30.10.14

ilp en defensa dos dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellora da calidade do ensino en Galiza

onosolar.net


PROPOSICIÓN DE LEI, POR INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR, DE MEDIDAS PARA RESTITUÍR OS DEREITOS LABORAIS, PROFESIONAIS E RETRIBUTIVOS DO PROFESORADO E MELLORAR A CALIDADE DO ENSINO EN GALIZA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A crise económica foi utilizada como pretexto para acometer graves ataques contra o ensino público, reducindo os seus orzamentos e acrecentando a súa privatización e mercantilización. Desmanteláronse os avances que se foran conquistando e a política educativa encamiñouse a recortar e a reducir a calidade do ensino público, pondo en tea de xuízo o dereito á educación e desterrando a igualdade de oportunidades. Asistimos a un permanente ataque ao ensino público e ao desprestixio do profesorado, mentres se reforzaban e ampliaban os concertos educativos, mantíñanse os dos centros que segregan o alumnado por razón de xénero e perpetuábanse diferentes mecanismos para desviar o alumnado e o diñeiro público ao ensino concertado.

O profesorado viu minguados os seus dereitos laborais, salariais e profesionais. Os seus salarios foron reducidos en máis dun 20%, elimináronlle e reducíronlle as pagas extraordinarias, descontáselle parte do seu salario ao enfermar, suprimíronse as licenzas por estudo, ampliouse o horario lectivo e foi abrigado a realizar funcións alleas á súa profesión, como vixiar o alumnado que utiliza o transporte escolar. Entre outras medidas, a Consellaría eliminou unilateralmente os acordos asinados coas organizacións sindicais.

Durante estes últimos anos, constatouse a supresión de numerosas unidades no ensino público, incrementáronse as ratios e os agrupamentos do alumnado de diferentes idades e niveis educativos, numeroso alumnado de formación profesional non pode estudar o ciclo formativo de FP que desexaría e máis de 4000 familias non teñen praza para os seus fillos e filias no primeiro ciclo de educación infantil en centros públicos. A supresión de prazas de profesorado é unha constante. Os cadros de persoal reducíronse en máis de 3000 docentes, impedindo así a adecuada atención á diversidade e ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. A oferta de emprego público desapareceu ou foi insignificante, se ternos en conta os milleiros de profesores e profesoras que se xubilaron nestes últimos anos. Cada vez é máis o profesorado que ten que impartir materias das cales non é especialista, co deterioro correspondente da calidade de ensino.

Durante estes anos, lexislouse en sentido adverso á consecución dunha educación inclusiva e equitativa. Desterrouse a igualdade de oportunidades e a educación non permitiu eliminar as desigualdades sociaIs e funcionar como elemento de cohesión social. Así por exemplo, o Decreto de creación de centros plurilingües, o Decreto de admisión de alumnado, o Decreto de comedores e a supresión da gratuidade dos libros de texto supuxeron discriminacións e acrecentaron as desigualdades. A supresión da gratuidade do uso do comedor para o alumnado con dereito ao transporte escolar, e o incremento desorbitado dos prezos agudizaron, máis aínda, a marxinación de amplas capas sociais en momentos de crise como o actual.

Este panorama involutivo e de recortes constantes no ensino público en galiza agrávase agora coa aprobación da Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE). Trátase dunha contrarreforma que impregna todo o sistema educativo dos principios que sustentan a ideoloxía neoliberal, que españoliza aínda máis o sistema educativo, afonda na confesionalidade, conforma un sistema educativo máis selectivo e clasista, segrega o alumnado, desconsidera o profesorado, elimina a xestión democrática dos centros, mercantiliza a educación, garante o dereito do alumnado a non recibir aulas no noso idioma e nega o dereito a un ensino galego e laico. Proxecta un ensino orientado cara ao éxito escolar só para o alumnado con maiores facilidades económicas e sen carencias na aprendizaxe e conduce o alumnado das clases sociais populares ao fracaso escolar. Cómpre, mentres non se derrogue a LOMCE, procurar que a súa aplicación sexa o menos nociva posíbel para o ensino público en Galiza; por iso se propoñen diferentes proposicións encamiñadas a evitar a súa aplicación, co obxecto de facilitar un ensino máis equitativo e ao servizo de todas as galegas e galegos.

O vixente Decreto 7912010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, atenta abertamente contra o proceso de normalización lingüística e significa unha involución manifesta para o noso idioma, malia a xa cativa presenza do ensino en galego. Desterrou o ensino no noso idioma na educación infantil nos ámbitos español-falantes e prohibiu a ensinanza en galego das materias técnico-científicas que poderán ser impartidas en inglés. A Xunta de Galiza non atendeu as recomendacións da diferentes organizacións de todos os ámbitos da sociedade e de institucións como o Consello Escolar de Galiza, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura e as Universidades para que se derrogase o decreto e se retomase o Plan Xeral de Normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza no ano 2004. Malia ter sido anulado xudicialmente nalgúns dos seus aspectos máis regresivos, o actual Decreto de plurilingüismo supón unha verdadeira ameaza para o futuro normalizador da lingua galega e non garante a competencia do alumnado para o seu uso. Mais a persecución do noso idioma non se centra exclusivamente na aplicación desde decreto, senón en toda a política lingüística da Xunta de Galiza. Suprimiuse a obriga de, como mínimo, realizar unha das probas en galego para acceder á función pública, desmantelouse o modelo de educación infantil das Galescolas, os orzamentos dedicados á lingua galega decreceron en máis do 70% desde o ano 2009, reducíronse as axudas aos equipos de normalización, despediuse o profesorado que impartía os cursos preparatorios para presentarse aos Celga, etc. Imponse, por tanto, derrogar o Decreto 7912010, do 20 de maio, e pór en marcha o Plan Xeral de Normalización da lingua galega, conxuntamente con diferentes medidas que promovan e potencien o ensino en galego, co obxecto de conseguir a plena normalización da nosa lingua.

Cómpre recuperar e restituír todos os dereitos laborais, salariais e profesionais que lle foron arrebatados ao profesorado durante estes anos, así como recoñecer e valorar a función docente, reforzar o marco galego de negociación e negociar un estatuto do profesorado galego.

Hai que planificar un sistema educativo galego en función das nosas necesidades e intereses, enraizado na nosa realidade nacional, que garanta un sistema educativo universal, imprescindíbel para conseguir unha sociedade máis xusta e democrática que asegure unha educación pública de calidade, baluarte dun ensino científico e laico. Para ¡so, é crucial a elaboración dunha leí do sistema educativo galego que asegure servizos complementarios e actividades extraescolares en todos os niveis, o financiamento necesario, a redución das ratios e recursos e profesorado suficiente. Un sistema educativo que facilite os recursos compensatorios necesarios para conseguir a igualdade de oportunidades, que forme cidadáns e cidadás libres e solidarias, unha educación ao servizo dos galegos e galegas e da transformación social para acadar un ensino unicamente público, galego, laico e democrático.

TÍTULO 1. DISPOSICIÓN XERAIS

Artigo 1. Fomento do sistema educativo galego.

1. O Goberno galego elaborará un proxecto de lei de educación de Galiza, en función das nosas necesidades e intereses e de acordo coa nosa realidade social, cultural, económica e lingüística. Asegurará o dereito universal de todos e todas as galegas a unha educación pública.
2. O Goberno galego ofertará un número de prazas suficiente en todos os niveis educativos dos centros públicos e garantirá que todos estes centros conten coa dotación de recursos materiais e humanos e de profesorado suficiente en todas as especialidades para asegurar unha calidade educativa para todos e todas.
3. O Goberno galego instará o Goberno estatal para que modifique a lexislación educativa actual, co obxecto de promover a eliminación dos concertos educativos e prohibilos en centros que segregan alumnado por razón de xénero.
4. O Goberno galego instará o Goberno estatal a derrogar a Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE), co obxecto de asegurar un ensino público, galego, laico, coeducativo e democrático.
5. A Xunta de Galiza instará o Goberno estatal para que modifique a lexislación básica, co fin de facilitar un ensino laico, no cal a difusión da fe relixiosa e a materia de relixión non forme parte do currículo escolar.
6. A Xunta de Galiza restituirá, en aplicación da presente Lei, os dereitos laborais e salariais dos docentes e garantirá unha dotación suficiente na educación pública para facer real e efectivo o dereito universal e gratuíto a unha educación pública e de calidade.

TÍTULO II. DEREITOS LABORÁIS E PROFESIONAIS DO PROFESORADO

Artigo 2. Recoñecemento do traballo do profesorado.

1. A administración educativa galega elaborará, previa negociación coas organizacións sindicais, un estatuto galego da función pública docente.
2. O Goberno galego garantirá a negociación, no ámbito da Mesa Sectorial Docente non Universitaria, de todas as cuestións relacionadas coa profesión e coas condicións de traballo dos e das docentes. Con ese obxecto, promoverase un acordo-convenio para todo o profesorado galego.
3. O profesorado non impartirá materias das cales non sexa especialista, sen que isto supoña diminución das súas retribucións.
4. A Consellaría de Educación restabelecerá a aplicación do acordo asinado no ano 2007, entre a Consellaría e todas as organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial Docente non Universitaria, que estabelece os criterios para fixar os cadros de persoal dos centros que imparten ensinanzas de infantil e/ou primaria e o horario do profesorado destes niveis.
5. A custodia do alumnado, no período de tempo que transcorre desde a chegada do alumnado transportado e o inicio da actividade lectiva e desde que remata a actividade escolar até a saída do transporte escolar, será atendida por persoal específico non docente, por non seren estas funcións propias do profesorado.
6. A Xunta de Galiza instará o Goberno estatal a facilitar e gratificar a xubilación anticipada do profesorado que teña feitos 60 anos de idade e 25 anos de servizo ou que teña realizados 35 anos de servizo, coa finalidade de facilitar a incorporación de novo persoal ao ensino, crear emprego e recoñecer o traballo docente.

Artigo 3. Recuperación dos salarios do profesorado.

1. O Goberno galego instará o Goberno do Estado a derrogar a lexislación que reduciu o salario do profesorado.
2. A Xunta de Galiza tomará as medidas necesarias para restabelecer os salarios e as pagas extras completas do profesorado, que lle foron reducidas desde o mes de xuño de 2010, coa súa correspondente actualización, segundo o IPC resultante desde o ano 2010 até hoxe.
3. A Xunta de Galiza garantirá a cláusula de revisión salarial para garantir, como mínimo, a suba anual dos salarios do profesorado igual ao IPC.
4. Restabelecerase o acordo entre a Xunta e as organizacións sindicais para que se destine o 1 % da masa salarial do Capítulo 1 dos orzamentos da Xunta de Galiza ao Fondo de Acción Social.
5. O profesorado percibirá o 100% de todas as retribucións desde o primeiro día de incapacidade temporal (IT).

Artigo 4. Creación de emprego.

1. Convocaranse ofertas amplas de emprego no ensino para dar resposta ás necesidades dos centros e para rematar coa precariedade e temporalidade do profesorado.
2. Suprimirase o límite da taxa de reposición do 10% das vacantes existentes. A administración educativa ofertará, como mínimo, todas as vacantes producidas e creará as necesarias para unha atención educativa de calidade.
3. A Xunta de Galiza dotará todos os centros de persoal administrativo, educadores e educadoras sociais e coidadores e coidadoras, así como doutros perfís profesionais, onde sexa necesario.
4. O profesorado con cinco meses de servizo no curso escolar terá dereito a percibir as retribucións dos meses de vacacións escolares do verán.

Artigo 5. Horario do profesorado e xornada lectiva.

1. Estabelecerase unha xornada laboral de 35 horas para todo o profesorado, das cales 30 horas serán de dedicación ao centro e 18 períodos de 50 minutos, como máximo, serán lectivos.
2. Garantirase a redución do horario lectivo do profesorado maior de 55 anos. Este profesorado poderá acollerse á redución do seu horario lectivo, sen redución das súas retribucións.
3. Durante os meses de xuño e setembro, os centros que imparten ensinanzas de infantil e/ou de primaria estabelecerán unha xornada matinal reducida de catro horas.

Artigo 6. Formación do profesorado.

1. A Consellaría de Educación facilitará e garantirá o dereito á formación continua de todo o profesorado. Con este fin, previa negociación coas organizacións sindicais, elaborará plans anuais de formación que facilitarán unha formación descentralizada e gratuíta, en horario lectivo e laboral, que abranguerá todas as áreas do currículo e procurará a renovación e innovación educativa e unha mellor formación didáctica e pedagóxica.
2. A formación do profesorado será nucleada polos propios centros educativos, promoverá a normalización e galeguización do ensino e terá como obxecto capacitar plenamente o profesorado para impartir a súa materia en galego e conseguir actitudes favorábeis ao ensino no noso idioma.

Artigo 7. Saúde laboral.

1. O Goberno galego recoñecerá as enfermidades profesionais dos e das docentes e porá en práctica no ensino os dereitos contemplados na Lei de prevención de riscos laborais como a avaliación dos riscos laborais inherentes á profesión docente.
2. Promoverase que o profesorado que, por motivos de saúde, vexa minguada a súa capacidade para a docencia, poida reducir o seu horario lectivo e realizar actividades non directamente docentes.

Artigo 8. Eleccións por centro de traballo

A administración educativa promoverá eleccións sindicais por centro escolar, de tal maneira que todos e cada un dos centros públicos con máis de 6 docentes elixan os seus representantes sindicais.

TÍTULO III. DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO COMO GARANTE DA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES.

Artigo 9. Melloras na calidade do ensino.

1. A Xunta de Galiza reducirá as ratios actuais de alumnado por aula, fixará como ratio máxima de alumnado por aula no primeiro ciclo de educación infantil 6 alumnos/as na idade de 0 a 1 anos, de 10 alumnos/as na idade de 1 ano e de 12 na idade de 2 anos. No segundo ciclo de educación infantil, o máximo de alumnos e alumnas por aula será de 15. Na educación primaria, educación secundaria obrigatoria, na formación profesional e nas e escolas oficiais de idiomas, a ratio máxima de alumnado por aula estabelecerase en 20. No bacharelato, a ratio máxima será de 25 alumnos/as por aula. Todas estas ratios veranse reducidas naqueles grupos que escolaricen alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, e o alumnado repetidor terase en conta para a conformación dos grupos.
2. O Goberno galego garantirá unha oferta suficiente de prazas públicas de educación infantil de 0-3 anos para satisfacer a demanda existente.
3. O Goberno galego estabelecerá un plan orzamentario, co obxecto de dedicar o 7% do PIB galego á educación galega.
4. O Goberno galego elaborará un plan de actuación preferente destinado a combater o fracaso escolar e o abandono na escolarización temperá, garantindo unha adecuada atención á diversidade, apoio e reforzo educativo, atención personalizada e unha escolarización adecuada para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Reforzará a titoría e a orientación e apostará por un modelo educativo máis social e igualitario.
5. O Goberno galego suprimirá o actual sistema de xestión de calidade e abrirá un amplo debate, coa participación do profesorado, sobre a avaliación do sistema educativo.
6. A Consellaría de Educación garantirá a cobertura inmediata de todas as baixas laborais que se produzan, nomeando un ou unha docente substituta.

Artigo 10. Formación profesional.

1. A Xunta de Galiza promoverá unha nova planificación da formación profesional que suprima os concertos educativos co ensino privado. Diversificará e asegurará unha oferta suficiente na rede pública para satisfacer a demanda existente e atender as necesidades do tecido industrial e dos sectores estratéxicos da nasa economía, contribuíndo así a fomentar e a desenvolver as nosas potencialidades económicas.
2. O Goberno galego instara o Goberno central a derrogar a lexislación respecto ao funcionamento dos centros integrados para garantir a xestión e a elección democrática dos cargos directivos.

Artigo 11. Escolas oficiais de idiomas.

1. O Goberno galego estenderá a rede das escolas oficiais de idiomas, mediante a creación de novos centros e da ampliación dos existentes.
2. As escolas oficiais de idiomas serán as certificadoras oficiais de referencia do coñecemento das linguas, para evitar as privatizacións neste campo.
3. A Consellaría de Educación negociará coa Mesa Sectorial Docente non Universitaria un novo regulamento orgánico das EEOOII que contemplará un horario lectivo do profesorado, cunha asignación máxima de 3 grupos de 5 horas lectivas e 3 horas complementarias por profesor ou profesora.

Artigo 12. Ensinanzas artísticas superiores.

A Xunta de Galiza arbitrará os mecanismos necesarios para que os centros que imparten as ensinanzas artísticas superiores poidan adscribirse á Universidade, co fin de que o alumnado obteña a titulación de grao e para a integración total destes estudos na Universidade.

Artigo 13. Escolarización no medio rural.

O Goberno galego garantirá e facilitará a escolarización no medio rural. Con esa finalidade, elaborarase un mapa escolar do ámbito rural que garanta a escolarización dos nenos e nenas na súa contorna, o mantemento das escalas unitarias e uns cadros de persoal específicos, así como transporte e comedor para o alumnado que o necesite, con equipamento suficiente e adecuado, para garantir a mesma calidade e recursos que no resto dos centros.

Artigo 14. Libros de texto e material didáctico gratuíto.

A Xunta de Galiza garantirá a todo o alumnado do ensino de educación infantil, primaria e ESO a gratuidade dos libros de texto e do material didáctico que se empregue nas aulas.
Os centros serán dotados con libros e material didáctico en galego aplicábel ás diferentes áreas.
A administración educativa garantirá a publicación de libros de texto e de materiais en galego para todas as materias e módulos profesionais.

Artigo 15. Xestión democrática dos centros.

A Consellaría de Educación garantirá a xestión democrática dos centros, mediante a elección democrática e directa das direccións polo Consello Escolar, promovendo o traballo en equipo e a decisión colexiada nos órganos de goberno.

TÍTULO IV. SERVIZOS COMPLEMENTARIOS E ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES.

Artigo 16. Dereito ao comedor escolar.

1. O alumnado escolarizado no ensino público de Galiza terá dereito a facer uso do servizo de comedor escolar. O servizo de comedor estará atendido por persoal específico non docente, dependente da administración e coa cualificación correspondente.
2. Os centros que escolaricen alumnado dos niveis educativos gratuÍtos e non conten con servizo de comedor realizarán as reformas e actuacións necesarias para garantir a oferta deste servizo.
3. O alumnado que teña que facer uso do transporte escolar para a súa escolarización terá acceso gratuíto ao comedor escolar.
4. A Xunta de Galiza fixará uns prezos módicos para o resto do alumnado, co obxectivo de conseguir o acceso gratuíto para todo o alumnado do ensino básico.

Artigo 17. Actividades extraescolares.

O Goberno galego facilitará unha oferta ampla e variada a todos os centros públicos de actividades extraescolares gratuítas que serán impartidas por persoal específico e cualificado dependente da propia administración. A administración garantirá o transporte público para a realización destas actividades.

Artigo 18. Transporte escolar.

1. A Xunta de Galiza elaborará unha lei do transporte escolar de Galiza para garantir este dereito en todos os niveis educativos, nomeadamente nas zonas rurais que non contan con transporte público regular. A organización e a regulación dos itinerarios ou itinerarios multicentros non poden condicionar o horario e a xornada dos centros.
2. A Consellaría de Educación derrogará a Lei 5/2009 de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galiza que estabelece, de xeito xeneralizado, o incremento dun 20% do custe do contrato do transporte no caso de que o centro mude de xornada partida a continuada.
3. A Consellaría de Educación dotará persoal para custodiar o alumnado nas agardas, desde a chegada do transporte escolar até o inicio das clases e desde o remate até a saída do transporte.

TÍTULO V. GALEGUIZACIÓN DO ENSINO E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Artigo 19. Fomento da lingua galega e galeguización dos contidos educativos.

1. A Xunta de Galiza aplicará no ámbito do ensino, con carácter de mínimos, o Plan xeral de normalización lingüística, aprobado no Parlamento de Galiza no ano 2004, no camiño de conseguir a plena normalización lingüística e un ensino totalmente en galego.
2. A administración educativa fixará uns currículos escolares inseridos na nosa realidade nacional, con contidos propios, nos que Galiza sexa materia de estudo en toda a súa dimensión histórica, cultural, social e económica, é dicir, que teña como principio o coñecemento e a valoración de todo o que nos conforma como pobo.
3. A administración educativa estabelecerá plans de formación para o conxunto do profesorado, a fin de alcanzar a plena normalización lingüística, que constarán, como mínimo, de formación específica en cada materia do currículo e deberán ser instrumento de capacitación do profesorado para dar aulas en galego e de dinamización do uso da lingua galega como lingua de docencia.
4. Nos procesos selectivos e de acceso á función pública docente, o profesorado deberá ter competencia en lingua galega e estará obrigado a realizar, como mínimo, unha das probas en lingua galega.

Disposición derrogatoria primeira. Derrogación normativa.

Fican derrogadas as seguintes disposicións normativas naqueles aspectos que se opoñan ou contradigan ao disposto na presente lei:
- Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza.
- Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas estabelecidas na Lei orgánica de educación (LOE).
- Orde de 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. (DOG 30/06/2011)
- Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa. (DOG 15/07/2011)
- Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza. (DOG 0210312012)
- Orde do 4 de xuño de 2012 pola que se modifica o artigo 4 da Orde do 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
- Decreto 254/2012 do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 212006, do 3 de maio, de educación. (DOG 26/12/2012)
- Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación.

Disposición derrogatoria segunda.

O Goberno galego instará o Goberno central a derrogar as seguintes normas:
- Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.
- Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, en materia de emprego público.
- Lei 912012, do 3 de agosto, de adaptación das disposicións básicas do Real decreto le¡ 2012012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, en materia de emprego público.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

A presente Lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

24.10.14

'Home': Toni Morrison e a claridade

'como homes quedaron' - a sección 'un' da novela home (2012, volver en castelán)

ding! … ábrese o ascensor e aparece Toni Morrison, que entra sorrindo no salón, iluminado con luz ambarina e caldeado por unha cheminea de lapas silenciosas. O seu rostro moreno resalta baixo o pano azul de arabescos brancos que lle cubre o cabelo gris aderezado en rastas. Ninguén diría que ten a idade que ten. Séntase nun sofá e comeza a falar da súa peregrinación literaria, iniciada hai catro décadas: ‘aos meus 81 anos, síntome atenta, vital, eu diría que espléndida … cando escribo.’

semella vivir nesa altura na que xa se está máis alá das vaidades e a necesidade do recoñecemento. Xa ten acceso a esa forma de graza chamada claridade que é, pola contra, a calidade máis escura de todas; quizá a máis admirable e, con seguridade, a máis difícil de posuír neste oficio. ‘Estou escribindo moito mellor agora, coa habilidade de dicir máis en menos páxinas. Home encantoulle ao editor, pero cando foi das galeradas díxome que quería máis páxinas e volvín a casa, escribín algo máis. Pero revisei a novela e dinme conta de que non precisaba máis. Non quería molestar a estrutura. Gustábame moito como estaba e parei.’

‘sempre busquei causar un impacto poderoso no lector. E coa brevidade como norma, debo ser moi coidadosa para preservar todo o que desexo transmitir. Non quero que a xente se distraia un instante. Busco que o lector se entregue e queira pasar as páxinas rapidamente. O arranque e o final dunha novela son o máis importante. Antes de comezar a escribir acostumo a saber como vai comezar e rematar a historia. O que non sei é como van ser os personaxes ou os escenarios. Interésame unha literatura con imaxes, cunha linguaxe e unhas palabras intensas onde cada unha delas teña a súa forza e o seu lugar preciso. E escribo así porque me gustan as historias así; como as novelas de Dickens ou Victor Hugo, que cando unha comeza a ler xa está entregada e non quere parar. Ese é o ritmo de lectura que sempre me ten chamado a atención.

considera as súas novelas como unha historia social e política da súa raza, imbricada na do seu país: a dos escravos, a dos afroamericanos, a das influencias recíprocas entre eles e o resto da sociedade. Morrison é unha escritora tan lírica como implacable na descrición da realidade dos afroamericanos e, tamén e especialmente, do mundo feminino. Sempre fundindo pasado e presente fundidos. Así desde que comezou a publicar en 1970, con 39 anos; un pouco tarde para algúns. Pero logo daquel debut, titulado Ollos azuis, escachizou as teorías sobre os supostos camiños que debe percorrer un gran autor cando en 1993, con seis novelas, obtivo o Nobel de Literatura.

ese feito, ao contrario do que sucede con outros nobeles, foi coma un misto que acendeu o seu lado máis proteico e a partir daquela afondou na exploración de novos xeitos de escribir, rastrexando as pegadas da Historia e dialogando co lector. E usando unha linguaxe lírica impregnada de intemporalidade e con estruturas singulares, moitas veces como para ser lida en voz alta.

o seu penúltimo desafío é Home, unha condensación do seu universo temático e estilístico: dicir máis con menos palabras, un exemplo perfecto desa claridade antes mencionada: a escritura é máis delgada e precisa que nunca, pero cunha estrutura máis complexa. Un libro exento de adorno, cunha prosa concisa, de imaxes e expresións substanciais e contundentes no relato xeral e sobriamente lírico na voz do seu protagonista. En Home busca desmitificar e desenmascarar os 50s mostrando as mazás do suposto paraíso:

‘quito as vendas para que se vexa a cicatriz, a realidade. Non hai que ter medo a mirar ao pasado porque só así se sabe quen somos. Quero descubrir unha outra verdade sobre a vida cotiá dos afroamericanos nun contexto histórico crítico que se ten terxiversado. Existe a idea de que os 50s eran coma nun conto de fadas onde todos tiñan traballo, a sociedade ía ben, había programas de televisión con familias felices e unha vida boa, social e política. Pero non sempre era así. A verdade é que había loitas visibles e loitas subterráneas. En Home busco facer fincapé sobre temas como a segregación, as secuelas de guerras como a de Corea, o racismo, os prexuízos, as persecucións por temas como o comunismo, as desigualdades, … Temas que a sociedade quixo ocultar e esquecer.’

‘gustan os contos da patria porque dan seguridade ás persoas. A realidade é unha triste verdade onde temos moito que ocultar e do que avergoñarnos. O que pretendo é mostrar que o conquistador é o que sempre escribiu, non o que foi conquistado. Busco escribir desde o lado do conquistado, como xa fixen noutros libros. En A Mercy, por exemplo, indago na escravitude e na cultura afroamericana antes de que o racismo se institucionalizara. O racismo non ten nada que ver cunha raza determinada, ten que ver co poder. A escravitude ten raíces en todo o mundo, non só en EEUU, tamén en España, Grecia, Rusia e Inglaterra. Consiste en ser dono de alguén, e ese poder posúeno aristócratas e políticos. Inda que nesa época tamén había brancos que eran pobres, os políticos separáronos para debilitar os negros e ter o control. Beneficiáronse dos pobres e fixéronos sufrir, non importa a raza que tiveran. As raíces dese sistema inda se aprecian na sociedade actual.’

‘a memoria é esencial. Se un non recoñece o seu propio pasado, de onde vai sacar os seus valores? Se non lembro a miña vida de hai dez ou cinco anos, como vou saber de onde veño, quen son, que é importante para min? Teño que coñecer e recoñecer o pasado porque algúns deses aspectos pódenme guiar … Abordo nos meus libros o que as persoas ocultan do seu pasado porque ten que ver coa busca da verdade. Ocultar elementos do pasado perturba toda a vida e debe confrontarse nun momento dado para aspirar a unha vida digna e feliz …’.

‘a presenza da muller e o feminino é esencial na miña obra. En Home está en varios planos. Quixen usar un irmán e unha irmá porque penso que a relación entre irmáns é pura, non ten obstáculos como un fillo e súa nai ou un marido e a súa muller. Frank sabe que Cee, súa irmá, forma parte da época máis feliz da súa vida. Por iso cando regresa de Corea e comeza unha viaxe para salvala, en realidade está buscando a súa propia salvación, reconciliarse coa verdade.’

‘en Beloved, en cambio, puxen unha muller como protagonista porque non concordaba con algunha idea do feminismo dos 80s. Unha das súas bandeiras era o dereito a non ter fillos, a ser dona do seu propio corpo, e, a verdade, no pasado descubrín que as mulleres de entón buscaban ter fillos como un dereito. Xusto o contrario. Buscaban o dereito de poder crialos, coidar deles. En Beloved hai unha muller que é tan dona dos seus fillos que ata os pode matar e esa é unha idea revolucionaria …’.

‘a amizade, tamén, móstroa nas súas diversas faces. En Love useina como elemento dramático: dúas amigas quérense, sepáranse e, cando se reencontran, ódianse. En Sula, dúas amigas medran xuntas, unha traizoa á outra e xurde o odio, pero cando unha morre aparece a tristeza inúndao todo. En Home están as mulleres do pobo a quen admiro como a esencia do que é a amizade desinteresada.’

‘nós, como seres humanos, somos as únicas criaturas que aman … Os animais poden protexer as súas crías, pero non saben o que é amar, non o poden expresar e a linguaxe é algo exclusivo en nós, a linguaxe é a nosa ferramenta para poder expresar o amor. Os paxaros cantan, o can ladra, pero a linguaxe é o que os separa de poder comunicar o amor … Hai moitas formas de amor: a Deus, á familia ou ao teu país, pero de todas elas, o amor á parella é o máis real. E isto a pesar de que hoxe observamos o amor máis a través das lentes do sexo, elemento que utilizo nos meus libros como impulso ou incentivo, e como guía. Hoxe as mulleres interesan máis espidas que doutro xeito; o sentido do sexo está alterado e vese como un entretemento, algo demasiado doado e económico; é puro capitalismo …’.

déixase caer docemente sobre o costado dereito mentres as lapas mudas da cheminea crían na súa cara dourados diminutos e fugaces que revelan a coquetería que implica unha finísima capa de maquillaxe. Agora fala dos emigrantes, do futuro do seu país en relación ao tema da mestizaxe e a economía …

‘algo que representa a este país é a chegada de inmigrantes, que moitas veces esquecen o seu pasado. Tal vez os motiva a necesidade de buscar algún tipo de inocencia, de volver comezar, en lugar de aceptar a madureza que se precisa para seguir adiante como adultos.’

‘non sabiamos como se titularía Home en Francia; o termo francés non ten o mesmo sentido que on inglés, que significa ‘de onde un é’, ‘a comunidade’, ‘o fogar’, mentres que en francés significa ‘casa’, ‘estrutura’. Home é ese desexo de lembrar, de regresar, de buscar o que pertence a un, de onde somos os norteamericanos. Cando os africanos chegaron aquí como escravos usouse a estratexia de quebrar as relacións que había entre eles, non permitiron que casaran, que tiveran fillos, separaron os que falaban os mesmos dialectos para que non puideran comunicarse, roubáronlles calquera idea de fogar ou de comunidade.

pero hoxe os afroamericanos xa nos infiltramos no sistema e somos quen de levar a batuta na cultura, na linguaxe, na música, no estilo. Infiltrámonos como un virus pero con efectos positivos para o conxunto da sociedade porque puidemos impulsar as nosas crenzas e a nosa cultura, e tamén as de todos os americanos … Os republicanos teñen medo porque ven que o país está mudando, asústalles a idea de perder o EEUU tradicional das súas convencións, néganse a recoñecer que a riqueza deste país é a mestura. Todos somos inmigrantes. Os indios xa non existen porque os mataron. É esta mestura de comida, música e linguaxe a que lle vai da a riqueza a este país nos anos por vir …’.

‘a situación de crise económica que afrontamos ten que ver coa valoración que facemos da riqueza. Quen ten cartos, quen nunca os vai ter, de onde ven … Todo trata da riqueza. É difícil analizar o valor dun ser humano e require moita creatividade e forza ser unha persoa pobre ou empobrecida. Eu medrei nunha familia pobre e daquela ninguén tiña vergonza por ser pobre. Ao meu pobo chegaron italianos, húngaros, … e alí compartiamos, inventabamos xuntos como medrar. Algunhas características dunha comunidade pobre deberían sernos de utilidade. Non deberiamos esperar a que haxa unha traxedia, unha catástrofe natural, para xuntarnos e mostrarnos solidarios. Sempre debería ser así. Un dos perigos do presente é representar a vida valorándoa só a través da riqueza, e afirmar que só iso é unha vida boa. Hai pobrezas extremas, xente que non ten acceso á auga e aos servizos básicos de saúde ou educación, que xa forman parte da estrutura social. E, pola outra banda, hai persoas que se están quedando cos recursos do país. Hai riqueza, pero convenlles manter pobre a unha maioría social. Iso é o capitalismo …’

en Home estamos nos 50s. Frank Money é un veterano da guerra que se alistou cos seus dous mellores amigos para escapar do contexto asfixiante no que vivían. Leva xa un ano de volta. Regresara cos cadáveres dos amigos, mortos en combate. Sen atreverse a volver ao seu pobo, culpándose de ser o único en sobrevivir. É un home sinxelo inmerso nun sentimento complexo que non é capaz de asimilar. Recibe unha carta na que lle avisan de que súa irmá, o ser ao que sempre protexeu e o único que ten dado sentido á súa existencia, se atopa en serias dificultades, abandonada por un rufián que casou con ela mentres el estaba na guerra.

a novela conta o camiño cara o rescate de súa irmá, o camiño cara a recuperación do único afecto parecido a un fogar que nunca sentira, pero tamén o camiño cara si mesmo, cara a súa reintegración no mundo hostil que o levou á soidade, á inseguridade, á bebida e a unha sorte de alienación capaz de desembocar tanto en cólera desatada como no instinto máis básico de supervivencia.

a construción da mente de Frank Money é un auténtico reto porque integra soños e visións da realidade circundante. A súa mente é a liña de flotación da novela e os outros personaxes son coma ondas que baten no casco dunha embarcación. Frank non puido salvar a Mike e Stuff, os seus amigos pero ‘basta xa de persoas que non salvaba’, di, ‘a miña irmá non, nin falar.’ E é entón, ao ir na súa busca, cando comprende, instintivamente, que ‘(ela) era a primeira persoa da que se fixera responsable. Moi dentro dela vivía a oculta imaxe de si mesmo: un eu forte e bo ligado a aqueles cabalos e ao enterro dun descoñecido’.

ding!, Toni Morrison entra no ascensor e cando se xira despídese coa man esquerda.

BIOGRAFÍA
Nacida en Lorain (Ohio, 1931) e bautizada como Chloe Anthony Wofford. Criada nun ambiente pobre, unha dos catro fillos dun obreiro do aceiro e unha ama de casa; ela mesma asistenta na súa adolescencia. Graduouse en filoloxía inglesa e traballou como editora en Random House en Nova York. Publicou a súa primeira novela con 39 anos e creou o seu novo nome recuperando o seu alcume familiar e o apelido do seu exmarido: Toni Morrison. Pasará á historia da literatura por ser a primeira muller negra en recibir o Nobel (1993), e tamén polo Premio Nacional da Crítica para A canción de Salomón (1977), o Pulitzer para Beloved (1987), o éxito de público e crítica con Jazz (1992) e ser membro da Academia Americana das Artes e das Letras e do Consello Nacional das Artes.

entrevista: ‘señora realidad’ por WINSTON MANRIQUE SABROGAL en babelia (19.01.13), pp. 5-6
comentario: ‘seres simples, sentimientos complejos’ por JOSÉ MARÍA GUELBENZU en babelia (19.01.13), p. 6

deturpación por @xindiriz

visitantes