20.10.14

Manifesto pola protección das Fragas de Catasós ante o paso da LAT

I andaina reivindicativa contra a tala en Catasós
www.lavozdegalicia.es
O castiñeiro gozou de sacrosanta presenza durante décadas en Terras do Deza. Non era pouca a súa importancia, pois as xentes da aldea, as xentes do “universo Lalín”, coma en todo o mundo galego, tiveron nas súas facendas coidada querenza de apañar os tributos destas árbores, amais, dominadoras da paisaxe.

Dende a cabeceira da cama e os mobles da casa, nas lareiras, ate na comida no cortello dos cochos, algo do castiñeiro sempre estaba presente. Taboleiros, leña, e castañas, entre outros, foron entón testemuños inherentes do costumismo dun rural de Lalín. E o rural para o Lalín debería selo todo.

Na Fraga das Casas vellas, medio souto medio fraga, conviven árbores centenarias, disque algúns de dous e tres séculos, de porte abafante, e disposición a monte, con aliñacións de soutos maduros de castiñeiros vistas por varias xeracións. A fraga foi monte, poderío do carballo atlántico, afanosa de non perecer á domesticación secular do territorio. Pero viu chegar a innovación forestal, para transformar eses montes en soutos modernos, castiñeiros en ringleiras que puxeran fin ao desorde da dispersión e da autosuficiencia no aproveitamento dos castiñeiros.

Así foi fai douscentos anos na veciña de Quiroga, hoxe Monumento Natural, na que foron chantados os pés dos xigantes máis coñecidos de Catasós -aqueles que impresionaron na visita do ano 1954 ao fitopatólogo americano Flipp Gravat (1891-1969)-, produto dunha nova transmisión do agrarismo galego a través do poder territorial das casas paciegas, neste caso do Pazo da Casa de Quiroga. Dona Emilia Pardo Bazán coñeceu ben os seus camiños, o paseo por estes soutos, nunha obra moi marcada pola influencia do naturalismo literario, que tal vez, agromou por estes lares.

Inculcou este paso de modernidade silvícola no rural de Lalín a acometer aproveitamentos de castiñeiros máis ordenados e de mellor renta anual, mantendo unha continuidade entrelazada de soutos e fragas ao longo do val de Catasós, que en tempos non entendería da división visual que hoxe temos entre a Fraga de Quiroga e outras, coma a de Casas Vellas e rego de Quintela.

A Fraga de Casas Vellas ten moito que ensinar, xa que alí houbo un viveiro de selección de variedades de castañas, a principios do século XIX. O seu propietario reparou en plantar e seleccionar a mellor castaña, a de mellores calidades e adaptación ao clima do Deza. Observou os matices e diferenzas dos froitos apañados dos soutos da comarca para seleccionar as variedades máis prometedoras. Eran tempos dos que o mundo real remataba cerca da casa e descoñecedora, en maioría, de especies e cultivos do lonxe. Cos anos chegarían árbores seleccionadas doutros lugares, de Francia, Portugal … supostamente con rendementos moi elevados, máis débiles o ambiente natural do lugar que lles abriu as portas á invasión do chancro e da tinta que hoxe afectan a moitas desas masas. Tal cal, o propietario de Casas Vellas,  coma un experto da xenética hereditaria mendeliana - que escasamente transcendera no coñecemento científico da época medio século antes-, plantou eses pés para que hoxe aparezan  ergueitos, maxestosos centenarios, e coma quen apaña este ou aquel cogomelo, só os máis vellos do lugar son capaces de diferenciar entre os ourizos, aquel surtido pretendido de variedade de castañas: a famosa, negral, oura, rosario, abadá, pelada, temprá, patacuda, rañuda e mazaíña.

imaxe da lectura do manifesto
www.lavozdegalicia.es
E ten moito que ensinar, pois a memoria de Lalín xa pouco sabe de identificar estas variedades nos soutos e pés de castiñeiros de todo o Concello. Ese viveiro de castiñeiros das Fragas Vellas, hoxe souto maduro, ten moito coñecemento enciclopédico gardado, un Tombo académico incunable das variedades locais resistentes á peste da tinta, da selección das variedades mellor arraigadas o rigor do clima local, das que son máis e menos produtivas, das que se diferencian no calendario fenolóxico. En fin, os segredos dos castiñeiros de Lalín e do Deza, gárdanse en soutos descoñecidos que tiveron a peculiaridade de ser, tal vez sen sabelo, dos mellores cultivos experimentais que chegan viaxeiras do pasado aos nosos tempos. A Fraga Vella é precisamente exemplo destacado disto, e o testemuño que rubrica o que pretendeu ser este souto pode que sexa un dos poucos piñeiros mansos que poden verse en Terras do Deza que alí medra cando as outras árbores.

Con todo isto preténdese reflexionar de que a paisaxe de Lalín é unha paisaxe rural galega que foi moi característica do interior do País, que responde a unhas circunstancias e realidade forxada ao longo de séculos froito do traballo dos nosos antergos.

Lalín leva décadas consumindo paisaxe e transformándoa sucesivamente cara o vulgar do territorio. Pasamos de ser un Concello claramente recoñecible polo seu verdor autóctono a desfiguralo ledamente, e conformarnos con deixar retais espallados sen prestarlle a debida importancia. Só importou prosperar, medrar, sen pararse a mirar atrás. Non se reparou que moito do desfeito ben puido facerse de outro maneira.

A LAT do Irixo-Lalín vén sendo máis do mesmo, repítese por enésima vez este conto. Que chegue, e que chegue pronto! Nesas coordenadas pensouse para mellorar o caudal eléctrico do Concello, negado trinta anos, e agora urxente de facelo. Con tódolos permisos e autorizacións, e negadas as alegacións ambientais, os nosos administradores non repararon na desfeita paisaxística e ambiental sobre o territorio. A caso, non coñecen o que temos?, ou non valoran os sinais de identidade da imprescindible arquitectura territorial do que é Lalín?.

Esta liña de Alta Tensión custaralle un pírrico esforzo á compañía eléctrica, que na realidade pagaremos tódolos cidadáns, primeiramente os propietarios, e despois toda a veciñanza de Lalín. Pois se a paisaxe tivera prezo, se computaramos o valor económico dun medio natural tan ben conservado coma estas fragas -o feito de cortar unhas fragas con historia, 2.000 árbores, moitas centenarias e bicentenarias-  tería un custe de mercado tan alto que soterrar unha liña ao longo, por exemplo, da N-525, seguramente sería irrisorio.

Para que non nos rouben o patrimonio verde de Lalín, marca xeracional da nosa identidade, non permitamos a destrución da Fraga das Casas Vellas e o rego de Quintela. Non ao paso da Liña de Alta Tensión por estas fragas.

MARTIÑO NERCELLAS
Lalín, a 18 de outubro de 2014

1 comentario:

Anónimo dijo...

Este texto está plagado de inexactitudes... o más bien de flagrantes mentiras. La línea eléctrica pasa a 500 metros de la Fraga de Catasós y no se toca ni un solo castaño de la Fraga

visitantes