31.12.14

vou de viaxe

www.crtvg.es
dunha volta choveu tanto e de tan súpeto que se inundou o pobo e morreu moita xente; pero non de calquera maneira. Houbo quen quedou moi sentada nun banco do paseo, placidamente; houbo quen apareceu empoleirado nunha cerdeira, coma en primavera.

baixaron as augas e emerxeu un baúl sen dono. Nel atopamos … unha colección de cómics, un caderno de tapas negras con anotacións en alemán, un montón de soldados de plástico cos seus tanques e avións, uns ‘xogos reunidos’, pezas de puzzle, unha enciclopedia ‘álvarez’ coas páxinas de historia máis sobadas que o resto, unha lata de chocolate chea de fotos, roupa vella, …

o botín foi para min porque era o único que sabía algo de alemán; foi por iso que quedei coa chave do baú e administrei riquezas e segredos ao meu antollo. Non, non sei como o abrimos en primeiro termo; nin como soubemos que a chave o podía pechar.

de cando en vez revisabamos xuntos as notas do caderno; facía unha tradución aproximada e quedabamos pensando un rato, sen dicir nada.

‘neno, non sei que dis!, fala máis alto!, ou tes medo?’. A lúa marcaba o sendeiro polo que camiñaban á beira da vía. E que haberá despois da estación onde baixamos?

eran como fotos, pero máis difíciles de interpretar.

faciamos ‘experimentos’ cos animais, remedamos as películas que nos deixaba ver o padriño, os mercancías pasaban por baixo da ponte sen se deter, vixiabamos os cágados que pululaban nos sifóns, cada día entrabamos un chisco máis alá na humidade do túnel, escoitabamos os contos dos maiores falando da construción do camiño de ferro, estudaba os papeis que quedaran nas vellas instalacións sen utilizar, faciamos que cambiabamos as agullas, tirabámoslles pedras aos cans que querían vir connosco ao pobo sen intención de darlles ata que cansaban e regresaban á cas da avoa, morreu Aurelio atropelado por un ferrobús vello, meu pai dicía cando había coellos e outras ‘bestas’ polas boliñas espalladas no camiño, e a fronteira era pasar o túnel. O puntiño de luz iniciaba diminuto pero ía medrando ata saír na outra boca da escuridade.

colocabamos as historias no chan. Compondo estruturas. Efémeras.

‘podes ir recollendo’. Pero tiña todo lonxe; ou a min parecíame lonxe. ‘Se non o fas agora, mollarás a casa’. Estaba facendo viaxes e nunha desas vina, mireina e ela a min tamén. Pero marchou. E eu tamén marchei.

estou noutra estación, pero é moito máis grande e pódese ir a moitos máis destinos. Na sala de espera só hai unha vella adormecida que esperta de cando en vez e sorrí cara ninguén. Pasa xente cara as plataformas; algunh@s son coñecid@s, amig@s incluso. Hai quen pregunta se me vou con el@s. Pero teño un billete no peto e agardo. Por momentos dubido se facelo ou non pero non hai factores nas estacións que me poidan confirmar nada.

decido erguerme e camiñar cara as vías, levo o billete e a chave do meu baúl. Ao pasar, a vella esperta e sorrí cara min; eu devólvolle o saúdo.

29.12.14

a condición mecánica: segundo borrador

Anthony Burgess
mural.uv.es
son novelista de profesión. É, na miña opinión, un oficio inofensivo, inda que non en todas partes se considera respectable. Os novelistas poñen palabras groseiras en boca dos seus personaxes e móstranos fornicando ou indo ao baño. Ademais, non é un oficio útil, como de carpinteiro ou pasteleiro. O novelista axuda o lector a pasar o tempo entre unha acción útil e outra, contribúe a encher os ocos do tecido serio da vida. É un mero animador, unha especie de pallaso. Fai imitacións, xestos grotescos, é cómico ou patético e, ás veces, ambas cousas, fai malabares coas palabras como se fose pelotas de cores.

o seu uso das palabras non debe tomarse demasiado en serio. O presidente de EEUU emprega palabras, o médico, o mecánico dun taller, o xeneral e o filósofo empregan palabras, e esas palabras parecen ter unha relación co mundo real, un mundo no que hai que crear impostos e logo hai que eludilos, os coches deben funcionar, hai que curar as enfermidades, concibir grandes ideas e librar batallas decisivas. Ningún creador de argumentos e personaxes, por excelente que sexa, está considerado como un pensador serio, nin sequera Shakespeare. É difícil saber que pensa en realidade o escritor creativo, porque se oculta detrás das súas escenas e o seus personaxes. E, cando os personaxes comezan a pensar e expresar as súas ideas, non sempre hai por que considerar que son as do escritor. Macbeth pensa unha cousa e Macduff outra totalmente contraria: as ideas do rei non son as de Hamlet. Ata o autor de traxedias é un pallaso, que toca unha triste melodía nun trombón dentado. Pero de pronto pasa ese sentimento tráxico e entón muda en bufón que fai piruetas e camiña sobre as mans. Ao que non hai que tomar en serio.

ás veces ocorre, non obstante, que un mero animador coma min séntese arrastrado, contra a súa vontade, á esfera do pensamento ‘serio’. Atópase obrigado a dar a súa opinión sobre asuntos importantes. Este impulso pode deberse a un interese repentino do público por unha das súas novelas, un libro que escribiu sen reflexionar demasiado sobre o que significaba, unha obra feita a toda presa para pagar o aluguer e que acabou tendo unha importancia que o autor non podía imaxinar. Ou pode tratarse dunha novela coa que, debido a unha preocupación ou a un enfado difícil de conter por algo que sucedía no mundo, o autor –para vergonza súa– fixo un libro menos pensado para entreter que de costume, máis un sermón, unha homilía, unha declaración con fins didácticos cando o traballo do novelista, verdadeiramente, non consiste en producir cousas semellantes. Estou escribindo nestes momentos un libro moi diferente a todos os que levo escrito, e a razón de que o estea a escribir non é tanto o interese público por unha das miñas novelas como pola película baseada nunha das miñas novelas.

a novela e a película chámanse a laranxa mecánica. Publiquei o libro en 1962 e, desde entón, tiven lectores abondo a ambos lados do Atlántico como para seguir publicando edicións. Sen embargo, 10 anos despois de que corrixira as probas da novela, o título e o contido fixéronse famosos non entre miles, senón millóns de persoas, grazas á fiel interpretación cinematográfica de Stanley Kubrik. Agora pedíronme que explique o verdadeiro significado do libro e o filme en todos os medios de comunicación de EEUU, e algúns de Europa, e a miña explicación é máis ou menos a seguinte.

en primeiro termo, o título. A primeira vez que oín a expresión ‘tan estraño como unha laranxa mecánica’ foi nun pub de Londres antes da II Guerra Mundial. É unha vella expresión cockney, que implica unha rareza ou unha extravagancia tan extrema que subverte a natureza, porque, que concepto pode ser máis estrambótico que unha laranxa mecánica? A imaxe gustoume porque era non só absurda senón cargada dun significado escuro, surrealista, pero tamén incriblemente real. A unión forzosa dun organismo a un mecanismo, dunha cousa viva, doce, en evolución, a un obxecto morto, é unha idea exclusivamente de pesadelo? Descubrín a conexión desa imaxe coa vida do século XX cando, en 1961, comecei a escribir unha novela sobre os remedios para a delincuencia xuvenil. Tiña lido nalgures que sería boa idea eliminar o impulso criminal mediante a terapia de aversión; quedei espantado. Comecei a desenvolver as connotacións desa idea nunha breve obra de ficción. O título a laranxa mecánica estaba esperando a que llo puxera ao libro: era o único nome posible.

o protagonista do libro e a película é un matón chamado Alex. Púxenlle ese nome polo seu carácter internacional (non podía haber un rapaz británico nin ruso que se chamara Chuck ou Butch) e polas súas connotacións irónicas. Alex é unha abreviación humorística de Alexandre Magno, e abríase paso coa espada para conquistar o mundo, pero acaba transformado no conquistado, impotente e mudo. Tiña a súa propia lei (lex), e convértese nunha criatura sen lex nin léxico. Estes xogos de palabras ocultos, por suposto, non teñen nada que ver co verdadeiro significado do nome Alexandre, que é ‘defensor dos homes’. Ao inicio do libro e da película, Alex é un ser humano dotado, ou quizás superdotado, de tres características que consideramos atributos esenciais dun home. Goza coa linguaxe ben construída e incluso inventa unha nova forma (nesta etapa non ten nada de aléxico); ama a beleza, que atopa sobre todo na música de Beethoven; e é agresivo. Cos seus compañeiros –menos humanos ca el, posto que non lle gusta a música–, de noite, aterroriza as rúas dunha gran cidade. A cidade pode ser calquera, pero eu imaxinei unha especie de mestura do meu Manchester natal, Leningrado e Nova York. A época podería ser calquera, pero é, en definitiva, agora. Alex e os seus amigos rouban, mutilan, violan, esnaquizan, terminan por matar. O mozo antiheroe é detido e castigado, pero o castigo non é abondo para o Estado. Como non semella que o cárcere estea a funcionar coma disuasorio fronte á delincuencia, o Ministerio do Interior introduce unha modalidade de terapia de aversión que garante, en só dúas semanas, a eliminación das tendencias criminais para sempre.

Alex, na súa inocencia, agradece a oportunidade de ‘curarse’. Ten tanta fe en que a súa libido é indestrutible que se considera capaz de facer fronte de sobra aos expertos condutistas do Estado. Inxéctanlle unha substancia que produce unha náusea insoportable e crean unha conexión deliberada entre a aparición desa náusea e uns filmes cheos de violencia que lle obrigan a ver. Cedo descubre que non é capaz de contemplar actos violentos, sen sentirse moi mal. Como facer o amor, para el, non era máis que unha faceta máis da agresión, incluso a vista dunha parella sexual desexable lle produce unhas náuseas intolerables. Obríganlle a camiñar por unha corda frouxa de ‘bondade’ imposta. A sociedade está satisfeita e prevé un milenio libre de crimes.

fotograma da película
www.lettersofnote.com
pero os homes non son máquinas, ao fin e o cabo, e separar un impulso humano doutro sempre é difícil. O tratamento de Alex ten consistido en ver películas violentas e sentir unha náusea inducida. Esas películas teñen, como ‘intensificadores emocionais’, bandas sonoras de música sinfónica. Despois do seu tratamento, o delincuente reformado atópase con que non pode escoitar a Beethoven sen sentirse enfermo. O Estado foi demasiado lonxe, ten entrado nunha rexión alén dos límites do seu pacto co cidadán: ten deixado fóra do alcance da súa vítima todo un mundo de bondade non moral, a visión da orde paradisíaca que transmite a gran música. Frenético por unha gravación da Novena Sinfonía, Alex intenta suicidarse; os elementos máis progresistas da sociedade escandalízanse e senten compaixón, Alex sométese a terapia hipnopédica que lle devolve á súa antiga condición ‘libre’ e, cando nos despedimos del, está soñando con novas formas máis elaboradas de agresión. Suponse que é un final feliz.

o que eu trataba de dicir era que é mellor ser malo por decisión propia que ser bo por un lavado de cerebro científico. Cando Alex ten poder de decisión propia, escolle só a violencia. Pero, como demostra o seu amor á música, existen outros ámbitos de elección. Na edición británica do libro, pero non na americana nin na película, inclúese un epílogo que mostra a maduración de Alex, na que aprende a sentir repugnancia polo seu vello estilo de vida, pensa no amor como algo máis que unha forma de violencia e incluso se ve a si mesmo no futuro como pai e esposo. O camiño sempre tiña existido; por fin decide emprendelo. Ten sido unha laranxa aceda e agora está enchéndose de algo semellante á decencia e dozura humana.

de verdade é tan importante o libre albedrío? É máis, sabe exercelo o home? Significa algo a palabra liberdade? Estas son preguntas que debo facer e intentar responder. Polo momento, teño que dicir que me teñen ridiculizado e reprendido por expresar os meus temores sobre o poder do Estado moderno –xa sexa Rusia, China ou o que podemos denominar Angloamérica– para reducir a liberdade do individuo. A literatura ten advertido sobre este poder, libros como un mundo feliz de Aldous Huxley e 1984 de George Orwell, pero a xente ‘sensata’, que non se deixa conmover moito pola literatura de imaxinación, sempre nos di que non temos grandes motivos de preocupación. O libro de BF Skinner alén da liberdade e a dignidade publicouse xusto cando se estreaba a laranxa mecánica nos cines, disposto a mostrar as vantaxes do que podemos chamar lavado de cerebro benéfico. O noso mundo está mal, di Skinner, cos problemas da guerra, a contaminación ambiental, a violencia civil, a explosión demográfica. A conduta humana debe cambiar –tanto, di, que é evidente, e son poucos os que non concordarían– e precisamos unha tecnoloxía do comportamento humano. Podemos deixar aparte ao home interior, o home que nos atopamos cando debatemos con nos mesmos, o ser oculto preocupado por Deus, a ánima e a realidade suprema. Debemos ver o home desde fóra, tendo en conta en particular que fai que dun acto de comportamento humano se pase a outro. O enfoque condutista do home, do que o profesor Skinner é un destacado representante, considera que se ve empurrado a realizar diversos tipos de accións por incentivos de aversión e de non aversión. O medo ao látego facía traballar o escravo; o medo ao despedimento segue facendo traballar o escravo asalariado. Estes incentivos negativos son os que condena o profesor Skinner; o que quere ver é máis incentivos positivos. Non se ensinan trucos a un animal de circo empregando a crueldade senón con métodos amables (Skinner debería sabelo, porque gran parte do seu labor experimental o ten levado a cabo con animais, e algúns dos seus logros en condicionamento animal están case á altura de números de circo profesional). Cos incentivos positivos apropiados –aos que reaccionamos, non de xeito racional, senón co noso instinto condicionado–, todos seremos mellores cidadáns, sometidos a un Estado que ten como obxectivo o ben da comunidade. Non debemos ter medo do condicionamento, di esta teoría. Precisamos que nos condicionen para salvar o medio ambiente e a nosa raza. Pero debe ser o condicionamento debido.

segundo o argumento de Skinner, un condicionamento errado é o que fai ao protagonista de a laranxa mecánica nun modelo da non agresión con todos os seus vómitos. O feito de que eu pense que calquera tipo de condicionamento está mal débese, supoño á solidez da tradición católica na que me educaron. Podería dicirse que estou condicionado por ela, pero a miña razón aproba as conviccións que sinto de xeito visceral. A miña familia procede de Lancashire, un condado no norte do país que era un bastión da fe católica. A Reforma, que fixo de Inglaterra o que hoxe é, non chegou nunca verdadeiramente alí ou, se chegou, fíxoo con suavidade e de xeito razoable, nas infiltracións pacíficas dos períodos máis tolerantes que seguiron ás sanguentas imposicións dos Tudor. O tipo de protestantismo que floreceu na época de Cromwell e xerou unha nova raza de comerciantes burgueses era calvinista. O seu núcleo doutrinal era a predestinación. O home non podía decidir a súa salvación; o seu futuro estaba predeterminado por Deus.

o catolicismo rexeita unha doutrina que semella enviar a algúns homes con arbitrariedade ao ceo e a outros –tamén con arbitrariedade– ao inferno. O noso destino futuro, di a teoloxía católica, está nas nosas mans. Non hai nada que nos impida pecar, se queremos pecar; pero tampouco hai nada que nos impida emprender as vías da graza divina que nos garantirán a salvación. O feito de que dúas doutrinas opostas –a do libre albedrío e a da predestinación– poidan coexistir nunha mesma fe relixiosa precisa certa explicación. Para comezar, está a omnisciencia de Deus. Se Deus o sabe todo, sabe se me vou a condenar ou me vou salvar: a miña última morada está reservada, por así dicir, desde o principio dos tempos. Pero se Deus da ao home o poder do libre albedrío, pode pensarse que se oculta a Si mesmo deliberadamente o coñecemento do que o home vai facer con ese poder. Un Deus omnisciente e omnipotente, como xesto de amor cara o home, limita o Seu propio poder e o Seu propio coñecemento.

Sean O’Faolain, na súa autobiografía, fala de que resolveu a súa incapacidade de conciliar o libre albedrío do home co coñecemento total de Deus un día –nun repentino destello máxico ou milagroso de sabedoría– durante un traxecto en taxi en Manhattan. O’Faolain fíxose esta reflexión: calquera acción do home era unha decisión libre ata o momento de levala a cabo. Unha vez realizada, mudaba en algo que Deus quixera. O taxista e el emborracháronse con ese coñecemento.

pero os calvinistas sempre dispuxeron dun arma de artillería pesada coa que apoiar a súa defensa da predestinación. Contra o exército do libre albedrío usan o canón da caída. Adán caeu polo pecado orixinal da desobediencia; transmitiu a culpa de dito pecado a todos os seus descendentes e os homes están predestinados a pecar, non son libres. A resposta ortodoxa é, por suposto, que Xesús morreu para liberar os homes, pero iso parecer espertar moi pouco entusiasmo no calvinismo. As teocracias construídas polos calvinistas, xa sexan cidades-estado ou comunidades enteiras gobernadas por homes santos que se proclamaban a si mesmos, sempre se teñen caracterizado por unha especie de melancolía propia de días de chuvia. Pensemos na Inglaterra de Cromwell, o Massachussetts de Cotton Mather, a Xenebra de Xoán Calvino. Para eles, unha das calidades da depravación católica era precisamente que se deixara que cada home se labrase o seu destino. De aí que se cerraran bordeis (ao contrario que nos países católicos), se prohibiran frivolidades como as obras de teatro e a literatura de calidade e se instaurase a pena de morte por adulterio. Os homes son pecadores, os homes non van evitar pecar (para que se, fagan o que fagan, están predestinados ao ceo ou ao inferno?), hai que obrigarlles a ser bos. E inda máis, ás mulleres, fillas de Eva, a traizoeira. O calvinismo está cheo de incentivos negativos.

non pretendo impartir unha clase de teoloxía elemental nin, desde logo, observar o mundo contemporáneo desde o ángulo dunha fe herdada. Limítome a tratar de demostrar que algúns termos que tomamos prestados da teoloxía teñen validez nun enfoque leigo dos nosos problemas. Dado que son unha persoa cunha fe relixiosa feble desde hai 40 anos, sería un hipócrita se predicase que, para deter a guerra e rexenerar os ríos contaminados, os homes deben volver a vista a Deus. O que estou a suxestionar é que a relixión, e disciplinas leigas ou antropocéntricas como a filosofía, a psicoloxía e a socioloxía, teñen algo en común, que é a conciencia da infelicidade permanente do home. E parecería que certas palabras de orixe antiga –como ben, mal, libre albedrío, incluso pexa orixinal– non teñen por que ser substituídas por unha terminoloxía seudocientífica só porque derivan dun enfoque teocentrista do home.

cinema.theiapolis.com
‘ti chamas nego a taboleiro de xadrez; eu chámoo branco’, di o bispo Blougram no poema de Robert Browning. Noutras palabras, unha visión optimista da vida humana é tan válida como unha pesimista. Agora ben, de que vida estamos a falar, da de toda a raza, ou da dese discreto fragmento dela que denominados eu? Creo que son optimista acerca do home: creo que a súa raza sobrevivirá, creo que –cústelle o que lle custe e inda que tarde moito– resolverá os seus grandes problemas, simplemente porque é consciente deles. En canto a min, o único que podo dicir é que me estou a facer vello, a miña vista está empeorando, os meus dentes requiren atención constante, xa non podo beber nin comer como antes, cada vez me aburro con máis facilidade. Non podo lembrar nomes, o meu cerebro traballa devagar, teño espasmos de envexa a ver os mozos e indígname a miña inminente decadencia. Se tivera unha fe inamovible na supervivencia individual, axudaríame a mitigar esta melancolía da senectude. Pero perdín esa fe e non creo que a recupere. Ás veces sinto un desexo de aniquilación inmediata, pero o impulso de seguir vivo sempre se impón. Hai consolos –o amor, a literatura, a música, a animada vida da cidade meridional na que paso gran parte do meu tempo–, pero son intermitentes. O feito de que son libre de escribir o que desexo, non teño que aterme a ningún horario, non preciso chamar señor a ninguén nin inclinarme ante el por medo. Pero unha liberdade así ten os seus propios reparos: síntome culpable se non traballo, son o meu propio tirano. As cousas que posúo agora precisábaas sobre todo cando era novo. Lembro a máxima de Goethe: ‘ten coidado co que desexas na xuventude porque conseguiralo na idade madura’.

recoñezo que estou mellor que a maioría, pero non me parece que teña renunciado á agonía e anguria que acosa os homes e mulleres escravos dunhas vidas que non teñen escollido e obrigados a vivir nunhas comunidades que odian. Penso en particular nos habitantes de grandes cidades comerciais e industriais: Nova York, Londres, Bombai, o meu Manchester natal. ‘Gañarás o pan coa súa da túa fronte’: ninguén o di tan ben como o libro da Xénese. O mantemento dunha sociedade complexa depende cada vez máis do traballo rutineiro, un traballo sen chispa nin creatividade. As cousas que comemos, as roupas que vestimos, os sitios nos que vivimos son cada vez máis homoxéneos, porque a homoxeneización é o prezo que pagamos polos prezos que pagamos. A vida segue para a maioría de nós como un reloxo duns grandes almacéns. Acostumámonos ao ritmo que nos impón a nosa necesidade de subsistir. De seguido nos chega a gustar a nosa escravitude.

un dos slogans do superestado de George Orwell en 1984 é: ‘a liberdade é escravitude’. Pódese interpretar como que a carga de ter que tomar un mesmo as súas propias decisións é, para moitas persoas, intolerable. Estar atado á necesidade de decidir é ser escravo da propia vontade. Lembro cando, con 22 anos, ingresei no Exército Británico. Ao inicio odiaba a disciplina, a desaparición da máis mínima liberdade (como o dereito a comer o que quixera e cando quixera e o dereito a ir ao retrete cando mo ditaran os meus intestinos, e non a corneta). Pronto, a miña redución a unha peza da maquinaria comezou a gustarme, a resultarme reconfortante. Ser un máis dentro do escuadrón, obedecer as ordes con todos os demais, sen dereito a facer preguntas nin poñer en dúbida as ordes: aquilo era, tras catro anos de rigorosa vida académica, ter unhas deliciosas vacacións da necesidade de estar decidindo todo o tempo. Tras seis anos de aquela vida, podo simpatizar co civil que está farto de tomar as súas propias decisións: onde comer, a quen votar, que roupa vestir. É máis doado que a un lle digan o que debe facer: fume Hale, 90% menos de alcatrán; lea esta novela, 75 semanas entre as máis vendidas; non vexas esa película, é moi pedante.

tal vez ten vantaxes ser conformista na vida social cando os nosos traballos deixan tan pouca marxe ao individualismo: causa dor ser experto en Spinoza polas noites cando se é operario nunha fábrica polo día. E no noso carácter gregario hai algo que nos fai querer adaptarnos. Incluso os que se rebelan contra o conformismo atopan un conformismo propio, o uniforme do cabelo longo, a barba, os pantalóns informais, os colares de contas ou amuletos, por exemplo, a inevitable afección á marihuana e as cancións de protesta tocadas á guitarra. Un home ten que axustarse a unha pata de traballo para poder alimentar a súa familia; pódelle parecer agradable, ou natural, ou cómodo, axustar os seus gustos sociais. Pero cando é o Estado o que impón os modelos de conformidade, entón temos dereito a estar asustados. Por desgraza, o conformismo político que conduce a un uniforme de cores, unha bandeira, un lema e unha mordaza para impedir a liberdade de expresión adoita basearse na disposición a conformarse en ámbitos non políticos.

é probable que non esteamos obrigados a amar a música de Beethoven nin a odiar a coca-cola, pero cabe a posibilidade, cando menos, de que esteamos obrigados a desconfiar do Estado. Thoreau escribiu sobre o deber da desobediencia civil, e Whitman dixo: ‘obedece pouco e resiste moito’. Neses liberais, e en moitos outros, a desobediencia é boa en si mesma. Nas entidades sociais pequenas –os distritos ingleses, os cantóns suízos–, a máquina que goberna pódese identificar en ocasións coa comunidade gobernada. Sen embargo, cando a entidade social medra, muda nunha megalópole, un Estado, unha federación, entón a máquina de gobernar vólvese remota, impersoal, incluso inhumana. Quítanos cartos para uns fins que non semellan contar coa nosa aprobación; trátanos coma estatísticas abstractas; controla un exército; sostén unha policía cuxa función non sempre semella ser a de protexer.

esta, por suposto, é unha xeneralización que pode considerarse unha sarta de parvadas baseadas en prexuízos. Polo que a min respecta, non confío nos políticos nin nos homes de Estado –moi poucos artistas e escritores o fan–, e considero que os homes se dedican á política pola razón negativa de que teñen escaso talento para calquera outra cousa e a razón positiva de que o poder sempre é apetecible. A este argumento hai que contrapor a realidade de que o Goberno elabora leis beneficiosas que protexen á comunidade e, no ámbito internacional, pode ser a voz das nosas tradicións e aspiracións. Pero o feito é que, no noso século, o Estado ten sido responsable da maior parte dos nosos pesadelos. Ningún individuo nin grupo de individuos formado libremente tería podido alcanzar as técnicas represivas da Alemaña nazi, o poder letal dos bombardeos intensivos ou a bomba atómica. Os ministerios da guerra poden pensar en termos de mortes masivas, mentres que o home medio pode aspirar, como moito, a soñar con matar ao seu xefe. O Estado moderno, tanto nun país totalitario como nun país democrático, ten demasiado poder, e seguramente facemos ben en terlle medo.

é significativo que os libros de pesadelo da nosa era non falen de novos Dráculas e Frankensteins senón do que podemos chamar distopías, utopías voltas do revés, nas que un Goberno megalítico imaxinario leva a vida humana ata uns graos infinitos de miseria. Sinclair Lewis, en it can’t happen here (iso aquí non pode acontecer), unha novela curiosamente esquecida, presenta un EEUU que se volve fascista, pero cun fascismo de calidades tipicamente estadounidenses. O presidente, cordial e enxeñoso como o humorista Will Rogers, usa as disposicións dunha constitución elaborada polos optimistas jeffersonianos para crear un despotismo que, ao inicio, a maioría ignorante considera de sentido común. A derrota dos intelectuais de pelo longo e os anarquistas estridentes sempre resulta atractiva para o home medio, pese a que pode significar a supresión do pensamento progresista (a constitución de EEUU foi obra de intelectuais de pelo longo) e a eliminación da disidencia política. 1984 – nha visión horripilante que quizá teña evitado que o pesadelo se faga realidade; ninguén espera que o verdadeiro 1984 sexa como o de Orwell– mostra o desvergonzado amor ao poder e a crueldade de demasiados líderes esconden baixo as flores da retórica ‘edificante’. O ‘partido interior’ da Inglaterra futura de Orwell exerce o control sobre a poboación a base de falsificar o pasado, para que ninguén poida apelar a unha tradición morta de liberdade, mediante a delimitación da linguaxe, para que non sexa posible formular ideas traidoras, a través dunha epistemoloxía do ‘dobrepensar’ que fai que o mundo exterior teña a imaxe que os gobernantes queren que teña, e coas simples técnicas da tortura e o lavado de cerebro.

www.fanpop.com
tanto a versión americana como a británica coinciden en supor que os instrumentos de aversión do medo e a tortura son técnicas inevitables dun despotismo que busca o control total sobre o individuo. Pero xa en 1932 Aldous Huxley, no seu un mundo feliz, demostrou que a docilidade submisa que os Estados poderosos queren dos seus súbditos é máis doada de obter con técnicas de non aversión. O condicionamento prenatal e infantil fai que os escravos sexan felices na súa escravitude, e a estabilidade imponse non co látego senón cunha satisfacción imposta por métodos científicos. Aquí, desde logo, está un camiño que o home pode emprender si de verdade desexa un mundo no que non existan guerras, nin crises demográficas, nin anguria dostoievskiana. As técnicas de condicionamento están ao noso alcance; tal vez a situación do mundo faga pronto que os homes se asusten e as acepten. Pero, segundo di Huxley a través do seu protagonista, un salvaxe sen civilizar que ten medrado nunha reserva india, a felicidade non é o que realmente desexamos. O home é, case por definición, unha criatura inqueda, creativa, destrutiva, dada á euforia e a dor. O mozo salvaxe esixe o que o mundo perfecto non pode darlle –a infelicidade–, polo que se suicida. O home, dicía G.K. Chesterton, é unha muller: non sabe o que quere. Case todos nós rexeitamos por completo os dous pesadelos, o de Orwell e o de Huxley. En certo sentido, prefeririamos unha sociedade represiva, chea de policía secreta e arames, que unha condicionada por métodos científicos, na que ser feliz significa facer o correcto. Todos nós poderiamos concordar co profesor Skinner en que unha sociedade condicionada e ben gobernada é excelente para unha raza nova, unha casta de homes que estean racionalmente convencidos da necesidade de estar condicionados, sempre que o condicionamento se basee en recompensas e non en castigos. Pero nós non somos a nova raza, e empeñámonos en non querer ser nada máis que o que somos, unhas criaturas conscientes dos nosos defectos e decididos, máis ou menos, a remedialos polos nosos propios métodos. Podemos pensar incluso en que existen dous tipos de seres humanos: nós, os homes libres ou imperfectos, e os homes novos, inda non creados (creados polo home, non pola natureza), aos que tal vez podemos chamar neoántropos; un termo de novo cuño que soa a estrangulamento. Chamar home novo a un ser da nova era, skinneriano, sería inadecuado: o gran cardinal inglés Newman revolveríase na súa tumba.

é curioso, ou quizá non, que os personaxes históricos que máis veneramos sexan os homes e as mulleres que loitaron contra a represión e incluso chegaron ao martirio por defender a razón ou o ben. Prometeo, Sócrates, Xesucristo, Tomás Moro, Giordano Bruno, Galileo: a listaxe é extensa, e a historia non deixa de aumentala con heroes como os Kennedy e Martin Luther King. É como se, contra toda lóxica, necesitáramos a intolerancia porque non podemos prescindir dos heroes. O que os grandes intransixentes fan é lembrarnos que existen certos absolutos como o ben e o mal. Foi a ocupación nazi de Francia a que fixo que Jean-Paul Sartre formulara unha nova filosofía do home que semella, inda que non o é, unha teoloxía. No seu que é a literatura?, ao falar da ‘era dos asasinos’ predita por Rimbaud, Sartre di: ‘téñennos acostumado a tomarnos o Mal en serio. Non é culpa nin mérito noso que vivíramos nunha época na que a tortura era un feito cotiá. Chateaubriand, Oradour, a Rue des Saussales, Dachau e Auschwitz téñennos demostrado que o Mal non é unha aparencia, que coñecer a súa causa non acaba con el, que non se opón ao Ben como unha idea confusa se opón a outra clara … Ao noso pesar, chegamos a esta conclusión que parecerá espantosa ás animas nobres: o Mal non pode redimirse’.

o rancio, gastado e corrupto período dos 30s en Francia representou unha especie condición mecánica, unha marcha sen pulso da máquina humana. Cando os franceses eran menos libres, baixo a ocupación, tiveron por fin a liberdade, grazas a un paradoxo tipicamente humano, de recuperar certo sentido da dignidade da liberdade humana. Xurdiu a resistencia; xurdiu a liberade suprema e irredutible de dicir Non ao mal. Este é un dereito inexistente nunha sociedade preocupada por apoiar as condutas mediante incentivos. O feito de que un home estea disposto a sufrir a tortura e a morte por uns principios é unha especie de perversidade absurda que non ten sentido no laboratorio do condutista.

todos acostumamos usar as palabras mal e malvado sen estar dispostos a definilas. Non son exactamente sinónimos de malo, porque non podemos falar dunha laranxa malvada, salvo en linguaxe poética, nin dunha interpretación malvada ao violín. Desde logo, non son sinónimos de erro nin trabucado. Sabemos recoñecer o que é correcto e o que é un erro, son termos con referentes variables; noutras palabras, o que nun momento é correcto pode ser un erro noutro. Nun período de guerra contra Alemaña é tal erro ser amigo dos alemáns que a un o pode fusilar por iso; nun período de paz, será correcto ser amigo deles ou, cando menos, non terá consecuencias. É correcto obedecer as leis vixentes en determinado momento, e é un erro desprezalas de xeito deliberado. Non podemos tomarnos moi en serio estes dous termos, porque mudan e adáptanse con frecuencia. Precisamos termos absolutos como ben e mal. A nosa actitude cara o ben inclúe unha curiosa falta de compromiso, de convicción; estamos máis acostumados a que nos digan que non fagamos o mal que a que nos animen a facer o ben.

o mal é sempre malvado, e podemos consideralo incluso esencialmente destrutivo, unha negación voluntaria e deliberada da vida orgánica. Sempre está mal matar a outro ser humano, pese a que, ás veces, sexa correcto facelo. Seguramente está mal matar calquera organismo, incluso os bois e as ovellas que precisamos para alimentarnos. Ser carnívoro non é correcto nin é un erro, cando menos na sociedade occidental; é algo neutro. O hinduísmo ten unhas ideas tan firmes sobre o carácter sagrado de toda a vida que se opón a matar calquera cousa, inda que sexa para comer e incluso, ás veces, para protexerse. É correcto usar mosquiteiros, pero non matar os insectos. Teño visto a obreiros hindús deter grandes obras de construción polo benestar dos vermes e insectos desenterrados co pico e a pala. En principio, Oriente e Occidente concordan en que toda vida é sagrada, pero Occidente ten unha postura máis pragmática ao respecto. E nunha prolongación metafórica, Occidente vai máis alá que Oriente ao considerar que está mal destruír un obxecto, sobre todo se o obxecto é unha obra de arte. Unha obra de arte é en certa medida orgánica, e rachar un cadro ou facer anacos unha estatua non é so un crime contra a propiedade, senón que é un crime contra a vida.

pódese pensar que o principio do mal é aplicable a áreas de comportamento nas que non se busca a destrución do organismo. É un erro ofrecer drogas aos nenos, pero poucos negarán que ademais é malvado: diminúe a capacidade de autodeterminismo dun organismo. Mutilar é malvado. Os actos de agresión son malvados, inda que nos inclinemos a atopar factores atenuantes no ánimo ardente de vinganza (unha especie de xustiza salvaxe, dixo Francis Bacon) ou no desexo de protexer a outro de actos de violencia posibles, inda que non sempre plasmados. Todos conservamos na nosa imaxinación ou a nosa memoria certas imaxes do mal nas que non hai o menor alivio: catro mozos sorridentes que torturan un animal, unha violación colectiva, un acto de vandalismo a sangue fría. Diríase que o condicionamento forzoso dunha mente, por boa que sexa a intención social, ten que ser malvado.

Anthony Burgess
a condición mecánica: segundo borrador, agosto 1973
© herdeiros de Anthony Burgess, 2012
tradución por @xindiriz

4.12.14

o día que só medrei ata o medio da póla

vivonunhaaldea.blogspot.com
NIN O MAL SE CANSA
NIN O BEN DESCANSA
NENA, NUNCA HAI ABONDO
(nalcando no pub Vento)

unha

fun do trinque por diante e por detrás.
a miña familia e as miñas amigas,
as veciñas e as compañeiras na ringleira
sorrían sen recato e a min inaugurábanme.
presas nas máquinas baldeiras
o miolo médralles esfandangado.
na calor daquel día de verán,
a vergoña da primeira vez molloume toda,
sen os consellos nas actas do concello.
as outras, paseantes,
coas mans divertidas na mesturanza dos sons
dunha guitarra boa e unha batería rebuldeira.
logo, chorando, no escuro da miña cama
pensei venturosa que medrara
ata chegar á punta do gromo máis novo de todos.

dúas

outro día de verán máis homes,
tamén por riba e por baixo.
vin entón que inda ía medrar,
e que mudarían as súas antefaces.
a súa influenza entretiña as intelixencias
no percorrido das covas de óso.
lista, nin berrei que me acudiran.
a miña familia e as miñas amigas,
as veciñas e as compañeiras na ringleira,
murchas e esfoladas,
tinguen o chan co sangue
que agroma máis medras que camiñan
coma un equilibrista e a súa barra,
soberbias, sen saber do xogo
e da dor no medio do meu silencio.

e tres pólas

neste souto hai moitas castes,
os monos tropicais brincan de aquí para alí
mexando as árbores todas:
a semente mergúllase
nas fonduras da madeira,
as medrosas e aldraxadas
van á miña inauguración,
coa roupa da festa e de ganchete,
empoleiradas en cada nó,
cada novo día de verán.
eu, que pensei estar na última das medras
e o único que tiven
foi unha bolsa do super,
das de tres céntimos,
chea de bágoas caladas e baldeiras
medrando regatiños enxoitos.

KILL ME, BABY,
BUT DON'T LET ME SUFFER THE FEEL OF THE STEEL
(nalgures nalcando nunha canción)

galegos estranxeiros no mundo

Xosé Crespo Iglesias
www.lecherialatina.com
circula estes días polas redes sociais un vídeo de felicitacións do Nadal do Alcalde de Lalín á comunidade galega de Deza no estranxeiro. Sobre o contido do mesmo, que debuxa un Lalín de vangloria excelsa, mellor non dicir nada, ou case nada, lembrándome o conto de HC Andersen, ‘o traxe novo do emperador’.

eses veciños e veciñas son ademais, en parte, estranxeiros naqueles países que residen. Acollidos para traballar e crear os seus proxectos de vida da maneira máis digna posible, obrigados a marchar pola historia ben coñecida por todos, da emigración galega tinguida de fame e da represión do réxime franquista. Os nosos emigrantes tamén padeceron, en boa medida, graves problemas de integración, uns lograron certo éxito e moitos viviron da miseria, e do que o uso pexorativo e despectivo do termo ‘galego’, alá en Sudamérica, nos da idea do duro que puido ser a súa morriña.

por outra banda, son curioso de coñecer a realidade que rodea a aqueles cidadáns do mundo que por circunstancias da miseria e pobreza estrutural dos países dos que proceden tentan agarrarse a unha oportunidade dunha vida máis digna. Fai uns meses falando cuns mendicantes chegados de países do leste dicían que se viran obrigados a marchar condenados por fortes inundacións que destruíran os seus cultivos, e dada a súa condición de pobres, as posibilidades de recuperación nos seguintes anos sucumbían ante a fame. A fame e o frío fanse máis fortes canto máis pobres. E conduce a tan inmensa desesperación que con tristeza se ven obrigados a abandonar o seu, as súas xentes, coa dureza de saber que quizás non regresen. Afirman que por mal que lles poidan estar aquí as cousas, incluso ata mendigar é moito mellor que ser campesiño pobre alá. Todas esas persoas teñen unha historia, pero ante todo son cidadáns, estean onde estean, e suxeitos a un dereito na protección das persoas.

pero quedo desencaixado pola, quero pensar desafortunada, declaración do Alcalde, onde pide un endurecemento do código penal para os estranxeiros que delinquen. Un exabrupto sobre discriminación e desigualdade, que desvirtúa a condición universal de persoa e cidadán, unha declaración impropia de quen ven (político máis ben centrado na cousa municipal e non tanto dos debates parlamentarios en materia lexislativa, agás que estea a pensar en redefinirse politicamente), que merecería aclaración e rectificación. Sería o lóxico.

non é tolerable que se establezan por lei efectos penais con distinción entre cidadáns dunha clase ou outra, en función do seu arraigo patrio, e para uns garantir dereitos fundamentais e a outros articularlles unha reserva legal de negación de certos dereitos que por riba denigran a súa condición de persoa, simplemente por non ser nacional, privándolle das garantías penais e procesuais que inspiran o noso sistema penal.

algúns expertos en dereito penal consideran que a adopción de medidas coma a expulsión, como pide o alcalde, implican xuridicamente identificar ao estranxeiro (o pobre) coma individuos potencialmente perigosos, e que no caso de delinquir poderían quedar excluídos de calquera fin de reinserción, nunha medida que se podería considerar inconstitucional, debido a que os principios da política penal deben gardar coherencia co mandado constitucional de reeducación e rehabilitación social (artigo 25) que se espera da aplicación das penas. A priori estableceríase un elemento claro de indefensión para estas persoas, medida que tamén resultaría contraía a  outro principio constitucional, o do artigo 24, que ampara a todas as persoas a ter dereito a obter unha tutela efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, sen que, en ningún caso, se poida producir indefensión.

www.farodevigo.es
poderíase pensar que se trata dunha declaración illada pero lamentablemente o tema non é novo, e coincide cos movementos do goberno do PP que está a impulsar neste ámbito un conxunto de reformas do Código Penal, da Lei de Estranxeiría e da Lei de Seguridade Cidadán, non sen polémica e tenso debate parlamentar no Congreso, e acompañada de mobilizacións de distintas plataformas cidadás na rúa.

esta reclamación de endurecemento do Código Penal, casualidade ou non, pero en liña coas teses do goberno, dispensa un trato discriminatorio e inxusto contra eses dereitos fundamentais das persoas que tamén quereriamos parar todos aqueles galegos que temos na diáspora.

MARTIÑO NERCELLAS MÉNDEZ

3.12.14

manifesto contra o racismo

xente despedindo a xente
www.elmundo.es
no artigo 'la cara amable de la emigración gallega'
ante as recentes manifestacións públicas do Alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, @s abaixo firmantes queremos manifestar a nosa repulsa contra unhas declaracións que consideramos inxustas, descoñecedoras da realidade e fomentadoras dunha cultura xenófoba e violenta.

nun momento como o actual, onde nos últimos anos se veñen destapando a diario actos de corrupción, roubo, e estafas xeneralizadas por diferentes persoas con importantes responsabilidades en Concellos, Diputacións, Caixas de Aforro, empresas públicas e privadas, persoas que raramente son estranxeiras.

nun momento no que as persoas inmigrantes en todo o mundo, e particularmente en España, son sometidas a actos de violencia institucional denunciados pola sociedade e por diferentes asociacións, colectivos e institucións internacionais (devolucións “en quente”, cuchillas nas vallas, disparos a persoas que están afogándose, torturas en CIEs, redadas e deportacións masivas,  …).

terceirociclo-arzua.blogspot.com
nun momento no que milleiros de galegos se ven obrigados a coller a maleta e emigrar como o fixeron xeneracións de galegos que nos precederon.

nun momento no que movementos xenófobos agroman en países como Francia, Suíza, Reino Unido ou Alemania.

nun momento, en fin, no que como en calquera momento histórico, a xente se ve obrigada a deixar casa e país por intereses económicos das corporacións internacionais, … nese momento, o Alcalde de Lalín vén fixar a atención e reclamar endurecemento das penas.

pois non, os vecinos de Lalín, fillos, netos e bisnetos de emigrantes, decímoslle á sociedade que as víctimas non deben ser tratadas como verdugos.

decímoslle a Xosé Crespo que non queremos que fomente o racismo nin a violencia desde o cargo polo que representa ao noso pobo.

esiximos que pida disculpas polas manifestacións nas que pide endurecemento de penas para os inmigrantes, e que recoñeza públicamente a aportación que os inmigrantes teñen feito ao noso pobo e a Galicia enteira.

texto de 'miguel fernández taboada'

visitantes