28.11.14

Juan Goytisolo e 'as mil e unha noites'

Juan Goytisolo
es.wikipedia.org
as mil e unha noites é o ‘libro da vida’ que contén todo, con esporas que fecundaron boa parte da literatura. Os seus relatos semellan en parte os diagramas florais de Vanuatu, eses relatos gráficos debuxados na area, sen xenealoxía que, como os de as mil e unha noites gardan nos seus labirintos o segredo da nosa orixe. Unha orixe cultural que nos fai a todos irmáns.

que ten as mil e unha noites para ser ese libro seminal, un ‘polen narrativo’?

é o conto dos contos. A súa orixe está no sánscrito, e inda que o número de relatos e a historia varían segundo os países, sempre permanecen dentro dun relato marco. Na India, por exemplo, a historia arranca cun rei que busca un mozo de face luminosa, belo, educado e elocuente, e envía o seu visir a buscalo. Cando o atopa inician o regreso ao reino, pero xa embarcados, o mozo lembra que esqueceu algo, volve a casa e atopa a súa muller cun escravo, mátaos e o seu rostro queda demudado. Cando o rei o ve, exclama: ‘este mozo non corresponde ás características que eu pedía!’ O visir explícalle que perdeu a luz de súpeto e o rei ordena que os médicos o coiden. Finalmente o mozo conta ao rei o acontecido e ambos saen xuntos en busca de aventuras … A partir de aí iníciase como o relato dun relato que vai mudando segundo as versións.

e cando aparece Sahrazad?

hai textos nos que é a irmá de Sahrazad a que conta e esta apóiaa no relato. Segundo as versións vense as diferentes transformacións ata chegar ao relato canónico de as mil e unha noites: o rei Sharayar, un rei xusto ao que os seus súbditos amaban, tiña un irmán que era rei dun pequeno país e un día regresa de improviso á súa casa e descubre a súa esposa cun escravo negro e mátaos. Entón vai a ver o seu irmán, o rei Sharayar, e estando en palacio, desde a ventá, ve que a muller de seu irmán con outras vinte mozas son posuídas por vinte escravos negros, comprende entón que o que lle aconteceu a el é moito menos grave do que lle pasa a seu irmán, recupera a ledicia, e finalmente cóntallo todo ao rei Sharayar. Este ordena matar todos os escravos, as mozas, a muller, … E os dous irmáns parten de viaxe e no camiño atopan unha especie de xenio que se eleva coma unha columna de fume e deposita nun baúl no que hai unha muller que fai que o xenio se durma, a continuación pídelles aos dous irmáns que fagan o amor con ela ou ameza con espertar o xenio. Os dous fanlle o amor e ela róuballes o anel, e dilles que ten un por cada amante e ten xa como 500 aneis. Ela recoméndalles que non crean nunca as mulleres, e faino para vingarse do xenio que a raptou … A partir de aquí entramos no máis interesante: o rei Sharayar ordena que lle traian unha virxe cada día, desflóraa e mátaa a continuación, é dicir, muda de súpeto nun asasino en serie, nun monstro, cando ao inicio do relato era xa un rei xusto amado polos seus súbditos. Chega un momento no que o seu visir xa non atopa máis virxes e aquí aparece a súa filla Sahrazad, que lera mil libros nos que se contaban as historias dos reis antigos, de pobos extintos, unha muller cultísima, e ela mesma se ofrece para ir co rei e pide só que lle acompañe súa irmá para axudala. Despois de facer o amor con el dille: non quere que lle conte unha historia extraordinaria e marabillosa?’. O rei acepta e así comeza as mil e unha noites.

o rei é aplacado finalmente grazas á literatura.

si, e grazas a ela, Sahrazad salva a vida de seu pai o visir, pero salva tamén a vida de todas as mozas. É a cultura, son todos estes contos marabillosos os que van adormecendo e apagando pouco a pouco o furor destrutivo do rei. Sahrazad é sempre a narradora, ela nunca é narrada, así ao final dille ao rei que durante o tempo que contou os seus relatos tivo tres fillos e como nai debía ocuparse deles. Entón o rei dille que xa a perdoara había moito tempo, e volve outra vez a quedarse manso e feliz con ela. E esta é a historia. O interesante é ver a evolución da crueldade, o irmán conténtase só con matar, nun acceso de cólera, a súa muller e o escravo, pero Sharayar é moito máis perverso porque estende o seu odio a todo o xénero feminino ata que é amansado. No relato non hai ningunha explicación psicolóxica, é puro relato, pero o interesante é ver o que hai detrás.

o que sorprende deste relato infinito é que fascina a intelectuais e estudosos pero tamén atrae a un extracto moi popular. Por que?.

porque hai toda posibilidade de lecturas. É un tránsito continuo do oral ao escrito e do escrito ao oral. A orixe clara ven da península da India e de Persia, e son relatos orais que logo eran postos por escrito, pero o autor nunca se coñece, non hai autores. O que conta é o relato e o transmisor. É unha cadea de transmisores, adaptadores, oíntes, narradores, … Pero ao non haber autoría non hai autoridade. Esta é a marabilla de as mil e unha noites, que non é como estes relatos, que están na orixe das relixións monoteístas, que son o que son, como un credo. Este non, ao revés, permite todo, non pode haber un manuscrito apócrifo porque todo o mundo engade e quita cousas. Nesta galaxia de relatos que van da India a Persia, de Persia a Bagdad, hai historias de orixes moi diferentes que se relacionan con outras que se van transmutando e que se poñen por escrito a partir da invasión mongólica. Agora hai varios manuscritos e unha tradución recente de as cen e unha noites, un texto atopado en Magreb, que eu comparo co relato de as mil e unha noites. É máis elemental, menos elaborado e facilita máis o relato oral en zocos.

é un relato netamente oriental ou atopou ramificacións na cultura occidental?

desde logo é de orixe india e quizás ata de Extremo Oriente porque se fala das illas de China. Logo ten influencias e relatos de orixe persa; outros, polo contido, son dun autor xudeu ou cristián, hai propaganda relixiosa musulmá pero hai relatos cunha voz moi favorable aos xudeus … Outros presentan en pé de absoluta igualdade a xudeus, musulmáns e cristiáns … É dicir, que dentro do relato existe unha tolerancia que amortece o rigor das tres relixións monoteístas. Contén episodios de civilidade que son extraordinarios.

debe este libro algo á realidade ou hai que falar de pura imaxinación?

é unha mestura de ensinanzas, de exemplos morais e desde logo de fantasías. Obviamente as fantasías son case sempre masculinas e o punto de vista que predomina é o dos homes, pero hai relatos, como o das illas das Mulleres, que son elas as guerreiras e as gobernantes. É o mito das amazonas que se atopa no continente indio en diferentes versións. Hai contos enteiros sobre as diferenzas dos sexos e ás veces é a muller a que pon en ridículo aos varóns. Lembro un diálogo moi belo sobre como as mulleres conciben ao varón, que lles gusta máis para facer o amor, unha que prefire mozos e outra que, ao revés, lle gustan os homes fortes e bigotudos …

falando de xéneros, que lugar ocupa a muller no relato en relación ao seu lugar actual no mundo árabe?

o interesante é que hai tal variedade de puntos de vista que non se pode establecer unha norma. Este libro exclúe toda conclusión, é un libro inacabado e inacabable porque se vai creando de novo. Ao dar o curso xa estou engadindo o meu punto de vista; é dicir, que todos somos adaptadores ou lectores e non hai un punto de vista determinado. Hai que ter en conta a época na que se escribiu, non podemos falar co nivel cultural de agora e aplicalo ao pasado. Ata o s. XIX a escravitude era normal, os meus avós eran escravistas, así, tranquilamente. A concepción da muller agora é diferente, pero alí hai elementos que proban que nalgúns casos é a muller a que domina. E non esquezamos que finalmente é a cultura de Sahrazad a que se impón á brutalidade do rei.

a cultura é capaz de aplacar ao cruel Sharayar. Pódense extraer ensinanzas para o momento cultural español?

no relato a cultura é a vencedora, pero actualmente atravesamos unha etapa moi dura para a cultura, que se está transformando nunha especie de espectáculo ou simulacro. Eu creo que a auténtica cultura segue, e sempre atopas xente, máis en Iberoamérica que en España, pero atopas xente motivada polo feito literario, inda que é difícil prognosticar o futuro nunha época de cambios tan vertixinosos como a actual.

veja.abril.com.br
cre que este estado da cultura en España pode mellorar co partido socialista no Goberno?

en España houbo unha transición democrática cos límites que coñecemos, pero non ten habido unha transición cultural. E ese é o problema. Hai una serie de campos tabús con respecto ao pasado que Márquez Villanueva mostra moi ben en relación co carácter mudéxar dos tres primeiros séculos da literatura castelá e catalá. O problema das castas, que é fundamental para entender a literatura dos ss. XV, XVI, XVII, e logo o tema erótico. Unamuno e Menéndez Pelayo sostiñan que a literatura castelá era casta, e non o ten sido. A xente ignora totalmente o cancioneiro de burlas que está cheo de poemas obscenos, moi divertidos. Logo están as traducións: por exemplo, hai unha edición do lapidario afonsino, que é extraordinario, son receitas para todo, para facer que o teu home non te engane con outra, para que te poidas deitar con todas as mulleres do mundo, para que te poidas deitar con todos os homes que che pete, se es mozo e queres ser efeminado, para ser moito máis efeminado do que es … isto está traducido na época de Afonso X, é dicir, que o que negue que había esa cultura que lea este lapidario moi avanzado con respecto aos costumes …

e que se precisa para realizar esta transición cultural?

deberíase abandonar esta imaxe, imposta polo nacional catolicismo a partir de 1898, que é incapaz de abarcar a riqueza do propio contido da tradición. Cando me din que son un heterodoxo fanme rir, non o son en absoluto, eu incorporei unha serie de autores que estaban abandonados na beira do camiño e pertencen a todos, o caso de Blanco White é ben claro. Por que non se estuda o cancioneiro de burlas? Para min é un libro extraordinario, alí está o relato de carajicomedia, dunha obscenidade deliciosa e unha extraordinaria ironía. Son verdadeiras xoias e non se estudan. Fun o primeiro en dar un curso en EEUU sobre a lozana andaluza e sei que alguén me acusou de dar un curso pornográfico.

o seu abandono, cando menos momentáneo, da ficción ten que ver co seu empeño na revitalización dos clásicos?

non escribín nunca por encargo. Cando teño que dicir algo dígoo e se non teño nada que dicir fago outra cousa. De momento non teño ningún proxecto narrativo, pero si teño moitos intereses literarios. Son unha persoa que le continuamente, releo, e se de súpeto sinto que teño a necesidade de dicir algo novo direino. Por outra banda, sobre os temas que teño tratado nos últimos 30 anos, como a inmigración ou a relación entre a cultura europea e a cultura árabe, o que quería dicir xa o teño dito e abúrreme cando me piden falar sobre o mesmo. Sempre digo que os políticos poden e deben repetirse, os escritores non.

esa actitude está relacionada co seu compromiso coa palabra?

o escritor debe ter un respecto inmenso cara a palabra e tomala como algo vivo, como algo mutante. O fundamental nun escritor é devolver á cultura á que pertence unha linguaxe diferente á que ten recibido dela ao comezar a súa creación. Isto é para min a norma, se non teño engadido nada novo ao corpus da literatura podería non ter existido e a miña existencia ou inexistencia non tería a menor importancia. O que conta é ese algo que se engade, inda que non é o autor quen o pode dicir, dirao a posteridade. Eu fago unha lectura crónica, e isto viuno moi ben Azaña, unha cousa é a actualidade e outra a modernidade. O actual hoxe non será actual mañá e o de onte é o de hoxe. A modernidade circula a través das épocas. Obras como a lozana andaluza ou a celestina para min son absolutamente modernas, léoas como contemporáneas. En cambio, hai obras de contemporáneos meus que non pertencen á época literaria na que eu escribo.

instalado definitivamente en Marrakech e vendo a súa vida un pouco en perspectiva, que lle debe a esta cidade, a este país?

a miña gran sorte foi irme de España moi novo. Compensei a ausencia de contacto coa sociedade española cun contacto moito máis forte coa súa cultura. A visión dunha cultura á luz doutras culturas é sempre interesante. Volvendo ao exemplo de as mil e unha noites, cando os escritores europeos descubriron o texto estaban entusiasmados e os árabes inda a consideraban unha obra menor, e isto é o que ten acontecido en España. As grandes creacións da cultura española ás veces teñen sido descubertas fóra, é a mirada allea a que nos descubre cousas que non somos capaces de ver por nós mesmos. Isto aprendino moi cedo e sempre procurei vivir a miña vida e a literatura. Participei uns catro ou cinco anos na vida literaria parisiense pero por fortuna distancieime a tempo e non me convertín nun escritor máis, que publica un libro ao ano e que corre detrás de premios literarios. En canto a este país, é o lugar onde podo á vez vivir e traballar, ler e ver o que me interesa. Noutra cidade seríame moi difícil. E, quen sabe onde terminarei os días? Ninguén o sabe. O único que me asusta é o traslado de osos e todo este tipo de cerimonias que me parecen horrorosas. Cando un desaparece o mellor é que desapareza sen tumba e sen nada.

o visado da serpe.

había unha vez un encantador de serpes que invitado a Europa para demostrar a súa arte non podía viaxar porque a súa serpe carecía do visado necesario para cruzar a fronteira … Non é un conto, inda que esta historia apareza no contexto dunha conversa sobre as mil e unha noites, é un dos temas cotiás que Juan Goytisolo resolve desde a súa improvisada xestoría nun café da praza de Jemaa el Fna en Marraquech.

hoxe tocoulle ao encantador de serpes, mañá será o vendedor de zumes e outro día tocaralle ao médico que teme perder o seu toldo, no centro da praza, baixo a cal, ante a vítrea mirada dun esqueleto escolar, pasa consulta aos seus pacientes. ‘todo é posible nesta cidade incrible,’ repite o escritor a cada paso, e axudarlles a resolver os seus problemas é a forma que ten o autor de telón de boca de devolverlles todo o que esta praza única no mundo lle da. Contáronme unha preciosa que reproducín en crónicas sarracenas: Xhá, un mozo listo e inocente á vez, saíu de viaxe, pillouno a noite lonxe de casa e –o mozo, de 12 ou 13 anos, era moi atractivo– tiña que durmir nun cuarto de homes, fíxose unha composición de lugar e pensou: ‘de aquí non salgo virxe’. Así, cando anoiteceu foise ao mercado, mercou sopa de fabas, un potaxe moi espeso, e cando apagaron a luz, tirouno polo seu pantalón. Cando o seu veciño, atraído pola súa xuventude, avanzaba a súa man pecadora, tocou esta substancia, retirou a man e así todos os que tentaron meterlle man fóronse lonxe inmediatamente. Grazas a esta astucia puido preservar a súa integridade. Hai historias parecidas en todos estes relatos, que se van transmitindo e transmutando … A min fascíname, hai un continuo cambio entre o relato oral e a literatura.

os mellores lectores do libro dos libros.

‘o erotismo de as mil e unha noites é moito máis cru que o do arcipreste, por exemplo. Aquí hai un problema coas traducións porque algunhas delas censuran o texto orixinal. Por exemplo a de J.A. Galland curta os episodios máis crus por pudor, os relatos tiveron un éxito inmenso en toda Europa, pero el censurábaos. Igual que censurou E.W. Lane. Sen embargo, hai traducións que, ao revés, engaden, como a de Mardrus e sobre todo a de R.F. Burton, detalles máis crus que os do orixinal. En canto ás fantasías eróticas concretas temos por unha banda o exemplo do escravo negro, obviamente hai un elemento de racismo, pero tamén é un fantasma sexual que pertence tanto a Occidente como aos árabes. Considerouse aos negros inferiores, pero, ao mesmo tempo, na fantasmagoría masculina, se lles considera máis potentes sexualmente. Tamén aparece a insaciabilidade da muller, que provoca actitudes ás veces críticas e ás veces unha especie de envexa. A homosexualidade é tratada máis ben dun xeito irónico, hai historias moi divertidas en relación co cambio de sexo, tamén o relato do traxe que logo aparece en toda a literatura do Século de Ouro: a rapaza abandonada polo seu amante que se viste de varón e vive ao seu lado sen que este se decate de quen é a amada á que abandonou.

recursos dixitais:

extenso e documentado ensaio de Rafael Cansinos Assens, en tres entregas, sobre as orixes, autoría, introdución en Europa, traducións, valores literarios e personaxes de as mil e unha noites. Publicado por enfocarte, revista dixital, é só unha parte dun máis amplo estudo literario e crítico sobre o libro.

a Biblioteca Digital Ciudad Seva (Porto Rico) conta con dúas versións de as mil e unha noites en castelán. A primeira é unha selección das súas historias máis coñecidas, a outra é a versión íntegra do libro.

el sur, o mítico relato de Borges no que rende repetida homenaxe ao feitizo de as mil e unha noites, ás que tamén dedicou un afamado ensaio sobre os seus tradutores (incluído en Historia de la eternidade).

un monumental centro de recursos dixitais sobre o libro. Destaca o seu espazo dedicado a rastrexar a súa influencia en todas as ramas da cultura.

reprodución de páxinas, ilustracións e portadas das edicións máis renomeadas, incluíndo o manuscrito usado para a súa primeira tradución en Occidente de Antoine Galland.

arabian nights books: a historia e influencia deste libro a través dalgúns dos seus principais ilustradores, tradutores e editores.

Juan Goytisolo: ‘las mil y una noches’ es la semilla de la literatura universal (babelia, 17 xullo 2004, páxinas 2–4)

deturpación por @xindiriz

ARTIGOS DE JUAN GOYTISOLO
la santidad de Genet (babelia, 03 xaneiro 2009), sobre os 50 anos da publicación de diario del ladrón e Jean Genet

No hay comentarios:

visitantes