran fin ao desorde da dispersión e da autosuficiencia no
aproveitamento dos castiñeiros.
Así foi fai douscentos anos na veciña de Quiroga, hoxe Monumento Natural,
na que foron chantados os pés dos xigantes máis coñecidos de Catasós -aqueles
que impresionaron na visita do ano 1954 ao fitopatólogo americano Flipp Gravat
(1891-1969)-, produto dunha nova transmisión do agrarismo galego a través do
poder territorial das casas paciegas, neste caso do Pazo da Casa de Quiroga.
Dona Emilia Pardo Bazán coñeceu ben os seus camiños, o paseo por estes soutos,
nunha obra moi marcada pola influencia do naturalismo literario, que tal vez,
agromou por estes lares.
Inculcou este paso de modernidade silvícola no rural de Lalín a acometer
aproveitamentos de castiñeiros máis ordenados e de mellor renta anual, mantendo
unha continuidade entrelazada de soutos e fragas ao longo do val de Catasós,
que en tempos non entendería da división visual que hoxe temos entre a Fraga de
Quiroga e outras, coma a de Casas Vellas e rego de Quintela.
A Fraga de Casas Vellas ten moito que ensinar, xa que alí houbo un viveiro
de selección de variedades de castañas, a principios do século XIX. O seu
propietario reparou en plantar e seleccionar a mellor castaña, a de mellores
calidades e adaptación ao clima do Deza. Observou os matices e diferenzas dos
froitos apañados dos soutos da comarca para seleccionar as variedades máis
prometedoras. Eran tempos dos que o mundo real remataba cerca da casa e
descoñecedora, en maioría, de especies e cultivos do lonxe. Cos anos chegarían
árbores seleccionadas doutros lugares, de Francia, Portugal … supostamente con
rendementos moi elevados, máis débiles o ambiente natural do lugar que lles
abriu as portas á invasión do chancro e da tinta que hoxe afectan a moitas
desas masas. Tal cal, o propietario de Casas Vellas, coma un experto da xenética hereditaria
mendeliana - que escasamente transcendera no coñecemento científico da época
medio século antes-, plantou eses pés para que hoxe aparezan ergueitos, maxestosos centenarios, e coma
quen apaña este ou aquel cogomelo, só os máis vellos do lugar son capaces de
diferenciar entre os ourizos, aquel surtido pretendido de variedade de
castañas: a famosa, negral, oura, rosario, abadá, pelada, temprá, patacuda,
rañuda e mazaíña.
imaxe da lectura do manifesto www.lavozdegalicia.es |
E ten moito que ensinar, pois a memoria de Lalín xa pouco sabe de
identificar estas variedades nos soutos e pés de castiñeiros de todo o
Concello. Ese viveiro de castiñeiros das Fragas Vellas, hoxe souto maduro, ten
moito coñecemento enciclopédico gardado, un Tombo académico incunable das
variedades locais resistentes á peste da tinta, da selección das variedades
mellor arraigadas o rigor do clima local, das que son máis e menos produtivas,
das que se diferencian no calendario fenolóxico. En fin, os segredos dos
castiñeiros de Lalín e do Deza, gárdanse en soutos descoñecidos que tiveron a
peculiaridade de ser, tal vez sen sabelo, dos mellores cultivos experimentais
que chegan viaxeiras do pasado aos nosos tempos. A Fraga Vella é precisamente
exemplo destacado disto, e o testemuño que rubrica o que pretendeu ser este
souto pode que sexa un dos poucos piñeiros mansos que poden verse en Terras do
Deza que alí medra cando as outras árbores.
Con todo isto preténdese reflexionar de que a paisaxe de Lalín é unha
paisaxe rural galega que foi moi característica do interior do País, que
responde a unhas circunstancias e realidade forxada ao longo de séculos froito
do traballo dos nosos antergos.
Lalín leva
décadas consumindo paisaxe e transformándoa sucesivamente cara o vulgar do
territorio. Pasamos de ser un Concello claramente recoñecible polo seu verdor
autóctono a desfiguralo ledamente, e conformarnos con deixar retais espallados
sen prestarlle a debida importancia. Só importou prosperar, medrar, sen pararse
a mirar atrás. Non se reparou que moito do desfeito ben puido facerse de outro
maneira.
A LAT do Irixo-Lalín vén sendo máis do mesmo, repítese por enésima vez este
conto. Que chegue, e que chegue pronto! Nesas coordenadas pensouse para
mellorar o caudal eléctrico do Concello, negado trinta anos, e agora urxente de
facelo. Con tódolos permisos e autorizacións, e negadas as alegacións
ambientais, os nosos administradores non repararon na desfeita paisaxística e
ambiental sobre o territorio. A caso, non coñecen o que temos?, ou non valoran
os sinais de identidade da imprescindible arquitectura territorial do que é
Lalín?.
Esta liña de Alta Tensión custaralle un pírrico esforzo á compañía
eléctrica, que na realidade pagaremos tódolos cidadáns, primeiramente os
propietarios, e despois toda a veciñanza de Lalín. Pois se a paisaxe tivera
prezo, se computaramos o valor económico dun medio natural tan ben conservado
coma estas fragas -o feito de cortar unhas fragas con historia, 2.000 árbores,
moitas centenarias e bicentenarias-
tería un custe de mercado tan alto que soterrar unha liña ao longo, por
exemplo, da N-525, seguramente sería irrisorio.
Para que non nos rouben o patrimonio verde de Lalín, marca xeracional da
nosa identidade, non permitamos a destrución da Fraga das Casas Vellas e o rego
de Quintela. Non ao paso da Liña de Alta Tensión por estas fragas.
MARTIÑO NERCELLAS
Lalín,
a 18 de outubro de 2014
1 comentario:
Este texto está plagado de inexactitudes... o más bien de flagrantes mentiras. La línea eléctrica pasa a 500 metros de la Fraga de Catasós y no se toca ni un solo castaño de la Fraga
Publicar un comentario